Mateo Mena. Toda a ciencia, a materia e a emoción que está detrás da música electrónica

O festival SinSal, que se celebra esta fin de semana na illa de San Simón, quere amosarnos este ano os materiais, as máquinas e os procesos cos que a música electrónica se leva facendo desde hai décadas. E faino mirando ao pasado, cunha exposición que percorre a historia dos sintetizadores e caixas de ritmos, pero tamén ao futuro, á filosofía que propón o luthier Mateo Mena de reconciliar a electrónica coa natureza a través da música. 


Mateo Mena (Santiago de Compostela, 1983) é construtor de instrumentos musicais electrónicos. Utiliza os seus estudos de composición musical, enxeñería electrónica e tamén na escola de artes e oficios de Vigo para argallar artefactos que investiguen a unión de ciencia, arte e artesanía, os tres piares nos que se basea o seu traballo. «Un instrumento electrónico é un exemplo moi claro de como unha disciplina ou un campo de coñecemento como é a ciencia pode combinarse con algo artístico como pode ser a música», asegura. 

«Moitas veces esquecemos que a electrónica é moito máis orgánica do que parece»

«A nivel científico traballo con diferentes teorías e ideas, principalmente con recursos da electricidade e tratando de buscar elementos propios da natureza que presenten propiedades eléctricas, como poderían ser algúns minerais, os metais, ou determinados procesos que poidan existir en organismos vivos», explica Mena. A intención é «trasladar os procesos organicos a un campo que normalmente non se entende tanto como algo orgánico», pois moitas veces esquecemos que a electrónica é moito máis orgánica do que parece. 

«Hoxe en día estamos tan desconectados da natureza que incluso a música electrónica se entende como algo artificial cando é un proceso totalmente natural: o material co que traballamos son electróns que están dando voltas nun labirinto de cobre. Realmente se o pensas eses electróns son  máis antigos que as membranas, que os instrumentos de vento metal ou vento madeira, ou que as cordas elásticas que vibran. O que pasa é que como agora todo é de plástico creouse unha desconexión total, non podemos imaxinar música electrónica sen pensar en materiais supercontaminantes ou caixas negras feitas de plástico. E é todo o contrario, porque é como o máis natural das ramas da música», engade. 

Por iso Mena trata de abordar esa suposta “irreconciabilidade” da música electrónica coa natureza utilizando a madeira, os metais, elementos máis baseados no orgánico. E de controlar todos os procesos de produción destas materias primas:«Non se trata só de traballar a madeira, se ti compras unha caixa de madeira en Amazon e aos dous días a tes na casa tampopuco creo que a esteas utilizando co respecto que merece. Pero se ti elixiches a madeira, ou mesmo ti colliches unha póla, cortáchela, torneáchela co teu torno, etc establécese unha relación de respecto co material, de entender que ti non podes ter a madeira cando queiras, tes que esperar o momento preciso». 

«Non se trata só de traballar a madeira, se ti compras unha caixa de madeira en Amazon e aos dous días a tes na casa tampopuco creo que a esteas utilizando co respecto que merece»

Nesa filosofía DIY (“faino ti mesmo”) e de conexión coa natureza encádrase tamén todo un traballo de creación de instrumentos que sintetizan o son de maneira analóxica, como o hipercubo. «Foi o primeiro instrumento que fixen, téñolle moito cariño. Tardei 5 anos en facelo. Empecei en 2014 e deino por terminado en 2019. Consiste nun cubos transparentes e dentro deles hai diferentes circuitos electrónicos. Para min é unha ferramenta para traballar electronicamente de forma física e tamén un recurso de aprendizaxe en torno á música electrónica. O que buscaba era inspirar a xente a entender un pouco como funciona a electricidade e a ciencia e como usar eses recursos a través dunha experiencia artística significativa». 

A divulgación é unha parte moi importante do traballo de Mateo Mena. No seu perfil de Instagram podemos atopar varios videotutoriais sobre estes procesos, por exemplo o do hipercubo, e gustaríalle poder facer máis. Tamén dá talleres e charlas en centros educativos, leva visitados máis de 200 colexios e institutos, e na pasada primavera fixo unha xira por Latinoamérica que o levou a países como Mexico e Perú, e tamén aos Estados Unidos. Hai unha rede internacional en torno á arte sonora, os luthiers e a música electrónica, se ben «a miña rede principal está en Pontevedra e é o colectivo Metamovida». 

Galicia leva polo menos dúas décadas sendo potencia de creadores de artesonora, desde os tempos do Alg-a Lab, con proxectos como Escoitar.org, o propio colectivo SinSal, a Metamovida máis tarde… e nomes como Carlos Suárez, Ramón Souto ou Xoán-Xil López, que o ano pasado foi premiado no Ars Electronica, o maior festival de Europa de arte e tecnoloxía co seu Organscape. Mateo Mena ten colaborado con moitos deles, e con Xoán-Xil desenvolveu o proxecto Volta, «un laboratorio no que deseñamos distintos instrumentos, como unha miniorquestra de sintetizadores. Cada un deles ten a súa personalidade pero o común a todos é seren capaces de conseguir electricidade por si mesmos, usando outros mecanismos como dinamos ou manivelas». Forman parte dunha tendencia que se está desenvolvemendo moito na actualidade, a Off grid electronic music, que traballa con formas de enerxía que non dependan da rede eléctrica.

Con todos estes proxectos de creación e de divulgación, Mateo Mena conseguiu poder dedicarse profesionalmente a isto :«A través de millóns de recovecos podo dicir que vivo neste momento da música, pero non de tocar senón de facer outros proxectos, talleres, concertos, xiras, colaborar con institutos, con proxectos máis persoais e clases particulares de música tamén. Diversificando e sacando un pouco dun lado, outro pouco de outro. Pero é moi dificil a día de hoxe intentar vivir do teu traballo artístico se non tes unha apoio das institucións, ou alguén detrás patrocinándote». Non descarta pór en marcha un Patreon ou algún xeito similar acadar un mecenado a través da súa comunidade de seguidores. «O mecenado existiu sempre pero non deixa de ser unha relación de poder, por iso eu penso que cada vez é máis importante ter o control dos teus propios medios de produción. E de cada paso que das á hora de producir algo», asegura, e conclúe cunha ensoñación: «Se eu fose capaz de minar cobre, de talar as árbores para facer os instrumentos, de traballar o cristal… sería feliz absolutamente. É un pouco o camiño que estou a buscar, algo que me levará toda a vida, pero estou disposto a facer o sacrificio»

 

Vinte instrumentos electrónicos que marcaron a música nas últimas décadas


Dous instrumentos creados por Mateo Mena, o Anurogrillus –escultura sonora que imita o son dun grilo–, e o Serinette–baseado no concepto de secuencia e inspirado nun aparello do barroco que usaban os aristócratas franceses para ensinarlles aos seus canarios cautivos a cantar– fan parte da exposición efémera que se pode ver en San Simón durante os días do festival. Baixo o título “Por que as túas fillas escoitan trap?”, a mostra inclúe unha vintena de sintetizadores, caixas de ritmos e outra máquinas que desde a chegada da electricidade cambiaron a composición e o son da música popular e a música clásica. 

Tiñamos a idea desde hai tempo de traballar arredor da importancia da electricidade e da electrónica nos procesos creativos», explica Julio Gómez, codirector de Sinsal, coa idea tamén de reivindicar «un patrimonio perdido que é absolutamente imprescindible poñer en valor, todo o patrimonio das máquinas. Para empezar contactamos cun coleccionista de Vigo que ten unha colección absolutamente marabillosa de caixas de ritmos e sintetizadores, e trouxemos 20 máquinas, e fomos collendo algúns clásicos da música que se executaron con estes instrumentos». 

Así, case todos os aparellos expostos están moi conectados coa música do recentemente falecido Vangelis, «un creador que fixo de todo», e podemos ver os sintetizadores que foron clave no pop dos anos 80: o Yamaha DX9, de 1985, está moi conectado coa música de Michael Jackson, o Korg Polysix, de 1981, é o da mítica “The Final Countdown” de Europe, e hai outro que é o do “Like a Virgin” de Madonna. «Son instrumentos que están detrás de moitísima música que escoitamos», comenta Gómez, «o Korg MS20 ou o Minimoog son dous sintetizadores que cambiaron a música electronica, todo o krautrock alemán deriva de moitos destes aparatos portátiles, que son a evolución tecnolóxica dos grandes sintetizadores que se usaban nos laboratorios radiofónicos e de televisión». 

O título da exposición ten que ver con esta evolución, que moitas veces xera faltas de entendemento entre xeracións «Chámanos moito a atención esa especia de caza e captura dos mozos agora que cantan con autotune, cando isto se leva facendo desde hai máis de 60 anos, desde o vocoder. O vocoder naceu como proxecto paralelo ao proxecto Manhattan, polos científicos americanos, para codificar as chamadas telefónicas. E saltou á música grazas á música urbana afroamericana dos anos 70», explica Julio Gómez. «Hai unha especie de "batalla polo poder", unha defensa do lugar arredor da música. Que os fillos estean desconectados dos pais é marabilloso, é o que ten que ser. Porque os fillos deben pertencer ao momento, ser adolescente é unha vez na vida e queres conectar co teu tempo. É normal que a música sexa diferente. Agora está o trap, antes o hiphop, e pasou coa música electrónica dos 90, esa especie de conflito que se creou co rocanrol, e á súa vez a xente do rocanrol nos anos 70 aos que lles chamaban melenudos». 

«Hai unha especie de "batalla polo poder", unha defensa do lugar arredor da música. Que os fillos estean desconectados dos pais é marabilloso, é o que ten que ser.

Todo este patrimonio das máquinas permite trazar unha liña que «en Galicia é moi circular, podes atopar por un lado a vangarda pero no mesmo fío están todas as orquestras de música popular galegas. Para os músicos da verbena a chegada dos sintetizadores supuxo un paso adiante que modificou o seu repertorio: pasamos das orquestras eléctricas-acústicas ás electrónicas onde o órgano marcaba o ritmo e o compás». Os órganos Rolland que vemos nos palcos tamén son historia da nosa música, están en mans de coleccionistas particulares e son un patrimonio esquecido que grazas a Sinsal estes días podemos recuperar para entender mellor de onde vimos, e ver por onde nos poden levar novos camiños como os que propón Mateo Mena nas súas investigacións. 


 

Parladoiros no Festival Sinsal: 


Sábado 23, de 19.00 a 20.00 horas na cafetaría da illa de San Simón. 

Encontro con Mateo Mena

O artista realizará unha introdución aos diferentes procesos de construción de instrumentos musicais electrónicos a través de deseños propios, nos cales combina técnicas e recursos dos campos da ciencia, a arte ou a artesanía, ilustrando a súa particular visión da “luthería electrónica”. Durante a charla, poderán escoitarse e tocar algúns dos instrumentos.


Domingo 24, de 19.00 a 20.00 horas na cafetería da illa de San Simón

Demostración de Theremin con Paulo Pascual

O vigués Paulo Pascual amosaranos como funciona o Theremin e as súas técnicas para xenerar sons, interpretar melodías, etc. Na súa sesión, as e os asistentes poderán experimentar e descubrir os segredos deste marabilloso instrumento. 

 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Tamén che interesa

  • Organscape. Os premios Ars Electrónica recoñecen a arte sonora de Xoán-Xil López

    Con esta instalación e serie de composicións, o artista compostelán recrea os sons dos paxaros para sintetizalos e adaptalos ao son e características mecánicas dun órgano. Vén de levar unha mención honorífica nos premios Prix Ars Electronica 2021 que outorga o festival Ars Electrónica de Linz (Austria), un dos máis prestixiosos da arte dixital a nivel mundial, na categoría de música dixital e arte sonora, que nesta ocasión recibiu 3.158 proxectos enviados desde 86 países.

     

    Artes
  • Estes artistas víchelos primeiro en San Simón

    Víchelo no Sinsal antes. Se es fiel ao festival que se celebra en San Simón, probablemente asines esta frase con moitos dos artistas que pasaron pola illa desde o primeiro concerto en 2010. O cartel é secreto pero a aposta polo incógnito nunca sae mal. Repasamos algúns dos artistas que cando viñeron ao SinSal eran case descoñecidos e logo tiveron ou teñen unha carreira brillante, dando mostra do gran olfacto de Luis Campos e Julio Gómez, directores do festival.

    Música
  • Exploradores en San Simón. Un documental en realidade virtual achéganos ao Festival Sinsal

    Unha illa inhabitada no Atlántico que coñecemos ben, 5 anos de residencia artística, 4 tendencias tecnolóxicas e 6 artistas internacionais que pasaron polo festival Sinsal conflúen en Exploradores en San Simón, un proxecto artístico que, segundo os seus creadores, «derruba as barreiras entre a música, o deseño e a interacción», e que agora podemos ver en formato de serie documental en varias plataformas de realidade virtual. 

    Pantallas

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.