Piñata! La Melona presenta en Compostela as novas fichaxes do underground galego

© La Melona

Despois de bourear co público de Madrid e Sevilla, La Melona regresa á casa para celebrar a 'Piñata!' este 2 de novembro. Unha convocatoria dobre na Sala Capitol e na Sala Malatesta na que o colectivo compostelán convoca os seus grupos orixinais para compartir escenario coas novas fichaxes. Repasamos os nomes e a xenealoxía dunha das escenas musicais máis vizosas desta década no underground galego. 

 

Pálida

© La Melona

A finais de 2013, Pálida irrompe no panorama electrónico. Apadriñado por proxectos previos como Durarará!! ou Orquesta Metamovida, o vigués José Garnelo (Nelo) achéganos un vehículo de absoluta expresividade que sabe moverse con gran precisión no directo. Traballada sempre con hardware, computadoras fóra, e producindo en vivo, a proposta de Pálida fusiona ambient techno, microhouse, noise e psicodelia en sesión intensas e hipnóticas que se complementan cun traballo de estudio de creatividade poliédrica.

 

Seda

© La Melona

Non resulta sinxelo xuntar tres sensibilidades creativas como as dos compoñentes de Seda. Estes tres amigos, unidos pola inquietude común de facer música e o cariño de anos de vivencias compartidas, únense agora neste proxecto de carácter pop. Movemento rápido, con influencias directas do hip-hop e o aprendido de grandes como Gorillaz e Panda Bear, son o fío que empregan estes vigueses para tecer a súa particular Seda.

 

Trifulca

© La Melona

Trifulca é o novo proxecto dos composteláns Carlos Gómez e Guillermo Cavero. Artistas ambiciosos formados en proxectos como Puma Pumku ou Vozzyow, deixan as guitarras de lado para mergullarse na música electrónica, o dark techno e o quarking bass. Unha proposta pouco indiferente que navega cara ritmos máis agresivos, rozando o techpunk e as texturas industriais que bordean o no wave abstracto dos oitenta.

 

La buena nueva

© La Melona

Catro novos mariñeiros e un capitán, Esteban (de Esteban & Manuel), traen esta nova proposta que chega para poñerlle o frac á música latina, xirala nunha volta aos sons máis clásicos e elegantes da salsa, merengue, cumbia e bolero. Esteban, Guillermo Cavero, Álvaro Dosil, Carlos Gómez e Fran Varela referencian a Joe Arroyo ou Héctor Lavoe, con influencias de propostas novas como Dengue Dengue, Daniel me estás matando ou Mauskovic Dance. Unha promesa coa que bailar entre onte e hoxe que obriga a vestirse para a ocasión.

 

Elba

© La Melona

Elba é o proxecto persoal da artista compostelana homónima, inspirada por figuras como Kate Bush, Enya, Madonna e bandas como Joy Division, Echo & the Bunnymen ou Jesus and Mary Chain. Sen dúbida unha posta en escena baseada na música e na estética dunha artista contemporánea de carácter vangardista. ELBA é synth pop, dark wave e dream pop, unha mistura de atmosferas vintage luminosas e sonoras que non perden a frescura do actual, nin a meticulosidade e a incandescencia que a representan.

 

Rayotaser

© La Melona

Rayotaser é o proxecto persoal de Álex Mera, iniciado tras a súa etapa en Colectivo Oruga. Xunto co produtor lisboeta Pedro Chamorra, desenvolve o seu primeiro EP Tengo que pedir perdón. La Melona achéganos este próximo novembro o seu próximo traballo Robocops, composto entre 2018 e 2019 que sen dúbida promete non deixarnos indiferentes.

 

Mundo Prestigio

© La Melona

Das cinzas de Jay chega con nova materia prima esta banda co seu segundo traballo Los Vengadores EP. A capacidade creativa de Ju, Brais, Fiz e Fer recíclase e recompón as anteriores experiencias dos vigueses, abrindo un novo camiño de formas e cores musicais. A batería, o baixo e o teclado protagonizan un directo que se matiza con samplers novidosos e un saxo que insufla un aire fresco. Unha proposta rica en matices onde se albisca moito futuro.

 

Piñata! celébrase este sábado 2 de novembro en Compostela. A primeira parte será na Sala Capitol ás 20:30 e a segunda na Sala Malatesta ás 00:30h. As entradas están á venda en Wegow

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.