VINTE, de vacacións. Escolmamos 20 artigos para lerdes en agosto

VINTE

Logo dun ano de cambios e comezos, chega agosto e con el unhas merecidas vacacións para a redacción de VINTE.

A revista non se actualizará durante este mes que comeza por descanso do persoal, pero deixamos por aquí unha escolla de 20 dos últimos artigos publicados para lerdes durante estas semanas. Agardamos que teñades un moi feliz verán.

Vémonos, lémonos e escotámonos en setembro! 

Logo dun ano de cambios e comezos, chega agosto e con el unhas merecidas vacacións para a redacción de VINTE.

A revista non se actualizará durante este mes que comeza por descanso do persoal, pero deixamos por aquí unha escolla de 20 dos últimos artigos publicados para lerdes durante estas semanas. Agardamos que teñades un moi feliz verán.

Vémonos, lémonos e escotámonos en setembro! 

  • 01

    "Carmiña Vacaloura". A psicodelia do Xabarín revive en Inglaterra

    Psicodélica, perturbadora, vangardista, delirante. A rapazada dos 90 ha de recordar esta canción que saía no Xabarín Club. “Carmiña Vacaloura” era un tema un chisco especial que podía aterrar, mais tamén abraiar os cativos. Cando George O’Connor, líder do grupo inglés Sugar Darling, deu coas poliharmonías compostas polo Reverendo con letra de Julián Hernández, non puido resistirse a facer unha moi salientable versión da canción, no seu idioma orixinal, o galego.

    Ler artigo

  • 02

    Ao norte do norte: máis alá do Trópico de Mondoñedo

    As comarcas setentrionais da Coruña e Lugo foron quen de manter unha identidade gastronómica propia que tamén no ámbito contemporáneo está a desenvolver propostas e formatos diferentes. Percorremos desta vez manxares e lugares que dan forma a unha oferta diferenciada non como resposta a unha demanda do turismo ou dunha nova clientela senón como a vontade de manter viva a súa esencia, algo que continúa a ser un dos seus principais, e desde logo o máis saboroso, dos seus sinais de identidade.

    Ler artigo

  • 03

    Café Derby 21. O bo rollo, con The Rapants

    Aínda que somos persoas que apostan por dialogar e falar de calquera tema con calquera convidado, ás veces é preciso contar con expertos na materia que senten cátedra e falen con coñecemento pleno. Por iso, para animar o comezo do ano, dedicamos o programa ao bo rollo e parolamos con Samuel e Matías, de The Rapants, que presentan o seu próximo disco 'La máquina del buen rollo'. 

    Ler artigo

  • 04

    A revolución comeza na biblioteca

    As bibliotecas non son só espazos nos que mandan calar a xente nin tampouco grandes templos do saber. O seu papel patrimonial —conservando a cultura colectiva e mantendo a local— é fundamental, pero estes lugares teñen un impacto transversal na sociedade. É un deses espazos máxicos que fan cidadanía.

    Ler artigo

  • 05

    Prado Rúa: «Pois si, son unha influencer»

    María Rúa Rodríguez, Prado Rúa, comezou a subir vídeos ás redes sociais en 2020, cando a pandemia obrigaba a quedar na casa. En novembro dese ano en VINTE diciamos que era a «youtubeira do ano» e, catro anos despois, con 20.000 seguidores en Instagram, 23 primaveras, e presenza na meirande parte dos eventos culturais do país, Prado Rúa confesa que xa se sente unha influencer, aínda que sempre renegou dese termo. A ourensá resultou elixida mellor creadora dixital galega no festival Carballo Interplay.

    Ler artigo

  • 06

    Horror no paraíso. Cine contra o esquecemento en ‘San Simón’

    Exterminio, liquidación, fusilamentos. Non é unha historia doada de contar. Non é fermosa, mais é real e debe coñecerse. Entre 1936 e 1943 pasaron polo campo de concentración de San Simón, na ría de Vigo, 6.000 presos. E aínda que os historiadores non acordan unha cifra sobre os asasinatos, sábese que alí eran continuos e masivos. Foron apenas sete anos de auténtico horror no paraíso que deron para moitas historias de violencia, separación, inxustiza e mesmo amor.  Moitas destas historias son recreadas na película ‘San Simón’, dirixida por Miguel A. Delgado, que visitamos durante a rodaxe.

    Ler artigo

  • 07

    Vivimos nunha «tiranía deportiva»?

    Unha conta de aforro premia agora que camiñes e fagas exercicio; en definitiva, que leves unha vida máis saudable. É unha idea distópica ou unha moi conectada cos problemas do século XXI? Mesmo se as redes sociais —e as culturas de dieta das últimas décadas— insisten en que hai que facer exercicio —e que se non o logras che falta disciplina—, a sociedade é cada vez máis sedentaria. Seis de cada 10 persoas en Galicia pasan, de feito, de facer exercicio. 

    Ler artigo

  • 08

    Trinta anos do Xabarín Club. Ceibádeo ou matádeo xa!

    Hai alguén aí? Nos anos 90 e primeiros 2000 as crianzas que estaban ao outro lado da TV, bocata en man, eran lexión. Ver a Son Goku, Arale, Doraemon ou Shin Chan -segundo o extremo da Xabaxeración do que foses- á hora da merenda era un costume compartido pola rapazada galega cun nivel de popularidade tan grande como as incribles fazañas dos heroes televisivos. Era un orgullo ser dese club. Había ata un carné físico. E ver a túa face na TV polo teu aniversario era o máis. 

    30 anos despois, o Xabarín non está morto, nin está moi vivo. Aínda non sabe por que, mais foi castigado co ostracismo da segunda canle da TVG e permanece como nun museo dando nome a unha canle televisiva do mundo online que non acaba de despegar. 

    Ler artigo

  • 09

    Miudiño Sessions: Columna Vegana

    A apropiación que fan Columna Vegana da "Oda ao xamón" de Otero Pedrayo foi a escusa perfecta para trasladarnos até o Pazo de Trasalba, casa natal e sede da súa Fundación, para gravar unha nova entrega das Miudiño Sessions.

     O contraste entre a arriscada proposta de Columna Vegana -a cabalo entre a densidade intelectual do art-punk e o nihilismo da no wave- e o salón conxelado no tempo de Don Ramón foi o mellor dos escenarios posibles no que esfarelar o máis crú do seu repertorio. Baixo o longo fitar de tan sobranceiro anfitrión e coa fermosa galería deseñada por Castelao e o mapa de Domingo Fontán coma telón de fondo, o dúo interpretou, ademais de "Xamón", as pezas "Mantra do crédulo", "A máquina", "Propósito de emenda" e "Botellas".

    Ver artigo

  • 10

    Andrea Varela. O talento de Foz que protagoniza ‘As Neves’

    «Que vos parece facer unha peli?» Con esta frase Sonia Méndez, a directora de As Neves, confirmaba ás rapazas que chegaran á última fase dos castings a súa escolla final. Entre as elixidas atopábase Andrea Varela, quen realmente non o cría daquela, con 18 anos, mais acabaría por protagonizar o filme. 'As Neves' chega aos cinemas como a primeira longametraxe de ficción da directora viguesa Sonia Méndez. A historia, rodada na Fonsagrada, xira en torno a mocidade, as súas relacións e como se divirten nunha vila da montaña lucense. Elas e mais eles, coma todos, fan un uso intensivo das redes sociais a través do móbil, viven hiporconectadas, feito que iguala a xuventude de cidades e aldeas.

    Ver artigo

  • 11

    20 anos da Gentalha do Pichel. Loita cultural desde as marxes

    A comezos de 2004 un grupo de mozos e mozas que viñan dos movementos estudantís crearon unha asociación co obxectivo de darlle pulo cultural á cidade de Santiago de Compostela. Cun ideario reintegracionista, independentista, feminista e ecoloxista 20 anos despois, a Gentalha do Pichel ten no seu haber fitos como a recuperación da figura do Apalpador, a creación das escolas Semente ou o pulo á Liga Gallaecia, de fútbol gaélico mixto. 

    Hoxe en día este proxecto autoxestionado está máis vivo ca nunca fiel aos seus principios políticos e culturais e aberto á participación de todas as persoas que os compartan. A Gentalha montou este ano un “festivalón” de dous días para a súa tradicional Festa do 17, aínda que, en verdade, o Pichel celebra as súas letras todos os días do ano.

    Ver artigo

  • 12

    Que está a pasar co pan galego? A volta a Galicia de forno en forno

    O mundo do pan goza de moi boa saúde en Galicia. En xeral esa afirmación vale para todo o que sae dos fornos tradicionais: pan, empanadas e doces tradicionais. Pode que estes últimos sufriran, en certos casos, un lixeiro retroceso -penso nos antigos pans de festa do Barbanza, por exemplo-  pero en liñas xerais podemos dicir que non hai vila ou barrio sen a súa panadaría e que o nivel medio é razoablemente bo. Pero cal é o estado de saúde do sector? É dicir, está a renovarse ou mantense ancorado na tradición máis ortodoxa? Ábrese a influencias doutras áreas con cultura do pan? 

    Para medir a temperatura da panadaría galega e da súa conexión coa sociedade contemporánea fixemos un percorrido por Galicia, de forno en forno, tratando de identificar as principais tendencias.

    Ver artigo

  • 13

    Lidia Veiga, a bulebule de Arzúa: «sempre fun moi dramática»

    Lidia Veiga ía para avogada, mais a día de hoxe é un dos talentos da interpretación que máis está a despuntar en Galicia, aínda que ela, máis que actriz, considérase unha traballadora cultural. Defensora da creación colectiva, Veiga protagoniza o filme “Cando toco un animal”, un proxecto valente que amosa realidades emocionais e sexuais explícitas e, ao tempo, afastadas da pornografía. «Fíxose porque tiña que existir», defende a actriz galega. En plena xira por teatros coa irreverente e divertida “Iribarne”, Veiga está a descubrir o seu propio talento para a dobraxe e aínda tivotempo para presentar, a gala dos Premios Mestre Mateo.

    Ver artigo

  • 14

    Loucura polo balonmán en Cangas. O orgullo dunha vila que nunca se rende

    «Se nos falta isto, fáltanos todo». Marita ten 82 anos e sabe moito de balonmán. Lembra perfectamente cando veu xogar a Cangas «o Urdangarín» mais tamén cando miraba os partidos no antigo pavillón do Romarigo, ou no Aterrado, nos anos 70. Marita sabe moito de balonmán, como sabe Fina Entenza, Xosefa, ou Celia. Elas, coñecidas como as cheerleaders do Cangas, levan décadas vendo partidos fieis á súa cita quincenal co equipo da casa. 

    En realidade, na capital do Morrazo é algo raro atopar xente que non teña relación co balonmán, o deporte rei da comarca –xunto co piragüismo da gran Teresa Portela- e orgullo para unha vila de case 27.000 habitantes que o viu nacer na rúa nos anos 60.

    Ver artigo

  • 15

    «Son un continuísta: o meu compromiso é que siga viva a mercería que Josefa Castaño abriu en 1942»

    «Chámome Ramón e son patronista, pero un sen pena nin gloria, non un dos que destacan. Ademais, son formador en téxtil. Agora, dende hai cinco anos, tamén teño unha mercería. Que cousas ten a vida». 

    Vinte na rúa comeza co relato de Ramón sobre a mercería La Crisálida, na Coruña, paradigma do espírito co que nace este novo espazo: historias de xente coa que nos cruzamos a diario e que merecen ser contadas. Ramón colleu o traspaso en 2019 e deulle unha nova vida a un negocio histórico que a día de hoxe conta con 700.000 seguidores en TikTok e clientes de todo o mundo. Esta é a súa historia.

    Ver artigo

  • 16

    Despedida do Café Derby 21. «Queremos marchar no alto. Non é que esteamos cansos de aguantarnos»

    «Morre un podcast. Nace un mito». Jorge Guitián resumía deste xeito tan conciso e acertado nun tuit a deriva do podcast Café Derby 21, que vai ser enterrado por todo o alto o 27 de xuño cunha festa en Santiago. Despois de catro anos e máis dun cento de programas, Nico Carreira, Carme D. Prol e Adrián Lede, dan por pechada unha etapa do exitoso podcast sen renunciar a reinventalo con máis medios e contidos audiovisuais. 

    Ver artigo

  • 17

    Vinte en Melide. «A festa vai no ADN dos melidaos»

    Melide in Blog foi o proxecto de Ricardo de Santos nos tempos do Blogomillo e de Blogaliza para erguer acta de canto pasaba nun lugar “onde se cruzan as estradas: de Santiago a Lugo, de Betanzos a Lalín”. Melide exerce como capital da Terra do Medio malia ser a da Terra do Medio unha xeografía aínda por cartografar, conformada á forza de andar nas feiras: un chisco de carácter gandeiro, un moito de identidade tendeira que afonda as súas raiceiras na Maragatería, por corredoiras de ida e volta, e un cen por cento de dedicación á troula. 

    Melide é hoxe unha desa vilas cabeceiras de comarca que o xeógrafo Rubén Lois —e tamén a Xunta— denomina «nodos para o equilibrio do territorio», fundamentais para corrixir unhas dinámicas que escoran as oportunidades cara ás cidades, sobre todo, as do eixo atlántico. Superado o ecuador do mes de xullo, Melide bule de xente nativa e retornada —e peregrina— e entrégase ao paso inexorable do seu esixente almanaque festeiro.

    Ver artigo

  • 18

    VINTE na rúa, con Pablo e Lorena. «Ter a tenda de discos é un acto de resistencia total»

    «Isto non pasa nunha tenda online», di Pablo Iglesias sentado tras o seu portátil nunha mesa de traballo de carpinteiro. Acaba de entrar pola porta da tenda El Muelle 1931 a terceira persoa que só quería parolar, preguntar algunha dúbida técnica ou preguntar por algo da música que teñen.

     Na compostelá rúa de San Pedro, vía de entrada de moitos peregrinos á cidade vella, vender vinilos, casetes, fanzines, libros de pequenos selos editoriais, serigrafías e ilustración non é o máis rendible. Pero nin Pablo Iglesias nin Lorena Durán estaban pensando niso cando apostaron por este baixo no número 57 con paredes de pedra, querían ter «un oasis» no que compartir e crear sinerxías; e conseguírono.

    Ver artigo

  • 19

    Sabela Eiriz. A mirada no lugar compartido

    De cativa Sabela Eiriz (Lugo, 1991) sempre quixo ser escritora, e mesmo actriz, mais foi atrapada pola maxia da fotografía, que se converteu na súa profesión. «Son fotógrafa e artista multidisciplinar». Antes, explica, dicía que era artista visual pero se sente máis cómoda coa expresión «multidisplinar» porque no seu traballo adoita combinar a imaxe con textos e vídeos.

    Neste 2024 Sabela Eiriz encadea exposicións, como a do Sarao Studio, en Ferrol, ou a Galería Néboa de Lugo, que conxuga co seu traballo na docencia da expresión plástica na Universidade da Coruña. 

    A memoria, o baleiro, ou os vínculos son as temáticas que traslocen nunha expresión artística sempre sincera e libre de artificios. Nuclear.

    Ver artigo

  • 20

    VINTE na rúa, con Carlos Crespo. «A Duendeneta é vivir dentro dun corazón no que latexa a música e iso engancha»

    «Nacín en Eibar, fillo de emigrantes galegos como tantos outros. Estudei xornalismo en Bilbao e fuxín de alí no ano 92. Sempre fun un cu inquedo».  Carlos Crespo leva en marcha coa Duendeneta desde 2012, aínda que ela xa fixo os 50 anos. Nacida como unha Discoteca Móvil Vintage segue a percorrer Galicia coñecida e recoñecida pola súa selección musical e a habilidade para crear festa alá onde vai. 

    «Teño pouco ego, pero algo do que me sinto moi orgulloso é dese compromiso que sempre tiven coa difusión da música en galego, tanto no xornalismo como pinchando», subliña.

    Ver artigo

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.