Músculo! Como bailar serio

Levoulle moito tempo a Musculo! dar o seu novo paso discográfico. Catro longos anos nos que levan preparando a súa obra mestra, ata agora. Toda unha mostra de recursos na procura de xerar un artefacto de veas electrónicas e alma acústica á que puxeron o nome de Ulla: metáfora perfecta da viaxe á que nos arrastran en tan inspirada cadea de cancións maxestuosas e biorítmicas.

 

Formados hai unha década, a traxectoria de Músculo! é o resultado dunha evolución continua que, a cada paso dado, os achegou pouco a pouco polos postulados sagrados que esgrime Remain In Light (1980), pináculo discográfico de Talking Heads, e pedra filosofal cuxo eco empapa cada átomo de Ulla.

Pero moito antes de chegar ao sublime, Músculo! foi dando diferentes pasos que parten de Noise Project, a anterior formación, na que naceu o quilómetro cero dun grupo formado en Valga, Pontevedra, liderado por Álvaro Blanco e Raúl Santiago. Este último cóntanos como «desde os seus inicios Músculo! sempre quixo dar un paso adiante, facer algo diferente ao anterior e no noso último disco non podía ser doutra maneira. Nesta ocasión queremos facer unha pequena homenaxe á terra que nos viu nacer e sobre todo ao río no que tan bos ratos pasamos, o río Ulla, que nos servíu de inspiración. Arredor del, gravita todo o disco».

Esta conexión coas súas orixes subxace na aura vitalista melancólica que brilla como efecto emocional ultra-orgánico en cortes como “Drafts”, onde a semántica house viste de alta costura, como o fai o Herbert máis inspirado.

Músculo! © Músculo!

Aínda que de momento non teñamos a posibilidade de escoitar o que promete ser un deses discos que subliñan a excelencia do actual viveiro galego pop, todos os que acudiron ao concerto antolóxico que ofreceron o pasado 13 de agosto na Fundación Luis Seoane da Coruña –dentro da programación do recente Noroeste Pop-Rock– puideron vivir a experiencia en vivo de Ulla, un traballo cunhas influencias clave, tal e como comenta Raúl: «As influencias máis claras son Low, o seu último disco e o anterior, usando de unha maneira similar a distorsión como destrucción-deconstrucción. Tampouco nos esquecemos de grupos como Caribou nas cancións máis accesibles e bailables. Tamén Four Tet ou Andy Stott nas partes máis oscuras, esa oscuridade de club, pouca luz, fume... Como elementos novos están as cordas (violíns, chelos, horns..) que lle da unha cor orgánica moi especial e que confíamos que o público o vaia a apreciar tanto en directo como no disco».

Iso si, despois de afondar en experiencias de baile electrónico neopsicodélico como “Electrogaze”, xorde a necesidade de escoitar en replay uns temas que, como as filigranas dance de Villalobos, se rompen en diferentes capas de comprensión, texturas, tons biorítmicos e todo un crisol de posibilidades sonoras que invitan ao transo liberador da pulsión da música de baile. Obxectivo final que, como predica o propio Raúl, se basea no concepto de «baile serio».

Máis aló da seriedade (ou non) buscada, o que expresan as cancións de Ulla é unha perspectiva cinematográfica do son, ampliada polos relevos orgásmicos da nebulosa electrica de My Bloody Valentine ou conexións tan interesantes como co fabuloso grupo catalán Der Panther. Por outra banda, a tensión planeadora das cordas que conforman o inicio de “Horn” ben podería colar nalgún segmento sonoro de “Blue Lines”, unha das obras referenciais que definiu o cambio de formulación na estratificación da resaca raver dos anos noventa.

Referencias como as aquí expostas son tan reais que só se pode ceder á bonanza emocional que exhalan algunhas cancións que destilan a sensación de estar ante puídos quebracabezas sonoros traballados con detalle crónico durante anos. Traballo de proxección molecular que irradia beleza en cada un dos seus diferentes movementos: ben na etérea nebulosa que sobrevoa en “Kanun” ou no refinado vapor industrial tecido en “Industrias”.

Pero para dar cun froito que leve ao resultado sublime de Ulla debe haber unha metodoloxía clara. Así o explica Raúl: «Unha composición de dúas cancións que compoñen o disco era moi parecida ao anterior, composta na súa totalidade por nós pero con cambios moi significativos como que esta vez decidimos facelo todo nós, non ir a un estudio de gravación. Álvaro encargouse das mezclas no seu estudo de Catoira (Pontevedra). Da masterización encargouse Eloy Platas (Lume) no seu estudio en Madrid. A cuberta aínda está por definir, pero correrá a cargo de Rubén Domínguez (Pantis, Chicharrón)».

Efectivamente, como aquí explicamos, agora só queda esperar a que chegue o momento no que poidamos mergullarnos de cheo na experiencia de gravación que se propón en cada un dos surcos que circulan en Ulla, un disco que será editado por Ferror Records en vinilo e en formato dixital. Sairá antes de fin de ano xunto con varios vídeos que servirán de presentación. Pero antes, todo iso tamén o poderemos sentir en directo de novo en Tándem, o 15 de setembro, onde tocarán xunto ao violonchelista chileno I.O. nunha actuación que se antolla moi especial.

Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Tamén che interesa

  • Tándem. «Concertos únicos» nas salas da Coruña

    Dúas propostas musicais únense sobre o escenario nunha actuación única. Así dito, parece o soño de calquera amante da música en directo. Se a isto lle engadimos que os concertos son polas salas da Coruña e para despedir o verán, a cousa aínda mellora. Isto é o Tándem, un festival que programa 16 actuacións exclusivas na cidade entre o 15 e o 18 de setembro en seis locais diferentes. 

    Festivais
  • Mateo Mena. Toda a ciencia, a materia e a emoción que está detrás da música electrónica

    O festival SinSal, que se celebra esta fin de semana na illa de San Simón, quere amosarnos este ano os materiais, as máquinas e os procesos cos que a música electrónica se leva facendo desde hai décadas. E faino mirando ao pasado, cunha exposición que percorre a historia dos sintetizadores e caixas de ritmos, pero tamén ao futuro, á filosofía que propón o luthier Mateo Mena de reconciliar a electrónica coa natureza a través da música. 

    Música
  • Fernando Epelde: «Tes que abrazar o imprevisible»

    Fernando Epelde fálanos das cancións de 'Velcro', o seu novo disco como Chisme, que o levará aos escenarios cunha banda os vindeiros meses. Aínda que non deixa de lado as artes escénicas, que lle aprenderon o traballo en comunidade, e xa traballa nun concerto escénico que verán en Lugo e no deseño sonoro dunha instalación que se poderá ver en Madrid

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.