David Miranda retorna en marzo co seu proxecto musical Devalo a través de Luz/Sombra, un traballo do que adiantos como “Melancholie” fannos pensar en referencias tan icónicas como My Bloody Valentine e The Radio Dept. Inmersión ata os tesouros máis prezados da inspiración indie pop británica da que nos fala o seu protagonista.
Que Luz/Sombra é un disco no que nos atopamos co traballo máis ambicioso de David Miranda ata o momento é algo que queda de manifesto desde a fórmula musical empregada, unha gran enciclopedia pop de corte evocador con referencias como Cocteau Twins. Pero ate que punto o espírito do indie british dos anos oitenta e noventa marca a pauta da súa metodoloxía?
«Unha gran parte dos meus referentes veñen de aí, musicalmente sempre mirei moito ao Reino Unido, e as circunstancias da vida precisamente trouxéronme a vivir aquí. Hai moitas escenas e grupos británicos que me gustan, por exemplo bandas de selos coma Creation, Sarah, 4AD... Toda a onda dreampop, shoegaze, post-punk, tamén o uso da electrónica despois, por exemplo en New Order, son referencias básicas de Devalo. Aínda que no primeiro disco non están tan presentes, tamén hai outros sons nos que me inspiro, coma o krautrock (especialmente Neu!), o synthwave, o noise e punk americano, da Velvet a Sonic Youth. Penso que estas sonoridades se verán algo máis no novo álbum, sen perder as referencias anteriores. O que me interesa principalmente é xuntar electrónica con guitarras. En realidade escoito música de todo tipo e de diferentes lugares, e o desafío e o desfrute está en poder combinar todo o que me gusta dun xeito que encaixe ben. Sigo tamén con moita atención as bandas galegas, comezando polas compañeiras de Ferror Records».
En adiantos como “Melancholie” percíbese un son máis orgánico e penetrante. Un corpo instrumental máis enérxico que transmite as ondas de Luz/Sombra, álbum para o que David comenta que «cambiei un pouco o proceso de composición. Fun gravando as cancións segundo as ía escribindo, en vez de agardar a ter un conxunto de temas. Así fun tamén desenvolvendo o son do disco de maneira máis pausada, buscando diferentes matices en función das emocións que quería transmitir. Comecei coa idea de facer un disco luminoso e con predominancia da electrónica, pero resultou que tamén precisaba lidar cuns sentimentos bastante escuros, e así as cancións foron tomando outra tonalidade máis sombría, ás veces con algo de carraxe, e aí colleron máis protagonismo as guitarras. Experimentei combinando varias capas de guitarras con diferentes sonoridades e o mesmo cos sintes, un pouco como aplicar diferentes capas de pintura nun lenzo. Iso pode explicar a sensación máis orgánica e profunda da produción. Teño tamén a impresión de que é un disco máis ecléctico que o anterior. E como no anterior, da masterización encárgase Jahel Piñeiro de 8 Estudios, quen ten moito que ver no son das cancións».
Dentro do concepto xeral que marca as coordenadas de Luz/Sombra, David Miranda vertebrou unha viaxe de gran percorrido, «un álbum longo para o que se leva hoxe en día, de catorce cancións. Conceptualmente ten unha progresión que vai desde a sombra á luz, pasando por diferentes gradacións e estados intermedios. De feito, a primeira e a derradeira cancións titúlanse así, “Sombra” e “Luz”, respectivamente. O proceso de composición comezou pola luz, buscando enerxía positiva, como no primeiro adianto, “Ar”. Mais foise escurecendo por circunstancias presentes e recordos de malos tempos que foron aflorando. “Melancholie” é un exemplo desa sombra. Finalmente, volveu ter máis claridade. O terceiro sinxelo, que se chamará “Supernova” é unha canción sobre saír da sombra, que se convirte nun tema central no tramo final do disco».
Devalo
Chegar ata un cume como “Luz/Sombra” é froito dun camiñar que parte dunha traxectoria que ten paradas tan interesantes no seu percorrido como Nouvelle Cuisine, unha época que para David «foi moi importante para min por moitas razóns, entre elas a de poder gozar da música cos amigos de toda a vida. Deixei o grupo uns cinco anos despois de terme asentado en Gales, cando se me fixo máis difícil poder pasar longas tempadas en Galicia. Como non podo concibir a vida sen facer música, montei The Cripple and the Tramp en solitario, un proxecto en inglés de corte acústico, cun rollo tipo folk angloxasón. Tamén tiven a sorte de facer cancións con dúas grandísimas poetas, María do Cebrero en Bangor e máis recentemente Lorena Souto en Aderyn. Ao longo dos anos fun explorando diferentes maneiras de compoñer e gravar grazas a estas experiencias. En certo modo, penso que Devalo é a culminación dese proceso. Ao mesmo tempo, tamén hai un retorno a algunhas das influencias que xa tiña en Nouvelle Cuisine».
De Nouvelle Cuisine a Devalo, David Miranda marca presente e futuro dunha forma de encarar a materia pop de corte emocional que agarda «poder tocar en directo en Galicia. Debido á pandemia pasei moito tempo ser ir por alá e, aínda que por circunstancias persoais non podo ter a continuidade de ensaios e concertos que me gustaría, xa comecei a preparar o directo cun par de persoas, con vistas a facer algún concerto no verán. E nalgún momento comezarei a traballar no terceiro disco. Facer cancións é unha das cousas que manteñen vivo».