Con esta instalación e serie de composicións, o artista compostelán recrea os sons dos paxaros para sintetizalos e adaptalos ao son e características mecánicas dun órgano. Vén de levar unha mención honorífica nos premios Prix Ars Electronica 2021 que outorga o festival Ars Electrónica de Linz (Austria), un dos máis prestixiosos da arte dixital a nivel mundial, na categoría de música dixital e arte sonora, que nesta ocasión recibiu 3.158 proxectos enviados desde 86 países.
Tal e como explica o autor na súa web, Organscape, que foi unha encarga do festival De lugares e órganos, celebrado o ano pasado en Compostela, formúlase arredor de dous elementos que conviven e dialogan. Por un lado a instalación Organismo I, unha caste de autómata que emula un repertorio de sons asociados co mundo natural, e por outro unha serie de de pezas breves para órgano que parten da conversión de gravacións de campo de diferentes localizacións xeográficas ás características deste instrumento histórico.
Este traballo parte dunha investigación relativa aos rexistros especiais que atopamos nalgúns órganos, principalmente durante o período Barroco, destinados a imitar sons paramusicais como o dos paxaros ou o dos tronos. Así, Organscape afonda na idea da mímese musical da paisaxe sonora, un ámbino no que Xoán-Xil leva anos traballando, en colectivos como Escoitar.org ou Mediateletipos. Nesta representación mecánica da nosa contorna natural audible «non se trata tanto de conseguir unha imitación fiel, senón de esbozar certas características acústicas do material evocado, o vento ou un enxame, por exemplo. Unha tensión que nos sitúa entre a utopía e a distopía», afirma o creador.
Segundo a declaración do xurado o interese de Organscape descansa «en que parte dunha formulación oposta ao da maioría de traballos dixitais aos que estamos afeitos. O traballo emula un repertorio de sons asociados coa natureza, como o canto dos paxaros, a través dunha instalación e unha serie de pezas curtas para órgano que re-sintetizan ou imitan gravacións de campo de diferentes localizacións xeográficas. É brillante na súa simplicidade, aínda que complexo á hora de conseguir esta síntese sonora cuxa intención non é emular á perfección a realidade, senón alcanzar unha variación que evoque o mundo natural. Estes autómatas lémbrannos que a síntese sonora non só pertence ao século XXI ou ao mundo computerizado, esta instalación fainos viaxar a un pasado que nunca existiu e navegar a través dunha terra que nunca foi»
«Non se trata tanto de conseguir unha imitación fiel [da natureza], senón de esbozar certas características acústicas do material evocado, o vento ou un enxame, por exemplo. Unha tensión que nos sitúa entre a utopía e a distopía»
Os Prix Ars Electronica entrégase cada ano en Linz desde 1987 e reciben proxectos relacionados coa animación, a música e a arte electrónica e interactiva. Na categoría de música electrónica e artes sonora esta última edición concedeulle o máximo galardón ao alemán Alexander Schubert polo traballo Convergence, e outros recoñecementos a artistas como os estadounidenses Rashin Fahandej ou Holly Herndon, o xaponés evala ou os compositores españois Óscar Escudero e Belenish Moreno-Gil.
Xoán-Xil López é artista sonoro e investigador cuxo traballo xira ao redor da práctica fonográfica (gravación de campo) e a experimentación sonora adquirindo a forma de instalacións, situacións inmersivas de escoita, composicións, performances e textos. É un dos co-fundadores de Escoitar.org, un colectivo interdisciplinar dedicado ao estudo da paisaxe sonora e da auralidade (dimensión cultural de escoita), que estivo activo desde 2006 a 2016. Tamén forma parte dos proxectos Mediateletipos (arte sonora), Ulobit (improvisación) e Voltage Opposite (danza), e colabora con diferentes formacións como o ensemble de música contemporánea Vertixe Sonora, a compañía Gigacircus ou a proposta de música electrónica Haarvöl.
No último ano, entre outras actividades publicou, xunto a Mauro Sanín, O Abellón. Ou libro negro dás zoadeiras, un traballo que se centra nas abellas, os bordones e as prácticas rituais en Galicia e compuxo Organscape. Tamén realizou unha residencia de creación en Medialab-Prado para producir con Horacio González Krystallos, unha instalación audiovisual multicanal presentada, xunto con outras dúas instalacións sonoras, Frautas esquecidas e Cinza no festival internacional de arte sonora IN-SONORA. A súa composición electroacústica Ortegal foi incluída na exposición colectiva Audiosfera comisariada por Francisco López.