Liveforevr. O primeiro fanzine de realidade extendida (XR) do mundo faise desde o patrimonio cultural galego

Co patrocinio de

© Olalla Lojo & Toño Cabanelas

O 20 de setembro presentouse na rede Liveforevr, un novo fanzine web que explora as posibilidades da realidade virtual (VR). a realidade aumentada (AR), a combinación destas dúas (realidade mixta), e en definitiva a combinación destas tres linguaxes no que se dá en chamar realidade extendida. O número 0 preparouse desde Seixo, Marín, e os seus impulsores son maioritariamente galegos. 

O director de Liveforevr é Toño Cabanelas, creador e investigador audiovisual que leva anos traballando internacionalmente con estas tecnoloxías inmersivas, tanto no ámbito comercial como sobre todo no máis ligado á innovación artística. Desde que en 2015 puxera en marcha a o encontro Exploradores en colaboración co festival SinSal San Simón, quixo vincular boa parte da súa actividade de innovación tecnolóxica á divulgación e experimentación en torno ao patrimonio artístico, en eventos como o TekFest (Pontevedra) ou WOS Festival (Santiago), ou experiencias performativas como o Seixodélica no Cine Seixo de Marín. 

A canle que escolleu agora para divulgar os seus traballos de realidade extendida e patrimonio é este «fanzine inmersivo e distópico» que se quere converter «nunha plataforma de telepresenza virtual interconectada por dispositivos dixitais: gafas 3D, smartphones ou PCs, ou ben desde espazos físicos en formato de instalación/evento», tal como explica na propia web de Liveforevr. 

O obxectivo deste proxecto é, nesta presentación «darlle resposta a unha nova xeración de creadores e audiencias que demandan diferentes medios e experiencias culturais», a través da inmersión, a accesibilidade e a interacción, de xeito que se difumine a liña entre creador e público. Entre o equipo que colaborou neste primeiro número están a fotógrafa Olalla Lojo, o cineasta Alexandre Cancelo, o artista sonoro Víctor Bermudo, o escritor e guionista Javier González ou o artista dixital e desenvolvedeor web XR Orgio Valdivieso. Liveforevr publícase por números coma unha revista. Por agora podemos gozar na web do número 0, toda unha declaración de intencións, e o número 1 chegará contra finais de ano. 

O obxectivo é «darlle resposta a unha nova xeración de creadores e audiencias que demandan diferentes medios e experiencias culturais»  a través da inmersión, a accesibilidade e a interacción.

Este número 0 titúlase Viaje a la isla efímera e contén varios apartados s pezas diferentes. En “La Isla” vemos unha colección de fotografías estereoscópicas ou anaglifos que se presenta como un «mapa 3D enigmático con referencias ao cinema experimental, a literatura e a arte contemporánea». Son imaxes coma esta feitas a partir de fotografías analóxicas feitas este verán por Olalla Lojo, que se revelaron e se dixitalizaron despois usando algoritmos de deep learning e intelixencia artificial para pasalas a 3D. 

O resultado é unha viaxe inmersiva polas paisaxes, as formas abstractas e as texturas rochosas atopadas en 3 km cadrados de natureza case virxe da zona de Seixo, como a praia de Aguete, Loira, A Ribeiriña Pequena ou a pequena illa do Santo do Mar, só visible cando a marea o permite, e que contén restos dun santuario milenario.

© Olalla Lojo & Toño Cabanelas

 

Mais a inmersión que propón Liveforevr non é só visual: no apartado “El viaje” atopamos un podcast en audio 3D binaural que é unha moi boa introdución ao proxecto: contén mesturas sonoras, música e unha conversa cos impulsores do proxecto que nos sitúa no universo temático que veremos neste número e nos que están por vir. 

 

No apartado “Second Face” deste número pódese ver a videocreación Pedras, o seu primeiro video live inmersivo en streaming desde YouTube. Con esta peza “queremos reflexionar sobre os espellismos virtuais e a súa proxección co mundo da natureza”, e pódese gozar dela en 2D, se ben está concebida para vela en gafas 3D e escoitala de maneira inmersiva con auriculares. 

 

E chegamos á realidade virtual con Sketches of an Island, unha serie capítulos publicados en VR para Oculus TV, que podemos encaixar no xénero micro-documental ou de vídeo arte inmersiva. O primeiro destes episodios titúlase “A través de las puertas” e, segundo explican, resume o obxectivo de xuntar os tres fenómenos culturais que se atopan no ADN da publicación: a música, a arte e a ciencia ficción.

 

Ata aquí uns petiscos do que podemos atopar en Liveforevr, unha experiencia que paga a pena ver e escoitar con calma mergullándonos nas profundidades da súa web. Axiña virá o número 1 con máis propostas de viaxe inmersiva no espazo e no tempo estes lugares máxicos e cargados de memoria que habitamos no Atlántico norte. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.