Facemos madrugar a Chicho e Cibrán para debullar Ranaeira, o seu terceiro disco como Boyanka Kostova, o grupo co que levan máis tempo en activo.
Desde que cancións como ″Leiraz″ ou ″Colacao″ entraron no noso imaxinario musical en 2018 con aquel Vella canción galega, o dúo Boyanka Kostova consolidou a súa esencia en Nova canción galega (2019) e volveu deixar unha pegada –máis alá do seu público habitual– coa ″Muinheira de interior″ do disco anterior, Os dous de sempre (2020), publicado en plena pandemia da COVID-19. O debut deste Ranaeira en directo tivo lugar estes días no festival O Son do Camiño e ten por diante un verán intenso.
En que momento están feitas as cancións de Ranaeira?
Cibrán: O disco está feito case todo ′despois′ da pandemia.
Chicho: E aínda así leva un ano gravado. Porque Os dous de sempre saíu en xuño do 2020 e foi feito pre pandemia. E isto fixémolo cando xa empezabamos a poder volver quedar.
Cibrán: Tiñamos algún tema feito de antes, pero despois do confinamento os retomamos.
É o disco con máis carga afectivo-sexual?
Cibrán: Pode ser, ao final sempre falamos das cousas que nos pasan no noso día a día. Agora, sen ternos parado moito a pensar, posiblemente si que o sexa pola razón de que se estás tres meses metido nunha casa sen ver a ninguén ao final apetéceche o contacto humano.
Chicho: As letras túas...
Cibrán: Eu escribo o que me vai saíndo e saíume iso.
Diríades que estades asentados como grupo? É a formación coa que máis tempo levades?
Chicho: Si, levamos desde o 2016.
Cibrán: É o grupo máis lonxevo.
Chicho: Tamén levabamos tempo facendo música xuntos de antes. Pero é como seguir un camiño no que xa levabamos traballando moito.
«É importante investir en soar mellor e en poder ser creativamente máis libres»
E seguides facendo os temas da mesma maneira?
Cibrán: Facémolo igual, o único que cambiaron foron os cacharros. Quitando iso, o proceso creativo é o mesmo: xorde unha idea...
Chicho: Xuntámonos, facémola...
Chicho e Cibrán: E xa está.
Cibrán: Chicho fai máis a base e eu fago máis a letra. Despois sempre se pode dicir ′eh, pódese meter aí un corte′ ou ′esa palabra molaba máis non sei como′...
Chicho: Ao final, como temos tan divididos os roles mola porque é súper fácil. Cada un vai facendo o que lle parece porque temos a confianza de que vai saír ben.
Xa co disco anterior, falabades de que unha das motivacións para estar con Mushroom Pillow era ter a capacidade de ter máis recursos para facer música e traballar os videoclips.
Chicho: Nós a verdade é que moi seguimos niso e moi guai. A intención, de sempre, é investir no propio proxecto. Xa que as cousas avanzan e se profesionalizan –ata certo punto–, pois hai que acompañar esa profesionalización comprando cacharros, pensando máis os directos e facendo cousas máis performáticas. É importante investir en soar mellor e en poder ser creativamente máis libres. Ao final, sempre fixemos as cousas desde o desastre económico.
Cibrán: E a precariedade musical.
Chicho: A falta de medios agudízase o enxeño, pero mola ter medios e o enxeño agudizado tamén. E agora estamos máis niso.
Entón, conseguistes iso de vivir da música que cantades no último tema do disco?
Cibrán: Chicho, si. Eu... aí ando.
[Chicho tamén ten o proxecto de Ortiga e Los Rastreadores, con Nuno de Grande Amore]
Porque ese último tema, ″Rayo Aurora″, é como un resumo da vosa filosofía, non?
Cibrán: Si, máis ou menos. É como un resumo de vida, das nosas vivencias que nos levaron a estar agora aquí sentados.
Ao escoitalo, é case como ter unha conversa convosco nun bar [como agora].
Chicho: Si, iso mola. Ademais, no disco Nova canción galega (2019) acabamos cun tema que é ″Rayo Hielo″ e somos súper fans de Pokemon e tal, entón molábanos seguir por esa onda e facer como un guiño a nós mesmos. Como esa canción é sempre máis reflexiva, y tal y cual, pois usamos os mesmos acordes do Rayo anterior para facer a mesma canción outra vez.
Cibrán: Con temáticas moi diferentes...
Chicho: Si, pero non.
Cibrán: É certo que é o tema que ten máis reflexividade dos dous discos.
Chicho: A min o que me mola é que é como a mesma canción –disco si, disco non– e de repente xa é moi distinta.
Cibrán: Evidentemente, aparte de ter os mesmos acordes, hai posibilidades infinitas aí. Faime gracia iso do guiño porque seguramente Chicho e mais eu somos das poucas persoas que nos decatamos desas cousas.
Chicho: Das poucas ou as únicas. Ao final, son as nosas merdas.
Como vos cambiou a vida desde que gravastes ″Rayo Hielo″ en 2018?
Cibrán: Pois tampouco cambiou tantísimo en realidade, máis ou menos seguimos facendo o mesmo. Seguimos quedando para facer temas, imos aos bolos, botamos unhas risas...
Chicho: A ver, é que é iso, as condicións son un pouco mellores.
Cibrán: Pero no fin último, a vida non nos cambiou tanto.
Chicho: É igual que no 2018 pero os bolos están máis guapos e temos máis facilidade para facer cousas nos temas.
E a maneira de enfrontar os bolos cambiou?
Cibrán e Chicho: Non.
Cibrán: Tes que meter uns temas e sacar outros, e xa está.
Chicho: Claro, a fórmula é totalmente igual, pero ao ter máis medios para levala a cabo a peña o nota. Agora podemos facer unha hora de concerto seguido sen ningún silencio.
Cibrán: E antes tiña que haber pausas seguro polos aparatos.
Chicho: É moi potente o rollo así porque chegas, arrasas con todo e marchas.
Cibrán: A xente aínda non se deu conta do que pasou e xa está rematando.
Chicho: Iso mola.
No escenario tamén parece que vós ides de cero a cen nun segundo, como se consegue iso?
Cibrán: Pois en parte a costume, a mentalidade, a adrenalina... chámalle x. E iso que eu son unha persoa que teño unha forma lamentable, Chicho pode constatalo e aínda me ten dito moitas veces ′non sabes ti como terminas os bolos′.
Chicho: Pero é que é iso, o que importa é pasalo guai e arrasar o máximo que se poida na movida. Non sei, chamar a atención, que é co que se queda a xente.
No concerto de Ortiga na Capitol, no que houbo varias colaboracións e tocastes tamén como Boyanka Kostova, parecía que sabiades que a xente quería escoitar ″Colacao″. Sabíadelo?
Chicho: A ver, é que é unha miticada.
Cibrán: O populismo é o fácil. Ía ser esa ou ″Diego Tristán″ ou a ″Muinheira de Interior″. De feito, despois do bolo había xente que se queixou porque non tocamos a ″Muinheira″.
Chicho: O importante é que a xente o pase guai. O ″Colacao″ tamén é especial para nós porque é unha das primeiras cancións que fixemos, e tocala tanto tempo despois mola. Esa canción ten case dez anos, xa a fixemos con outro grupo anterior a Boyanka.
Cibrán: Vai facer dez anos e segue bastante vixente a día de hoxe, a verdade.
Chicho: Tamén é importante o tempo no que aparecen as cancións. ″Colacao″ foi como a nosa carta de presentación e iso deulle un plus e unha maxia especial.
O que queda lonxe é a etiqueta de trapeiros en galego, non?
Chicho: Mentres haxa etiquetas que sirvan para que chamen para concertos e tal...
Cibrán: Que digan o que queiran!
Chicho: Si, a etiqueta non é máis que un recordatorio para algunha xente para que saiba por onde van os tiros. Pero nós, ao final, temos un rollo ecléctico de pasalo guai e nisto caben todo tipo de xéneros e estilos. Tamén como somos así, atolondraos, cada vez facemos un rollo ou outro e tampouco temos un fío condutor. Agora, para un sector dos medios, facemos muiñeira.
Cibrán: Agora somos neofolk.
Chicho: Pero se chaman para a Tanxuverbena por iso de puta madre!
Cibrán: Se iso serve para que haxa xente que se acerque e se poida quedar, mellor.
Chicho: Está claro que haberá xente que escoite as nosas cousas ultra electrónicas e diga ′hostia para a muiñeira′.
Cibrán: E quen se achegue por iso e diga ′buuu, vaia merda′.
Chicho: Dirán ′non son as Tanxugueiras, non me gustan' [risas].
Cibrán: A vida é así.
«Nós temos un rollo ecléctico de pasalo guai e nisto caben todo tipo de xéneros e estilos»
Que estilo diriades vós que é Boyanka Kostova?
Chicho e Cibrán: Estilo Boyanka Kostova risas.
Cibrán: Como nunca nos pechamos a nada é difícil dicir un estilo. Se queres dicir un, poderíase dicir música urbana, pero é que iso engloba practicamente todo: do trap ao reguetón, ao dance...
Chicho: Case todo o que se fai co ordenador.
Cibrán: Basicamente, porque agora incluso movidas de house son música urbana tamén.
Xa que falades da ″Muinheira de interior″, por que vos apeteceu facer un remix para o disco novo con Pili Pampín?
Chicho: Porque Pili Pampín é a puta hostia. É das mellores artistas que hai en Galicia e non só a nivel artístico, tamén persoal. Dá gusto falar con ela e compartir o estudo. É humilde e creativa.
Cibrán: Á parte de todo iso, tamén é un honor. Cando xurdiu a ocasión de facer a colaboración previa no Land Rober xa era como ′bua, con Pili Pampín?′.
Chicho: Como é doutra xeración a xente pode pensar que é máis anticuada ou conservadora, pero ela dá unhas clases de mentalidade aberta que oxalá moita xente da nosa idade fose así. Poder contar con alguén que é unha lenda… A tope, Pili Pampín para sempre!
Tedes outras dúas colaboracións en Ranaeira, con Dios Ke Te Crew e con FØ Records, como xurdiron?
Chicho: Pois ″OG″ de Dios Ke Te Crew [a colaboración que gravaron para o disco En que ano estamos!? (2022)] abriuse o camiño para facer outra no noso disco. Foi súper fácil porque teñen unha forma de traballar moi similar á nosa. Ademais, para nós son referentes.
Cibrán: Facer temas coa xente que, cando eras pequeno, dicías ′oxalá eu aí′... E agora poder estar aí, mola moito.
Chicho: E con FØ Records, eu durante a pandemia estiven a tope escoitando o seu disco.
Cibrán: Eu tamén, ensinoumo Chicho e lembro pensar ′pero estes chavales de onde saen?′.
Chicho: Despois coñecémolos, un deles veu vivir a Santiago e tivemos máis relación, e decidimos xuntarnos para facer un tema.
E o voso tema ″A quincena do Apóstol″, ten inspiración xacobea?
Cibrán e Chicho: Non, non.
Cibrán: Nós somos anti Xacobeo e practicamente anti peregrinos, que non teñen a culpa, pero unha pouca si...
Chicho: Se non nos xentrificaran, a min me la suda...
Cibrán: Ese é o rollo. A cousa é que nós somos de Santiago e estaba un pouco feo andar facendo odas á Coruña, Vigo e tal... e que non houbera un tema exclusivamente picheleiro. Tiñamos un retrouso un pouco máis ofensivo, eran as mesmas sílabas pero con outras palabras, e o cambiamos para que sexa máis para todos os públicos.
«Somos de Santiago e estaba un pouco feo andar facendo odas á Coruña, Vigo e tal... e que non houbera un tema exclusivamente picheleiro»
Tedes por diante un verán con moitas citas, preferides tocar en festivais como O Son do Camiño ou os que son en recintos máis pequenos?
Cibrán: Son cousas moi diferentes, en festivais como O Son do Camiño tes unha exposición maior e vaite ver moita máis xente.
Chicho: Aínda que tamén sabemos que a xente pasa máis de ti, que non te van ver a ti exclusivamente.
Cibrán: Nos festivais pequenos tes un trato máis próximo e a xente vai máis a vernos a nós. Pero cada un ten a súa cousa boa.
Chicho: Se fas todo festivais pequenos, agradeces que flipas un festi tocho. E se estás facendo festivais grandes seguido tamén dis...
Cibrán: Que veña un dos pequenos, que me dean ben de comer e tal...
Chicho: E en vez de dúas horas de furgo por cada bolo dentro do recinto, poder chegar 15 minutos antes. Pero vaia, con tocar, o que queiran!
E estades traballando en novos temas?
Cibrán: Si, é a rutina de todos os días. Como a roda xira, é mellor que non se pare nunca. Levamos once anos facendo música de forma continuada, xa temos o hábito.
Chicho: Ademais, como acaba de saír o disco non temos présa por facelos. Sempre nos xuntamos en positivo porque se sae algo imos a fuego, pero se non sae nada non hai que matarse.
Cibrán: Ao día seguinte, pois xa seguiremos, como é o que nos gusta aos dous… E con todo o tempo que levamos facendo cousas, evidentemente, hai entendemento con iso. Por que non o imos facer sempre que teñamos ocasión?