Pepa Prieto Puy. A viñeta intelixente

Pertencente á unha das xeracións máis interesantes do actual mundo do cómic, Pepa Prieto (Compostela, 1989) leva anos deixando a súa sinatura en ilustracións únicas, nun meridiano onírico entre fantasía, realismo e crítica social. A súa versatilidade á hora de concibir a viñeta prosegue ata hoxe con ‘El vuelo experimental’, a súa última creación, feita a medias co seu pai, o actor Manuel Manquiña.

Foi precisamente deste último de quen provén a influencia que a arrastrou ao debuxo: «Todo vén da miña familia. Meu pai debuxa, sempre tivo acuarelas a man. Facíanos cómics a miña nai, a meu irmán e a min, cando eu era pequena. Iso influíume moito, así como meu avó, que pintou sempre. Tamén teño unha tía que é pintora, coa que pasaba moito tempo de pequena. Era inevitable que ocorrese na miña casa. Despois, cando xa era un pouco maior, empezáronme a gustar os cómics porque, xa no colexio, coñecín a Roberta Vázquez, e desde moi pequenas fixemos fanzines. Eran coma revistas de entretemento. Faciamos sopas de letras, cómics sobre os nenos que nos gustaban, sobre Harry Potter, con quen as dúas estábamos obsesionadas (ri)».

A partir desta base foi saíndo a flote o marco referencial que a axudou a ir definindo un estilo. «As miñas amigas si que tiñan referencias máis claras do cómic underground, do manga. Eu teño máis unha mestura de influencias. Si que é certo que houbo cómics na miña infancia que me marcaron, como os de Franka, de Henk Kuijpers, que estaban traducidos ao galego por Xerais. E, por suposto, os míticos: Astérix e Obélix, Tintín, o que había naquel momento. De parte do meu pai veñen todas as revistas, tolísimas, do Víbora, TBO, Cairo, Tótem e demais. Logo el ten coleccións enteiras de Conan, pero nunca lin un cómic enteiro (risas). Gustábame Iron Man e algún cómic máis de superheroes. E claro, esas portadas tamén me marcaron. Pero sobre todo as revistas do Víbora, Hermano Lobo, as máis políticas, polo seu contido sexual, que fosen cómics para adultos, ou polos seus diferentes diseños oitenteiros de liña clara.

Da lectura ás agachadas do Víbora aos seus estudios en Belas artes en Salamanca, Pepa lembra cando «en terceiro de carreira coñecín a Roberto Massó, que tamén é debuxante da nosa quinta e é parella de María Ramos, coa que vou a sacar tamén outro libro de “Chabel”. Con Roberto comecei a facer fanzines outra vez, pero nesta ocasión con referencias máis punkis, máis musicais. Alí comecei a divertirme e a recolocarme outra vez, tamén a colaborar con Firecream, e toda a peña de Pontevedra: Andrés Magán, Begoña García-Alén, Teresa Ferreiro, Roberta Vázquez, Santi Zubizarreta, Berto Fojo, Arturo Mosquera, Irene Vidal, Santiago Paredes, Roberto Massó. E volvín pasar horas debuxando na miña habitación, sen que nada me importase máis ca iso. Esta é unha xeración brillante. Foron os meus novos referentes. Ao final sempre volvo ao mesmo, a Roberta, Teresa e a min. As tres temos estilos súper diferentes, pero ao mesmo tempo hai algo que nos une. Supoño que, por un lado, é un sentido do humor que xa estaba alí e tamén saber rir de nos mesmas. Temos un rollo bastante autobiográfico. Por exemplo, Roberta e mais eu escribiamos diarios de pequenas. Iso tamén te axuda a ter unha conciencia de ti mesma e a empezar a saber ver, a fixarte en cousas. Eu non teño unha gran imaxinación. Cústame moito. Podo ter unha idea e ir tirando e tirando, pero case sempre baséase en cousas que me pasaron. E creo que a elas pásalles tamén un pouco igual. Pero os estilos son moi diferentes».

Páxina pertencente a “Villaluminosa de Chabel”, de próxima aparición. © Pepa Prieto Puy

Logo de publicar con diferentes editoriais, agora chega o momento de pechar o círculo da súa aprendizaxe co seu pai, guionista de El vuelo experimental. «Imponme moito traballar co meu pai. El é moi perfeccionista e iso é algo que xa sei de entrada. Esta historia foi un soño que tivo hai anos. Meu pai tiña moi claras as imaxes na súa cabeza, e ao final queres que o debuxo non conte outra cousa. Son historias que ten escritas desde hai tempo, pero ao final, entre unhas cousas e outras, puxémonos a facelo hai pouco. De feito remateino na corentena».

Para a estética e a posta en escena deste soño, a debuxante buscou pintores da época da revolución industrial: «Nesta historia meu pai tiña un rollo como de Inglaterra, Liverpool ou algunha zona industrial. Atopei o pintor inglés L. S. Lowry, de Stretford, e quedeime moito cos tons dos seus cadros. Eses ceos grises, esa néboa… gustábamos como pintaba o fume, saíndo pola cheminea, como moi de conto escuro desa época».

Cuberta do cómic 'El vuelo experimental'. © Pepa Prieto Puy

Aínda que El vuelo experimental conta con textos, é outro exemplo da súa habilidade para montar historias nas que, como artistas da viñeta sen palabras como Chris Ware ou Jaime Hernández, compón escenas mudas que o din todo a través do seu trazo. «Para min iso é o sinxelo. Teño poucas historias con texto. Moi poucas. Para min o máis sinxelo é facer unha cuadrícula e, cando teño que pensar como organizo un cómic, o que fago normalmente é pensar como quero a cuadrícula, segundo a historia. Despois en cada unha escribo unha ou dúas palabras que me levan a unha escena, e a partir de alí vou construíndo o cómic, porque normalmente non hai texto. Son escenas, é un seguimento da personaxe, que te leva por diferentes accións».

Tras esta nova fase no seu corpo de traballo, na actualidade segue a medrar con tres novos proxectos, como Escándalo no CDG, novela por entregas que se publicará en VINTE durante este mes de agosto. Pepa Prieto asina a portada, da que comenta que «a verdade é que me fixo ilusión este proxecto. Cando Corinna Marx mo presentou fíxome graza. É como unha novela romántica de quiosco dos anos setenta. É puro morbo e fantasía, con escenas sexuais explícitas naif da época. Ao final todas as fantasías se cumpren, non pasa o que sería na vida real. Véxoo con sentido do humor. Está contextualizado nesta época, hai referencias á TVG, a bares, a sitios puntuais de Santiago».

Cuberta de 'Escándalo no CDG' © Pepa Prieto Puy

Nun aspecto máis persoal, «levamos como tres anos para que o libro Villaluminosa de Chabel saia á luz. Espero que en setembro xa poidamos dar a noticia. Tamén teño outro proxecto en mente, que é un cómic... antes de estar con isto, estaba con outro, noutra editorial. Eu pensaba facer unha historia longa, contala como unha experiencia persoal súper chunga de maltrato. Foi unha experiencia que tiven hai catro anos e, como foi imposíbel denuncialo, quixen facelo mediante un cómic, pero non fun capaz porque pasaron catro anos e eu sigo sen ver as cousas doutra maneira, sígoas vendo súper negras. Aínda non cheguei a ningunha conclusión. Sigo moi enfadada e con medo. Foi pasando o tempo e, durante a corentena, contactáronme da editorial Apa Apa. Tiña moitas ganas de publicar con eles, pero estaba moi bloqueada coa outra historia.

Ao final escribíronme, dixéronme que aparcase unha temporada o outro cómic, que estaba súper atascada, e que me puxese con eles. O de Apa Apa é un proxecto que xorde a partir dunhas axendas semanais que levo anos facendo. Parecen fanzines porque están feitas de forma rápida, todas as portadas teñen ilustracións feitas a man. Ao principio apuntaba a lista da compra nelas pero, pouco a pouco, fóronse convertendo en apuntamentos de ideas para un cómic, basicamente. Eran cadernos para todo o que facía. E ao final o punto práctico foi outro. A temática é un pouco variada. Son historias curtiñas. Hai algunhas que fan referencia a momentos políticos que estamos vivindo. Está a pasar de todo no mundo. É imposíbel obvialo. Tamén hai moitas referencias musicais, experiencias persoais, e un pouco de mala baba tamén. Supoño (ri).

Páxinas inspiradas no cómic das axendas, aínda en preparación. © Pepa Prieto Puy
Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Tamén che interesa

  • Leo Sousa. Un artista raro á procura dun ruído propio

    Leo Sousa é un dos novos nomes clave da arte gráfica en Galicia, cunha obra directa e de espírito contracultural que se plasma en ilustracións para medios como El Salto, Luzes ou Consented, portadas de discos como os de Bala ou Klute e cartelería da que podes ver pola rúa. Falamos con el sobre o seu estilo, a tecnoloxía ou o estraño de desenvolver unha obra artística traballando por encargo.

    Gráfica

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.