Vinte en Melide. «A festa vai no ADN dos melidaos»

Coa colaboración de

Melide in Blog foi o proxecto de Ricardo de Santos nos tempos do Blogomillo e de Blogaliza para erguer acta de canto pasaba nun lugar “onde se cruzan as estradas: de Santiago a Lugo, de Betanzos a Lalín”. Melide exerce como capital da Terra do Medio malia ser a da Terra do Medio unha xeografía aínda por cartografar, conformada á forza de andar nas feiras: un chisco de carácter gandeiro, un moito de identidade tendeira que afonda as súas raiceiras na Maragatería, por corredoiras de ida e volta, e un cen por cento de dedicación á troula. 

Melide é hoxe unha desa vilas cabeceiras de comarca que o xeógrafo Rubén Lois —e tamén a Xunta— denomina «nodos para o equilibrio do territorio», fundamentais para corrixir unhas dinámicas que escoran as oportunidades cara ás cidades, sobre todo, as do eixo atlántico. Superado o ecuador do mes de xullo, Melide bule de xente nativa e retornada —e peregrina— e entrégase ao paso inexorable do seu esixente almanaque festeiro.

Vista parcial do centro histórico de Melide desde o Castelo. CC-BY-SA Lucía Barreira Paz

Concéntrase na contorna de Melide o 20 por cento das explotacións gandeiras de Galicia, que converteron este poboamento —xa rexistrado nunha cantiga profana de Airas Nunes do século XIII— nun centro comercial e de ocio que lle dá servizo a persoas de media ducia de concellos do redor. Sucede así, por exemplo, co negocio de Ángela Pazo e o seu home, Diego, a tenda de servizos veterinarios Veproga, no Campo Grande.

Ángela traballaba nunha xestoría na Coruña e Diego era comercial de produtos fitosanitarios e de agrobotica. O atávico mito da rivalidade entre Arzúa e Melide estombállase cando sabemos que ela é natural de Burres, en Arzúa, e que o melidao é o seu home. En 2011 apostaron por emprenderen xuntos e naceu o xermolo do que hoxe é o negocio. “Viñemos para aquí porque estabamos cansos da relación a distancia e en Melide podiamos dispoñer dun baixo que era da familia de Diego”. Máis adiante —“E isto foi grazas á Caixa Rural”, lembra Ángela— viría o local novo, desde o que funcionan na actualidade para toda Galicia. “En Ourense, algo menos”. Cuestión de lindes, claro. Ao cabo, o termo municipal de Melide comparte fronteira con Palas, na provincia de Lugo, e fica á carreiriña dun can de Agolada, xa en Pontevedra. 

Ángela Pazo: «Nós aquí podemos traballar e conciliar»

A primeira idea era a de converterse en maioristas do sector, enfocados a cooperativas e tendas, pero o certo é que na actualidade a actividade está máis ligada ao comercio ao retallo. “Estaremos agora nun setenta a trinta, en favor do minorista”. Aínda que a tenda fica un chisco fóra do nobelo xacobeo da vila, na contorna da avenida de Pontevedra, tamén reciben algunha visita romeira: “Sempre hai peregrinos que fan o Camiño con cans”.

Ángela Pazo (dereita) e o seu home, Diego, diante de Veproga, o seu negocio de servizos veterinarios. CC-BY-SA Lucía Barreira Paz

Na tarde de xullo na que nos achegamos a Veproga, a filla de tres anos de Ángela e Diego bota unha soneca na rebotica. “Vai polas mañás ao campamento do Concello e está rebentada”, revela a mamá orgullosa, mentres nos amosa os debuxos da meniña no mostrador da tenda. Para Ángela e Diego, Melide foi o xeito de poder iniciar a súa familia; de conciliar. Aseguran que non lles pesa viviren xuntos as vinte e catro horas do día, todos os días do ano. “Estabamos fartos de viaxar e de vernos un día á semana”. A nena da parella naceu durante a pandemia. “Os establecementos coma o noso foron considerados servizo esencial e non pechamos nunca. Si que lembro a preocupación, porque eu estaba embarazada, pero o certo é que foi tamén un momento no que a xente se puxo facer horta, mesmo nos pisos, en bancais, aínda que fose por ter algo en que dar; porque se pasase o tempo máis axiña”.

O municipio, de 27 e parroquias, mantén desde os primeiros dousmil unha poboación arredor dos 7.500 habitantes, máis da metade na vila. Sucédelle a Melide como a outros “nodos para o equilibrio do territorio” que asistiron durante as últimas décadas do século XX e ás primeiras do XXI ao agromar tanto dunha industria de transformación como dunha economía de servizos claramente condicionada polo sector agrogandeiro: procesados lácteos e queixarías, ferramenta, transporte, maquinaria, mecánica, agrobotica e servizos veterinarios. Ademais, en Melide hai un total de 3.764 vacas, das que 1.416 están en muxidura. Vinte e tantas das que non están en muxidura son as de Lucía Casal e a súa familia, ao cargo dunha das 252 explotacións bovinas do municipio. Neste primeiro día quente do verán —na Terra do Medio dise vrao— recende ás candeas dos castiñeiros e as vacas de Lucía, na parroquia de Santa María, pacen á sombra.

Lucía Casal, na súa explotación na parroquia de Santa María. CC-BY-SA Lucía Barreira Paz

Recoñecemos un becerro acabado de nacer porque Lucía fixo o correspondente anuncio en Instagram e TikTok. “Queredes crer que me marcaron o vídeo da cesárea da vaca como contido sensible?”, sorpréndese. Esta moza de 21 anos comezou a postear imaxes sobre o seu día a día a día entre os prados, as cortes e o tractor porque sufría bullying no instituto. “Ao final deume forza e propúxenme demostrar que é un traballo coma outro calquera; aínda hai quen ten a idea de que ser gandeira é de pobres, de mortos de fame; que os novos non podemos saír de festa... é só unha profesión máis”.

Lucía Casal: «Sábeme mal dicilo, pero ao sector primario podían facerlle moito máis caso»

Ela, que é a terceira xeración da súa gandería, quere tirar proveito de todos os saberes das anteriores, mais tamén defende “uns horarios e unhas condicións” propios do século XXI. “A xente interesábase polo contido e recibín cada vez máis apoio nas redes, ata que o ano pasado me deron o premio nacional”. Refírese ao Injuve 2023, o Premio Nacional de Mocidade que gañou na categoría de medio ambiente logo de que a súa candidatura fose presentada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). Mentres remata o ciclo de Gandaría e asistencia en sanidade animal na EFA da Fonteboa (Coristanco) está a ultimar a apertura dunha nova explotación con seu pai. “Sábeme mal dicilo, porque eu teño moito orgullo de Melide, pero o certo é que ao sector primario podían facerlle moito máis caso, porque somos o motor e o que sostén todo o demais. Eu tiven que ir á Extensión Agraria a Lugo e ao concello de Toques para que me desen información e poder abrir esta nova liña, para destete dos becerros”.

Lucía Casal , de 21 anos, cunha vaca da súa gandaría. CC-BY-SA Lucía Barreira Paz

“Tampouco quero parecer unha renegada de Melide!”. A Lucía Casal nótaselle que lle doe non poder falar sempre ben do seu lugar de orixe. “Melide ten moitísimas cousas boas. Así como pola parte de meu pai somos a terceira xeración de gandeiros, miña nai ten unha tenda de roupa e é a terceira xeración tamén de comerciantes. O comercio de Melide é tan bo como o de calquera cidade grande: carnicerías, panadarías, ultramarinos... pequeno comercio, local, con produto de proximidade, e tamén tendas de roupa e de calzado boísimas. A ASETEM, a asociación de empresarios, fai un traballazo”.

José Sanguiao: «Por que vou poñer o meu negocio nunha cidade se eu quero vivir aquí?»

O que non se pode atopar en ningunha cidade de Galicia é a escola Coffee Spirit. Pasa practicamente desapercibida nun baixo da Ronda de Pontevedra. Cando falamos co seu responsable e impulsor, José Sanguiao, asegura que, “a verdade”, prefire a discreción, porque a el estalle a funcionar o boca a orella e sería un fracaso persoal non poder atender coa dedicación que el considera precisa o alumnado de todo o Estado —e mesmo de todo o mundo— que procura formación en brewing, tostado ou barista de café no seu negocio de Melide. Sanguiao namorou do café cando comezou a traballar con 16 anos no Manhattan do Cantón de San Roque, que aínda permanece aberto hoxe a carón do parque. “O café é unha bebida quente e viva”, comenta. Traballou durante anos como repartidor, comercial e finalmente técnico para unha firma multinacional do sector, pero a súa inquedanza levouno a formarse na Specialty Coffee Association (SCA) e a descubrir outros aromas. Agora a súa escola de Melide está acreditada pola propia SCA e imparte módulos en grupos restrinxidos para dúas, tres persoas. “Si que hai a quen lle chama a atención vir a un sitio coma Melide para facer un curso dalgo tan específico coma isto, pero despois dinme que aproveitan para facer un percorrido pola contorna. Eu tamén fago o mesmo cando saio polo mundo para coñecer un produto ou unha técnica nova”.

José Sanguiao, aos mandos da máquina de café en Coffee Spirit. CC-BY-SA Lucía Barreira Paz

Coffee Spirit comercializa, así mesmo, unha escolla de cafés de especialidade de diferentes orixes do mundo e material profesional de barista. “Instalamos tres máquinas coma esta recentemente en locais de Santiago e da Coruña que comezaron cos cafés de especialidade fronte aos xenéricos da hostalería ou dos liñais de supermercado”. Como lles sucede a Ángela e a Diego, a José, natural do veciño municipio de Santiso, a aposta por Melide dálle á opción de dedicarlle tempo á súa familia. “Ás veces dinme que un proxecto como Coffee Spirit tería moito máis sentido nunha cidade, pero por que vou poñer o meu negocio nunha cidade se eu quero vivir aquí?”.

Nani e Carlota Casal: «Sería chulo extrapolar o Eu Presumo de Galego desde Melide a outras vilas de Galicia»

Para as fillas da diáspora, Melide sempre ten as luces de festa prendidas. E non é un falar figurado. Constituírse como “nodo para o equilibrio do territorio” significa tamén ser o centro da festa e das culturas para a xente moza. Na Terra do Medio —e máis aló— sáese a Melide. O Gatos é o decano dos pubs melidaos e funciona como a caixa negra do rocanrol galego. Abriu polo 1987 e Fernando Casal, Nani, está detrás da barra desde 1997. Nani leva décadas a programar concertos e a pendurar reliquias das paredes, que agora conviven cunha bandeirola tamaño XL de Altri Non. Quédalle a mágoa de non ter visto os Diplomáticos actuar no Gatos. “Agora véxoo bastante complicado”, retruca. “A miña maior ansia é que quen toque aquí unha vez queira volver”. En 2014, cando Carlota, a filla máis vella de Nani, estudaba terceiro da ESO no IES de Melide, botou a andar o certame Eu Presumo de Galego , que se celebra nos invernos para quecer a autoestima e a lingua. 

Coa complicidade da profesora Marga Quintela e o equipo de normalización lingüística do centro, o Presumo comezou a programar charlas e actividades no instituto, con xente como Jásper, de Nao —agora, en Loita Amada—, ou Vituco de Ruxe Ruxe. Grazas a esta proposta, nos recreos do instituto soan bandas galegas e estimúlanse as habilidades creativas: xa sexa polo camiño das artes plásticas e o deseño, en camisolas, cartaces e photocall, ou polo da formación de bandas. Carlota, que hai anos que rematou a súa etapa no ensino medio, asume o labor de interlocutora co instituto e soña con un, dous, tres..., moitos presumos por todo o país. “Sempre pensei que esta é unha proposta que podemos extrapolar desde Melide a outras vilas e cidades de Galicia, a través dos contactos que temos polas redes de salas de música ao vivo”, desvela.

Seguindo a estela de formacións melidás míticas —e moi punkis—, como Kuarto Barreno, ou máis recentes —e non menos punkis—, como Alterazión del Orden, na pota de caldo do Presumo cociñáronse grupos novos, como as Cuarta Xusta ou os Kase7e. Tamén a propia Carlota subiu ao escenario da que é a súa casa a carón da arzuá Aldara Gómez. E levamos dúas conexións Melide-Arzúa no que vai de reportaxe, para que logo digan. Haberá máis. Carlota  e Aldara, as dúas xuntas, chámanse Ámbalas e fan, sobre todo, versións das vellas cancións do Xabarín Club da TVG, de cando elas nin naceran. Pauliña, Dakidarría, Son da Rúa ou Zënzar son algúns dos nomes que pasaron polo Presumo. “Este ano estivo Amoebo, que ten así unha proposta máis urbana, que é algo que eu nunca tería pensado en traer ao Gatos se non fose polo Presumo”, recoñece Nani. Queceulle o palco a Amoebo o novísimo rapeiro melidao Tristán González aka Verdini.

Nani e Carlota coinciden con Lucía Casal en que mudou o xeito de saír en Melide. Os factores son múltiples. Un máis recente é o escenario postpandemia. Despois está unha maior concienciación coa sinistralidade viaria. Antes de que fosen suprimidos en 2009, coa chegada á Xunta de Feijoo, houbera case unha vintena de noitebuses a Melide. “Viñan cuadrillas enteiras de Arzúa, de Visantoña (Santiso), de Boimorto, de Palas, de Lalín...”, rememora Nani. O Concello de Friol, por exemplo, seguiu a financiar o bus para que a súa mocidade saia de marcha a Melide despois dun accidente terrible que cobrou a vida de catro rapaces, e tamén os locais de hostalería teñen sufragado o transporte para a rapazada de municipios limítrofes para asegurarse concorrencia.

Nani lembra que nos anos oitenta e nos noventa, as crianzas de quen fora nos sesenta e nos setenta á emigración á marxe esquerda da Ría de Bilbao e ao cinto vermello de Barcelona, e tamén as de Suíza ou do Reino Unido, eran adolescentes que botaban tres meses longos de verán cos avós na aldea. “Agora son persoas adultas, con fillos ou cargas familiares; moitos casaron para fóra e hai que repartir o tempo: ao mellor veñen unha semana por aquí, con sorte”.

Alba e Lorenzo Rodrigo de la Torre e Jaime Piñeiro: «De Melide destacamos a cultura musical que ten a xente de todas as idades»

Jaime Piñeiro é un deses fillos de emigrados —no caso do seu pai, a Madrid— que pasaban os veráns en Melide. Desde a pandemia fixo un camiño de regreso máis permanente ás orixes. Primeiro foi un “a ver como vai” e, paseniñamente, no cómputo do ano xa son máis os meses melidaos que os madrileños. A Terra do Medio foi o levedo que precisaban tanto el como Alba e Lorenzo Rodrigo de la Torre, os seus socios en Nahlax, para faceren medrar a súa carreira musical. Nahlax baséase na personalidade artística e na voz souleira de Alba e artéllase nas producións e audiovisuais de Lorenzo (Lonchx) e no quefacer de Jaime (Gaijim-J) como DJ e mánager. “Cando chegou a pandemia viña de rematar un contrato de exclusividade que tiña co produtor de Mónica Naranjo e pensamos que era o tempo para facelo pola nosa conta. Como Jaime tiña a posibilidade de facer uso aquí dun piso da familia vimos unha oportunidade”. Agora o piso é o “cuartel xeral” de Nahlax. As composicións nacen de tormentas de ideas, moitas veces ao abeiro da igrexa románica de Santa María, unha das xoias do Camiño de Santiago. Un día xurdiu a oportunidade de gravar un videoclip no que se amosan as pinturas do templo: “Nós facémolo todo nós mesmos e estamos a atopar a pouquísima distancia sitios incribles; iso permítemos pensar en facer un videoclip por cada tema e mira que o disco novo terá 22 cancións”.

De esquerda a dereita, Jaime Piñeiro (esquerda) e Lorenzo (dereita) secundan a Alba Rodrigo de la Torre (centro) en Nahlax. CC-BY-SA Lucía Barreira Paz

Tamén consideran que a contorna está a ser receptiva coa súa proposta. “Conseguimos unha actuación nas festas de Arzúa”, explica Jaime, quen agradece que do outro lado do teléfono e das portas nas que petan atopan máis alento e camiños abertos ca malas palabras. “Mesmo as veciñas nos din que temos que ir a este sitio ou a estoutro”, replica Alba. Destacan de Melide a súa localización no corazón mesmo de Galicia para desprazarse en automóbil para actuar a calquera punto do país e tamén “a cultura musical sen prexuízos que a xente ten aquí. En Melide a xente de case todas as idades está afeita a escoitar música tradicional e folk, bandas, charangas, corais... por non falar do que petan aquí as verbenas e outras propostas máis modestas para as festas, como pode ser a nosa”.

As festas, cousa seria

A festas en Melide son unha cousa moi seria. A capela de San Roque recibe os viaxeiros que chegan á vila desde a estrada de Lugo. Sobre a portada románica —trasladada desde o centro histórico en 1949— paira a lenda xacobea de que se trata da que aparece impresa nos billetes de dez euros. Non é tal. Do cruceiro ao seu carón, do século XIV, escribiu Castelao que se trataba do máis antigo de Galicia. Para achegarse ao patrimonio melidao resulta moi útil o catálogo Abeancos.gal, nacido da colaboración do Museo da Terra de Melide  e da Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (Melisa). É unha verdade universalmente recoñecida que as do San Roque son as festas grandes de Melide, pero non tanta xente sabe que San Roque, que este mes de agosto será honrado desde o día 14 ata o día 21, ambos os dous incluídos, non é o patrón de Melide. A igrexa parroquial, na Praza do Convento, onde se cruzan os camiños primitivo e francés a Compostela, abre as súas portas baixo a advocación de San Pedro. Tamén lle ten moita lei o pobo melidao á Nosa Señora do Carme do Castelo, venerada nunha capela ao carón do cemiterio, no emprazamento que ocupara a fortaleza derrubada polos irmandiños en 1467.

 Moito máis para acó no tempo, en 1946, Alberte de la Fuente, Fondevila e Suso de Pelos argallaron a que sería a primeira edición do San Caralampio, “a nosa festa”, dedicada a un mártir grego que segundo unha haxiografía non moi verificada seica morreu afogado nun bocoi de viño. O San Caralampio de Melide serve para despedir o verán o segundo domingo de setembro. Festéxase en Melide, xa que logo, polo San Pedro (xuño), O Carme (xullo), San Roque (agosto) e San Caralampio (setembro). Engadíronselle ao calendario de celebracións dúas festas laicas, a do Melindre —e os ricos e os amendoados—, no mes de maio, e a Foliada, en abril, a primeira de todas.

Unha representación de Herba Grileira nunha praza do Convento vestida para as festas do verán. CC-BY-SA Lucía Barreira Paz

Miki Varela Puga foi un dos mozos da Asociación Cultural o Castelo que fundou a primeira Foliada de Melide en 2005. “Daquela eu tiña vinte anos e era o máis vello de todos”. Desde 2022, cando se celebrou a décima quinta edición despois de tres anos sen Foliada, o Concello de Melide asume a súa organización, pero Miki segue a estar moi presente en todo canto se artella arredor da música tradicional en Melide. É profesor de Herba Grileira, que é moito máis ca unha escola de música e moito máis ca unhas actividades extraescolares, xa que lles dá acubillo a 150 persoas de todas as idades, varias xeracións das mesmas familias, que se xuntan durante o curso escolar para tocar unha peza (ou dúas) e para botar un pé (ou os dous). Miki non pode estar para facer unha foto cando se fai esta reportaxe, pero envía unha nutrida representación ao punto de encontro da Praza do Convento.

Miki Varela Puga: «Foi moi emocionante para Herba Grileira recuperar o repertorio do Terra de  Melide»

Herba Grileira existe, en certo modo, porque de Melide xurdiron tamén Os Garceiras e Froito Novo ou a escola Axóuxere, de Mingos de Pita, un dos fundadores da Asociación de Gaiteiros Galegos. Así mesmo, pesa esa “cultura musical” á que se refería anteriormente Jaime Piñeiro. “En Melide en calquera concerto que se celebra sempre hai público de todas as idades. Este é un pobo especialmente festeiro; a festa e a música van no ADN dos melidaos”. Herba Grileira concentra o groso da súa actividade entre outubro e xuño, pero reservan algunha actuación para o San Roque ou, en formato máis pequeno —un quinteto de gaitas— para outras celebracións. Son conscientes de que mover 150 persoas se fai complicado cando a xente está de vacacións e ten que conciliar.

Un dos proxectos máis recentes de Herba Grileira foi un espectáculo e a gravación dun disco a partir do repertorio escolmado no libro Terra de Melide publicado polo Seminario de Estudos Galegos en 1933. Xesús Bal e Gay, Eduardo Torner ou Vicente Risco recolleron as músicas e as letras: un romance de cego, unha cantiga de berce e tamén xotas e muiñeiras para bailar. “Foi moi emocionante recuperar o noso repertorio e foi unha sorpresa o ben que funcionou o disco”.

Melide abrangue moito máis cá súa circunstancia como parada do Camiño de Santiago para comer o polbo, que xa non é pouco. Mentres preparamos o regreso para entrar de novo pola porta da Moa, andar o Camiño de Ovedo —si, en Melide é Ovedo—, escoitar o canto da fonte dos Catro Caños ou ollar a Terra do Medio toda desde o alto do Castelo, encomendámonos a un alalá: “Adióscalles de Melide; adiós Campo de San Roque; adiós, muíños de Petos; adiós, taberna do Forte”.

Marta Veiga Izaguirre

Marta Veiga Izaguirre

Marta Veiga Izaguirre (Cantabria, 1978). Exerce como xornalista nos medios de comunicación galegos desde 1998 (El Progreso, Diario de Pontevedra, La Voz de Galicia), agora como freelance. Membro do comité de redacción da Revista Luzes desde 2015. Profesora asociada do Departamento de Ciencias da Comunicación da USC e doutora en Estudos Culturais.

Tamén che interesa

  • Vinte en Vilalba. «Aquí ves futuro porque o hai»

    «O que máis te marca é que es de aquí». A capital da Terra Chá é a primeira parada de Vinte na vila, o novo espazo de VINTE concibido para contarnos máis e mellor a nós mesmas e entre nós. Para achegarnos devagar á vida cotiá de cabeceiras de comarca que impulsan as súas contornas e merecen ser contadas a través do que fai a súa xente

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.