Afra Torrado, a poeta, vén de publicar a súa obra de banda deseñada nun libro recompilatorio editado por Rodolfo e Priscila baixo o nome Fago o que podo. «Nunca pensei que publicaría un libro antes de banda deseñada ca de poesía. Non son Rosalía de Castro, pero ata agora era a parte da miña obra que máis vira a luz», di a autora.
Torrado (Bamio 1997) debuxa todos os días –aínda que sexa un garabato- e escribe cando ten algo que dicir. Rematou os estudos de Belas Artes en 2019 e despois fixo o FP de Artes Gráficas. Tras pasar polo sector da automoción durante case un ano, a creadora da Señora Barbuda prepara o mestrado para poder traballar como profesora.
En Fago o que podo, que se presenta estes días na Feira Culturgal, está a súa «intimidade e vulnerabilidade», os seus «máis escuros pensamentos», xunto con «historias graciosetas» , escritas para pasalo ben. O traballo, a menstruación, o desexo, a morte... as páxinas deste cómic son por veces negativas cun estilo existencialista, por veces cómicas para rir en voz alta, mais sempre cargadas dunha sinceridade brutal.
Por xentileza da editorial de Berta Dávila e Carlos Meixide, agasallamos os nosos lectores e lectoras cun adianto dalgunhas das páxinas contidas en Fago o que podo, primeiro libro de Afra Torrado, coa que mantivemos tamén unha conversa.
A editorial Rodolfo e Priscila vén de publicar o que supón o teu primeiro libro, Fago o que podo, que é recompilatorio dos teus traballos cun fío condutor novo. Como xurdiu a idea de xuntar todos os teus debuxos nunha obra global?
Propúxomo Berta Dávila e dixen que si. Tiña todo desperdigado e pensei que publicar un libro sempre está chulo. Aquí están os meus debuxos desde 2018, cando comecei a poñerme un pouco en serio –entre aspas, di- co cómic e a banda deseñada. Non fun máis para atrás porque tería que ir ata os 5 anos. Tamén é o que ten máis consistencia entre si. Sempre estiven debuxando cousas sen máis, pero a partir de aí comecei con Señora Barbuda e decateime de que era o que me gustaba.
Vés do mundo do fanzine e, aínda que xa publicaras poemas en Apiario ou nas revistas Dorna e Ligeia, esta é a primeira experiencia cunha proposta editorial só para ti. Como está a ser a resultar?
Agora mesmo estou nunha nube. Nunha pensei que deixaría de ser inédita, aínda que xa publiquei en fanzines. Pero nunca pensei que publicaría un libro antes de banda deseñada que de poesía. Non son Rosalía de Castro, pero ata agora era a parte da miña obra que máis vira a luz. Entón, por esa parte síntome un pouco insegura e non teño expectativas. Esa é a miña norma: non ter expectativas e para adiante. Pero si, estou nerviosa.
Dúas páxinas do libro Fago o que podo (1)
A editorial viu que a túa obra merece ser publicada. Por algo sería.
Exacto. Eu dixen: se os que poñen os cartos confían en min por algo será.
Que van atopar os lectores en Fago o que podo?
Eu estes días viñen pensando en como o lería xente e pensándoo ben dáme bastante vergoña porque son os meus máis escuros pensamentos. É a miña intimidade e vulnerabilidade, xunto con historias graciosetas que fago para pasalo ben. Entón é unha mestura de todo o que son, máis ou menos.
«Son os meus máis escuros pensamentos. É a miña intimidade e vulnerabilidade, xunto con historias graciosetas que fago para pasalo ben»
Pese á negatividade que impregna as páxinas por tempos, a verdade é que a obra está chea de sinceridade e sentido do humor. Unha combinación ben interesante.
-O humor é o meu mecanismo de defensa. Son eu así. Penso na xente que me coñece lendo isto e igual pensan que estou fatal. Cando estás a escribir ou debuxar estás ti soa e podes irte da lingua dunha maneira máis dramática que igual se só lle dis a alguén: estou triste. Pero quero mandar a mensaxe de que estou ben, dentro do que cabe.
Respecto aos contidos xa desde o comezo confesas a túa síndrome da impostora. Nunca estamos á altura?
Uns días máis ca outros. Máis que estar á altura o truco é que che dea todo igual e estar á altura está sobrevalorado. O proceso do libro na edición e, agora, na publicación está a ser ese mesmo. Pensar que me van criticar ou que non vai gustar. Pero hai que levalo e punto. O libro autoexplícase.
Tamén amosas a túa oposición a obriga de traballar. Se traballas non podes debuxar, verdade?
Cando me propuxeron este proxecto estaba no paro e dixen: xenial, teño unha morea de tempo libre. Entón comecei a traballar ao mes seguinte e aínda que xa tiña todo case feito tiven que facer moitas correcións e pasar a limpo moitas cousas que eran ilexibles. Entón, combinar iso con traballar oito horas lonxe da casa foi complicado. Iso está aí reflectido. Entón tamén está aí a síndrome da impostora. Fixen o que puiden, pero igual non o mellor que sei porque faltou tempo.
Dúas páxinas do libro Fago o que podo (2)
Nas páxinas do libro pasamos de temas, digamos, prosaicos como a menstruación, ou o traballo, a asuntos máis trascendentes como a morte. Abordas do mesmo xeito uns temas e outros?
Ao final todos son temas do día a día. A morte pode parecer un tema moi profundo pero está aí. Todo é do día a día: a morte, a regra, traballar, para ben ou para mal todo esta aí. Son cousas do meu día a día e entendo que de toda a xente. Se non que me digan como non.
«A morte, a regra, traballar, para ben ou para mal todo esta aí. Son cousas do meu día a día e entendo que de toda a xente. Se non que me digan como non»
Ser adulta dá noxo, tal e como dis no libro?
Eu creo que si e cada día o confirmo máis. Sempre tendemos a idealizar o pasado, pero eu recordo unha infancia moi feliz. Non me enteraba de nada. Entón, estaba xenial. A medida que vas medrando vas adquirindo responsabilidades e eu penso en cando non as tiña e no ben que estaba xogando cos meus veciños. É o que hai. Resignación.
Que achega a ilustración fronte á poesía? Dis por aí que podes poñerte máis explícita...
Si, totalmente. Na poesía, no meu estilo polo menos, non son capaz de saír do implícito, sempre leva máis adorno... mais a banda deseñada para min é moito máis directa. Vouche contar isto e punto pelota. Como se cho contara tomando un café pero escrito. Sen máis. Para min son dous medios de expresión á mesma altura, incluso complementarios, ás veces.
Debuxas ou escribes todos os días?
Debuxo todos os días, aínda que sexa un garabato, porque é importante non perder o costume e porque me sae. E poesía escribo cando teño algo que dicir. Estou traballando en fanzines coma sempre e aínda que non saian eu traballo neles, con banda deseñada sobre todo. Tamén estou preparando un poema longo. Eu estou sempre traballando, aínda que logo non se publique. Sempre estou dándolle á cabeza, así que quen sabe, ao mellor mañá teño cinco cousas novas.
Por que deberiamos mercar ou pedir de agasallo o teu libro este Nadal?
A nivel económico sae máis rendible o cómic que comprar todos os fanzines. Pero se che gusta o intimismo e o humor pode ser unha boa opción. Ademais, veñen aí as festas e para a mocidade pode estar guai. Para os mozos, non para os nenos.