Exterminio, liquidación, fusilamentos. Non é unha historia doada de contar. Non é fermosa, mais é real e debe coñecerse. Entre 1936 e 1943 pasaron polo campo de concentración de San Simón, na ría de Vigo, 6.000 presos. E aínda que os historiadores non acordan unha cifra sobre os asasinatos, sábese que alí eran continuos e masivos. Foron apenas sete anos de auténtico horror no paraíso que deron para moitas historias de violencia, separación, inxustiza e mesmo amor. Moitas destas historias son recreadas na película ‘San Simón’, dirixida por Miguel A. Delgado, que se atopa en plena rodaxe.
Logo dun exhaustivo casting para ver arredor de 3.000 persoas durante tres anos, finalmente o elenco de ‘San Simón’ está formado por 250 persoas entre protagonistas e figurantes. Segundo relata a produtora executiva, Andrea Vázquez, a película narra a historia dun campo de concentración e para iso é necesario contar con moitos rostros diferentes de homes maiores –aínda que tamén hai mulleres-, algo que non é tan sinxelo de acadar. O filme está a rodarse en galego, con distintos acentos, tal e como require a diversidade da procedencia dos presos.
Un destes reclusos de San Simón foi Celestino Carbia , alcalde republicano de Valga que foi fusilado en 1937. «Meu pai era un home moi traumatizado por todo isto. Nunca me contou nada», relata Manuel Carbia, neto do alcalde asasinado polo Franquismo. Carbia, que participa como figurante na película xunto coa súa muller, o seu fillo e a súa filla, lamenta que esta é unha historia que non se adoita contar.
Moitos dos figurantes e actores da película tiveron familiares presos na illa
«Cando eu estudei, nunca me contaron a historia do século XX», explica. Por iso aplaude a iniciativa do director pola escolla para a súa primeira película. «Isto hai que recordalo», sentencia. Como el, moitos dos figurantes e actores da película tiveron familiares presos na illa.
Os testemuños de persoas como Manuel Carbia, que sufriron a represión fascista nas súas familias, foron fundamentais á hora de compoñer o guión; como tamén o foi o de Saúde, veciña de Redondela de 92 anos, cuxo pai traballaba no mantemento da illa daquela e visitaba con frecuencia o lugar. Trátase da única supervivente coñecida que estivera durante eses anos en San Simón.
Cando chegue a estrea da película, prevista para finais deste 2024 ou comezos de 2025, terán pasado uns dez anos desde que Miguel A. Delgado comezou os traballos de investigación para poder executar co rigor requirido o proxecto. Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia na USC, lembra cando en 2015 coñeceu a Delgado, que lle pediu asesoramento histórico. A colaboración de Lourenzo xunto co arquivo Nomes e voces do grupo Histagra da Facultade de Historia da USC, foron as principais fontes das que bebeu o director para enriquecer a elaboración do guión.
«Dos verdugos ninguén falaba, porque eles manexaban o relato»
«É a primeira película que se fai en España que conta cunha nova narrativa da Guerra. E esa nova narrativa o que fai é moverse desde as vítimas aos verdugos, porque os verdugos non estaban contados», relata o catedrático da USC. «Dos verdugos ninguén falaba, porque eles manexaban o relato». Para o historiador esa nova mirada é o máis interesante que achega a película.
Lourenzo Fernández lembra que xa había miradas literarias como Home sen nome –Suso de Toro- O Lapis do Carpinteiro –Manuel Rivas- ou Corazón helado –Almudena Grandes, pero subliña a gran complicación de trasladar esta mirada á gran pantalla. «A nivel cinema non había o xiro ao perpetrador. Por que había que matar tanta xente?» «Aqueles militares non sabían en que dirección ían pero si sabían o que tiñan que facer», indica o historiador.
San Simón será unha película de ficción con formas de documental na que o esforzo de produción en ambientar o gran número de presos redundará no protagonismo colectivo buscado. Malia iso, o filme conta con profesionais consolidados como Valentín Estévez (O Corno, Eles transportan a morte, Fatum), Javier Varela (As Bestas, O sabor das margaridas, Fariña), Miguel Borines (Los lunes al sol) ou Tatán (Matria).
Esta película é unha produción de Miramemira (O que arde, O Corno), xunto coa madrileña Morelli Producciones e a portuguesa Bando á Parte. «Buscamos e apoiamos proxectos que conteñan historias que deben ser contadas e compartidas co público», destaca Andrea Vázquez, directora da produtora compostelá Miramemira.
Esta é a primeira película como director de Miguel A. Delgado, produtor e director de fotografía na premiada La línea de la sombra, sobre o fotógrafo Alberto García-Alix.
A rodaxe comezou en marzo na illa de San Simón, e alongarase durante dous meses. Na illa rodaranse os exteriores, mais as escenas de interior acadaranse en enclaves como o complexo militar da ETEA en Vigo, o convento de Santa Clara en Pontevedra ou a Cova da Moura (Ourense). O profunda rehabilitación levada a cabo nos edificios de San Simón (con proxecto de César Portela) deu unha nova vida ao que hoxe é a Illa do Pensamento, mais non permite ambientar alí escenas dos anos 40.
Con todo o material gravado e a profunda investigación realizada estase tamén a preparar un webdoc para seguir explicando esta historia polo miúdo. Este proxecto conta co apoio na produción da Televisión de Galicia.
De Leprosería a BIC
O horror no paraíso que relata a película de Miguel A. Delgado supón apenas sete anos da intensa historia desta fermosa illa situada no medio da ría de Vigo, que pertence ao Concello de Redondela.
Na Idade Media fora un antigo centro monástico cantado polo trobador Mendinho. Alí, durante os séculos XII e XIII estiveron os templarios e os franciscanos.
Escenario da Batalla de Rande (1702) a historia conta que foi saqueada por distintos piratas, entre eles o corsario inglés Francisc Drake.
En 1842 comezou a funcionar como Lazareto ou leprosería, onde gardaban corentena os enfermos contaxiosos antes de pisaren terra. San Simón era coñecida como a «illa sanadora» fronte á veciña San Antón, a «illa da morte» onde ían as persoas que non tiñan cura. O lazareto estaría en funcionamento ata 1927.
Poucos anos despois a Dirección de Campos de Concentración instala alí un dos centros penitenciarios máis terribles do Franquismo. O cárcere de San Simón estaría operativo entre 1936 e 1943.
En 1842 comezou a funcionar como Lazareto ou leprosería, onde gardaban corentena os enfermos contaxiosos antes de pisaren terra
A historia da illa de San Simón dá outro xiro en 1955 cando se converte en Fogar dos Orfos dos Mariñeiros ata 1963.
Xa bordeando o século XXI, San Simón e San Antón son declaradas Ben de Interese Cultural, feito que facilitou que foran obxecto dunha gran rehabilitación da man do arquitecto César Portela.
Entre 2007 e 2013 operou a Fundación Illa de San Simón co obxectivo de «converter as illas nun ponteiro contedor cultural, promovendo e desenvolvendo todo tipo de actividades culturais, educativas e de investigación», segundo reflectía a Xunta na web da entidade. Mais en xullo de 2013 produciuse a extinción da fundación para «profundar no aforro de estrutura da Consellería no marco da política de aforro e axuste fiscal do Goberno galego».
Tamén foi efémera a súa condición de Illa da Memoria, un proxecto aprobado pola Xunta en 2006 e que caeu no esquecemento desde 2009, co retorno do PP ao Goberno.
Hoxe en día San Simón, bautizada como Illa do Pensamento polo Goberno galego, é escenario de actividades culturais e lugar a creación artística con citas consolidadas como o festival Sinsal. Malia o paso dos anos e a remodelación feita, un paseo por San Simón sempre lembra ao visitante os tristes feitos alí acontecidos. E así debe ser.