Grado33. Un clásico do tecnopop galego na última serie de culto da HBO

No ano 2002 o vigués Carlos Ordóñez, pioneiro da eletrónica en Galicia máis coñecido como Prozack, lanzaba co seu novo proxecto Grado33 un disco de punk-pop chamado ‘Ya se oculta el sol’. 17 anos despois o interese polas súas cancións revive no continente americano grazas á banda sonora de ‘Los Espookys’, a primeira serie en español que produce a HBO. 

Los Espookys é unha comedia dark e surrealista, queer e millennial, fuleira e moi divertida, que ten como fondo a precariedade e a subcultura dunha mocidade mexicana fascinada coa moda gótica, as pelis de terror, o death metal e a música rockabilly. Producida polo creador do Saturday Night Live e de Portlandia, Lorne Michaels, e polo seu actor fetiche Fred Armisen (quen tamén actúa na serie), conta entre os seus creadores e actores con dous dos cómicos novos máis interesantes do momento: Ana Fábrega e Julio Torres. Con só 6 capítulos de media hora, Los Espookys sitúase entre a rareza e o éxito: a HBO acaba de anunciar que fará a segunda temporada da serie. 

Hai unhas semanas o salvadoreño Julio Torres, que interpreta o personaxe máis raro e carismático da serie, e que acaba de presentar o seu primeiro especial de comedia na plataforma HBO, comentaba na revista musical Pitchfork cales eran as músicas que estaba a escoitar neste momento. As tres cancións que recomendou foron “Frozen”, de Madonna, “Total Eclipse” de Klaus Nomi e “Náufrago”, de Grado33.  Un momento: falaba Julio Torres do mesmo Grado33 de Vigo que nos coñeciamos? Falaba, e explicaba que este tema formaba parte da selección de cancións en español escollidas polo equipo de Los Espookys para formar parte da súa banda sonora

Captura do comentario de Julio Torres sobre “Náufrago” na web de Pitchfork. © Pitchfork

O cómico conta que destas cancións é “Náufrago” unha das súas favoritas. «Atopeime escoitándoa unha e outra vez porque é moi melancólica e divertida. Convídanos a compartir a súa tristeza. Morrisey é un gran mito en Latinoamérica, e paréceselle no tono», explica Torres, engadindo que «cando tratamos de licenciar a canción, rompeunos o corazón ao ver que se cadra non podiamos porque non daban localizado o tipo que a escribira. Pero ao final apareceu, e conseguimos a canción». 

En efecto, Carlos Ordóñez leva case dúas décadas practicamente desaparecido da escena musical. O disco de Grado33 foi o último que publicou e xa ten 17 anos. Antes levou a cabo distintos proxectos musicais: Prozack, Gauss, Nómadas… foi un dos creadores máis prolíficos no Vigo dos 90, a cidade que deixaba atrás a Movida para meterse no novo milenio sendo epicentro do dance e do techno en Galicia, co Club Vademecwm como templo principal. No 2002 con Grado33, o dúo que crea con Alexandra Cabral, Ordóñez abraza o tecnopop pero dun xeito escuro, tanto a nivel intimista como para dar conta do que está a pasar no mundo. En Ya se oculta el sol canta sobre o atentado nas Torres Xemelgas (“Pánico en Manhattan” non parou de soar no Diario Pop de Jesús Ordovás en Radio3 aquel ano) e sobre a desolación persoal en dous temas, “Náufrago” e “Deprimido”, que foron os elixidos para a banda sonora de Los Espookys.

Grazas a esta escolla dos produtores da serie, que demostra que o mellor underground non entende de xeracións nin de continentes, e tamén ao libro Unha historia da música en Galicia, de Francisco Fernández Rego (Ed. Galaxia, 2019), cuxo capítulo sobre a electrónica revela moitos detalles da historia de Prozack e dos seus outros proxectos, é bo momento para que as novas xeracións redescubran a Carlos Ordóñez, e tamén para darlles unha boa noticia: Prozack prepara novo material de electrónica instrumental, aínda que moi lonxe do que foi Grado33. 

Contactamos co músico, que leva anos vivindo en Canarias, e contestounos algunhas preguntas por email, coa elegancia e honestidade que caracterizan o seu discurso. 

Grado 33 en concerto en 2001 na Iguana de Vigo. © Cedida por Carlos Ordóñez

Cóntanos un pouco que fas na actualidade, onde vives… segues relacionado coa música?

Vivo diante do Océano Atlántico, nunha illa canaria. Una illa árida, seca, e bastante inhóspita. O lugar perfecto se che gusta a soidade, o baleiro, e disfrutas coa nada, co silencio, que é o meu caso. Gústame escoitar o son do vento. Todo iso é moi inspirador. O lugar ideal se aborreces a vida social, os saraos, as escenas e a vida nas grandes cidades. Pero, cada vez máis, estraño os bosques frondosos e a Galicia máis chuviosa e invernal. 

Son empresario, dirixo unha pequena empresa dedicada ao comercio na illa. Aínda que pasaron 17 anos desde o meu último traballo publicado, en todo este tempo, de algún xeito, estiven relacionado coa música. Sempre contei cun estudio musical na casa, un espazo cheo de aparatos e instrumentos de todo tipo, no que me encerrar e poder plasmar as ideas que me pasan pola cabeza. De todos estes anos nos que non publiquei saíu bastante material, que nunca movín do meu estudio por pura desidia.

O último que lin sobre ti foi no 2010, nunha reportaxe na que se dicía que volverías daquela cun disco de Prozack. Pero non se volveu saber do tema. Tes pensado regresar á música con algún proxecto?

En 2012 rematei e gravei unha vintena de cancións pop, de temática bastante profunda e son etéreo, que de momento seguen nun caixón da miña casa, e na de 3 ou 4 amigos moi próximos. Foi o último que compuxen en formato pop, con textos e voces; se cadra fago algo con elas en breve. O problema é que a produción é algo pobre, pois nesa época dispuña duns medios insuficientes para a gravación. Despois deses traballos máis melódicos, desde hai uns 6 anos traballo nun álbum de composicións instrumentais, máis abstractas e electrónicas. Vou publicar unha desas pezas, como adianto, en formato vídeo, para finais deste 2019, contra o Nadal.

Que foi da outra compoñente de Grado 33, Alexandra Cabral? 

A Alexandra véxoa moi pouco, pero comunicámonos con moita frecuencia. Segue en Vigo, e está estupenda, coma sempre. Querémonos moito.

Carlos Ordóñez e Alexandra Cabral, compoñentes de Grado33. © Cedida por Carlos Ordóñez

Como contactou contigo o equipo de Los Espookys?

Parece ser que levaban meses intentando localizarme, chegando case ao punto de tirar a toalla por non dar comigo. Finalmente conseguiron contactar con Elena Cabrera (copropietaria do selo Autoreverse, xunto con Aldo Linares) e ela pasoulles o meu email. Inmediatamente puxéronse en contacto comigo, comentáronme todo o proxecto, o moito que estaban interesados en comprar os dereitos de dúas pezas de Grado33 e mandáronme un pequeno dossier da serie. Teño que confesar que o primeiro que pensei foi en rexeitalo, pois sempre tiven claro o non desenterrar xamais a Grado33 (de feito, aínda sigo tendo dúbidas ao respecto, sobre se terei feito o correcto). Pero despois de darlle moitas voltas durante uns días, decidín aceptalo, e puxémonos de acordo para asinar un contrato.

Escolleron os temas "Náufrago" e "Deprimido". Con anos de perspectiva, que significaron para ti esas cancións? 

Son dous anacos da peor etapa da miña vida. Despois de ter vivido moi intensamente a década dos anos 90, en pouco tempo todo o meu mundo se afundía. A comezos dos 2000 atopábame perdido, baleiro e desnortado. Ademais estabamos vivindo acontecementos moi terribles no mundo, e había algo enrarecido no ambiente. Respirábase a paranoia. Estábase a impor unha verdadera nova orde. Finalizaba o mundo "feliz" que coñeceramos nos 80 e 90, sen internet nin redes sociais, e nacía outro moito máis complexo e sinistro. Todo isto é, obviamente, moi subxectivo.

Toda esa atmósfera turbia e enrarecida quedou moito mellor plasmada nos álbumes Tan Lejos (1998), e Dispersión (2000) do meu outro alter ego, Prozack, infinitamente máis vangardistas e interesantes que o tecnopop retro de Grado33. Dispersión de Prozack é coetáneo aos inicios de Grado33. O álbum de Grado33 foi a miña aproximación, naif e punk, ao minimal pop sintético. Xa antes de Prozack e os demais proxectos de techno, fixera nos primeiros 90 bastantes experimentos en forma de maqueta, con caixas de ritmo e guitarras procesadas, próximas ao postpunk e ao industrial. Xa só me gustan dúas pezas do disco de Grado33, unha gústame de verdade, a outra a medias: "¿Tienes fuego?", a miña favorita, é puro pop electrónico de vangarda, e "Noche ideal" está claramente inspirada na sinxeleza de cancións pop clásicas de algún famoso grupo neoiorquino dos 60.

En Pitchfork Julio Torres fala de “Náufrago” e di que lle recorda a Morrissey. Que opinas desta percepción? 

Ao principio chamoume bastante a atención, pois nunca fun fan dos Smiths nin de Morrissey, aínda que obviamente considéroo un artista enorme. Resúltame indiferente, se che digo a verdade.

Gustouche a serie? 

Con toda sinceridade (e espero que non o lean os produtores da serie), de momento decidín non vela. Non soporto escoitarme, e menos aínda en vellas composicións, como é o caso. Ademais teño certo temor a que non me guste como quedou a sincronización. Prefiro imaxinalo.

Escoitaches o resto das cancións da banda sonora? Como te ves na mesma playlist que todos esos grupos latinoamericanos, moitos deles bastante novos? 

Non coñecía ningún dos outros grupos que participan na banda sonora, só escoitei algún, superficialmente. Seguramente na época de Grado33 (2000-2002) conectaría bastante con algún deles, pero a día de hoxe, en absoluto. Actualmente o meu interese por certas escenas ou estéticas pop é máis ben nulo. Pasaron moitos anos, eu cambiei moito e os meus intereses non pararon de evolucionar. Hoxe as miñas preferencias musicais van noutra dirección: as vangardas, a contemporánea, a música concreta, a electrónica e a música experimental. Si que me interesa, e moito, o pop experimental, ou as deconstrucións de formatos pop, de algunhas bandas do postpunk (máis do período clásico que do postpunk actual). Pero ultimamente escoito moi pouco pop. A música pop pon a flor de pel todo tipo de sentimentos, que con frecuencia acaban en brotes de nostalxia que prefiro evitar.

Notaches a repercusión de aparecer en Los Espookys ou que Julio Torres falase de vós? Interesouse neste tempo alguén máis pola vosa música? 

Hai xa varios anos que me escribe bastante xente, de diferentes países, preguntándome se se vai reeditar o álbum, ou onde o poden conseguir, pois seica lles encantan as cancións de Grado33. Normalmente son fanáticos do minimal pop sintético, ou da escena dark ou gótica. Grado33 ten bastantes fans da subcultura gótica (a cal me produce moita simpatía), especialmente en Latinoamérica. Esa escena gótica, en concreto a mexicana, é a que inspirou en parte Los Espookys. En todo este tempo tiven varias propostas de selos discográficos, obviamente minoritarios e moi especializados, para reeditar o álbum de Grado33, en CD, en vinilo, en edición máis luxosa e completa, etc. Unha vez estiven a piques de aceptalo e poñelo en marcha, pero finalmente decidín que non o reeditaría xamais e enterralo definitivamente no pasado, que é onde mellor está. De momento, sigo mantendo isto.

En xeral como valoras este ‘rescate’?  Sentías certo esquecemento por parte da prensa ou dos fans? 

Agardo que sexa positivo, na medida en que sirva como impulso para o que verdadeiramente me interesa, que é a publicación dun novo álbum. Cando a túa carreira se moveu en parámetros de underground, e hai xa perto de vinte anos que non publicas algo novo, non podes esperar que sigan falando moito de ti. E desde logo o menos que esperas é que te chamen dunha produtora norteamericana e che digan que son fans e que queren licenciar dúas cancións para unha serie de HBO. Ademais, debido á miña personalidade e ao meu carácter, dáseme moi mal a autopromoción, nunca souben venderme. En todo este tempo non alimentei o máis mínimo o recordo de todo o que fixen no pasado. Nin sequera mantiven alguna rede social para expor e difundir a miña música. Todo iso dáme unha preguiza enorme. Xusto agora, grazas ao libro de Fernando (Fernández Rego), empecei timidamente a intentar difundir algo o meu traballo, máis que nada, coa vista posta na publicación de composicións novas. Pero, certamente, síntome moi incómodo falando de min mesmo. Sempre vou necesitar alguén que faga ese traballo por min.

Falando do libro de Fernández Rego, grazas ao seu inxente traballo con Unha historia da Música en Galicia que editou Galaxia, este verán puidemos revisar moitos proxectos musicais galegos das últimas décadas, entre eles os teus, que relatas no libro con moito detalle. Quería saber que che parece este proxecto e cales serían para ti outros músicos galegos, especialmente contemporáneos teus, que cres que habería que reivindicar. Tamén se estás ao tanto da música galega actual e se hai algún proxecto que sigas ou che guste. 

Con Fernando xa tivera algún contacto hai anos polo de La Fonoteca. Hai dous anos volveu contactar comigo, sempre con gran entusiasmo, para falarme do seu proxecto dun libro que contase a historia de todas as escenas musicais galegas. Desde o principio pareceume un magnífico proxecto. Sempre tivemos unha relación moi cordial e fluída, e el tiña claro que quería contar a historia dos meus proxectos musicais. A idea gustoume moito, e esforceime todo o que puiden en axudalo. Fernando vén de regalarnos unha obra colosal, única, de referencia. Un traballo feito con paixón e rigor que sen dúbida perdurará no tempo. A escena que máis coñezo é a da Movida viguesa, por cercanía, e porque nos 90 cheguei a relacionarme de algún xeito con algúns dos seus protagonistas. Na actualidade, dóeme algo dicilo, non sigo ningunha música galega nin española. Pero si que escoito algunhas cousas, e cónstame que hai bastante efervescencia, e grandes grupos galegos no panorama actual.

Grado33 no Club Vademecwm de Vigo. © Cedida por Carlos Ordóñez
María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.