Fernando Epelde fálanos das cancións de 'Velcro', o seu novo disco como Chisme, que o levará aos escenarios cunha banda os vindeiros meses. Aínda que non deixa de lado as artes escénicas, que lle aprenderon o traballo en comunidade, e xa traballa nun concerto escénico que verán en Lugo e no deseño sonoro dunha instalación que se poderá ver en Madrid
Todo o que fun inventeino por medo. Todo o que esquecín foi o que importou. Todo o que atopei foi por casualidade. Todo o que pensei, non contou. Canta Chisme na terceira canción do seu novo disco, Velcro (Raso Estudio, 2022). A canción é ″Preme efe″ e di no retrouso: Preme efe se ti tampouco aprendiches nada. Preme efe se non logras saber que diaños estamos a facer. Para despois deixarnos esta frase que ben pode resumir unha filosofía de vida despois do peor da pandemia: Todo o tempo que estivemos pegadas, ese tempo foi o que importou.
E é que cando Fernando Epelde publicou o seu disco anterior como Chisme, Todo es ficción (Raso Estudio, 2020), aínda estabamos confinadas e aquelas foron cancións pensadas antes da pandemia e «teñen unha atmosfera moi distinta». Porén, Velcro é fillo dun mundo no que as siglas COVID-19 forman parte do común. «A atmosfera das creacións que chegan xa coa pandemia é diferente porque, ao fin e ao cabo, é un trauma que está reflectido en todas as artes. Queiramos ou non, porque toda arte é política e toda arte nos representa», salienta desde Berlín, onde pasa os seus últimos días antes de mudarse de volta a Madrid.
«Vexo este disco moi conectado con estar presente, vivir o momento. Dalgunha maneira, isto está en todo o disco, como tamén o está a morte, polo mesmo motivo. Ao estar aquí, ninguén nos garante outra cousa», argumenta Epelde, que con Velcro tamén experimenta un cambio no idioma ao empregar o galego para as cancións. «Foi unha opción moi consciente. Eu son neofalante e o galego non é a miña primeira opción cando escribo letras, malia que polo teatro estou moi acostumado a empregalo. Xa fixera música e cancións en galego con Voadora. Pero tiña ganas de dar este paso. Foi unha opción que ten moito que ver coa maneira na que xurdiu este disco.
Cando rematou o peor da pandemia tiña varios posibles discos no meu disco duro porque este tempo deu para moito. Estaba a opción de facer algo máis electrónico ou opcións pensadas para tocar con banda. Pero cando vin para Berlín apareceu unha nova. Estaba falando máis inglés e, á vez, máis galego que nunca. E concibín todas as letras en galego. Gustoume moito que non fora un encargo e o lugar onde se colocou a miña voz. Aínda que igual é algo que só percibo eu, creo que adopto un ton máis tranquilo que no disco anterior pola maneira na que o neofalante convive co idioma», debulla.
Fernando Epelde permitiuse ser moi fiel ao que lle gusta «desde sempre» para construír este disco, que supón un salto con respecto aos anteriores, pois di que contén cancións «máis frescas». «Hai moito da new wave de finais dos oitenta ou de bandas de agora que fan krautrock, como Anika, que teñen moito de art rock. Non son moi fan de empregar etiquetas, pero neste disco hai moita fidelidade a ese son dos grupos da new wave de finais dos oitenta e os que viñeron despois, que son grupos que nunca marchan da miña playlist».
Semella que cada vez ten máis separado o proxecto musical como Chisme da faceta como escritor e creador no universo da arte dramática, onde ocupa espazos como dramaturgo, actor ou director de son. «Tampouco diría ′separar′ porque na miña viaxe profesional comecei coa música, despois o teatro converteuse no lugar onde vivir –máis pola dramaturxia– e co que conseguir un medio de vida. E agora todo está máis unido á música, tanto na parte teatral, cando fago deseño sonoro, como na parte musical, na que sempre hai algo de teatro e propostas escénicas. Aínda non sei se están máis afastadas que unidas, esta é a sensación que teño agora», di.
«O certo é que neste último álbum de Chisme as presentacións en directo van ser cunha banda. A escolla dos músicos –que son todos bos amigos– era moi importante porque están a reinterpretar os arranxos do disco, porque non o gravaron eles. Igual agora teño máis a sensación de que isto é un proxecto estritamente musical, e recoñezo que tiña ganas diso tamén. Ganas de volver atoparme máis nas cancións e menos no concepto. Espero que se aprecie –sobre todo– nos directos», engade Epelde.
Será unha oportunidade para estar enriba do escenario, como músico, pero non deixar de estar acompañado como sucede no teatro, pois estarán tamén os músicos e esta vez a música non sairá só dun ordenador. «Tamén por iso esta escolla dos músicos, xa teño unha relación previa con eles por outros proxectos. O que máis botaba de menos era o diálogo. A experiencia é totalmente distinta. Cando estás traballando a parte compositiva ti só na casa é case unha maneira de meditación ou conexión co teu subconsciente. Pero para min o local de ensaio é o lugar onde atopo ese diálogo que quero. Encántame escoitar os temas en grupo e os aportes da xente coa que toco. Levaba uns anos sen ter unha regularidade de ir ao local e botaba moito en falta esta parte comunitaria e de extrema conversa. Ademais, penso que estamos moi necesitados diso agora», asegura Fernando Epelde.
«O teatro, como dramaturgo, é unha constante delegación e un exercicio de desposesión dos teus materiais»
«O teatro, como dramaturgo, é unha constante delegación e un exercicio de desposesión dos teus materiais. Nese diálogo é para min onde está o teatro, non está nin na parte dramatúrxica nin na dirección, que –por suposto– son piares. Pero, para min, o teatro acontece cando por fin chegas ao ensaio da peza. Eses fíos son os que fan o teatro e non as pezas que ti poidas intentar pór. De feito, o teatro moitas veces cuspe as partes que non son teatro. Ás veces chegas cunha escena que é marabillosa para ti, ou que pensas que ten un gran peso, que parecía o centro de todo aquilo... E cando chegas ao ensaio, os actores e a escenografía dinche que iso xa está contado. Esa parte na que non tes o control é moi máxica, a min é a que máis me gusta. Penso que na música é parecido porque o que eu botaba de menos do local é confrontar cos músicos, neses momentos dáste conta perfectamente do que ten que estar e do que non. Este exercicio é a parte que máis me atráe», confesa.
Isto que describe Fernando Epelde require dun exercicio de xenerosidade que non está ao alcance de todas as persoas. Quizá polo tempo que leva vinculado ao teatro, non entende a creación como un traballo solitario e único, se non como un diálogo compartido e aberto. «Tes que estar disposto a desprenderte, é necesario que sexa así en todas as obras artísticas. Podes intentar controlar ata un punto, pero os grandes artistas –en todos os ámbitos– caracterízanse por esa flexibilidade para ver onde engadir, mellorar ou quitar cousas. E, sobre todo, non rexeitar o imprevisible. Para min isto é a maxia da creación, sobre todo nas artes que pasan polo escenario. Por moito que ti prepares, esa noite que estás tocando ou que chegas coa túa peza de teatro, cando se confronta co público é a última fase. Aí vai suceder o imprevisible, e tes que abrazalo».
«Creo que o máis revolucionario de ir a un espectáculo é saír da túa casa»
Vimos dese trauma que, en maior ou menor medida, supuxo a pandemia da COVID-19 para todas, e seguimos recuperando os espazos comúns niso que chamamos normalidade ou nova normalidade. «A este sistema no que vivimos –capitalista ou tardocapitalista– lle convén moito que quedemos na casa. O confort de quedar na casa é moi tentador, e está todo feito para que así sexa. Creo que o máis revolucionario de ir a un espectáculo é saír da túa casa. É o que penso despois do período que vivimos no que non podiamos facelo. Saír da casa supón atopar outras realidades, enfrontarte a outras persoas, coñecer lugares... Dalgunha maneira, estamos feitos para iso. Tardas en facelo, pero cando o fas ves que é imbatible. Pasan moitas máis cousas que cando estás diante do ordenador. É revolucionario. Ir a concertos, ao teatro, etc. supón poñer a proba as túas ideas e confrontalas co mundo. Iso é imbatible».
Epelde comezou no mundo artístico pola interpretación, quería ser actor, e alí descubriu moitas máis pezas da escena. «Tiven moita sorte coa xente coa que me fun atopando. No teatro é onde tes que traballar con máis persoas de diferentes ámbitos. É moito menos focalizado que o teu percorrido se só estás nunha banda de música. Traballas con persoas doutras disciplinas, con modos de entender o oficio moi diferentes», razoa. Estudando teatro en Santiago coñeceu a Marta Pazos [coa que traballou na compañía Voadora] e comezaron colaborar xuntos moi novos. «E agora Marta é unha das creadoras máis importantes deste país. Co paso do tempo dáste conta de que persoas están aí desde sempre, coas que sempre vas ter a complicidade de ter feito parte do camiño xuntas. Aínda que é bonito separarte e volverte atopar, con todo o que teñas medrado nese tempo», destaca.
Á volta do verán estará no Vello Cárcere de Lugo nunha Residencia Paraíso, impulsada polo colectivo RPM, para facer «unha cousa moi tola»
Agora vén de rematar un proxecto no Centro Dramático Nacional con Teatro en Vilo, Blast, un traballo no que estivo inmerso a maior parte do ano e para o que se encargou da dirección da parte musical: deseñou o espazo sonoro e creou as músicas. «Foi apaixonante tanto por traballar con Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez, que son unhas directoras excelentes, cunha visión coa que me sentín moi identificado, con moito rigor; como pola propia proposta, que era unha dramaturxia cun grupo moi heteroxéneo de xente nova que vai construíndo propostas para cambiar o mundo sobre o escenario».
Á volta do verán estará no Vello Cárcere de Lugo nunha Residencia Paraíso, impulsada polo colectivo RPM, para facer «unha cousa moi tola». Será un «concerto escénico» no que falará de dramaturxia, pero en clave de concerto, no marco dun editor de texto como o mítico Clippy do Word. É un proxecto aínda en pleno desenvolvemento, do que presentará un teaser para setembro. «Gústanme moito as residencias porque te permiten concentrarte só nunha cousa e rematala, porque ademais tes o apoio económico que cho permite. Síntome cómodo con esa forma de traballar e moitas veces, cando teño aforrado para un tempo, fago como unha auto-residencia para centrarme nun proxecto concreto», sinala. A continuación, en outubro, vai estar no Teatro Clásico de Madrid coa instalación El lugar y el mito, dirixida por Paola de Diego, sobre os espazos nos que acontece o Don Juan en clave contemporánea, onde tamén se encargará do deseño do espazo de son.