Carlos Ordóñez. Renacer

Abandeirado da cultura techno galega na década dos noventa, o músico coñecido como Prozack marcou unha liña de acción que o levou a ser a cabeza visible dance dun selo tan icona pop como Elefant ou a ser recoñecido como un dos grandes produtores da música electrónica a nivel estatal por publicacións tan relevantes como Rockdelux.

Despois de moito tempo sen termos noticias discográficas del, Prozack volve sen máscaras, baixo o seu propio nome, Carlos Ordóñez, cun EP, Retortoiro, editado pola discográfica Ferror Records, que o sitúa unha vez máis na cima dos sons cibernéticos da península.

Mais para entender o camiño que o levou a ser un dos referentes da liturxia electrónica, hai que volver ao Vigo de principios dos noventa e entender como era definirse musicalmente cunha proposta como a súa: «Naqueles anos –período 92-95, antes de ser coñecido–, fixen primeiras actuacións en diversas salas e discotecas, en cidades como Ourense, Marín, Cangas, Pontevedra e, por suposto, Vigo. Espazos que pouco ou nada tiñan que ver co techno -en xeral, non se sabía o que era-. A incomprensión dominaba. É lóxico, era algo moi novo. En canto ao estilo, un techno moi ácido e psicodélico, con toques IDM, moi daquela época.

Aínda non levaba a imaxe posterior de Prozack, con traxe e gravata. Parecía unha especie de androide louro, vestido con prendas atrevidas de vinilo relucente, en cores estridentes, feitas para min por un venerable xastre pontevedrés, cuxo taller estaba ao carón da Facultade de Belas Artes, onde estaba matriculado naquel tempo. Quizais fose a miña forma de rebelarme contra o dominio do grunge, que endexamais me interesou. Nalgunha ocasión, tanto os meus compañeiros como un servidor, tivemos que pór os pés en pólvora porque nos querían linchar... por exemplo, no Grove –risas–.

En 1995 chegou o Vademecwm con vocación de verdadeiro clube, e coincidiu exactamente co momento do meu despegue a nivel nacional. Fun finalista do concurso de maquetas da revista Rockdelux, e de súpeto abríronseme todas as portas. Alí produciuse unha chispa, e todo o fenómeno dance desatouse no noso país. Os grandes festivais comezaron a nacer por toda España, e cada quen programaba a súa carpa dance con propostas electrónicas. Poderiamos dicir que foi o ano no que houbo un punto de inflexión. Despois viñeron os anos de esplendor.

O Clube Vademecwm tivo uns anos verdadeiramente brillantes, entre 1996 e 2001 aproximadamente. Tratábase, salvando todas as distancias, dun pequeno "The Haçienda" vigués, que aglutinaba moitas cousas interesantes que estaban a suceder daquela, dentro e fóra de Galicia –á parte de noites memorables de hedonismo e festas desinhibidas–. Todo comezou nunha noite máxica e inesquecible de outubro de 1995: directo de Prozack, unha sesión do meu querido amigo DJ Víktor Flores -cunha suculenta ración de tech house do veciño Portugal-, e unha performance drag dunhas simpáticas petardas da noite viguesa.

Pero ademais do "Vade" -así lle chamabamos-, había en Vigo outros clubes adicados a outras caras da electrónica dos noventa, como El Manco, un after que xa tiña a súa historia detrás, ou o Óxido, máis masivo. e destroy, ambos adicados ao techno puro. E moitos outros!

© Delmi Álvarez

De todos xeitos, nunca pretendín formar parte de ningunha escena, sempre fun moi por libre. case outsider. Ainda que é innegable que participei dela, sempre mirei bastante de lado todo aquelo da "culltura de clube", tan de aqueles anos. Sempre o atopei un tanto pedante e pretencioso. Hai moita vida máis aló dos círculos de certas músicas elitistas».

Despois de deixar de publicar material discográfico en 2005, o regreso de Carlos é máis esperado que nunca, dentro dunha escena electrónica galega renovada, con nomes como BFlecha, CRNDS ou toda a canteira musical do Fanzine Project.

Como se dun novo comezo se tratase, Carlos Ordóñez explica que «foi un silencio público durante moitos anos, dezaseis, dende que decidín rematar o meu proxecto pop Nómadas. Un tempo magnífico, luminoso, levando a cabo outros proxectos fóra da música, e nos que xestionei a miña vida con absoluta liberdade. Nada menos.

Pero durante todo estes anos non deixei nin un só día de compoñer e gravar cousas no meu estudio doméstico. Sen que mo propuxera nunca firmemente, sabía que, tarde ou cedo, volvería. O que pasa é que nun momento determinado –recente–, dáse unha encrucillada de circunstancias que levan á decisión de lanzar un novo proxecto. Entre outras cousas, contar co apoio e o sustento dun equipo que valora e aprecia o teu traballo, e o presenta ao mundo. Neste caso, Ferror Records, un pequeno selo galego que brilla no panorama actual».

A partir deste renacemento público, comeza para Ordóñez unha nova era, que ten o seu punto de partida neste EP que presenta agora, do que comenta que «é unha mostra de catro pezas, seleccionadas entre un conxunto de composicións bastante homoxéneo –quizais trinta ou máis– que se crearon hai dous ou tres anos, e que levarán unha liña estilística semellante á de Retortoiro. Tocan certos aspectos emocionais, moi persoais, que non me gusta desvelar, aínda que doados de albiscar.

© Jiten Dadlani

Usei sintetizadores físicos, analóxicos e dixitais, do meu estudio. Non me convencen os sintetizadores software. O son, en certo modo, podería definirse como clásico. Tentei fuxir de todo ese catálogo de efectos dixitais do que tanto se abusou nos últimos anos e que, persoalmente, non me interesan. Electrónica cun punto máis humano, pode ser, sen que isto se entenda como unha calidade, nin moito menos.

Pero este EP quizais poida dar unha idea un tanto imprecisa de cal será o próximo álbum no que estou a traballar nestes momentos. Estou desenvolvendo novas ideas que se plasmarán no vinilo. O álbum conquistará outros territorios máis difíciles e inhóspitos. Podo anticipar que haberá moita máis rugosidade, máis bordos».

Mentres agarda a estas novas criaturas sonoras da súa imaxinación musical, xorden dúbidas sobre o futuro tras estes dous anuncios de lanzamentos discográficos. Sobre isto, Carlos expresa que «en liñas xerais teño moito medo ao futuro. Só de pensalo dáme desacougo. Non me gusta o presente no que vivimos e, por desgraza, son incapaz de prever un futuro prometedor.

Unha sociedade neurótica, un mundo cada vez máis deshumanizado. A nosa liberdade persoal está encollendo a pasos axigantados. A tecnoloxía comeza a mostrarnos o seu lado máis pernicioso e sinistro. Creo sinceramente que nos agarda un mundo cruel e monstruoso. A felicidade que coñeciamos nas últimas décadas do século pasado, cada vez máis afastada.

Polo demais, quero lanzar un puñado de discos novos, coidados e innovadores. Unha nova carreira, en constante progreso.

Perseguindo algún tipo de beleza. Só iso”. Sen título»

Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Tamén che interesa

  • "Retortoiro": o regreso de Carlos Ordóñez

    O vigués Carlos Ordóñez, prolífico músico da vangarda electrónica underground dos 90 e principios do 2000 (Prozack, Gauss, Grado 33), regresa cun novo traballo discográfico que verá a luz os próximos meses da man de Ferror Records, e do que xa temos un adianto, con videoclip incluído. O tema chámase "Retortoiro" e fala dun lugar do mesmo nome, na parroquia de Loureiro en Cotobade, que lle serve ao músico de refuxio vital e creativo. A partir del o realizador Juan Lesta creou unha peza audiovisual chea de maxia, beleza e misterio. 

    Música
  • Grado33. Un clásico do tecnopop galego na última serie de culto da HBO

    No ano 2002 o vigués Carlos Ordóñez, pioneiro da eletrónica en Galicia máis coñecido como Prozack, lanzaba co seu novo proxecto Grado33 un disco de punk-pop chamado ‘Ya se oculta el sol’. 17 anos despois o interese polas súas cancións revive no continente americano grazas á banda sonora de ‘Los Espookys’, a primeira serie en español que produce a HBO. 

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.