Exploradores en San Simón. Un documental en realidade virtual achéganos ao Festival Sinsal

Unha illa inhabitada no Atlántico que coñecemos ben, 5 anos de residencia artística, 4 tendencias tecnolóxicas e 6 artistas internacionais que pasaron polo festival Sinsal conflúen en Exploradores en San Simón, un proxecto artístico que, segundo os seus creadores, «derruba as barreiras entre a música, o deseño e a interacción», e que agora podemos ver en formato de serie documental en varias plataformas de realidade virtual. 

O equipo que agora forman Toño Cabanelas, Antonio Víctor García-Serrano, Víctor Bermudo e Alexandre Cancelo chegou en 2015 á illa para participar nunha escola sobre tendencias tecnolóxicas e desde aquela regresou cada ano para aproveitar o encontro creativo que sucedía no Festival Sinsal Son Estrella Galicia e seguir explorando as posibilidades das tecnoloxías inmersivas vinculadas á música, ao patrimonio a e unha contorna tan singular como é San Simón.  O resultado é Exploradores en San Simón, o documental producido en colaboración co festival e que fai parte da plataforma Liveforevr, proxecto apoiado polo Ministerio de Cultura do que falamos hai uns meses en VINTE.

A intención deste proxecto, segundo os seus impulsores, «sempre foi a de explorar o potencial das tecnoloxías inmersivas para narrar e desenvolver un prototipo viable para documentais en realidade virtual, combinando enxeñería, comunicación, produción cinematográfica e programación para crear unha experiencia multimedia». Este equipo multidisciplinar vén traballando sobre catro áreas diferentes arredor do concepto de “Produción Virtual”: VR 3D_180_360, Spatial Audio 3D, Mixed Reality e Artificial Intelligence/Deep Learning. Con estas tecnoloxías, Exploradores en San Simón tratou de crear «unha forma innovadora de chegar a audiencias en todo o mundo que poda servir de inspiración a festivais e artistas». 

Raül Refree e Lina, Michael Rother (Neu!, Kraftwerk), María Arnal i Marcel Bagés, Malandrómeda, Rodrigo Cuevas ou os malaios Venopian Solitude protagonizan os primeiros episodios deste documental, que xa podemos ver en Oculus TV, Youtube VR e Liveforevr TV.

A maioría destes artistas tiveron en San Simón a súa primeira experiencia con estas tecnoloxías, e tivéronse que familiarizar con elas. «Deben comprender que as cámaras van estar ou directamente enriba do escenario ou moi preto. Iso é o primeiro, convivir cunha cámara estática e esférica. E logo hai que explicar que se trata dunha tecnoloxía experimental que vai levar tempo de postprodución e que o resultado nunca está cen por cen claro», explica Álex Cancelo. Despois, «unha vez que poden acceder e verse e escoitarse a reacción é sempre positiva. Sorprende moito a imaxe pero en ocasións sorprende incluso máis o son espacializado que reacciona co movemento». Por iso é importante escoitar ben estas pezas, máis alá de velas co efecto xiratorio do móbil ou do punteiro do ordenador, de gozar da esteroscopía con gafas 3D ou da experiencia completa con dispostivos de realidade virtual como Oculus

Mais Exploradores en San Simón quere ir máis alá de ser unha galería de concertos ou actuacións. «É por si mesmo un documental musical inmersivo e un laboratorio de experimentación audiovisual. Vai seguir medrando e as pezas do crebacabezas non teñen porque ser sempre baseadas en actuacións musicais», explica Toño Cabanelas: «Imos máis alá dos concertos e acompañamos a algúns dos grupos na gravación de cilindros fonográficos co artista londinense Aleks Kolkowski. Ensaiamos diferentes técnicas e as propias pezas sinalan unha evolución tecnolóxica na VR que abrangue os últimos seis anos». 

Nese sentido os artistas que colaboraron foron un pouco cobaias destes experimentos, asumindo, con toda a «paciencia e confianza», que probar novas tecnoloxías é unha viaxe incerta e iso forma parte da maxia. Conta Cabanelas que «con María Arnal i Marcel Bagés utilizamos por primeira vez unha cámara daquela experimental, a Insta Pro 360, que permitía gravar en 360º, 3D e 8K. Non foi ben e durante anos non puidemos utilizar as imaxes ata que as sometemos a un proceso complexo de postprodución para salvalas e aí apareceu, por fin. Exploradores en San Simón narra tamén esa viaxe que non se detén e que continúa». 

A esta forma de experimentar de forma aberta cos artistas súmase a posibilidade de facelo nun escenario estimulante como o que supón a illa de San Simón, a súa natureza e o seu vasto patrimonio cultural. «A illa é de por si inmersiva, cando estás co festival permaneces varios días aí e deixas que che vaia permeando. Entras nun estado estrano no que o espazo se comprime e a illa se convirte nun continente. Cada pequeno espazo da illa ten condicionantes que o fan único. O vento ou a luz varían moito e axudan a crear esta sensación», explica Cancelo, sinalando tamén a importancia da historia que marcou San Simón: «Na illa conviven todos os seus tempos á vez. Están o campo de concentración, a lírica medieval, o lazareto, a batalla de Rande... É imposible non deixarse levar por todo isto. E á vez queres facer partícipes os artistas. Neste caso temos a Michael Rother paseando e meditando e sinalando contradicións e controversias sobre a propia utilización da illa». 

Así o podemos ver no capítulo introdutorio da serie, no que o músico alemán, que foi parte de formacións como Neu! ou Kraftwerk conversa con Rafa Romero de Sinsal reflexionando sobre o pasado de San Simón. 

Pasado e futuro sempre dialogan no Sinsal SON Estrella Galicia, e tamén en pezas coma o capítulo 2, no que Raül Refree e Lina trouxeron á illa a súa visión do fado do século XXI, na edición de 2019 no festival, con outro experimento singular: a voz de Lina era gravada nun fonógrafo con máis de cen anos e resonaba o pasado da lírica medieval que impregna a illa de San Simón. Pouca xente puido estar alí pero nós podemos presencialo agora de maneira inmersiva, coma se regresásemos a un mundo sen pandemia. 

A medida que as tecnoloxías de realidade virtual e extendida se van consolidando no mundo fanse máis accesibles, e público de todo o mundo pode gozar destas experiencias creadas en San Simón. Mais tamén hai un circuíto expecializado na VR e festivais aos que Exploradores en San Simón quere chegar para mostrar esta confluencia única entre música, natureza, historia e tecnoloxía. Trátase, á fin e ao cabo, de buscar maneiras innovadoras de compartir e consumir música, que se acheguen ao estado na arte destas tecnoloxías pero que tamén as poidan achegar ao gran público. 

Para iso rematamos esta viaxe virtual a San Simón con Malandrómeda. No ano 2016 editaron a parella de discos que os levou a ser álbum do ano en Rockdelux, e deron un concerto inesquecible no Sinsal. Alí estaba o equipo de Exploradores, traballando «cunha cámara que hoxe xa está desfasada», co que tamén tiveron que facer un traballo importante de postprodución e reescalado que nete caso axudou a crear «unha experiencia preto dos debuxos animados que lle presta á canción», sinala Cancelo, «e ao propio Hevi, tamén hai que dicilo».

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Relacionado

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.