Garza. O soño electrónico de Tarkovsky

O 19 de abril sae á luz o primeiro LP de Garza e toca entender a relevancia deste proxecto. O seu autor, Adrián Charlín, nos explica o xenoma da súa febre artística, na que os sons progresivos da IDM xorden dunha concepción totalmente visual do enfoque. Así é como Interferencias cobra sentido, e así é como el nos explica as constantes vitáis dun traballo importante na nosa actual cosmoloxía pop.

Para poñernos en contexto, preguntámoslle a Adrián Charlín como foi a evolución musical de Garza dende os seus inicios ate a electrónica emocional que practica agora. «Eu diría que en constante crecemento. No novo disco, Interferencias, creo que a electrónica que fixen en Alborada evoluciona dun xeito natural, e de feito hai cancións nas que ambos discos encaixan perfectamente, pero tamén é certo que hai temas moi diferentes a ese tipo de música electrónica, cancións con moita forza, como “Arien”, “Celas”, “Tránsitos”, etc., que teñen un son que levaba tempo buscando e que nada ten que ver co que foi lanzado ata agora. Teño que dicir que me gusta o contraste radical, e a electrónica é demasiado aberta e salvaxe como para non exprimila e experimentar con ela», explica.

© Garza

O marco de referencias que Adrián adopta en Garza vai máis aló da música. Contén un compoñente visual evocador de inspiracións fóra da franxa meramente sonora. «Creo que a música electrónica e a visual van da man. Hoxe máis que nunca, se é posíbel. Non só porque se alimentan e se complementan, senón tamén porque forman un todo. É certo que a electrónica, polo seu carácter máis abstracto, déixase enriquecer polo visual e o visual tamén cobra forza coa electrónica. Creo que en Garza conflúen moitos tipos de música e imaxes. Gústame unha especie de imaxe natural acompañada de música máis ambiental, na liña de Christian Loffler, pero tamén unha imaxe máis dixital e tecnolóxica con electrónica máis escura, como fai Max Cooper. Gústanme eses dous mundos, ese contraste, con dous tipos de música electrónica e imaxes moi diferentes pero que non se exclúen nin se repelen, senón que se atraen; polo menos no caso de Garza, que é un proxecto que está aberto a todo. Gústanme tamén as proxeccións abstractas en directo de pioneiros da imaxe experimental, como Oskar Fischinger ou Paul Hindemith.

O cine inspírame moito. De feito, estou preparando un disco que se chama Música para un filme nunca feito, que pretende ser bastante experimental e interactivo, coma se dunha banda sonora se tratase, de imaxes que están na cabeza de cada un. Tamén me gustaría facer un directo usando proxeccións de películas mentres fago música experimental, algo moi de ciencia ficción, en tempo real. Teño moitas ganas de facelo en directo, con imaxes de películas que me gustan, como escenas do cine de Tarkovski, que ten unhas imaxes que son pura poesía e se prestan á música de todo tipo».

Portada de 'Interferencias', de Garza © Garza

De Alborada a Interferencias, pálpase a progresión atmosférica dunha fórmula para a que, de todos modos, «ametodoloxía foi a mesma e mesmo o equipamento que usei tamén porque dá para moito», comenta, para explicarnos con máis detalle: «Sigo traballando con sintetizadores virtuais e hardware analóxico. As baterías aínda son electrónicas. Hai guitarras eléctricas tocadas por Manuel Seixas e un acordeón gravado por Rosalía Fernández Rial. Teño orquestradoalgunhas cancións a maiores, pero máis ou menos compuxen da mesma maneira. O único é que lle dediquei moito máis tempo a todo, e coidei os detalles. Foi un traballo a tempo completo». 

As cancións que marcan o compás conceptual de Interferencias xorden de «cando empecei a compoñer o disco. Nese momento tiña unha cousa clara: que representase o que é Garza cunha luz e unha escuridade moi marcadas. Quería, por fin, comezar a lanzar máis cancións electrónicas porque teño moitas, aínda que poucas ven ao luz. Como dixen antes, cada canción do disco é un mundo. Diría que a esencia do disco agóchase na canción “Arien”, a medio camiño entre a calma e o potente. Pero noutras, tamén. “Bin Jip” foi a última canción e tamén representa eses dous mundos. “Mare” é unha canción moi Garza, representa esa parte máis tranquila, quizais herdada de Alborada. “Terra Núa” mesmo se codea co rock psicodélico, e despois en “Tecidos”, “Tránsitos” e “Celas” me distancio totalmente de todo o demais».

Tras un esforzo monumental con Interferencias, o futuro de Garza pasa por «sacar outro disco, porque con Garza non paro de producir». «Non tardarei moito en ter outro disco ou EP. Tamén me gustaría gravar un directo potente. Fixen probas con Xoán Tourís, un profesional incrible co que en breve farei algo, á parte do directo que xa fixemos nunha igrexa. Tamén estou preparando algo con Mónica Mura, unha artista multidisciplinar italiana. Por outra banda, gustaríame que houbese máis concertos, porque os músicos levamos tres anos varados e é unha situación inviable. A escena das salas quedou case completamente rota, que é onde vive o músico, e os teatros están a pasalo moi mal. A día de hoxe, teño seis concertos pechados entre Galicia, Madrid e Málaga, pero a idea é que haxa moitos máis».

*Garza actúa o venres 18 de febreiro, ás 21h, no Café Uf Negra Sombra de Vigo

Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.