Quizais esta sexa a única forma de entender as constantes creativas que converxen no imaxinario creado por Félix Fernández (Viveiro, 1977) ao longo da súa cromática traxectoria polo mundo da arte.
Xa sexa na súa vocación como artista plástico, bailarín performativo, videocreador ou músico, e mesmo como xerador cultural nas artes vivas, as súas motivacións sempre proveñen dunha ecuación invariábel. Tal como el mesmo explica: «Téñome a min mesmo como artista multidisciplinar ou interdisciplinar. Realmente, para min o máis importante son os contidos. Sempre que deseño un proxecto, é a forma a que se adapta ao contido».
Partindo deste eixo de acción, Félix leva anos repartindo as súas inquedanzas, que parten dunha base estruturada en torno ás artes plásticas: «Estudiei Belas Artes na Facultade de Pontevedra, e alí tamén se busca que teñas unha concepción do mundo creativo desde un espectro moi amplo. Agora tamén me decato de que son así, unha persoa que son un pouco home orquestra. Teño a cabeza moi creativa e, en xeral, as disciplinas non me asustan. O meu traballo máis recoñecido quizais sexa dentro da videoarte. Sempre que imparto obradoiros de videoarte digo que é a “disciplina das disciplinas”, porque absolutamente todo encaixa dentro do vídeo. Podes facer un vídeo moi pictórico, podes facer un máis escultórico ou máis performativo. Podes facer un vídeo onde o son é o elemento fundamental, e incluso podes facer cousas de animación ou debuxo. Eu especialiceime no audiovisual pero o performativo sempre estivo aí, como tamén a danza contemporánea, porque teño formación en todo iso. Pero tamén teño traballos de fotografía, debuxo e instalación. Cando digo que son un híbrido é porque é certo».
Tanto que, como parte integrante e socio fundador xunto a Caterina Varela, Rut Balbís e Alexis Fernández (Maca) do Colectivo RPM, leva cinco anos axudando a levar a cabo unha proposta tan necesaria como as Residencias Paraíso: «Xa estamos na quinta edición desta convocatoria. Residencias Paraíso naceu da necesidade de fertilizar o campo das artes vivas en Galicia. No noso contexto hai unha grande carencia en relación ao apoio e ao soporte para os procesos creativos. Non había ningunha rede de residencias de creación e investigación en Galicia para as linguaxes da artes performativas e da danza contemporánea, polo que deseñamos un proxecto que tece esa rede de centros (teatros, auditorios, centros de arte, …), e deste xeito axudamos á normalización do concepto de residencia nestes espazos, atendendo a esa capa tan habitualmente esquecida como é a capa dos procesos creativos. Construímos un programa de residencias e abrimos unha convocatoria nacional para que todas as artistas que queiran nos poidan achegarnos as súas propostas. E este proxecto pode levarse a cabo grazas ao apoio da Xunta de Galicia a través de AGADIC e grazas á coproducción de gran parte dos espazos anfitrións que participan nesta rede. Este ano imos acompañar oito proxectos de artes vivas e así sabemos que estamos sementando o campo creativo e o crecemento do talento existente no noso territorio, coma tamén facilitando o seu cruce con proxectos ou espazos de fóra. As creadoras necesitamos ese lugar e esa dotación económica para seguir investigando e creando. Trátase de dignificar a investigación e os procesos creativos», explica.
A capacidade de metamorfose de Félix estao levando a xerar espazos múltiples como o seu proxecto de artes vivas “Constantes do porvir”: «As miñas propostas escénicas ou performativas teñen sempre un carácter de linguaxe moi mixto. De feito, neste último proxecto, que estou pendente de estrear, pódese ver toda esa mestura. Na dramaturxia tiven a axuda de Jaime Conde Salazar e tamén tiven a asesoría de Caterina Varela e Alexis Fernández na parte de corpo. Canto en directo e compuxen toda a banda sonora. A mezcla e a masterización fíxoa Francisco Martínez Rozas, aka Lefrenk. Tamén fixen toda a parte audiovisual que funciona como unha paisaxe virtual de fondo. Creo que toda esta hibridación de linguaxes é o futuro da creación. Moitas veces é o mercado o que precisa das etiquetas para poder vender un producto artístico, pero creo que a creación contemporánea cada vez se distancia máis desa hiperespecialización».
Outro dos seus proxectos máis recentes é “Technocracia”, proxecto cocreado con Cristina Balboa e Manuel Parra e producido por Funboa Escénica. Esta proposta híbrida entre o feito escénico, a música electrónica e o participativo fala dun «lugar de encontro, xa que estamos nun momento moi difícil para compartir o baile, e necesitamos eses encontros. Así que “Technocracia” fala diso pero tamén dunha República de liberdade, de comuñón e de conexión. Está inspirada nas estructuras implícitas das raves, e destilando toda esa esencia, construímos unha experiencia na que participa o público. O dispositivo no que se instala “Technocracia” está deseñado por Mauro Trastoy e cambia segundo o lugar no que se leve a cabo, como tamén a iluminación, feita por Afonso Castro. Contamos tamén co asesoramento coreográfico de Elvi Balboa, que tamén nos acompañará coma intérprete, e a Manu Lago na produción. Na banda sonora que compuxemos sempre deixamos un espazo para músicos locais. Nesta primeira presentación na playlist incluimos tres temazos que non son nosos, un será de Lefrenk, outro de de Roi de Fanzine, de, e outro temazo máis de Pipo Rodríguez».
A presenza de Roi e Lefrenk non é ningunha casualidade. Precisamente, é a través de Fanzine Project e de selos discográficos amigos como Deep Different (levado por Lefrenk), onde están a xurdir as ambicións musicais de Félix, como Jéan Fixx.
«O meu encontro con Fanzine comezou como un fan do seu festival. Cando cheguei á Coruña non tiña moitos amigos, saía só e ía ao bar do Fanzine, e así foi como coñecín o meu grupo de amigos. En certo xeito, o Fanzine foi para min un punto de encontro e tamén un descubrimento de que aquí están a suceder cousas moi interesantes. Estou nun período de formación musical, polo que comecei a ir á súa escola. Axudoume moito a canalizar o que quero facer, a ter as ferramentas. As estrelas combináronse e decateime de que tiña un talento que non estaba a explotar. E iso, no fondo, é consecuencia do que veño facendo dende hai moito tempo, porque tamén traballaba a nivel de son nos meus vídeos e nas miñas performances.
En 2018, publiquei Uncanny Valley. Tardei moito en lanzar Globalizer (2020), o meu último EP. E agora estou preparando cousas novas, que sairán en breve. Unha delas é un tema en colaboración con Lefrenk, que se chama "Utopía", e que forma parte do EP Chocolate Eyes, dentro do selo alemán Soulful Techno Records, que é de Gabriel Ananda, un DJ e produtor con bastante sona. Lefrenk preguntoume se quería poñerlle letra e voz a unha canción, practicamente, xa construída e dixen que si. É un tema que gústame especialmente. Fala de revisar onde estamos poñendo o foco do crecemento económico, fala de construír algo máis en harmonía co planeta, cos seus outros habitantes e con nós mesmos».
De todo isto está a medrar unha traxectoria en clara progresión ascendente, con diferentes lanzamentos discográficos nos que se pode radiografiar a hetereoxeneidade electrónica dos seus impulsos creativos. Certificado maior do que significa ser renacentista nesta era.
Próximas datas:
- 29 maio: Performance “Atravesar/atravesado” Festival Plataforma. Igrexa da Universidade. Santiago de Compostela.
- 3 Xuño: “Technocracia”. Universidade de Málaga.
- 3 Setembro: “Technocracia”. Festival LED. Lugo.