«Morre un podcast. Nace un mito». Jorge Guitián resumía deste xeito tan conciso e acertado nun tuit a deriva do podcast Café Derby 21, que vai ser enterrado por todo o alto o 27 de xuño cunha festa en Santiago. Despois de catro anos e máis dun cento de programas, Nico Carreira, Carme D. Prol e Adrián Lede, dan por pechada unha etapa do exitoso podcast sen renunciar a reinventalo con máis medios e contidos audiovisuais.
«É bastante triste rematar como María Teresa Campos, suplicando un programa polas televisións, en lugar de desaparecer e quedar como un fenómeno dun momento; e máis no noso caso, que comezou como unha tertulia e queda como un repositorio da Galicia dun tempo e dun momento», argumenta Nico Carreira.
Vides de anunciar a defunción e próximo enterro do Café Derby 21, o que posiblemente era un dos mellores podcasts en galego do momento. Arden as redes. A xente está preocupada. Precisamos unha explicación.
Adrián Lede: Eu penso que fixemos máis de 100 episodios. Xa pasou toda a xente que tiña que pasar, aínda que algún queda por aí…pero pensamos que neste formato que levamos facendo os últimos catro anos o programa tocou teito e queremos deixalo o máis alto posible e non irnos de calquera maneira, esgotados, que case xa non nos se nos escoite ou que sexamos irrelevantes, algo que lle pasa a moitos programas. Nós queremos marchar no alto e decidimos que era o momento de deixalo aquí. Non é que esteamos cansos de aguantarnos porque aínda estabamos o outro día de festi e seguimos véndonos e facemos moitos Café Derby sen gravar.
Nico Carreira: Eu creo que é un privilexio poder marchar nos nosos termos. É algo que non moita xente ten a capacidade de facer, por falta de previsión e tamén é algo que moita xente non pode facer por contratos. Nós por desgraza ou por sorte –e a orde da frase está elixida a propósito- facémolo deste xeito porque non temos contrato vixente con ninguén ou ataduras de ningún tipo e porque queremos que prevaleza a calidade do produto. A calidade dun podcast susténtase en varios elementos; primeiramente aquí hai capital humano que somos nós os tres que temos as nosas vidas ademais de facer un podcast, que reclama moito tempo, moito máis do que a xente pode pensar, e esforzo. Entón, antes de esgotarte de moitísimos xeitos, como se esgotan os astros; antes de chegar a ese punto de pequena incandescencia ou de que vas perdendo relevancia, é preferible marchar nos teus termos. De forma comparativa, é bastante triste rematar como María Teresa Campos, suplicando un programa polas televisións, en lugar de desaparecer e quedar como un fenómeno dun momento; e máis no noso caso, que comezou como unha tertulia e queda como un repositorio da Galicia dun tempo e dun momento.
Adrián Lede: «Fixemos máis de 100 episodios. Xa pasou toda a xente que tiña que pasar, aínda que algún queda por aí…pero pensamos que neste formato que levamos facendo os últimos catro anos o programa tocou teito e queremos deixalo o máis alto posible e non irnos de calquera maneira, esgotados, que case xa non nos se nos escoite ou que sexamos irrelevantes»
Carme D. Prol: Ao longo destes catro anos estivemos facendo un formato moi similar en todas as temporadas e ao final, o Café Derby, como calquera cafetería precisa renovación. Pensamos que a estas alturas o salto lóxico que tería que ter este lugar sería a un nivel ao que agora mesmo non podemos chegar. Nós sempre soñamos con facer un Café Derby cunha calidade máis audiovisual, por exemplo, con ter un espazo propio, aínda que é moi guai isto de ir rodando de bar en bar. E agora mesmo xa polas nosas vidas cada vez é máis complicado cadrar a vida laboral e persoal para facer estes programas. Ademais, tampouco temos os recursos agora mesmo para poder dar ese salto a nivel técnico. Antes que intentar facer unha temporada igual, incluso repetíndonos a nós mesmos; ou antes que intentar facer unha temporada que á metade teñamos que deixar, pois preferimos facer este enterro e esta festa. Recibir todos os pésames chulísimos que nos están dando, facer unha festa e ter un boa lembranza de todas as temporadas.
Como comezou todo? Onde estabades?
Adrián Lede: Na rúa da Rosa (risas). Nós somos amigos desde primeiro de carreira pero vivimos xuntos en cuarto, e quedabamos os tres normalmente falando despois de comer. Entón meses despois cando foi a pandemia e comezaron os podcasts a nivel do Estado comezamos a falar en por que non facer un en galego en reproducir iso que faciamos nós cun convidada ou convidada, que podería ser unha idea ben chula. E así saíu.
Carme D. Prol: Daquela estabamos pechados en casa como dicía Adri e xusto estabamos os tres sen traballo. Rematamos os tres na facultade e co COVID truncáronse bastantes plans de prácticas, de bolsas que xa non saíron. Entón, nesa altura non tiñamos nada que facer e creamos isto un pouco porque nos parecía unha boa idea e logo tamén pensando nunha posible saída, non laboral ao 100% porque ninguén pode vivir dun podcast en Galicia hoxe en día, pero si como unha experiencia, como un facernos ver, como un crear algo porque sabiamos que a idea era boa e queriamos executala. Nese momento tiñamos todo o tempo libre para facelo. Logo, co tempo afortunadamente conseguimos traballos e a cousa íase complicando cada vez máis, pero seguimos adiante sobre todo porque viamos unha resposta moi positiva e cada vez unha resposta maior tanto da xente que nos escoitaba como no propio sistema cultural. Nós entramos a tope nunha audiencia que boa parte dela non consumía programas en galego, e logo tamén entramos no sistema cultural que nos acolleu cos brazos abertos, con todos os convidados e convidadas pasándoo moi ben con nós; dicíndonos que desfrutaban moito nese tipo de entrevistas. Logo, comezáronos a convidar a festivais e eventos e é moi guai sentirte que formas parte de aquilo que dalgunha forma anhelabas ser.
«Nós entramos a tope nunha audiencia que boa parte dela non consumía programas en galego, e logo tamén entramos no sistema cultural que nos acolleu cos brazos abertos»
Nico Carreira: Eu fun o último en unirme ao Derby. Carme e Adri xa o tiñan parolado pero eu daquela vivía en Valencia e fixo falta deles dous de distintos xeitos. Adri tiña o run run de converter aquilo que faciamos nun produto cultural e Carme sempre está moi atenta aos mercados culturais; saber perfectamente o que se move e sabía que o podcast ía chegar. Foi traballo dos tres, unha vez que eu tamén me incorporei ao proxecto antes da estrea do piloto, atopar un nicho. Isto era unha diana e tiñamos un só dardo e era o dardo das tertulias. Non faltaba só un programa en galego. Faltaba un espazo que non existía na televisión nin na radio e unha xeración ao control diso, nos mandos. Foi a base de perfilar unha idea orixinal como nos demos ao principio tres meses de prazo e puxémonos un teito para un primeiro programa que nin sequera era humilde e a cifra foi absolutamente descomunal respecto ao que pensaramos e o bo de todo é que catro anos despois esteamos no mellor de todo iso. Porque, aínda que non queremos falar de cifras, nós si temos as gráficas e podemos falar de estar totalmente no mellor momento.
Non podemos saber ningún dato para facernos unha idea?
Nico Carreira: Só un dato illado, que contamos no podcast de Xacobe sobre unha fan que mandou unha mensaxe moi emocionante e moi bonita. Cristina contounos que ela escoitara todos os podcast, absolutamente todos e botamos esta conta: Cristina escoitounos falar sen durmir, sen comer sen nada, simplemente escoitándonos, durante cinco días enteiros.
Carme D. Prol: Non lle podiamos roubar máis tempo a Cristina.
Adrián Lede: Agora Cristina ten que ir a terapia.
Que credes que achegastes neste tempo á sociedade galega a nivel xornalístico?
Adrián Lede: O nacemento deste podcast coincide cun gran momento da cultura galega, sobre todo moza e de xente que está a facer cousas moi guais nos últimos anos e nós creo que axudamos a impulsar aínda máis toda esa corrente. Ao final, por este podcast pasou Baiuca, Grande Amore ou Fillas de Cassandra. Ademais, fóra do estritamente cultural tivemos conversas moi interesante sobre diversos temas que axudaron á xente a pasar unha hora moi entretida ou a desconectar do día a día como nos axudan a nós outros podcasts.
Carme D. Prol: Unha das cousas das que nos demos conta cando comezamos co podcast é que nos tiñamos unha perspectiva cultural moi global. Nós viamos e consumiamos moitísimas cousas feitas en Galicia e en galego pero tamén moitas cousas que se facían desde fóra. Os programas que se facían daquela en Galicia non recollían esta globalidade. E podemos falar desas cousas sen ser menos ou máis galegos. Penso que pillamos moi ben esa onda que é a onda onde está a maioría da mocidade de agora, que non entenden a Grande Amore como un cantante galego, aínda que o sexa, senón como un artista que se pode comparar con outros que escoitan no Spotify do mesmo xeito. Ter a ollada posta no que fai a xente moza, incluso de xente que facía contido en rede: lembro que falamos con Esther Estévez, de Dígocho eu, xusto na semana cando se fixo viral. Tiñamos un pulso moi ben tomado ao que estaba pasando pero ao mesmo tempo non esquecemos as persoas que levan toda a vida facendo cousas. A nivel xornalístico, vendo todas as temporadas, creo que recolle moi ben todo o novo que se está facendo sen esquecer a xente que igual durante os últimos 20 ou 30 anos estivo en teatros, cines ou escribindo. Neste sentido é un programa que recolle moitísima diversidade.
«A nivel xornalístico, vendo todas as temporadas, creo que recolle moi ben todo o novo que se está facendo sen esquecer a xente que igual durante os últimos 20 ou 30 anos estivo en teatros, cines ou escribindo. Neste sentido é un programa que recolle moitísima diversidade»
Nico Carreira: Eu creo que nos adiantamos por estar preto da realidade. Creo que igual que din que Vigo vive de costas ao mar, os medios de comunicación vivían de costas á mocidade porque non gozaban dun poder adquisitivo, ou a súa cultura era menos prezada de cara a outras elites culturais. Nos sabiamos que isto non era así, precisamente por ser desas xeracións. Coller virais da semana, é un regalo, iso é unha sorte. Se se van acumulando no tempo estamos falando xa dunha certa capacidade de análise. E fomos capaces, xa non de marcar axenda, porque non temos esa capacidade mediática, pero si de dar unha certa relevancia e temos visto entrevistas que se fan onde as preguntas xa se fixeran primeiro no noso programa. Iso creo que é algo que achegamos e sobre todo creo que fixemos unha relativa canteira, ou unha pequena escola, e sobre todo desbrozar camiños.
De todos os programas que fixestes, cal ou cales destacariades?
Carme D. Prol: Eu destacaría os directos. É algo que comezamos a facer moi pronto, na segunda temporada xa estivemos nalgún festival e ningún podcast en galego tivera a oportunidade de ocupar tamén eses espazos, de gravar os seus programas en directo con público. Nós abrimos ese camiño. A min pásame hoxe en día que gravo os programas e non son consciente de que a xente os escoita pero cando estás en directo estás aí coa xente e esas foron as mellores experiencias.
Adrián Lede: Eu, na liña do que di Carme, quedaríame co segundo Petiscos no Derby, do Carballo Interplay, porque foi incrible. Nós xa temos un público concreto que nos escoita, pero alí puxéronnos a toda a rapazada de instituto e algún de universidade. E conectaron moitísimo, pasárono xenial e iso foi algo moi guai.
Nico Carreira: Os directos son fantásticos e moi esixentes, acabamos esgotados pero eu creo que os mellores programas son aqueles que cando rematamos nós os tres mirámonos e sabemos que fixemos un bo traballo e que o convidado fixo un bo traballo. Nesta temporada temos a Brais Lamela, Lucía Veiga e moitos outros. Eu persoalmente, por filia persoal quedo co programa de Yolanda Castaño.
Adrián Lede: Eu quizais quedaría co de Jorgue Guitián, porque me encanta a gastronomía e como escribe Guitián. Estiven tan a gusto nese programa que parecía que estabamos nunha sobremesa real.
Carme D. Prol: A veces estamos tan a gusto que esquecemos que estamos gravando e de repente miras a hora e quedan dous minutos. Pero poderiamos estar aquí tres horas máis. Esa non só é a nosa sensación, é tamén a do convidado ou convidada. Que ao remate diga que o pasou xenial e que podería estar charlando aquí cinco horas máis. Ao final ese é o obxectivo: o programa naceu como un espazo para ter conversas abertas que teriamos tomando un café e realmente era iso o que sucedía.
Agora hai que enterralo, máis será cunha festa por todo o algo no Riquela Club de Santiago este 27 de xuño. Vai haber unha metamorfose de Derby? Cara a onde queredes que derive o proxecto?
Carme D. Prol: Depende das oportunidades que se nos presenten. Agora mesmo non temos moi claro onde imos estar nos próximos meses. Pero é unha cuestión de oportunidade. Nós pensamos que xa construímos unha marca, un espazo, que somos bos no que facemos… e é unha metamorfose que temos que aspirar a que sexa para arriba, de cara a unha melloría técnica, a ser un programa máis profesional. Eu podo comparalo cos podcast que se fan a nivel estatal. A maioría de podcasts coñecidos teñen unha produción, un plató, un decorado e un equipo detrás, que supón que hai carto investido, que é algo que agora mesmo non temos. Entón penso que se nos xorde a oportunidade de facer algo así sería como a metamorfose natural. Pero nós sempre dicimos que nos encantaría seguir facendo, aínda que fose no formato habitual, algún programa especial porque aparece unha convidada, porque temos moitas ganas de falar ou igual algún festival ou algunha estrea dunha película. Nós queremos seguir facendo cousas pero sen forzar o tema e sen esixirnos máis do que podemos dar e sempre atentos ao que poida pasar por aí.
«A maioría de podcasts coñecidos teñen unha produción, un plató, un decorado e un equipo detrás, que supón que hai carto investido, que é algo que agora mesmo non temos. Entón penso que se nos xorde a oportunidade de facer algo así sería como a metamorfose natural»
Adrián Lede: sempre que esteamos os tres xuntos vai estar o Café Derby. Aínda que esteamos nas festas de San Andrés de Teixido. O Café Derby é un expoñente de que falta en Galicia: unha aposta polos produtos culturais desta terra en galego. Se este programa xurdira ao mellor en Cataluña pois tería máis apoios públicos ou doutro tipo. Aínda así estamos moi agradecidos tanto a VINTE, como a Deleite, como a Punto Gal nas primeiras temporadas que apostou por nós. O problema é que isto non deixa de ser «un hobby». Non é o noso traballo a tempo completo. Se o café puidera ser o noso traballo ou gran parte del poderiamos dedicarlle máis tempo a facelo e non ser semi profesionais, pero iso xa non está na nosa man.
E que esperamos para a festa de despedida do día 27?
Nico Carreira: Eu quero pensar que vai ser como o enterro dun alcalde, que non falte ninguén. Entrar cun cadaleito pola rúa do Franco pareceríame o máximo. Vai ser un enterro por todo o alto. Non vai vir o bispo –pódelle caer a invitación igualmente- pero si que queremos que sexa unha cousa especial. Derradeiro café. Gardándolle o espírito, pero achegando algo e sobre todo bonito e que morra no momento. É un programa que non se vai gravar. Só vai existir para os que esteamos alí. Que sexa unha forma de expiación e comuñón. E a celebración dun momento da historia da cultura en Galicia e dos podcasts. Animamos obviamente a vir e eu por min ata que a xente se colgue das lámpadas.
«O programa do día 27 non se vai gravar. Só vai existir para os que esteamos alí. Que sexa unha forma de expiación e comuñón. E a celebración dun momento da historia da cultura en Galicia e dos podcasts. Animamos obviamente a vir e eu por min ata que a xente se colgue das lámpadas»
Adrián Lede: Para min sería súper bonito que viñeran tanto os convidados e convidadas que pasaron polo programa como o público. Sería un final perfecto para nós, para irnos cunha boa sensación.
Carme D.Prol: A nosa idea é que toda a xente que pasou polo Café Derby que teña a súa oportunidade de dicir unhas palabras. Non queremos estar falando só nós. Xente que nos escoita tamén, que suba e que fale e se vai Deleitiña en persoa, tamén queremos que fale.