Este 2022 foi un ano de recuperación de encontros, de iniciativas culturais, de apertas, de bailes, de festivais, da vida sen máscaras na rúa… Tanta colleita pedía un bo repaso e en VINTE liamos a vinte persoas próximas á revista para que recompilasen os seus destaques do ano tanto relacionados con Galicia como doutras latitudes.
Contamos cos destaques de 2022 das escritoras Berta Dávila e Carlos Meixide, editoras de Rodolfo e Priscila; do xornalista especializado na información musical Marcos Blanco Gendre; do profesor de Comunicación Audiovisual da USC, músico autor do podcast FAN FAN Cibrán Tenreiro; do escritor e editor Ramón D. Veiga; do poeta Jesús Castro Yáñez; da xornalista e produtora cultural Andrea Villa; do responsable d’A regueifa plataforma 2.0 Noel Feáns; das xornalistas Ana Gayoso, Uxía Bereijo, Belén Teiga, Iria Curros, Bárbara G. Vilariño e Dani Portela; dos compañeiros do podcast Café Derby 21 Carme D. Prol, Nico C. Pena e Adrián Lede; do director de Praza.gal, David Lombao; da xornalista de Praza.gal e VINTE Ana G. Liste; e da directora de VINTE, María Yáñez.
Pedímoslles a estas vinte persoas achegadas ou que adoitan colaborar con VINTE que nos escollesen o que para elas fosen os vinte acontecementos culturais máis importantes do ano. Entendendo a cultura de maneira ampla: libros, discos, cancións, concertos, exposicións, obras de teatro, estreas de cinema, aniversarios, cousas de internet, mesmo acontecementos sociais e políticos que dalgún xeito estean a cambiar tamén a cultura do tempo que vivimos. Serían dúas listas en realidade: dez cousas relacionadas con Galicia e dez sen relación especial con Galicia. Sen orde de preferencia. Podedes ver as súas escolmas individuais un pouco máis abaixo.
De todos xeitos o noso traballo tamén era procesar un pouco esta información para contarvos, de entre todas as escollas, que é o máis destacado do ano do universo VINTE. Hai varios acontecementos que se repiten e con eles fixemos unha especie de lista final. Aquí volos explicamos.
É posible que se pensades no máis salientable do ano haxa un nome que vos veña á cabeza, así lles sucedeu a máis da metade das amizades colaboradoras para esta aventura de resumir o ano a partir de vinte acontecementos culturais. Pois si, as Tanxugueiras son as que aparecen en máis listas! Como non podía ser doutra maneira, xa que en poucos meses pasamos da aldraxe do Benidorm Fest con “Terra” a unha xira incansable cun novo disco, Diluvio, polo medio. Pero ollo, porque hai outro protagonista destacado, o poeta de Mazaricos Ismael Ramos, que foi galardoado co Premio Nacional de Poesía Joven «Miguel Hernández», que outorga o Ministerio de Cultura, por Lixeiro (Xerais).
Hai acontecementos que fican na memoria e neste século o Prestige é un dos inesquecibles. O vinte aniversario da catástrofe deste petroleiro que afundiu diante da Costa da Morte e as lembranzas da marea negra repítense, da mesma maneira que agroma o debate arredor do filme de Rodrigo Sorogoyen As Bestas, que activa de volta a aldraxe sobre a visión exterior do rural galego e tamén nos fai lembrar o crime da aldea de Santoalla, que quedara plasmado nun documental, e que agora vai camiño de facer historia nos Goya con Luis Zahera e Diego Anido competindo no premio ao mellor actor de reparto.
As Tanxugueiras son as que aparecen en máis listas deste 2022, nas que o poeta Ismael Ramos tamén está destacado
Outro aniversario, neste caso centenario, estivo moi presente na acción cultural deste 2022, no que nos achegamos á figura da actriz María Casares, para moitos aínda unha descoñecida. Entre as homenaxes que tiveron lugar ao longo do ano, resalta a peza teatral Continente María, protagonizada por Melania Cruz baixo a dirección de Tito Asorey. Como tamén aparece destacada en varias ocasións a escritora Marilar Aleixandre, que coa novela As malas mulleres (Galaxia)foi distinguida co Premio Nacional de Narrativa do Estado.
En 2022 houbo un cambio na Xunta, que non por agardado é menos destacado. A saída de Alberto Núñez Feijóo para presidir o PP é o asunto político do ano para as nosas colaboradoras, que non esquecen á gañadora do Premio Nobel de Literatura, a francesa Annie Ernaux, da que hai moitas lectoras nas nosas filas. Pois ademais dos libros de Ismael Ramos e Marilar Aleixandre, vemos moitas veces repetidos títulos como a novela Os seres queridos de Berta Dávila, Premio Xerais de Novela 2021, e o primeiro libro de Brais Lamela, Ninguén queda, editado por Euseino.
O triunfo da cineasta catalana Carla Simón facéndose co Oso de Oro por Alcarràs no Festival de Berlín, o novo disco de Taylor Swift Midnights, a incerteza arredor de Twitter coa compra por parte de Elon Musk e a súa posible desaparición ou a recuperación da canción de Juan Pardo “Xuntos” por parte de Familia Caamagno tamén están entre os acontecementos máis relevantes que podedes atopar nas listas individuais completas, que vos deixamos a continuación.
As listas individuais
Adrián Lede
Relacionado con Galicia
- O fenómeno Tanxugueiras
- O éxito de As Bestas
- Unicorn Wars e os Goyas para a nosa animación
- O aniversario de Atlántico de Xoel López
- "O doblete" conseguido por Marilar Aleixandre e Ismael Ramos
- A Estrela Michelin para Ceibe (triunfo dunha cociña moza e feminina)
- As columnas de Mariano Rajoy no Mundial
- A volta de Carlangas
- A primeira victoria de Pontevedra en Miss Vaca
- Os outfits de Yolanda Díaz
Non relacionado con Galicia (ou si)
- O verán que nos deu Bad Bunny
- O fenómeno Motomami de Rosalía
- Everything Everywhere All at Once e o triunfo da orixinalidade
- A gran despedida de Better Call Saul
- Jeanne Dielman, 23 Quai du Commerce, 1080 Bruxelle lidera a lista de Sight & Sound (primeira vez que o fai unha peli dirixida por unha muller)
- A figura de Héctor Bellerin, un futbolista atípico
- A revolución das mulleres en Irán
- O Oso de Ouro para Alcarrás
- O Emmy a Jennifer Coolidge
- O meme de Mierdón
Ana Gayoso
Relacionado con Galicia
- O libro Os seres queridos, de Berta Dávila
- A interpretación de Lucía Veiga na serie Rapa
- Os 30 anos de Luar
- Xantar de novo nos restaurantes, o meu favorito: O Balado de Marta e Roberto en Codeso, Boqueixón.
- Voltar ás verbenas despois da pandemia.
- Vivir dous Xacobeos seguidos!
- Desfrutar a obra de teatro Continente María
- O fin das obras de Concheiros
- Ver en Numax a película Malencolía de A.Zarauza
- Achegarme á vida e figura de María Casares polo seu 100 aniversario
Non relacionado con Galicia (ou si)
- O libro de Milena Busquet: Las Palabras justas (para min unha das mellores escritoras)
- As películas: La peor persona del mundo e Cinco Lobitos
- A morte de Isabel II (son moi fan de toda a estética e o merchandising sobre ela)
- O Son do Camiño: ver a Tangana en directo
- Que estemos vivindo o comezo da normalización das enfermidades mentais e a importancia da saúde mental
- O momento de Will Smith con C.Rock nos Oscar
- O esperadísimo regreso musical de Adele
- O emérito en Sanxenxo
- O fenómeno Tanxugueiras
- O Nobel para Ernaux
Ana G. Liste
Relacionado con Galicia
- O Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández para Ismael Ramos por Lixeiro. Comecei ler este libro unha tarde solleira nun xardín e pechei o círculo entrevistando a Ismael un día de choiva en Compostela, pero o que conta segue comigo
- O vinte aniversario do Prestige: comprobar que non me perdera tantas cousas como pensaba a pesar de ter 12 anos e ter a oportunidade de lembralo todo con quen apañou chapapote nos primeiros días
- Os seres queridos (Xerais), de Berta Dávila. Porque é un libro que compartín coas amigas e penso que iso é o mellor
- O primeiro disco de Laura LaMontagne & PicoAmperio. O agasallo de poder escoitalos agora en calquera momento e pechar os ollos para entrar no seu mundo
- Melania Cruz como María Casares en Continente María, dirixida por Tito Asorey e con Vadim Yukhnevich tamén en escena. Un privilexio debullar con ela esta obra nunha entrevista aínda con frases de Casares resoando na miña cabeza
- A experiencia da lectura en Piso Franco, de Camilo Franco, en especial o texto Frasco de nervios
- A revolución das Tanxugueiras. Da tarde na que volvemos xuntarnos as amigas para ver o Benidorm Fest, a aquel concerto no Mar de Vigo con foliada na rúa e a apoteose da súa actuación este verán no Auditorio de Castrelos
- O videoclip de “Domingos”, a canción de Soleá Morente con Isa Cea de Triángulo de Amor Bizarro, rodado no Barbanza por Isaki Lacuesta. Porque se hai un día bo para escapar sempre son os domingos
- Praza Pública fai 10 anos e nace o podcast Fálase
- Estar presente na despedida de Voadora con Hoax Hamlet na Cidade da Cultura
Non relacionado con Galicia (ou si)
- Ver A peor persoa do mundo, de Joachim Trier, en Numax en versión orixinal subtitulada en galego
- A exposición Las Sinsombrero, comisariada por Tània Balló no Teatro Fernán Gómez – Centro Cultural de la Villa de Madrid, e todos os paralelismos que atopamos coa actualidade
- As risas coas Derry Girls, que remataron (para sempre?) coa terceira temporada
- Taylor, Britney e as mulleres que recuperan o control sobre as súas vidas
- O Premio Nobel de Literatura para Annie Ernaux porque nunca esquecerei Pura Pasión e todo o que veu despois
- O concerto de Porridge Radio (e o seu disco Waterslide, Diving Board, Ladder To The Sky) un xoves en Radar Estudios
- El libro de todos los amores (Seix Barral), de Agustín Fernández Mallo
- As librarías de Óbidos e seguir coñecendo Portugal coas amigas
- O telescopio espacial James Webb da NASA e todo o que nos vai descubrir
- O poemario Caminhar em terra mole (Licorne), de María Beatriz Seabra
Andrea Villa
Relacionado con Galicia
- Iniciativas dixitais e de actualidade lideradas por xente nova como A Cousa ou o Diario Cultural Zeta dende o plató multimedia da CRTVG
- Toda a emoción do concerto de Ataque Escampe no Teatro Colón da Coruña
- CLO-PLAS
- Lúa Mosquetera
- A versión de "Eu chorar chorei" de Ortiga e PIli Pampín
- A conexión que se xerou entre convidades e público no Carballo Interplay (en concreto nesta actividade)
- Os vlogs diarios de Sara Seco en Tik Tok
- A historia dos últimos 25 anos da historia da internet en Galicia que nos agasallaron María Yáñez e Vinte (REAL)
- Volver ler a Camilo Franco en Piso Franco
- Esta é só propia, pero está a cambiar o meu mundo o nacemento do primeiro bebé no meu grupo de amizades
Non relacionado con Galicia (ou si)
- Rigoberta Bandini/Paula Ribó en todas as súas facetas
- Series como Autodefensa, xeracionais, e nas que as autoras contan sen prexuízos e dende a súa propia voz
- A honestidade do podcast Saldremos Mejores, de Inés Hernand e Nerea Pérez de las Heras
- Eurovisión (once again)
- Os pasos dados adiante coa lei do "Solo sí es sí"
- A canción “La Cruz de Santiago”, de La Bien Querida e Santiago Motorizado
- Os horóscopos de @charcastrology
- O libro La sala de los espejos, de Liv Strömquist
- O libro Supersaurio, de Meryem El Mehdati
- A conta de Instagram @afirmacion.es
BONUS: porque aínda estou rematando a súa serie. Harry e Meghan <3
Bárbara G. Vilariño
Relacionado con Galicia
- Ismael Ramos como Premio Nacional de Poesía Joven 2022
- Rosalía na Coruña
- Explosión de festivais: a volta e o éxito de Agrocuir e o Atlantic Pride convertido no Orgullo do Norte
- O ciclo de cinema queer celebrado por primeira vez ao aire libre na Coruña (no Campo da Leña) e o Ambienta de Pontevedra
- Apertura do segundo grupo do único club de lectura LGTBI de Galicia
- Primeira gran folga das bibliotecas en Galicia reivindicada polo servizo das Bibliotecas Municipais da Coruña
- Migración galega a Mastodon.gal
- Dez anos da primeira ruta impulsada pola asociación O Camiño dos Faros.
- Fenómeno Tanxugueiras e a súa incidencia no interese do baile e música tradicional.
- Estrea da obra de teatro As que limpan de A Panadería.
Non relacionado con Galicia (ou si)
- Elon Musk cun lavabo rompendo Twitter e a masificación de BeReal
- Paso atrás na lei trans e saída de Carla Antonelli
- Novos discos de Rosalía, Björk, Taylor Swift e Beyonce
- Novas edicións de videoxogos míticos: Pokemon, Elden Ring e Overwatch 2
- Saída de Pablo Casado e paso de Feijóo ao PP nacional.
- Caída do teletraballo e paso da gran renuncia á renuncia silenciosa (quiet quitting)
- Abonos de tren gratuítos
- Tolemia nos tramos de prezos da electricidade
- Bum das imaxes xeradas por IA: Stable difusión, Dall-e…
- Museo del Prado premiado nos galardóns For You de TikTok na categoría educativa
Belén Teiga
Relacionado con Galicia
- O concerto de Grande Amore en Santiago o 19 de febreiro
- O Surfing the Lérez. Pola súa aposta polos festivais abertos a todo o mundo
- O festival Tándem. Pola unión de propostas musicais e a creación de concertos únicos
- A serie Pringadas
- O FacomFest. Como unha aposta polo novo audiovisual
- A presentación dos libros de Mariana Enríquez en Numax
- O libro Lixeiro de Ismael Ramos. Premio Nacional de Poesía Joven 'Miguel Hernández'
- O libro Os seres queridos de Berta Dávila. Por falar de cousas das que case ninguén fala
- O obra de teatro Continente María. Pola recuperación dunha figura da nosa historia moitas veces esquecida
- A obra fotográfica de Adrián Salgueiro
Non relacionado con Galicia (ou si)
- O podcast Las hijas de Felipe
- O libro Las malas. Por amosar unha realidade tan complexa como descoñecida
- Os concertos de Zahara dentro do seu disco Puta. Por ser a voz de moitas
- O Nobel a Annie Ernaux
- A newsletter de Punzadas. Por poñer a filosofía ao alcance de todas
- O podcast Misterio en la moraleja
- O Benidorm Fest. Como un evento cultural que conseguiu ter atenta a todo o mundo
- O disco Motomami de Rosalía. Como exemplo da innovación e da necesidade de correr riscos na industria musical
- A película Alcarràs
- O meme do oso polar da Cabalgata de Reis en Cádiz
Berta Dávila
Decátome de que non sei facer listas coma esta, así que estes destacados meus sobre o máis relevante do que ocorreu este ano deben tomarse como aquilo que son capaz de lembrar agora, extraído das cousas que coñezo e das cousas ás que durante este ano atendín.
Relacionado con Galicia
- O "Xuntos" de Familia Caamagno, o disco Erosión de Chicharrón, o novo de Ataque Escampe, Pava de Lucía Aldao
- O éxito das Tanxugueiras e aqueles días tolos do Benidorm Fest
- O moito que falamos sobre a Galicia profunda e sobre a aldraxe durante todo o ano e en especial despois da película As Bestas, de Sorogoyen
- O Premio Nacional de Narrativa para Marilar Aleixandre, o Premio Nacional de Poesía Joven para Ismael Ramos
- Algo que nace. Brais Lamela, Sica Romero, Alba Doval ou Alba Guzmán publicaron as súas primeiras novelas e poemarios. Tamén naceron novos proxectos editoriais e coleccións
- Algo que bule. O traballo continuado de autoras que son referentes do noso sistema literario e cultural. Ledicia Costas recibiu o seu terceiro premio Lazarillo por A lebre mecánica, que vén de ser publicado, María do Cebreiro recibiu o premio Ramón Piñeiro de Ensaio polo seu Maternidades virtuosas, María Solar recibiu o Premio Xerais de novela por A culpa, e Yolanda Castaño recibiu o premio Gonzalez Garcés de poesía e publicou o poemario Materia
- A continuidade de revistas como Luzes, A que cheira papá, Balea Cultural, Vinte, Clara Corbelhe, Tempos Novos, O Salto, proxectos diversos que seguen achegando voces e discursos
- O que falamos sobre o Prestige no vixésimo aniversario de todoaquilo, a xira de Nevermore, de Chévere.
- Traducións senlleiras como O ano do pensamento máxico, Vencellos feroces, Léxico familiar, A educación sentimental, Mathilda, O nome da rosa
Non relacionado con Galicia (ou si)
- O premio Nobel a Annie Ernaux
- A man de Irulegi
- Premio Princesa de Asturias das letras a Juan Mayorga
- Os Diários de Otsoga de Miguel Gomes e Maureen Fazendeiro, Tenéis que venir a verla, de Jonás Trueba, Cinco Lobitos, de Alauda Ruíz, Alcarràs de Carla Simón
- A xira Motomami de Rosalía
- A retirada das máscaras nos espazos culturais
- O centenario de María Casares
- A feira de Frankfurt
- A posibilidade da fin de de Twitter e a eclosión definitiva de Tiktok
- E todas esas cousas que nos divirten e aínda non nos confrontan en exceso: o pixelado de Alfonso Rueda, o incidente orwelliano de Feijoo, a fusión de Don Benito e Villanueva de la Serena, a posibilidade de que a caída do viaducto da A6 en Pedrafita teña un sentido metafórico, e a masterpiece xornalística que relata a confrontación entre aquel señor de Chantada e os dous cidadáns madrileños que lle deron unha malleira, "a quen previamente chamou «ayusitos» e a quen dedicou algún comentario máis que non recorda ben pero que probablemente incluiu tamén a palabra «paletos»"
Carlos Meixide
Relacionado con Galicia
- O 2022 foi o ano da aldraxe. Empezou coa eliminación das Tanxugueiras no Benidorm Fest e rematou coa polémica arredor d'As Bestas. No verán mantivo o nivel a campaña en redes contra os 'fodechinchos' e, sobre todo, o fascinante incidente do señor de Chantada e os 'ayusitos'
- Tamén a constatación de que Feijóo, unha vez iniciou a súa aventura madrileña, non estaba preparado para enfrontarse ao escrutinio mediático permanente. O seu sucesor na Xunta, Alfonso Rueda, deixounos un momento memorable: o pixelado no 25 de xullo
- En todo caso, as relacións de Galiza con España víronse alteradas de maneira notable. Como mostra senlleira, a caída do viaduto da A6 en Pedrafita do Cebreiro
- En 2022 estrearon película tres directores cuxo regreso agardaba con ansia: Javi Camino con Jacinto, Alberto Vázquez con Unicorn Wars e Ángeles Huerta con O Corpo Aberto. Inda non vin ningunha das tres, pero vereinas con ilusión e altas expectativas
- Fiquei rendido ante a xenialidade de Familia Caamagno: versión espectacular do "Xuntos" de Juan Pardo e videoclip memorable con Cao de Benós como guest star. Do mesmo xeito, prestou a volta de Grampoder ou de Ataque Escampe
- Dous novos premios nacionais para a literatura galega: Ismael Ramos e Marilar Aleixandre. Fíxome especial ilusión o Premio da Crítica a Diego Ameixeiras porque gustei moito de O cervo e a sombra
- Foi traducida ao galego unha das miñas novelas favoritas: A educación sentimental de Gustave Flaubert, grazas a Isabel Soto e á editorial Hugin e Munin
- A reedición de Estampas dun mundo elegante permitiunos reparar de novo nun dos grandes humoristas da historia do noso país: Xesús ‘Chichi’ Campos
- Unha noticia que me fixo moita graza foi a mudanza de Real Academia Galega ao polígono coruñés de Pocomaco. Soño coa posibilidade dun remake galego daquela marabillosa película de Howard Hawks: Bóla de lume
- O ano María Casares deitou moita luz sobre unha das mellores actrices europeas do século XX que, ademais, como Fernando Rey, era da Coruña e de familia republicana
Non relacionado con Galicia (ou si)
- En 2022 adorei máis que nada no mundo as noticias relativas á fusión de Don Benito e Villanueva de la Serena. Só podo desexarlle o mellor ao novo concello de Vegas Altas
- Foi o ano en que gañou o premio Nobel de literatura Annie Ernaux, noticia recibida con emoción pois na nosa casa é devoción o que se sente por ela.
- Tamén foi agradable ver a Juan Mayorga, excelente dramaturgo, recibir o Princesa de Asturias das Letras.
- A este respecto, non podo deixar de citar aquí unha anécdota desa mesma semana que fará parte da cultura popular española: a parada da familia real en Cudillero por motivos puramente extraprotocolarios.
- 2022 foi un ano feliz porque houbo nova película de Miguel Gomes: Diários de Otsoga, dirixida con Maureen Fazendeiro e que é unha marabilla. Tamén foi agradable ver a nova película de Jonás Trueba e Drive my car, inda que esta última acho que é de 2021.
- A agradable sorpresa de Jeanne Dielman, 23 quai du commerce, 1080 Bruxelles, de Chantal Akerman, mellor película da historia segundo a lista de ‘Sight and Sound’
- Consolidación da esquerda en Latinoamérica coas vitorias electorais de Boric en Chile, Gustavo Petro en Colombia e Lula no Brasil
- Moitas noticias do Brasil no último trimestre: a vitoria de Lula e, por tanto, a derrota de Bolsonaro nas eleccións, e o pasamento de dous grandes da música brasileira en apenas quince días: Gal Costa e Erasmo Carlos. Falando da música brasileira, en 2022 houbo que lamentar na Galiza o pasamento de Manuel Rieiro, quen á fronte do bar Antonio’s do Leblon en Rio de Janeiro, foi anfitrión e amigo dos máis grandes intérpretes da música popular brasileira: Chico Buarque, Vinícius, Jobim, Elis Regina… Descanse en paz
- Foi o ano de Rosalía (Motomami, motomami). Gustei especialmente de "Hentai" e de poder vela ao vivo na Coruña.
- Alegreime moito tamén en 2022 da descuberta en Euskadi da man de Irulegi, un dos achados arqueolóxicos máis importantes dos últimos anos.
Carme Domínguez Prol
Relacionado con Galicia
- Tanxugueiras, e todo o que pasou despois de pisar Benidorm
- Premios Nacionais para Ismael Ramos e Marilar Aleixandre
- Ninguén queda - Brais Lamela, porque se pode falar de Galicia dende Nova York e de todo dende Galicia
- Os seres queridos - Berta Dávila, por permitir o recoñecemento nas contradicións
- "A Vida" - The Rapants, Grande Amore, "eu creo que me gusta botarche de menos", simplemente os últimos románticos
- O fenómeno Miss Vaca en Twitter (e a victoria de Pontevedra)
- "Diamante" - Baiuca e Alba Reche, sempre é boa nova acadar o mainstream sen deixar de ser xenuino
- Baiuca e Carlos Núñez enchendo a sala Pelícano en A Coruña
- Aniversario do Prestige, a lembranza do que pasou, vista dende hoxe
- A estrea de As Bestas e a conversa sobre autopercepción
Non relacionado con Galicia (ou si)
- O artigo Memoria de un día vacío, Pedro Almodóvar en El País: «Mi soledad es el resultado de no haberme preocupado por nadie excepto por mí mismo. Y poco a poco la gente desaparece».
- Os abrazos de mulleres que chegan ao mail, especialmente os de Love & Rockets, de Alexandra Lores
- As guerras traen novas formas de contalas. A reportaxe fotográfica de Annie Leibovitz con Olena Zelenska para Vogue, dende Kiev
- Carla Simón gañando o Oso de Oro de Berlín por Alcarràs
- A despedida de Novedades Carminha :(
- O Nobel de literatura para Annie Ernaux
- Motomami - Rosalía
- Midnights - Taylor Swift
- Filme, Todo a la vez en todas partes
- Serie, The Bear
Cibrán Tenreiro
Relacionado con Galicia
- O Liceo Mutante resiste. O máis importante é un problema: unha mestura de xentrificación, burocracia absurda e falta de vontade política está a botar o Liceo Mutante fóra do barrio de Mollabao en Pontevedra despois de dez anos alí. Oxalá pronto o máis importante sexa unha solución para os espazos que entenden a cultura á marxe da industria.
- Clo Plas e Zan Hoffman en Acéfala. O concerto máis bonito e máis divertido que vin este ano.
- Rapeiradas, de Malandrómeda
- Outro Xacobeo. Outro problema: canta produción cultural galega depende dun proxecto turístico? Canta da que non quere depender se ve afectada por el, na medida en que condiciona o gasto público e inflúe nos prezos (e mesmo nos alugueres)?
- A intriga de El Correo Gallego. Completamente lamentable e divertidísima: blanqueo de diñeiro público, ofertas de pago con criptomoedas, corrupción da Xunta e a TVG, débedas ao arcebispado.
- Unicorn Wars, de Alberto Vázquez
- O tigre do futuro. 15 episodios este ano do meu podcast en galego favorito, no que aprendín sobre cousas como a historia do surf na Coruña, os tics de TikTok, a megalomanía de Bruce Willis en Idaho ou a gran descarga de Bulawayo.
- Continente María
- A Regueifa 2.0
- Un ano sen Jaime Mateo
Non relacionado con Galicia (ou si)
- “El apagón”, de Bad Bunny. “Yo no me quiero ir de aquí / que se vayan ellos”. A maior estrela do mundo convertiu un videoclip dun tema estupendo dun disco estupendo (emocionante, divertido, político e lúdico segundo lle cadra) nunha reportaxe sobre o enfrontamento do diñeiro contra a xente en Puerto Rico (xentrificación, especulación). Paréceme estupendo.
- Alcarrás, de Carla Simón
- O debate sobre a lista de Sight and Sound de mellores filmes de todos os tempos. Como calquera lista, pode ter presenzas e ausencias problemáticas (como o cine latinoamericano ou a maioría de obras das primeiras décadas do cinema), propostas moi pensadas e outras vagas, pero os cambios que podería formular para o canon (con filmes de Chantal Akerman ou Claire Denis entre os dez primeiros) e as pegas que se lle poñen dan para pensar moito: pódese compensar a marxinalidade histórica das mulleres na historia do cine? Que é o que fai que poidamos definir unha obra como “filme”?
- El otro lado, de Mariana Enríquez
- ¡Ay, campaneras!, de Lidia García García. En xeral, admiro moito toda a tendencia recente a revisar formas de arte popular (habitualmente desprestixiadas) e expoñer o seu contido político subversivo (como neste libro, especialmente ao analizar a copla e os usos que dela fixeron as mulleres).
- La fucking condición humana, de El Extraordinario
- Goncharov. Partindo dunha estraña etiqueta nunhas zapatillas compartida en Tumblr que falaba de “the greatest mafia movie ever made”, o fandom fixo unha das súas grandes obras colectivas e foi elaborando un universo cada vez máis complexo (contramas, cartelería, trailers, temáticas…) arredor dunha película que supostamente fixo Martin Scorsese en 1973.
- “Everybody Loves Dolly”, de Jonathan Richman e Tommy Larkins. Unha canción preciosa sobre por que nos gusta tanto Dolly (Parton).
- Nope, de Jordan Peele
- Os debates sobre a sostibilidade do modelo da industria musical. A cancelación da xira de Animal Collective, os apuntes de Damon Krukowski sobre as fábricas de vinilos saturadas pola fabricación de discos de Taylor Swift, o enfrontamento de Mudhoney coa Sala Razzmatazz polas comisións de venda de merchandising, as cifras ridículas por stream de Spotify… apuntan a algo que vén enriba e a que o reparto dos cartos non está ben.
Daniel Portela
Relacionado con Galicia
- Os seres queridos, Berta Dávila
- Pringadas (dir. Belén Puime). Alén do produto en si, a existencia desta serie puxo no centro da cuestión a carencia no mercado de produtos audiovisuais xuvenís en galego.
- A defunción dos sexos, Daniela Ferrández. É a primeira monografía escrita sobre a historia do colectivo LGTBI en Galicia
- Reapertura do Claro Boba en A Coruña, único pub en Galicia con espectáculos drag semanais
- Premios nacionais de poesía e narrativa a Ismael Ramos por Lixeiro e a Marilar Aleixandre por As malas mulleres
- N.E.V.E.R.M.O.R.E. (Funcións polo 20 aniversario do Prestige). É un dos produtos culturais da década no país e aínda máis emocionante velo o día do aniversario, como foi o meu caso.
- Facom Fest
- Berto - SINTO. Un álbum pop en galego redondo.
- Primeiro ano de andanza de Rodolfo e Priscila, con títulos como A festa equivocada. Destacan polo coidado a todos os niveis das súas obras
- Apertura de novas galerías artísticas, como La Grelería en A Coruña ou Maraca e La Contenedora en Vigo
Non relacionado con Galicia (ou si)
- Volta aos festivais. A primeira intención era incluílo dentro de Galicia, pero é innegable o regreso de vellos e aparición de novos festivais ao longo de todo o Estado. Alén dos macrofestivais, é preciso dar atención aos festivais que coidan a súa programación e apostan por artistais locais
- WORDLE, tamén na súa versión en galego
- Benidorm Fest
- Arsénico Caviar. Os seus presentadores critican todo o que son e revelan a estrutura social a través das súas percepcións e refencias culturais
- ¡Dolores Guapa! (dir. Jesús Pascual). A súa lectura alternativa dá outra dimensión á Semana Santa
- A viralización de Despechá antes do seu lanzamento
- Grandes tours. Sin cantar ni afinar de C. Tangana ou La Niña XXL de Lola Indigo —atreveríame a dicir que o maior espectáculo de baile dunha artista pop en España—; tamén Motomami Tour de Rosalía, que non puiden ver, pero cuxo impacto é indudable
- Gracias, Puta - Peche de xira en Madrid, Santiago e Barcelona
- As conversas sociais arredor de As bestas e Autodefensa, en relación a se son ou queren ser un retrato dun territorio e dunha xeración, respectivamente
- Gran ano de cine español. Alcarrás, Cinco lobitos, Mantícora, Cerdita... O ano péchase cunha morea de moi bos títulos e cunha crecente presenza feminina na dirección
David Lombao
Relacionado con Galicia
- A marcha de Feijóo da Xunta
- O ano en que volvemos -de verdade- ás festas e festivais (e Pardiñas, Sinsal e o San Froilán, felizmente, seguían alí)
- A feliz fusión entre Ortiga e Pili Pampín (eu vinos na Cidade da Cultura e foi apoteósico)
- Wordle en galego (un pequeno e breve hype no que o pasamos moi ben)
- Vinte anos do Prestige
- O Benidorm Fest, a explosión das Tanxugueiras (e o que nos gusta unha aldraxe)
- Grande Amore (sei que non o coñecemos en 2022, pero eu goceino moito este ano)
- Praza.gal fai dez anos e produce un podcast (case) todas as semanas, o Fálase
- Os Mestre Mateo que non foron de Cuñados (aínda que na miña opinión, deberían)
- "Xuntos", de Juan Pardo, expropiado por Familia Caamagno
Non relacionado con Galicia (ou si)
- A (case) fin da máscara
- A (non, de momento) caída de Twitter ou como lembramos canto temos nas súas mans
- As grandes tecnolóxicas (parece que) non estiran eternamente (Facebook, Amazon)
- Os aires de guerra fría (ou morna)
- A morte de Isabel II, o The end no século XX
- Boris Johnson mirando cadros no cumio da OTAN no Museo do Prado
- As columnas ditadas de Mariano Rajoy sobre o Mundial de Qatar
- A quebra das crypto, as preferentes 2.0
- Argentina, 1985
- O chatbot que nos lembra que ao xornalismo fast food feito por humanos directamente lle poden quedar catro días
Iria Curros
Relacionado con Galicia
- Estreo de As Bestas. Un dos acontecementos máis recentes, a película de Sorogoyen ten entre a crítica galega tanto defensores como detractores. O que está claro é que, sen ser unha película propiamente galega, deu moito que falar na terra
- Volta dos festivais musicais sen medidas COVID: Resurrection, Revenidas, Sonrías, O Son do Camiño, Ortigueira, Caudal Fest, Atlantic Fest… Despois de 3 anos, os festivais puideron volver a facer edicións normais, que se converteron nas máis longas, esperadas e ás veces con maior asistencia da súa historia.
- As Tanxugueiras toman o Benidorm Fest. Todo o estado español aprendeu o significado da palabra ‘foliada’ e a música tradicional galega gozou dunha atención poucas veces (ou nunca) vista antes
- XX aniversario do desastre do Prestige. Ademais da súa importancia social, política e ecolóxica, o aniversario deste desastre deu paso a diferentes expresións artísticas relacionadas co suceso. A exposición da Biblioteca Pública de Ourense, o libro Chapapote ou o documental 20 anos de dignidade. Tamén casou o aniversario ca xira de N.E.V.E.R.M.O.R.E. de Chévere
- Lanzamento de Oferrado.gal. Oferrado.gal é unha iniciativa que naceu en febreiro 2022, formado por un colectivo de mozos que ten como obxectivo a divulgación cultural de todos os aspectos relacionados con Galicia
- Marilar Aleixandre, Premio Nacional de Narrativa 2022
- 25º aniversario de Viñetas desde o Atlántico
- O Carballo Interplay colle forzas e convértese nunha cita cada vez máis coñecida, así como o audiovisual en galego Webseries como Pringadas atraen este tipo de certames ao público xeral, que ve como atopa un novo público que comeza a consumir este tipo de contido porque se sinte identificado
- “Morriña” de Baiuca chega a un Festival alemán con máis de 200.000 asistentes
- Os DJs Blasterjaxx e Timmy Trumpet versionaron o tema de Baiuca no festival Parookaville
- O crecente éxito de Grande Amore
Bonus: o Murallón de Son. Aínda que non creo que tivera tanta influencia, si me parecía importante remarcar a estrea deste festival, de balde, no rural que xunta música, actividades e gastronomía e organizado por mozos e mozas da zona. Non creo que sirva para esta lista, pero deixo isto por aquí por se acaso queredes miralo máis a fondo :)
Non relacionado con Galicia (ou si)
- Volve Avatar
- Volta dos festivais sen medidas COVID, como no caso de Galicia, a nivel estatal e internacional: Primavera Sound, Mad Cool, BBK, Glastonbury…
- El buen patrón arrasa nos Premios Goya
- Serrat retírase da música
- “Un verano sin ti” de Bad Bunny rompe récords e conságrase como o artista máis escoitado do mundo este ano en Spotify. Cambio de tendencia nos xéneros máis escoitados en todo o mundo
- O fenómeno Wordle
- Lanzamento de Elden Ring
- Continúa o universo de Marvel co lanzamento de Doctor Strange in the Multiverse of Madness
- Novas tempadas de Euphoria e Stranger Things
- Taylor Swift saca o seu 10º disco, Midnights
Jesús Castro Yáñez
Relacionado con Galicia
- O fenómeno Tanxugueiras
- A marcha de Feijóo
- A exposición A Galicia Deseñada
- A volta d'A Regueifa Plataforma
- O nacemento da editorial Rodolfo e Priscila
- Ninguén queda, de Brais Lamela
- O 20 aniversario do Prestige e 30 aniversario do Mar Egeo
- Os proxectos culturais sobre o Reino de Galicia
- O dobre Xacobeo
- Premios nacionais de Literatura para Marilar Aleixandre e Ismael Ramos
Non relacionado con Galicia (ou si)
- O xiro progresista nos gobernos da América Latina
- As protestas das mulleres iraníes
- A invasión rusa da Ucraína
- Aumento do número e intensidade do incendios
- O fenómeno Motomami
- Os máis de 15.000 traballadores mortos no Mundial de fútbol de Qatar
- A retrospectiva de Wolfgang Tillmans no MoMA
- O Nobel de Literatura para Annie Ernaux
- Os cambios no campo da Intelixencia Artificial
- O peche de Z-Library
Marcos Blanco Gendre
Relacionado con Galicia
- Manuel Seixas
- Cristina Sánchez-Andrade
- Unmasked (web cómic)
- Tándem
- LaMontagne & PicoAmperio
- Lúa Mosquetera & Bala
- Discoteca Atlántica
- Carlos Ordóñez
- WOS Festival
- Acéfala
Non relacionado con Galicia (ou si)
- Mircea Cărtărescu
- Santiago Latorre
- As Bestas (Rodrigo Sorogoyen)
- Festival de cine de Sitges 2022
- Mariana Enríquez
- Beautify Junkyards
- C. Tangana
- Fernando Navarro
- Otro & Pup Puppy & Adios Adios (Noroeste Pop-Rock)
- Depresión Sonora
María Yáñez
Relacionado con Galicia
- O fenómeno Tanxugueiras: do Benidorm Fest ao macroconcerto que deron na praia de Riazor da Coruña. Conquistando o mainstream sen perderen a súa esencia.
- O fenómeno As Bestas. Un filme que aínda que non ten produción nin autoría galega, é moi galego pola historia que conta, tamén polo tratamento da lingua. Xerou varias fazañas: as 17 candidaturas aos Goya, o encendido debate na crítica e en Twitter, e sobre todo un arrase nas salas de cinema. Había tempo que non había un filme na carteleira que mais ou menos todos vimos e sobre o que podemos falar. Tamén me dá pena que, partindo de premisas similares pero dándolle unha volta ao tropo dos aborixes vs neorrurais, non tivesen máis percorrido Malencolía, de Alfonso Zarauza, e Jacinto, de Javi Camino.
- A marcha de Feijóo. Aqueles días de primavera nos que lle deron o golpe a Casado foron apaixonantes e deron como resultado un Feijóo en Génova e un Rueda de recambio na Xunta. Un movemento político importante que vén de fóra pero que mudará as cousas aquí de cara ao vindeiro ciclo electoral. Se o noso Alberto non regresa, claro, co rabo entre a pernas en plan fillo pródigo coma Roberto Vilar no seu día. Eu non o descarto.
- Holgado e o seu disco O fillo de Suso. O álbum no que Keko Ponte retoma o seu proxecto musical Holgado cantando en galego cunha voz, melodías e letras fermosísimas sobre os seus recordos de infancia e mocidade en Negreira. Vou engadir aquí como bonus o primeiro traballo de Clo Plas.
- O regreso de A Regueifa Plataforma. Volveu A Regueifa cun 2.0 para darlle selo e difusión a un feixe de artistas que se autoeditan facendo música en galego. Con pouca nostalxia, porque hai moita máis oferta que nos dous mil, e con extras deliciosos como as Miudiño Sessions. Creando patrimonio por amor á arte, ao país, á lingua e á música.
- O centenario de María Casares. A nosa actriz máis internacional tivo un recoñecemento á a altura con exposicións, publicacións, obras de teatro e documentais que nos amosan unha biografía e unha personalidade apaixonantes e unha artista do teatro das que poucas se viron na historia galego-hispano-francesa. Por unha vez a celebración estivo á altura.
- A xeración de artistas producidas por Berto. Contouno Dani Portela nesta reportaxe e ábrenos a porta a unha era post-pandémica protagonizada por artistas que compoñen, experimentan e gravan sen saír da súa casa e grazas á rede atopan outras xente coa que aprender, colaborar e facer novas creacións.
- O triunfo de Carlos Valcárcel cunha canle de TikTok sobre Interlingua. Vai xa de camiño do medio millón de seguidores e para min é por agora a mellor canle de TikTok feita por unha creadora ou creador galego. Ademais non lle esquece seguir facéndonos temazos na súa outra faceta artística: Projecto Mourente
- A era dourada dos videoclips galegos. Se hai algún produto cultural que proxecte e recolla iconicamente o signo dos tempos na Galicia dos anos vinte, ese está a ser o videoclip. Temos un nivel impresionante con Xaime e Antón Miranda, Inma Veiga, David O. Silva, Arancha Brandón, Trece Amarillo…
- A era dourada de Lugo. A cidade vén experimentando unha metamorfose que se nota sobre todo na percepción que as veciñas e veciños teñen da cidade. En VINTE quixemos preguntarllo á xente nova e acadamos un bo feixe de testemuños en primeira persoa que nos falan dun Lugo con moito futuro nestes anos vinte.
Non relacionado con Galicia (ou si)
- O fenómeno Motomami. Non só un discazo senón unha maneira de estar no mundo e nas redes como popstar única e auténtica. Viva Rosalía!
- A fin da pandemia. Ou polo menos das restricións que vivimos desde a primavera do 2020. Penso que si que houbo ‘efecto rebote’ nas ganas de saír e gozar do lecer en comunidade. Probablemente agora a inflacción e unha certa ‘nova austeridade’ nos faga acougar un pouco
- A morte de Isabel II. Se isto non marca unha época no mundo occidental, que o marca. Non tanto polo poder en sí se non como icona da cultura popular
- Elon Musk merca Twitter e con el un altofalante para dicir parvadas. Pero parvadas de extrema dereita, e iso si que mete medo
- En xeral o auxe do discurso reaccionario e o machismo institucional. A regresión que se está a vivir despois do #MeToo nos Estados Unidos, por exemplo. Desde a anulación da sentencia Roe vs. Wade ao xuízo de Johnny Depp vs. Amber Heard. E todo o odio verquido en España contra o ministerio de Igualdade, que é un luxo termos, a verdade. Só pido que duren moitos anos as súas políticas
- O auxe das newsletters. Son os novos blogs: as mellores plumas están adoptando este formato para contarnos cousas e establecer unha nova relación entre autoras e lectoras, que non estea tan mediada polos algoritmos das redes sociais
- O auxe das intelixencias artificiais no ámbito creativo. Se nos din hai un ano que xa temos máquinas ao noso alcance para ordenarlles crear imaxes ou textos como o fan agora non o cremos. A saber se a finais de 2023 non son as IAs as que nos ordenan a nós
- Podo dicir dous discos? Renaissence de Beyoncé, Natural Brown Prom Queen de Sudan Archives. Engado SAULT e a súa peculiar maneria de publicar discos. Os últimos cinco sacáronos nun enlace temporal de WeTransfer
- Podo dicir dúas pelis? Red Rocket de Sean Baker e After Yang de Kogonada
- Podo dicir dúas series? Irma Vep e o regreso de Los Espookys. E o episodio 5 de Euphoria no que Zendaya, xonqui perdida, se pon a chimpar entre valados dunha urbanización coma se fose un videoxogo
Nico C. Pena
Relacionado con Galicia
- Tanxugate, vaia se hai fronteiras
- Fuxida de Feijóo ao centro (peninsular)
- Marilar&Ismael, dobre premio nacional
- Breve retorno de Fer (ex Verto) co EP Por contar algo
- Pontevedra coroase en Miss Vaca
- O aniversario do Prestige e a cultura ao seu arredor
- Melania Cruz e a potente obra Continente María
- As Bestas e o debate sobre o «nós»
- Ninguén queda de Brais Lamela
- O Goya de Chechu Salgado
Non relacionado con Galicia (ou si)
- Motomami
- Oso de Oro a Carla Simón na Berlinale
- Lea Michele protagoniza Funny Girl en Broadway
- A segunda tempada de The White Lotus
- A viralidade estival de O mar, o mar de Iris Murdock
- O Nobel de Annie Ernaux
- O fenómeno Everything Everywhere All At Once
- O falecemento de Isabel II
- Au revoir, Godard
- Europa cara a ultradereita, Latinoamerica cara a esquerda
Noel Feáns
Relacionado con Galicia
- O empoderamento da muller e das persoas disidentes na música galega. Xa levaba tempo macerando pero o ano 2022 foi sen dúbida o ano do empoderamento feminino definitivo na música galega, por número e por calidade: Fillas de Cassandra, Hydn, Bratz Antifa, Catuxa Salom, O Rabelo, ST, Antía Muiño, Madalena Gamalho…
- A boa saúde so sector editorial galego. O abrollo de mutitude de proxectos indies e novas editoriais (Rodolfo e Priscila, Menino Morreu, Boadicea…) certifican o bon momento dun sector tan importante para a nosa literatura
- O libro negro da lingua galega. Carlos Callón agasallounos coa ferramenta definitiva para comprender o estado actual da nosa lingua
- Grande Amore tomando a meseta pola forza. Dende os tempos de Andrés Do Barro non se lembraba ver ao público de máis alá do Padornelo sabéndose de memoria unha canción en galego. Mítico
- Cara á internacionalización da poesía galega. Lara Dopazo traducida ao inglés, Nuria Vil no Reina Sofía, Ismael Ramos obtendo o Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura, Charo Lopes, Lorena Souto, Oriana Méndez e Samuel Solleiro traducid@s ao finés, as rapazas de Galeman Poesie traducindo ao alemán poesía contemporánea galega… a nosa poesía, un bocado máis universal
- O pogo de Boyanka Kostova no Son do Camiño. O pogo multitudinario coa "Muiñeira de interior" de Boyanka Kostova no Sons do Camiño, un festival mainstream no que a música galega apenas ten cabida, sería impensábel non hai moito. Hai futuro
- O galenglish chega ao pop galego. A bastardización da nosa lingua que non sabíamos que a nosa lingua precisaba. Rompeu o xeo HYDN mesturando galego e inglés con pasmosa naturalidade, continuaron Cova Quintana no retrouso do seu tema "Hoxe" e voltamos velo na colaboración de Nia Twee en "DiMe", o tremendo hit que asina Berto no seu novo traballo en colaboración coas Fillas de Cassandra
- O fenómeno Tanxu. Terán que pasar anos para poder valorar as consecuencias para a nosa lingua e para a nosa música tradicional do impacto dese imparábel tsunami teense-barbanzán. Históricas
- A normalidade dentro e fóra dos escenarios. O número de festivais, concertos, representacións e actuacións de todo tipo voltou por fin a niveis pre-COVID e mesmo bateu récords anteriores, tanto por cantidade coma por asistencia
- A volta d'A Regueifa Plataforma. Un proxecto que hai máis de quince anos foi trampolín de multitude de grupos e creadorxs hoxe máis que consagradxs renaceu este ano con novos plans e idénticas estratexias. Barro para casa, non teño remedio
Non relacionado con Galicia (ou si)
- DALL-E e derivados. Por moito que cause intranquilidade a ilustradorxs e artistxs o certo é que as IAs coma DALL-E abren todo un mundo de posibilidades para a arte, democratizando a creación até límites impensábeis. Xa non precisas da técnica, apenas da idea
- Chatgtp e IAs de creación literaria. O abrollo de IAs de creación conversacional e narrativa asusta pero nun futuro próximo van ser o rival comercial a bater polo que van funcionar coma auténticos catalizadores de creatividade humana
- Telescopio James Webb. Observar máis de preto e con novos pontos de vista o Universo que nos acubilla vai ter sen dúbida consecuencias na maneira en que percebemos o mundo e como o reflectimos na arte
- O fracaso do metaverso. Unha boa nova para a humanidade da humanidade. Non podes mirar a un avatar e saber o que sinte polo brilo dos seus ollos
- Unha guerra (máis). Para os que medramos coa Guerra Fría é un episodio bélico máis deste mundo bipolar pero para as novas xeracións o feito de ser testemuñas dunha guerra entre superpotencias en plena Europa está a ter consecuencias a todos os niveis, influíndo en campos tan diversos coma a creación ou a solidariedade e a cooperación
- A fraxilidade de dereitos que dabamos por sentado. A enésima guerra xeopolítica entre grandes potencias lembrounos que dereitos coma a liberdade de expresión ou á información son papel mollado por moito que os recolla o artigo 11 da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e que de facto non se precisa un xuíz para limitalos
- A labazada de Will Smith. A diversidade de opinións e debate xerado tras bater en Chris Rock ensinounos que aínda restan décadas de aprendizaxe e dialéctica feminista
- O espertador do criptosoño. A torre das criptomoedas comezou por fin cambalear en 2022. Unha boa-mala nova para que as novas xeracións que viron unha quimera nun produto financeiro de alto risco sen respaldo estatal fagan algo máis útil cos seus aforros que xogar á criptoruleta
- Así que a globalización era isto. O ano 2022 será recordado coma o ano no que os países de todo o mundo reaxiron, polas malas, contra os cantos de sereas da globalización ao comprobar a súa dependencia absoluta. Chips, materias primas, I+D+i, man de obra cualificada… Un paso atrás altermundista que lle vai sentar estupendamente á saúde do planeta
- Armaggedon. Non tivo todo o eco que merece pero que o ser humano sexa capaz de desviar a traxectoria dun metereorito –a misión DART da NASA– semella un novo cumio na evolución do Homo Sapiens
Ramón D. Veiga
Relacionado con Galicia
- Tanxugueiras, candidatas a Eurovisión
- Lixeiro, de Ismael Ramos, Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández
- 2022 Ano internacional de María Casares
- As Bestas nominada aos Goya
- HispaCón en Ferrol
- As que limpan (Teatro)
- Expo de Alejandro Iñárritu Carne y arena na Cidade da Cultura
- Expo de Ruth Matilda Anderson no Museo de Pontevedra
- A volta da Señora de Palmírez ao Luar
- Que inventasen un ano Xacobeo (por sus santos cojones)
Non relacionado con Galicia (ou si)
- A volta dos festivais sen máscara
- O Benidorm Fest
- A xira de Rigoberta Bandini
- A marcha de Feijóo a Madrid
- O adeus a Raffaella Carrà
- A morte da raíña de Inglaterra
- Expo Voces que caminan na Fundación Cerezales
- Contenedor de feminismos entra na colección permanente do Reina Sofía
- O seu segundo balón de ouro de Alexia Putellas
- Pablo Álvarez e Sara García Alonso, seleccionados entre os astronautas da Axencia Espacial Europea
Uxía Bereijo Piñón
Relacionado con Galicia
- O 20 aniversario do Prestige
- O Entroido retratado por Roberto de la Torre
- A segunda edición do Diske Disco
- O fotolibro Unha vida de ultratumba de Maritxu Alonso
- A ameaza de peche do Casino de Carballo
- A merda e as flores de Trashblooming
- O 25 aniversario XiriaPop
- O último disco de Mentah Everyone Hates
- A VI edición do Fóra do mapa
- Os concertos de verán no Chiringo da Magdalena (Cedeira)
Non relacionado con Galicia (ou si)
- O Canela Party en Torremolinos
- A serie In my skin
- A revista La nueva carne
- Bremen no existe de Biznaga
- O concerto de The Brian Jonestown Massacre en Bilbao
- O podcast Pop y muerte
- La entrega, curta galega dirixida por Pedro Díaz e nominada aos Goya
- ‘Pulse enter para continuar’ de Ana Galvañ
- Cinco lobitos de Alauda Ruiz de Azúa
- Sin conexión de Daniel Treviño