Agora que por fin chegou o momento de que Death Whistle publique o seu esperadísimo LP, co selo Hedonic Reversal, toca poñer en contexto e mergullarse nas orixes deste alquimista da pulsión electrónica emocional de Viveiro.
Posuidor dun dos directos máis impresionantes dos últimos tempos, durante os últimos anos, Víctor García (tamén coñecido como Death Whistle) fixo diferentes aparicións en espazos como o Fanzine Fest ou o Teatro Colón, que puxeron no obxectivo a este bruxo da IDM (Intelligent Dance Music ou música intelixente de baile).
Francotirador do lado experimental, as súas orixes remóntanse a uns anos clave na constitución da escena indie estatal nos anos 90. «Por unha cuestión case xeracional, intereseime pola música cando morreu Kurt Cobain. Eu son de Viveiro e, ao lado, o Xixón Sound estaba moi a tope, con grupos como Manta Ray, Telefilme ou Eliminator Jr. Todos aqueles grupos da época. Tamén me deu moi forte con Sonic Youth. Ao final, coa evolución da tecnoloxía e dos ordenadores, partes do noise e o experimental até chegar incluso á electrónica como un método máis de experimentación.
Co paso do tempo, tiven varios proxectos. Entre eles, Verano en Lisboa, no que lle axudei á miña compañeira de piso e co que editamos un par de EPs. Un deles foi premiado co Polar do programa de radio "Viaje a los sueños polares" que había en Radio 3. Despois, comecei cun proxecto máis electrónico na Coruña. Chamábase Mano de Obra e monteino con Alberto Vázquez e Coco Lens. Despois, por circunstancias, o proxecto centrouse máis na miña faceta máis electrónica, ademais de facer bandas sonoras para curtas e películas de animación. Alí si que entrei máis a fondo en explorar cal é o meu propio son con instrumentos máis centrados no que é a música electrónica, desde un punto de vista moi cinematográfico. O feito de facer música para bandas sonoras fai que teña esa aura máis ambiental, aínda que eu tamén podo adaptarme á pista de baile, sobre todo nun contexto máis ambiental e experimental».
Súas son as bandas sonoras dos filmes de Alberto Vázquez Sangue de Unicornio, Decorado, Psiconautas, Os nenos esquecidos e Homeless Home ou Soy una Tumba, de Chris Cembe. Entre todas suman dous premios Goya e cinco candidaturas. Con proxectos deste tipo, Víctor explica como comparte a narrativa visual e musical: «Cando traballas con outra persoa, digamos que xuntas estas dúas partes, e aí é moi importante que tamén te sintas moi identificado co material co que estás a traballar. Até o de agora tiven a sorte de traballar con xente que ten unha formación moi parecida á miña, no sentido de que temos a mesma idade, temos intereses similares, e ao final iso une. E na música electrónica, onde tamén hai esa parte visual, cando se traballa cun material xa cun ritmo predeterminado, adaptarse é moito máis doado. Tes a metade do traballo feito».
Todo este traballo foise xestando arredor dunha evolución concreta, determinada por momentos «que veñen dados por compromisos adquiridos. Hai tres ou catro anos, no LEV de Xixón, sabendo o que facía, Roi, do Fanzine Project, díxome que preparase algo para unha edición do Fanzine Fest. E lanceime. Preparei ese proxecto e fíxome tocar antes de Monolake, en plena hora punta do festival. Digamos que foi como o xerme disto. Iso estaba máis orientado á pista de baile, cando xa vin que era interesante explorar outro tipo de camiños. Pero iso pasou co tempo. E agora xa atopei cal é a linguaxe adecuada para o que é este proxecto. Tamén atopei a conexión entre o que é poder tocar en ambientes como teatros ou galerías de arte ou nun ambiente máis de club».
Desde estes dous aspectos, Death Whistle adquire unha forma bipolar arredor dun patrón común: «Ao final, o que busco é unha intensidade sonora, dende o punto de vista máis emotivo. Traballando dende aí, independentemente de que sexa nun teatro ou nun club, a esencia é a mesma. Os elementos son os que varían. Nun club podo usar un bombo ou secuencias máis rítmicas, pero a busca da emoción é a mesma que cando fago ambient. Ao final, as dúas partes solápanse dun xeito moi fluído. A procura do artista non deixa de ser a linguaxe, e non podes escapar desa linguaxe que tes».
Deste patrón común xorde unha forma moi orgánica de caligrafía electrónica, desde o drone ata o IDM, con referencias como Autechre, «que foi un descubrimento. Son o tipo de grupos que che quitan as ganas de facer cousas... Como discos concretos: agora mesmo Low pilloume dun xeito tolo. O seu último disco paréceme incrible e tamén o Double Negative. Comparten o que entendo como unha busca do son cunha produción que non é correcta e que, ao mesmo tempo, é fermosa. A saturación que usan... Ultimamente tamén escoito moito hip hop e música urbana. Escoitar, escoito moitos grupos de todo tipo. Por exemplo, tamén me gusta moito Tyler, The Creator».
Despois desta carreira de fondo, agora é cando chegou o momento da verdade: un primeiro LP que será o reflexo de todo o que traballou Death Whistle nos últimos tres anos. Como tan ben di: «Así como resolvo bastante ben o directo, para publicar un disco quero facer música moito máis contemplativa, algo que permita que quen a escoite poida conseguir perderse nos camiños e deixar voar a súa imaxinación. En directo son máis de captar ao público, que capte a miña atención, pero no disco penso que o oínte debería ter o seu propio espazo dentro desa música. Por iso o disco vai ser máis ambiental, con momentos tamén moi intensos, pero quero que quen o escoite vaia da miña man no desenvolvemento do disco, que é a culminación de todo o que Death Whistle foi até o momento».