Esquío. Cuestionar o pop para seguir facendo pop

Constituír unha escena pop alternativa, casada co contexto actual, pero que tamén o cuestione, abrindo outras realidades para o público. Estes son os obxectivos do proxecto Esquío, que lidera o xornalista Marcos Blanco Gendre e xa conta con cincuenta artistas e bandas na súa rede 

 

«Esquío nace cunha idea modesta: montar unha axencia de booking, traballando con dez ou doce grupos». No outono de 2021, o xornalista e colaborador de VINTE Marcos Blanco Gendre comezou a darlle forma a esta idea da man de bandas como Queidem, El Hijo, Roldán, Magia Bruta ou Cathy Claret. Un paso que puido dar grazas ao seu «núcleo galego» de artistas como Teresa Ferreiro ou Jean Fixx, que xa pertencían ao selo que dirixe xunto a Teresa e Adrián Herrero, Ruido de Fondo.

«O fin último deste proxecto se establece a través do apoio ás propostas emerxentes, xurdidas coa capacidade de ser voces centrais na expansión do campo de batalla na semántica pop dos nosos días», explica Gendre, que pronto viu que precisaba ampliar o seu radio de acción para exportar talento galego. De aí xurdiu «a creación dun circuíto de locais coa marca Esquío, propiciada tamén polo aumento de grupos cos que estamos a traballar que, de súpeto, xa están cincuenta, con vinte propostas de Galicia, catro de Chile, doce de Madrid e nove de Valencia, entre outras».

Gendre leva anos publicando ensaios musicais en Chile, polo que este país foi un dos primeiros nos que puxo o foco:«Dende o primeiro libro que publiquei alí, a miña relación con Chile gozou dun recoñecemento que me permitiu establecer unha serie de contactos de prensa e institucionais, a través dos cales comecei a traballar con figuras como a xornalista chilena Paola Zúñiga, que exerce como contacto central alí, e coa que estamos a preparar uns ciclos, en Chile e España, nos que bandas emerxentes de ambos os países poidan exportar o seu talento a ambos lados do charco».

Juait © Esquío

No camiño, decatouse de que Esquío tiña que ser un proxecto máis aberto e ir máis alá da programación de concertos illados. «Na situación actual, na que os promotores só contratan apostas seguras, tiña claro que para xerar impacto non basta con buscar simplemente concertos», debulla. Exemplo disto é o Ciclo VanGal, que se celebrou en Santiago de Compostela no medio da pandemia, e haberá máis sorpresas que se irán desvelando conforme se achegue o verán. 

«Máis aló de eventos concretos, outra das claves que xurdiu foi montar unha rede de ciclos e festivais nas salas de concertos asociadas á nosa marca. Lugares como o Riquela, en Santiago de Compostela, ou o Club Molotov, en Vigo. Pero tamén hai outros que están fora dos epicentros da Comunidade, como A Pousada da Galicia Imaxinaria, onde esta Semana Santa celebramos un minifest de ‘Boiro Ruido’ ou o Casino 1889, en Carballo, cos que temos unha relación moi especial, acentuada pola inxusta situación que están a vivir a nivel institucional, polo que tamén nos interesa crear alí eventos culturais que acrediten a necesidade de lugares de encontro como estes», razoa Gendre, quen engade que esta rede de locais tamén está en ampliación polo resto da Península e xa sumou locais como El Intruso, en Madrid.

Green T, o proxecto persoal de Teresa de la Gándara © Esquío

«Entendín que para darlle visibilidade ás propostas galegas precisaba rodealas de colectivos doutras zonas da Península e mesmo de fóra dela. Construír pontes e patróns de retroalimentación de ida e volta», salienta Gendre, que tamén está a colaborar con grupos de selos discográficso independentes como Ferror Records, Foehn, Snap! Clap! Club ou Elephant Records

«A miña intención é atopar unha liña común de vangarda (IO, Adiós Adiós, Otro), pop (Roldán, Caliza, Legítimo Polvo), música urbana (Espineli, 99More, Camilo Belucci), electrónica (Lefrenk, Death Whistle), sen desprezar ningún tipo de proposta, sempre que teña personalidade propia e potencial para traballar», asevera. Tamén está a colaborar con artistas consolidados como Fee Reega ou El Hijo e con outras bandas emerxentes como Interrogación Amor, Rebe, Green. T, Pup Puppy e CRNDS.

Marcos Blanco Gendre destaca o traballo que está a realizar no día a día de Esquío con Adrián Herrero, Marta Arranz, David Saavedra e Alexandra Marambo, un equipo que irá medrando ao ritmo das necesidades que tamén conta coa colaboración de bookers como Pep Giménez en Valencia ou José Rueda en Andalucía.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.