Narrativa, ensaio, poesía… e cada letra das siglas do LGTB. Todos os xéneros son sempre benvidos no club de lectura QUEERuña, o único de Galicia dedicado a reivindicar a diversidade sexual a través da literatura.
O Club de lectura QUEERuña desenvólvese desde hai tres anos na biblioteca do Centro Ágora da Coruña por medio de encontros físicos mensuais e, en paralelo, con espazos de debate dixital a través dun grupo de whatsapp, Twitter e Instagram. Por se fora pouco, conta cun terceiro tempo de cañas nalgún bar próximo á biblioteca do barrio coruñés (os partidos de fútbol son os que marcan o garito).
QUEERuña non é tan só singular pola temática, tamén pola súa persistente diversidade: en xéneros literarios, por ser o máis novo da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña (media de idade de 38 anos), o de maior presenza masculina e forte formación académica.
Os clubs de lectura nútrense dun catálogo que comparten todas as entidades de Galicia, e grazas a QUEEruña, a especificidade LGTB está incluída nese repertorio. “A súa peculiaridade tamén reside en que nace dunha aposta cidadá que a biblioteca acolle, e o obxectivo fundamental non é a promoción da lectura -como acontece na meirande parte dos clubs- máis ben tecer redes entre persoas e buscar referentes que sempre estiveron agochados”, explica Diego Maseda, coordinador e webmaster da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña.
Precisamente estas redes -físicas e dixitais- fan que no grupo de whatsapp coincidan persoas como Alfredo Araújo, de 57 anos e amplo percorrido en clubs de lectura, e Noelia Fernández, de 26 que ven de estudos en xénero e feminismo. Botámoslle unha no bar cunha parrafada sobre o QUEERuña. “Para min este club ten moitos aspectos positivos: nunca antes probara a ler un cómic, e nin pensara que podería gustarme e moito menos extraer tantas reflexións coas que volver á casa”, comenta Noelia, que se estrea no club nesta terceira edición. “Cando léramos El Violeta, unha historia de banda deseñada sobre a represión a homosexuais no franquismo, agradecín máis que nunca a presenza de persoas como Alfredo que podían achegar lembranzas sobre situacións das que non tiña nin idea: os encontros clandestinos nos cines, os códigos… estou aprendendo mogollón”, detalla.
Alfredo toma a palabra para expresar con firmeza o propósito firme do club: “necesitamos referentes e que a sexualidade se lea na literatura con naturalidade. Aínda atopo persoas con prexuízos que non se achegan a unha historia brillante porque entenden que o LGTB lles resulta alleo. "E logo non trata un tema universal como son as relacións humanas?”, pregunta retoricamente.
As Municipais entenden
O club de lectura LGTB QUEERuña veu consolidar unha iniciativa que naceu no 2012 nas bibliotecas coruñesas: As Municipais entenden. “Tras unha formación interna que fixemos con asociacións da cidade e mesmo con persoal docente, percibimos as carencias que tiñamos coa diversidade sexual. Valoramos como se estaba traballando no catálogo, como se podían encontrar libros que tratasen isto, e mesmo a posibilidade de ter os materiais separados fisicamente en estantes ou ben mesturados”, aclara Diego Maseda.
O que saíu destes sete anos de investigación foi unha escolma manual de novidades e a posibilidade de recuperar distintos formatos literarios e audiovisuais co catálogo dixital. No 2018, aproveitando a creación do Centro de Interese de Xénero e Feminismos na biblioteca do Ágora (xusto na entrada), hai unha parte fixa para darlle relevancia. “Sen dúbida, o mellor que fai o club de lectura e todo o que xera a través dos encontros e das redes sociais é a permanencia da diversidade sexual fóra do mes do Orgullo”, sintetiza Maseda.
Que libros en galego leen xs do Club QUEERuña?
A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor.
Querido Eduardo. Cartas de Suárez Picallo e Blanco Amor.
O edificio Yacoubian, de Alaa Al Aswany.
Marcela e Elisa, de Narciso de Gabriel.