Estes artistas víchelos primeiro en San Simón

VINTE

Víchelo no Sinsal antes. Se es fiel ao festival que se celebra estes días en San Simón, probablemente asines esta frase con moitos dos artistas que pasaron pola illa desde o primeiro concerto en 2010. O cartel é secreto pero a aposta polo incógnito nunca sae mal. Repasamos algúns dos artistas que cando viñeron ao SinSal eran case descoñecidos e logo tiveron ou teñen unha carreira brillante, dando mostra do gran olfacto de Luis Campos e Julio Gómez, directores do festival. Fotos: Olalla Lojo & David Tombilla.

Víchelo no Sinsal antes. Se es fiel ao festival que se celebra estes días en San Simón, probablemente asines esta frase con moitos dos artistas que pasaron pola illa desde o primeiro concerto en 2010. O cartel é secreto pero a aposta polo incógnito nunca sae mal. Repasamos algúns dos artistas que cando viñeron ao SinSal eran case descoñecidos e logo tiveron ou teñen unha carreira brillante, dando mostra do gran olfacto de Luis Campos e Julio Gómez, directores do festival. Fotos: Olalla Lojo & David Tombilla.

  • 01

    Ariel Pink’s Haunted Grafitti

    O primeiro concerto de Sinsal en San Simón non foi estritamente co formato de festial senón nun programa especial chamado Insólitos, que buscaba explorar novos espazos singulares para a música en directo. O espazo da illa de San Simón estreouno Ariel Pink’s Haunted Grafitti, co seu pop psicodélico chegado de Los Ángeles. Nun concerto moi recordado porque o cantante non subíu ao escenario en case ningún momento, e que algún fan puido capturar en vídeo

  • 02

    BFlecha

    No 2011 fíxose a primeira edición na illa xa con formato de programación, e xa nesta primeira edición destacou unha aposta forte por artistas femininas que viñan de Arxentina, Francia ou Estados Unidos, mais nunca esqueceremos que foi a primeira vez que moitos vimos a BFlecha, o proxecto da viguesa Belén Vidal, que dez anos despois segue consolidada como unha das referencias da vangarda electróncia internacional. 

  • 03

    alt-J

    Na segunda edición, a de 2012, xa se consolida o formato do festival e medra o hype. Un dos grupos que máis empezaba a soar da quela no circuíto alternativo a banda británica alt-J co seu brillante álbum de debut An Awesome Wave, que meses máis tarde sería gañador do Mercury Prize. 

  • 04

    Triángulo de Amor Bizarro

    2013 foi un ano fatídico: nas datas do festival sucedeu o accidente do tren Alvia en Angrois, Compostela, e a edición do Sinsal aprazouse a setembro. Mais desa edición recordaremos a Triángulo de Amor Bizarro, que deron un dos concertos máis recordados do festival, presentando o seu terceiro álbum, Victoria mística

  • 05

    Jambinai

    No 2014 o festival medra un pouco en número de actuacións e as descubertas viñeron de lugares ben lonxanos. Unha das grandes sorpresas foi Jambinai, de Corea do Sur, que se converteu nun dos grupos do k-indie máis coñecidos fóra do seu país. Hai dúas semanas fixeron un concerto para a serie Tiny Desk da NPR. Como tamén o fixo hai dous meses Mdou Moctar, cantautor tuareg de Níxer que estivo en San Simón naquela cuarta edición. 

  • 06

    Owen Pallet

    No 2015 o canadense Owen Pallet (antes Final Fantasy) viña de lanzar o seu cuarto álbum, In Conflict, e o público do SinSal tivo a ocasión de velo en directo, como tamén a banda de San Francisco Deerhoof e o músico alemán, Michael Rother, que formou parte de algunhas das bandas máis importantes da escena krautrock, como Kraftwerk, Neu! e Harmonia. Un ano delicatessen no que tamén puidemos ver a Sen Senra, o vigués aficado en Madrid que hoxe é adorado na escena do electropop estatal. 

  • 07

    ALA.NI

    Na edición do 2016 os programadores do Sinsal descubríronnos a banda británica de jazz Sons Of Kemet, que este ano sacaron o seu cuarto disco, Black to the Future. Tamén nos trouxeron a cantautora arxentina Juana Molina e a fermosa voz de jazz de ALA.NI, cantante británica de procedencia antillana. 

  • 08

    María Arnal i Marcel Bagés

    No verán de 2017 o dúo barcelonés acababa de empezar a xirar presentando o seu primeiro álbum, 45 cerebros y un corazón. O seu primeiro single, “Tú que vienes a rondarme” leva uns meses petando na cabeza e noutras partes do público que ao chegar á illa descobre que van estar no escenario principal, nun concerto no que terán moi presente a memoria histórica presente en San Simón e tamén no seu disco. Catro anos despois volven remexernos e soben a aposta electrónica e especulativa co seu segundo álbum, Clamor. A outra gran sorpresa de aquel día foi ver a Bonnie Prince Billy, referente absoluto do folk americano ‘rarito’ que xa Sinsal trouxeran a Vigo en 2007, desta vez acompañado de Bitchin’ Bajas. No vídeo podemos ver a súa actuación nunha das gravacións de realidade virtual do proxecto Exploradores en San Simón

  • 09

    Nakhane

    En 2018 as descubertas máis felices viñeron de África, con Les Filles de Illighadad, trío feminino de blues tuareg desde Nixeria, e x surafricanx Nakhane, reivindicadx, artista queer reivindicadx por xente como Anohni, John Cameron Mitchell ou a mesmísima Madonna. E tamén de Turquía, coa banda Altın Gün, con compoñentes de Anatolia que residen en Amsterdam. 

  • 10

    Lina & Raül Refree,

    Na última edición ata hoxe volveu estar presente a música de Turquía coa cantante Gaye Su Akyol, unha das figuras importantes do colectivo LGBTIQ+ no seu país e en Europa. Tamén puidemos gozar da exquisita unión da fadista portuguesa Lina con Raül Refree, que fixeron unha sesión moi especial no mirador do Paseo dos Buxos. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.