Magia Bruta © Jacobo Campos
Magia Bruta é o novo proxecto de Aries ou, o que é o mesmo, Isabel Fernández, que coa súa alianza coa música viguesa María Romero, leva a cabo unha arcadia pop de atmósfera astral. Un meigallo musical que dá orixe a unha das criaturas máis fascinantes do actual imaxinario indie.
Para poder dar forma á realidade de Magia Bruta, o encontro entre Isa e María marcou un punto de partida na metodoloxía que fixo de Aries unha das propostas máis imaxinativas e orixinais do circuíto pop da década pasada. Tal e como di Isa, este feito «supuxo volver compartir a experiencia musical con outra persoa, que era algo que desexaba; poder cantar e facer cancións xunto a alguén máis. Todo iso o revivín xogando con ela. En canto á metodoloxía, nunca tocara cun baterista que fixera partituras para cancións. Por exemplo, gustoume moito ver como as escribía e como se organizaba. Ao principio, foi un proceso moi engorroso porque asignamos a cada canción uns sons de batería que saen do meu MPC [sampler secuenciador de ritmos]. Cada canción ten a súa propia produción rítmica, polo que conseguir todo iso levounos varios meses de traballo».
Pola banda de María, a unión con Isa «foi un choque enorme. No momento no que me ensinou as cancións pensei: Vaia, isto non ten nada que ver con nada do que toquei ata agora. Afronteino con moita curiosidade e ilusión, e ela sempre fixo que todo fora moi sinxelo e moi agradable. Deume liberdade total á hora de tocar as cancións e traballamos moito as harmonías vocais, a configuración dos instrumentos e o desenvolvemento do directo. Tamén teño que dicir que, ao principio, custounos un pouco atopar o método co que traballar mellor, pero cando o fixemos todo fluíu súper ben».
María vén dun grupo de R&B como é Tinta, que está nas antípodas do son etéreo de Magia Bruta. «É un dos meus proxectos máis consolidados e estou aprendendo moito xunto aos meus compañeiros. Encántanos compoñer e tocar. É un ambiente moi distinto ao de Magia Bruta en todos os sentidos: en Tinta todos estamos 'empezando a rodar' no mundo da música, mentres que con Isa aprendo moito porque ela ten unha carreira brutal e sabe moito deste mundo», explica.
Os inicios de María no mundo da música proveñen de cando «comecei a tocar a guitarra cando era pequena nas clases do colexio. Despois duns anos cambiei a unha escola de música. Alí comecei coa batería e o piano, e descubrín o moito que me gustaba a harmonía analizando e descifrando temas e melodías. Nesta escola foi onde medrei realmente como música e, actualmente, é onde traballo como profesora de batería e guitarra».
Desde a base académica de María, os contornos en espiral sobre os que medran as cancións de Magia Bruta atopan o seu propio espacio en Un día nuevo, o seu primeiro LP, composto por xoias como “Lo merezco”, “Trance secreto” ou a canción que lle pon título a este traballo.
Este encadeado de cancións forma parte dun mantra, mesmo preto do jazz espiritual de figuras como Alice Coltrane ou o Person Pitch de Panda Bear. Pero, como se poden reinventar os significantes do alfabeto pop con referencias deste tipo e soar aínda máis pop? A esta pregunta concreta, Isa comenta que «hai unha intención de facer pop como un mantra, tocar certos manantiais humanos coas cancións. Pero non comparto a premisa do 'alfabeto pop': prefiro crer que hai melodías infinitas e formas inesgotables de facer música melodiosa. O pop que me interesa non é unha fórmula abc».
A liberdade de perspectiva e formas coa que emerxen as cancións de Un día nuevo forma parte dun proceso que, en certa maneira, xa tiña a súa base en Aries, o proxecto co que Isa acadou un estado perenne de investigadora pop de panorámica total. O curioso é o paso de Aries a Magia Bruta, máis alá do encontro con María. «No outono de 2019 quedei sen selo discográfico e foi un pau moi gordo porque levaba anos traballando coas mesmas persoas e queríaas moito. Á súa vez, estes cambios profesionais coincidiron con cambios persoais moi grandes e profundos. Sentín que era unha nova etapa creativa e vital na que, ademais, ía xogar con outra persoa. Decidín facer e vivir as cousas doutro xeito e pechar esa etapa. Xa non era Aries, aínda que permanece en Magia Bruta, que tamén é o nome do primeiro disco de Aries (Bcore, 2012)», comenta Isa.
O encadeado co título do debut discográfico de Aries é unha metáfora que converxe nun grao superior co movemento circular, en loop, nunhas cancións que fan desta nova fase creativa de Isa un punto de partida sempre en movemento. Así, agora podemos disfrutar da que é a súa Torre de Babel particular. Un milagre que fai desta a súa aventura máis ambiciosa ata o momento.