Tándem. «Concertos únicos» nas salas da Coruña

Cartaz do festival Tándem na Coruña © Tándem

Dúas propostas musicais únense sobre o escenario nunha actuación única. Así dito, parece o soño de calquera amante da música en directo. Se a isto lle engadimos que os concertos son polas salas da Coruña e para despedir o verán, a cousa aínda mellora. Isto é o Tándem, un festival que programa 16 actuacións exclusivas na cidade entre o 15 e o 18 de setembro en seis locais diferentes. 

 

O Tándem xunta a artistas no escenario para que creen con liberdade un espectáculo novo. Xuntos ou revoltos, como queiran. Integrando outras artes como a poesía e o audiovisual coa música. O ideólogo do festival, Marcos Gendre, explica que «é a oportunidade de ofrecer concertos únicos que só se poden ver en Tándem. Pero tamén a oportunidade de que o espectador realice un percorrido personalizado polos recintos, sen necesidade de abono, e que por 44 ou algo máis de 50 euros poida asistir a 10 ou 12 concertos con 20 ou 24 grupos por diversas salas».

O primeiro no que pensou Marcos Gendre ante a posibilidade de presentarlle un proxecto ao Concello da Coruña foi «a necesidade de ofrecer algo que tivese un carácter diferente á megaoferta que estamos a vivir e que evitase grandes espazos. Foi nese preciso momento cando lembrei a colaboración de Doble Pletina con Hidrogenesse e a de Lúa Mosquetera con Bala. E pensei, por que non propoñer concertos nos que ambos dúos puidesen xuntarse no escenario en locais da cidade? Nun primeiro momento, a complexidade do asunto mareoume, pero o certo é que o Concello e o Consorcio de Turismo da cidade acolleron esta proposta con tanta ilusión que xa non puiden dicir que non». 

Así, en decembro do ano pasado comezou a traballar neste proxecto ao que lle foi sumando propostas como as alianzas de Blanco Palamera cos mexicanos Zuaraz ou os alquismistas da electrónica azulo b1n0 con Phoac. Haberá choques xeracionais como o de Tórtel con Luna Valle, e de estilo como o do post-pop de El Hijo e o eco-synthpop de Caliza. Ou propostas que van confraternizar en escena, como a dos coruñeses Jean Fixx e Lefrenk ou a de Pablo Und Destruktion e Fee Rega

As actuacións, que se poden consultar aquí, tamén inclúen o pop vangardista de Dotore e Magia Bruta, o hip hop cibernético de Erik Urano e Zar1, pasando pola alianza do pop electrónico dos pontevedreses Músculo! e a chelista chilena I.O. (Isidora O’Ryan). O dream pop estará representado por Green T e Queidem, e pola unión de Interrogación Amor e Algo. As turbulencias chegarán da man do synth-punk de Sofía e as asturianas Viuda.

Bala e Lúa Mosquetera © Tándem

Pero ollo, que a cousa non queda aí. O Tándem asistirá ao regreso de Pantis aos escenarios despois dun «letargo» demasiado longo. Rubén volverá para compartir noite co ourensán Teo Cid e o seu punk físico-electrónico de Fotocopia. Pero non só con Pantis, tamén veremos a Chicharrón compartindo escena coa poeta e acordeonista Rosalía Fernández Rial. A ruta de concertos –lembrade, entre o 15 e o 18 de setembro– pasará polas salas coruñesas El Túnel, Filomatic, Sala Inn, Playa Club, Garufa e Mardi Gras.

«Conseguir que dúas bandas se poñan de acordo para tocar en directo e ofrecer algo diferente está totalmente fóra do canon de actuación habitual, moito máis sinxelo, no que se contrata a unha banda para tocar, e punto. Aquí todo se fai máis complexo, dende a produción ata saber como poderán ensaiar xuntos para preparar a súa actuación. Hai moitos tándems que nacen na mesma cidade, pero non todos, como no caso de Músculo! e os chilenos I.O., que levan meses estudando a súa colaboración dende a distancia», debulla Marcos Gendre. 

«O que máis me gusta deste festival é o arriscado da proposta. Igual se mo propuxeran con outra banda, resultaríame máis complicado, pero con Bala –ademais de ser amigas– temos xa a colaboración de “Agitar”, que elas colleron o poema e lle puxeron música para convertelo en canción. Isto é arriscado porque eu son poeta e non é igual que mesturar dúas bandas. Faime moita ilusión levar a poesía a un sitio que, en principio, non lle corresponde; e facer un tándem cunha banda de punk paréceme unha fantasía e lémbrame moito a Lois Pereiro, ao que amo profundamente», conta Lúa Mosquetera.

Para Anxela, de Bala, esta unión con Lúa é case necesaria, igual que a proposta do Tándem. «Hai que seguir apostando por estas iniciativas, agora hai unha sobre oferta de festivais grandes pero nas salas hai unha enerxía que é complicado que se consiga noutros formatos», di. Tanto Anxela como Violeta están gozando da segunda parte da xira de Maleza, o seu terceiro álbum, que tivo que agardar pola pandemia pero está a ser moi ben acollido polo público: «Sentímonos moi afortunadas, desde o primeiro sinxelo, que foi precisamente “Agitar” –o tema a partir do poema de Lúa– todo está a funcionar moi ben».

«Para nós é súper compatible a poesía de Lúa coa nosa música, algo que a priori pode parecer raro. A pesar de que a nosa música e moi intensa, eu tamén considero que Lúa é moi punk en como escribe e como fala. Cando estaba compoñendo o disco vin claro que podía encaixar moi ben o que escribe coa música de Bala, e está claro que Marcos Gendre pensou o mesmo para o Tándem. Para nós é moi especial poder dar un pasiño máis nesta colaboración co que estamos a preparar para o festival», salienta Anxela. 

Lúa Mosquetera foi levando a poesía ao seu terreo ata sentirse cómoda no universo do Spoken word ou poesía escénica. Recentemente tamén se animou a poñerlle música a outro dos seus poemas como é "O enterro da sardiña", xunto ao músico Pablo Seijas e as pandeireteiras Lilaina, que publicamos en VINTE. En setembro publicará o seu terceiro poemario –o primeiro non autoeditado– Espíderman (Editorial Galaxia) e está a preparar a súa incursión na narrativa con ¡Yo vivo! (La Moderna), un relato de autoficción cheo de realismo máxico. 

Fuxir dos «festivais clonados»

O certo é que para programar un festival que se sae da aparente norma establecida é preciso coñecer o terreo de xogo. Neste senso, Marcos Gendre considera que é a Xeración Z a que leva anos enchendo salas, sobre todo en eventos de trap e música urbana. «Este tipo de concertos son os que máis están funcionando. Os grupos indie que hai catro anos metían 200 persoas nunha sala, agora quédanse en 70 ou 80 persoas de media. Esta é unha realidade que, máis aló da psicose engadida que xera a pandemia, vén de lonxe dada a saturación de macrofestivais que xa responden ás necesidades dun público maior, con nenos, e cuxo interese, por desgraza, está máis marcado pola experiencia turística que pola propia música».

Os 32 grupos elixidos para esta primeira edición do festival Tándem abranguen todas as ramas posibles do pop. «Dende a psicodelia de Phoac ata o post-pop de El Hijo, dende as Joterías bobas synth-pop de Hidrogenesse ata o glam pop torturado de Queidem, dende a neue deutsche walle de Sofía ata o indie pop panorámico de Chicharrón», detalla o director do festival, que –sobre todo– buscaba fuxir de «festivais clonados» para ofrecer «unha experiencia que, precisamente, reactivara a curiosidade por fuxir do algoritmo que marca os gustos actuais do público». 

As entradas para os concertos do Tándem xa están á venda na súa páxina web

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en Faro de Vigo, El País, Europa Press e Nós Diario. Vogal no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e membro da asociación Xornalistas Galegas. Agora, entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • Esquío. Cuestionar o pop para seguir facendo pop

    Constituír unha escena pop alternativa, casada co contexto actual, pero que tamén o cuestione, abrindo outras realidades para o público. Estes son os obxectivos do proxecto Esquío, que lidera o xornalista Marcos Blanco Gendre e xa conta con cincuenta artistas e bandas na súa rede

    Música
  • Enterro ou comparsa, "O enterro da sardiña" é un videopoema de Lúa Mosquetera

    Lúa Mosquetera traslada o poema "O enterro da sardiña” do libro Espíderman, que sairá publicado pola editorial Galaxia nas vindeiras semanas, e dálle vida ás imaxes e os sons que apuntan os seus versos –que son lembranzas do seu dó– coas músicas de Pablo Seijas e as pandereteiras Lilaina, protagonizado pola súa irmá Zeltia Mosquera e baixo a dirección de Bastian Rodríguez. 

  • Blanco Palamera. Véndoos gañar

    O sábado pasado viviuse en Santiago un dos concertos do ano. Manu Blanco e Xoán “Palamera” Domínguez volvían á casa e aquilo foi unha celebración. Matías Tarrío estivo alí e bríndanos esta crónica. 

    Crónica
  • Magia Bruta. De mantras pop e outros meigallos

    Magia Bruta é o novo proxecto de Aries ou, o que é o mesmo, Isabel Fernández, que coa súa alianza coa música viguesa María Romero, leva a cabo unha arcadia pop de atmósfera astral. Un meigallo musical que dá orixe a unha das criaturas máis fascinantes do actual imaxinario indie.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.