Trinta anos do Xabarín Club. Ceibádeo ou matádeo xa!

Hai alguén aí? Nos anos 90 e primeiros 2000 as crianzas que estaban ao outro lado da TV, bocata en man, eran lexión. Ver a Son Goku, Arale, Doraemon ou Shin Chan -segundo o extremo da Xabaxeración do que foses- á hora da merenda era un costume compartido pola rapazada galega cun nivel de popularidade tan grande como as incribles fazañas dos heroes televisivos. Soaban cancións pegadizas, como “Estou na lavadora” ou “Non todo é o que parece”. Algunhas non moi infantís, como “Carmiña Vacaloura”. Era un orgullo ser dese club. Había ata un carné físico. E ver a túa face na TV polo teu aniversario era o máis. 

30 anos despois, o Xabarín non está morto, nin está moi vivo. Aínda non sabe por que, mais foi castigado co ostracismo da segunda canle da TVG e permanece como nun museo dando nome a unha canle televisiva do mundo online que non acaba de despegar. 

 

Neste 30 aniversario da creación do Xabarín Club preguntamos a membros da nosa Xeración Xabarín, tamén coñecidos pola súa data de nacemento como ‘millenials’, se teñen saudade daqueles tempos e como sería posible trasladar un fenómeno así á Galicia dos anos 20. 

Se estivese vivo en 2024 o Xabarín de 1994 é posible que esmendrellase coa risa co tema da nostalxia ou saudade e a idea un pouco peregrina de recuperar o Club Xabarín hoxe en día. Mais a sorte que tivo a rapazada nacida entre os 80 e mediados dos 90 de pertencer a un selecto club xeracional onde botaban debuxos animados modernos e ben escollidos en galego; onde puñan vídeos musicais e ata organizaban xiras de concertos, ben podía servir de inspiración para recuperar a filosofía do Xabarín Club e agasallar a cativada galega cun proxecto televisivo e multiplataforma infantil en galego, atractivo e actual. Din que é mellor non volver ao lugar no que fomos felices. Mais podemos buscar outros lugares de felicidade.

«É moi posíbel que o feito de vermos os debuxos que marcaron a nosa infancia en galego, acabaran definindo a sensibilidade lingüística da xabaxeración», explica Carlos Vieito (1992) . «A simple idea de que Goku, que salvou ao planeta Terra tropecentas veces, falase na túa lingua, sitúa ao galego ao maior dos niveis e outórgalle un prestixio importante na vida dun cativo, que cando se converte en adulto, vai sentir que o galego é válido e necesario en todos os ámbitos porque sempre formou parte da súa vida», defende o presentar do podcast Exército Mekemeke

«É imprescindible é que haxa contidos actualizados, que poidan ver os debuxos que estean de moda en galego. Non pode ser en galego emitan Pipi Calzalongas que xa era antiga cando nós nacemos. As nenas e nenos galegos teñen dereito a ter contidos actualizados na súa lingua” defende Sara Seco (1993).  A politóloga e tiktoker subliña a «sorte» das crianzas de entonces porque moitas novidades chegaban antes á TVG que ás canles estatais. «As crianzas galegas sempre estabamos á vangarda», di. 

Preguntada polo efecto normalizador, Leti da Taberna (1986), pola súa banda, explica que «non nos permitía ter complexos lingüísticos e ademais era o que «molaba» porque falabas coma os teus ídolos. E non mos imaxino noutra lingua», asegura. 

Carné de socia do Xabarín Club de Leti da Taberna. Unha xoia. CC-BY-SA Cedida

Cando hai algo máis dun mes, coñecemos a nova da morte de Akira Toriyama, o creador de Arale e Son Goku,  nas redes en galego agromaron numerosas mostras de dó e de agradecemento por facer o guión das tardes da infancia de toda unha xeración. Houbo quen o propuso para recibir a Medalla Castelao e mesmo protagonizar o Día das Letras Galegas, porque o efecto normalizador de emitir o manga en galego entón foi incuestionable. 

«Tivemos á nosa disposición unha ferramenta excepcional de normalización lingüística do noso idioma en formatos modernos para a época. E que especialmente para nenas e nenos que viviamos nas cidades, en contornas castelanfalantes ou diglósicas, o Xabarín foi unha magnífica porta de (re)entrada ao galego», argumenta David Lombao (1985), director do xornal Praza.gal.

«Tanto as intervencións do Xabarín no programa como as actuacións en vivo que se facían eran un punto de encontro de algo exclusivamente noso. E o feito de que nese universo propio se falase galego é a mellor campaña de normalización lingüística que existiu neste país. Desde a miña experiencia, como nena viguesa, nas casas da maioría das miñas amizades non se falaba galego pero en todas vían o Xabarín», defende a xornalista de Praza.gal Ana Liste (1990).

Para Cibrán Tenreiro (1990) o Xabarín representa a idea «do que pode facer unha televisión pública a nivel de creatividade, innovación, creación de referentes, autoestima colectiva...» mais o músico e profesor confesa que está un pouco «saturado da súa nostalxia» e defende a sensibilidade das novas xeracións cara ao idioma. «Hoxe pode haber menor coñecemento do galego que cando era pequeno pero tamén máis sensibilidade (ou máis prestixio social). «Quizais dentro duns anos podería dicirse que a xeración Z ten maior sensibilidade que a que veña despois polo éxito que teñen hoxe artistas que fan música en galego (Tanxugueiras, Grande Amore, Fillas de Cassandra...)», explica.

O youtuber Mario B. Toucedo (olaxonmario), pola súa banda, rebélase tamén contra a nostalxia do Xabarín e defende a naturalidade como ferramenta para que a rapazada valore e empregue o idioma galego. «Se estás acostumado a escoitar as cousas nunha lingua asúmelo como natural, inclúes as expresións que escoitas no teu vocabulario... Creas naturalidade arredor do código que ese produto utiliza. Hoxe en día moita rapazada non ten esa sensibilidade porque non estivo exposta a eses estímulos, mais aínda está a tempo», asegura.

O retorno do Xabarín?

Unha das cuestións formuladas aos representantes da Xabaxeración foi se sería posible reiventar ou revivir o Xabarín hoxe en día. E aquí, como en botica, atopamos de todo, mais coa idea común de que non é posible trasladar un formato dos 90 ao momento actual.

«Reinventar o Xabarín pasa por analizar as tendencias contemporáneas e adaptalas as nosas manifestacións culturais. Estudar as dinámicas de consumo e os gustos da rapazada é relativamente sinxelo, temos miles de recursos para emular a adaptar. Xa existen iniciatias independentes de contido para crianzas, recalcando o de independentes xa que os servizos de normalización da Xunta parece non preocuparlle moito», lamenta Olaxonmario.

Sara Seco, pola súa banda, insta ao Goberno galego a que cumpra coa Iniciativa Xabarín, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística e aprobada por unanimidade no Parlamento. «O acordo contemplaba a creación dunha canle Xabarín da TVG, accións para garantir tanto en TVE como nas plataformas, a dobraxe, lexendaxe e audiodescricións en galego así como financiamento para as producións na nosa lingua dentro da Lei Xeral do Audiovisual e chegar a acordos con operadoras e plataformas para a dobraxe e lexendaxe das súas emisións así como a posibilidade de reciprocidade na visualización con Portugal», lembra.

Imaxe Orixinal do Xabarín creada por Miguel Anxo Prado. © Crtvg

Carlos Vieito reclama liberdade para o Xabarín. «Ceibádeo! Que o solten de San Marcos e o deixen chegar a todas as casas e escolas. Hai unha morea de filmes e series infantís actuais dobradas ao galego que están collendo pó nos almacéns da CRTVG. É tan simple como poñelos a disposición dos pais e nais a través da app, ou a futura canle Xabarín, para que se encarguen elas de que as crianzas poidan medrar con eses debuxos», indica.

Para David Lombao a día de hoxe deberiamos deixar o Xabarín a un lado e procurar novas fórmulas para a rapazada actual no dixital e tamén no mundo presencial, xa que, lembra, as xiras de A cantar con Xabarín eran todo un éxito. «Se cadra o primeiro sería matar de todo o Xabarín, deixalo no territorio da saudade e dos bos recordos e darlle á oportunidade ás nenas e nenos de agora de teren algo tan radicalmente orixinal e novo como tivemos nós, lembremos tamén, a pesar dos marcos mentais dalgúns gobernantes da época», argumenta.

Tamén Leti da Taberna aposta por facer eventos que aglutinen música en galego para as crianzas, así como poñer os produtos que consomen na primeira canle e na plataforma dixital. Ademais, como fómula de reinvención para o porco bravo dos 90 propón crear un «un Xabarín Neofalante que lles axude a sentir orgullo da lingua!».

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • A despedida galega por Akira Toriyama, creador de Son Goku e Arale

    Este vernes, 8 de marzo, a rapazada dos anos 90 está de loito xa que se deu a coñecer a morte do creador dos primeiros ídolos da infancia: Son Goku e Arale. 

    En realidade o debuxante Akira Toriyama finou o pasado 1 de marzo, debido a un derrame cerebral con 68 anos, mais non foi ata este Día Mundial da Muller Traballadora que coñecemos a noiticia. E as mostras de pésame entre as galegas e os galegos non se fixeron esperar a través das redes sociais.

    VINTE na rede
  • "Carmiña Vacaloura". A psicodelia do Xabarín revive en Inglaterra

    Psicodélica, perturbadora, vangardista, delirante. A rapazada dos 90 ha de recordar esta canción que saía no Xabarín. “Carmiña Vacaloura” era un tema un chisco especial que podía aterrar, mais tamén abraiar os cativos. Cando George O’Connor, líder do grupo inglés Sugar Darling, deu coas poliharmonías compostas polo Reverendo con letra de Julián Hernández, non puido resistirse a facer unha moi salientable versión no seu idioma orixinal, o galego.

    Música
  • Afra Torrado: «O humor é o meu mecanismo de defensa. Son eu así»

    Afra Torrado vén de publicar o que supón o seu primeiro libro e, para a súa propia sorpresa, non é de poesía senón de banda deseñada. En Fago o que podo, que se presenta estes días na Feira Culturgal, está a súa «intimidade e vulnerabilidade»,  os seus «máis escuros pensamentos”,  xunto con «historias graciosetas» , escritas para pasalo ben. 

    O traballo, a menstruación, o desexo, a morte... as páxinas deste cómic son por veces negativas cun estilo existencialista, por veces cómicas para rir en voz alta, mais sempre cargadas dunha sinceridade brutal.

    A editorial Rodolfo e Priscila -de Berta Dávila e Carlos Meixide- soubo apreciar a lucidez e diversión na obra de Torrado para apostar por ela e confiou en Vinte para adiantar algunas das páxinas que acaban de saír do prelo. 

    Cómic

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.