Elba: «As cancións non están completas ata que as tocas en directo»

Elba trasládanos á súa atmosfera persoal en La magia natural. Un disco deseñado e executado por ela no que emprende unha viaxe polos seus estados vitais cun ambiente case onírico marcado pola presenza dos sintetizadores e as texturas da súa voz.

 

Elba Souto (Santiago de Compostela, 1996) ten unha voz difícil de esquecer, que medra sobre o escenario. Por iso, para ela, «as cancións non están completas ata que son representadas en directo». Se se trata de transmitir emocións, mellor cara a cara. Con este disco, La magia natural, enfronta o reto de mostrar un diario dos últimos anos que está representado nesas cancións, que escoitadas en orde, van dun ambiente escuro á un estado de ánimo que admite bromas e outras peripecias. «Tiña moito medo de que non lle gustase á xente porque como é así... á miña maneira. Pero sorprendeume moito a acollida que está a ter», salienta. 

«Para min La magia natural é ese algo que che fai sentir a música e que non sabes explicar, que sae de forma natural pero que é como máxico, que che pon a pel de pita. Como cando compós unha canción e che sae de dentro xa toda a progresión e che encanta. E como cando che gusta moito unha canción nova e dis ′bua, que bonito′. Resúltame moi difícil de explicar, para min é algo natural, pero máxico», conta Elba.

Elba rodeada de instrumentos © Bruno Baw

«Este disco foi unha evolución. Agora ao final dinlle algunha volta a nivel de produción aos temas máis antigos porque non comecei facendo estas cancións pensando nun disco como tal. Tiña a vontade de investigar e introducirme no mundo da produción a ver que ferramentas tiña ao meu alcance cun ordenador. Logo xa fun vendo como todas as cancións tiñan algo en común e fun dándolle forma ao meu estilo», debulla. 

«La magia natural é ese algo que che fai sentir a música e que non sabes explicar, que sae de forma natural pero que é como máxico»

Elba encargouse da produción do disco, mais para a mestura e a masterización contou coa colaboración de Juait. A primeira canción que produxo é ″Suspiria″ e a primeira que compuxo é ″Hurt″. Falamos do ano 2017. No camiño, a vida mudou e tamén o fixeron as cancións, que pasan –por sinalar o máis obvio– do inglés ao castelán no ecuador do álbum. «Eu produzo, pero para mesturar as cancións gústame que haxa outra persoa porque eu xa teño as cancións moi raiadas e preciso doutro que faga unha escoita diferente, que poida decatarse dos erros», di. 

«No disco hai un pouco de todo porque as miñas influencias son moi variadas, forma parte da miña marca –ou do meu estilo– porque me gustan cousas moi diferentes e quería plasmalo nas cancións; pero si quería que houbera un fío condutor que unira todas as cancións e penso que iso se consegue coa atmosfera. Hai determinados recursos que emprego en case todas as cancións, como son as voces con moito reverb, moitas partes corais e o uso dos sintetizadores. Un ambiente case onírico», destaca.

«Hai recursos que emprego en case todas as cancións: as voces con moito reverb, moitas partes corais e os sintetizadores. Un ambiente case onírico»

É graduada en canto lírico e en violín, estivo desde os 12 anos no conservatorio. Mais toda a parte musical do disco está producida por ordenador. De feito, os violíns que se poden escoitar na interpretación da peza de Johann Sebastian Bach ″Seufzer, Tränen, Kummer, Not″ que está no disco son orquestrados e xerados a través dun instrumento dixital que ten gravacións da orquestra sinfónica de Londres, sobre as que podes crear a partitura. Esta foi unha das pezas que interpretou no seu concerto de fin de grao no conservatorio: «Sempre me encantou. Á parte, o título significa suspiros, lágrimas... pegáballe moitísimo a toda a atmosfera do disco, que é un pouco a ratos case depresiva, pero moi emocional».

Quen canta neste ″Seufzer, Tränen, Kummer, Not″ é ela, ide escoitar a canción porque a voz de Elba aquí soa moi diferente. «Claro, porque é unha maneira completamente distinta de colocar a voz, no lírico case non podes empregar o aire que hai nas outras cancións. Cando canto pop emprego moito os murmurios, pero no lírico para chegar a eses agudos tes que colocar a voz doutra forma, empregas o padal e os resoadores da cara como amplificación e iso resoa por todo o cranio. Nos directos é a primeira canción que fago porque así quento a voz», explica.

Foron as circunstancias as que provocaron que o disco estea composto case na súa totalidade por música producida dixitalmente: «Hai un baixo e algún sintetizador analóxico, pero o resto é practicamente todo feito co ordenador. Pero por falta de recursos, por exemplo, os sintetizadores son carísimos. Nese momento non tiña outra cousa, pero tiña o ordenador. É moi guai poder facelo así porque fai anos tiñas que estar nun estudo si ou si, está ben que a música sexa máis accesible para todo o mundo porque así hai máis variedade». Con todo, nos directos agarda representar as cancións con músicos no escenario. 

Esa atmosfera na que está insertado La magia natural comeza nun punto máis escuro musicalmente, pero tamén coas letras das cancións. «É que era un momento da miña vida máis escuro. “Suspiria" tamén está inspirada na película de terror, con todo iso das meigas. Ao mellor son máis 'intensitas' as letras das primeiras cancións do disco, e máis metafóricas para esconder o que sentía. Aínda sigo sendo introvertida, pero antes o era máis, e todas as letras eran como un diario pero dábame vergoña que se entenderan; tamén por iso están en inglés porque me daba a sensación de que a xente non o ía a pillar todo», recoñece Elba.

Elba Souto © Bruno Baw

Mais nas últimas cancións xa hai ata un punto cómico. «″Sola″ define o proceso mesmo de crear esa canción. É estar na miña habitación, creando música, cantando, dándolle ao sintetizador... e tamén abrazar ese saber estar en soidade e gozar dela. Porque eu para compoñer necesito estar soa», describe Elba, para recoñecer que "Todo guay" –que xa é un dos seus temás máis coñecidos– «é unha canción coa que se pode sentir identificada moita xente, sobre todo moita xente nova, porque agora está á orde do día falar das enfermidades mentais, da ansiedade e da depresión».

«Gústame manter o control sobre todo o que fago, que é tan persoal»

Elba tamén se graduou en Comunicación Audiovisual e agora está a estudar un ciclo de son. «Gústame moito a imaxe, doulle moita importancia aos videoclips e gústame estar implicada na dirección. Eu pensaba que en Comunicación Audiovisual ía tocar máis cousas de son, pero non fixen nada. E quería aprender as partes máis técnicas para poder producir mellor e aprender a mesturar guai. Ata agora facía a produción en función de como me soaba, pero xa son consciente de cousas que podo mellorar».

«Gústame manter o control sobre todo o que fago, que é tan persoal», asegura. Elba está agora no camiño para lograr ser creativamente autosuficiente. Este disco é unha carta de presentación que marca o que está por vir na súa carreira na música, pero «sempre precisas axuda, obviamente». 

«A ver, si, gustaríame ser autosuficiente, polo menos no campo do son. Pero nos videoclips xa preciso máis xente, e teño persoas ao meu arredor como a miña amiga Inma Veiga, que monta xenial e traballa xenial coa cor, e sabemos comprendernos moi ben a nivel visual e de dirección de arte. Todos os vídeos que faga, quero facelos con ela. Tamén está Coque Dosil, que me ten axudado moito e agora me bota unha man coas contratacións, e persoas como Sonia Alonso, que soubo entenderme moi ben para crear a ilustración da portada do disco», engade Elba.

Próximos concertos de Elba:

  • 8 de xullo no Sona Gaifar (Nigrán)
  • 16 de xullo DJ set con Auto Sacramental no Bombo a Negras (Santiago)
  • 18 de agosto no xardín botánico da Fundación Sales (Vigo)
  • 20 de agosto no Ribela (Sarria)   
  • 9 de setembro en Madrid (aínda sen anunciar)
Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • Whore Wheels. O 'queer' transforma a cultura de club en Compostela

    Os colectivos Tr3mor e Malfario únense para dar forma ao  festival Whore Wheels, que se celebrará na Sala Malatesta o  1 e o 2 de xullo, durante a semana do Orgullo. Preséntase  como un espazo para a disidencia cunha programación que  inclúe artistas como Tomasa del Real ou Putilatex. Sucede  ao tempo que no ocio nocturno compostelán e galego está  a configurarse unha escena queer de club.

    Lugares
  • Piñata! La Melona presenta en Compostela as novas fichaxes do underground galego

    Despois de bourear co público de Madrid e Sevilla, La Melona regresa á casa para celebrar a 'Piñata!' este 2 de novembro. Unha convocatoria dobre na Sala Capitol e na Sala Malatesta na que o colectivo compostelán convoca os seus grupos orixinais para compartir escenario coas novas fichaxes. Repasamos os nomes e a xenealoxía dunha das escenas musicais máis vizosas desta década no underground galego. 

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.