Antía Muíño. Cancións que achegan emocións

Antía Muíño foise facendo un oco no mundo da música coa ilusión de quen ten claro o que quere transmitir coas súas cancións. Estes dous anos de concertos e de preparación do seu primeiro disco levárona a ser merecedora do Premio Martín Códax á Mellor Artista Emerxente. Vén de publicar Carta aberta, un traballo no que quixo recompilar as músicas que a representan mantendo un son moi orgánico, o máis parecido aos directos.

 

«Quería recoller o que levaba facendo estes anos nos directos e que o disco reflicta a frescura e o son acústico porque é o que son eu. Quixen ser fiel a isto que me representa, aínda que agora estea en auxe un tipo de música que se afasta moito disto. Penso que a canción nunca deixa de estar aí, esa maneira tan natural de comunicar, sen trampas e de maneira directa, como nunha carta aberta aos demais», conta Antía Muíño.

Para esta compostelá que se licenciou en Dereito na Universidade de Santiago, mentres o compaxinaba cos seus estudos no conservatorio, editar Carta aberta era un paso moi necesario para presentar ao mundo a súa música: «É como o teu fillo, eu estou contentísima. Estou desexando amosalo e compartilo, faime moita ilusión». O disco, editado por Raso Estudio, preséntase en formato dixital, cd e vinilo. 

Antía Muíño © Raso

Antía Muíño vive entre Donosti e Galicia, onde ten a maioría dos concertos. Marchou para Euskadi para estudar o grao superior de guitarra no Musikene, o centro superior de música do País Vasco, e alí atopou un segundo fogar. Por moito que siga coa mentalidade de volver instalarse por aquí nun futuro. «Meu pai é de Baio e miña nai de Cee, sempre que vou a Galicia a Costa da Morte é unha parada obrigada, pero non só por ver á familia, é que me dá moita paz. É o sitio onde máis me gusta ir», confesa.

O traballo detrás das cancións de Carta aberta fala dun interese constante por facer medrar os temas e aproveitar cada directo para aprender algo. «Gústame moito variar os temas en función do escenario, entón, tardei un pouco en dar o paso a gravar», apunta Antía Muíño. Gravou o disco en Oiartzun, moi preto de Donosti, no estudio Lezoti. Un enclave rodeado de verde e de animais: «Estás na sala de gravación e tes unhas ventás enormes polas que ves a montaña coas vacas e as galiñas por alí. Sentinme súper cómoda».

Escoller o repertorio para incluír no disco supuxo compaxinar os temas que sabía seguro que tiñan que estar, porque son eixos centrais dos seus directos, con algunha sorpresa incluso para quen xa a puido escoitar en directo varias veces. Trátase dun traballo de contrastes que bebe da música tradicional galega, pasada polo filtro da artista, aínda que non só, pois hai cancións como “La llorona” ou “Une jeune fillette” que forman parte doutras tradicións. Hai moita poesía, pois colle poemas de María Mariño, Manuel María e Ricardo Carvalho Calero para “Mar de fondo”, “Terra” e “Nunha estrela”, respectivamente; e temas compostos integramente por ela como o propio “Carta aberta” e “Noviembre”.

Lembra que o futuro está para ti canta Antía Muíño no tema “Carta aberta”, que dá nome ao disco. «Como artistas bebemos de moitas fontes e cando compoño non penso nun artista en concreto, ao final toda a bagaxe de escoita que levas contigo sae soa no que ti fas. Teño artistas moi escoitadas, Silvia Pérez Cruz é unha delas, ou outras como Natalia Lafourcade e Silvana Estrada, á que agora estou escoitando moito. Joyce Moreno, máis na onda da bossa nova e da canción brasileira, tamén me gusta moito. Caetano Veloso... moitos nomes ligados á música popular e de autor, a que escoitei máis na infancia, que penso que me define moito a nivel musical. Pero son os estilos os que me guían, máis que os artistas en concreto», salienta.

'Carta Aberta' é o primeiro disco da artista compostelá © Raso

«A unidade do disco está no concepto: o son acústico, a naturalidade e a emulación do directo. Quixen que cada tema fora da súa nai e do seu pai, algúns beben máis do pop e outros teñen toques máis jazz, outros son claramente un arranxo dunha canción tradicional. Son bastante distintos e quería que fose así porque a min gústame iso. Cando escoito o disco de alguén quero que me sorprenda, no disco hai unha canción –“Une jeune fillette”– que é unha revisión dun tema popular francés que nunca fixen en directo e sempre quixen revisitalo porque o relaciono coa miña etapa de estudante de guitarra clásica», debulla a artista.

Para Antía Muíño o máis natural é transmitir as súas emocións a través da música, pero tamén está medrando como letrista e cada vez se lanza máis a escribir os seus propios temas. «Desde nena estou moi acostumada a liberar as emocións tocando e as letras sempre me pareceu un terreo moi difícil. Ás veces son raiadas mentais, porque temos poetas marabillosas como referentes, pero é algo polo que hai que pasar. Cada vez estou escribindo máis e gustaríame que para futuros traballos a miña parte como letrista estea máis presente», sinala.

Aos sete anos colleu a primeira pandeireta, o canto xa o levaba con ela porque lembra que sempre estaba a cantar na casa. «Sempre me sentín moi cómoda cantando en público, encántame subirme a un escenario e, en parte, pode ter que ver con etapa de nena. Agora ademais vivimos un auxe da música tradicional, reinventada en moitas ocasións, pero benvido sexa que estea de moda. Eu creo que a música é liberadora na infancia e que é moi importante a ensinanza non regrada que se fai desde asociacións ou escolas municipais», asegura a compostelá.

Comezou coa guitarra aos 12 anos. «Foi no conservatorio onde aprendín realmente todo o que sei e que agora podo aplicar. Concretamente, tiven a sorte de ter un profesor moi bo no conservatorio de Santiago que foi Xosé Antonio Rodríguez, quen me meteu a espiña da guitarra», lembra. Ao principio só tocaba, tardou bastante en acompañar a voz coa guitarra, pero foi un proceso lento. «Estudei guitarra clásica no conservatorio e, ao final, a miña maneira de tocala para acompañarme bebe moito de aí. Penso que isto tamén é un sinal de identidade porque non é tan habitual», engade.

Antía Muíño está percorrendo o camiño que escolleu coa súa música, sen as presións da industria, e centrándose no que quere transmitir. «Que se me recoñecera nos Premios Martín Códax entre tantas artistazas que hai, simplemente pola música e sen ter unha campaña de marketing detrás, é unha honra», afirma a artista, que presentará o disco nunha xira desde comezos de 2023. 

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Máis Vinte

  • LaMontagne & PicoAmperio. Onde a lírica se mestura coa música

    Algo que sinalar é o primeiro disco de LaMontagne & PicoAmperio e o resultado da busca dun universo musical compartido a partir de versos propios e alleos pasados por coidados loops, é a primeira parada dunha viaxe que Laura (Lugo, 1993) e Pedro (Teo, 1995) comezaron no ano 2019 e coa que levan máis de cen actuacións en directo. 

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.