Leo Sousa é un dos novos nomes clave da arte gráfica en Galicia, cunha obra directa e de espírito contracultural que se plasma en ilustracións para medios como El Salto, Luzes ou Consented, portadas de discos (Bala, Klute, Abuela te quiero) e cartelería da que podes ver pola rúa, dende o WOS Festival de Compostela ou a mostra Videoclips a Esgalla de Ferrol a posters para proxectos como Malandrómeda, os americanos Sheer Mag ou o equipo de roller derby As Brigantias. Falamos con el sobre o seu estilo, a tecnoloxía ou o estraño de desenvolver unha obra artística traballando por encargo.
Leo Sousa é un artista raro. Sospéitase que calquera artista o é, pero a súa rareza é pouco común entre o gremio: Leo Sousa é un artista raro porque a súa arte é discreta. En lugar de chamar a atención sobre si mesma, as súas imaxes sinxelas e impactantes aparecen en traballos de encargo como carteis ou ilustracións de revistas, desenvolvendo un discurso propio ao servizo doutros discursos. Ten algo de propaganda, pero tamén é un propagandista raro, xa que dentro destas encargas é quen de introducir constantes persoais como a redefinición de imaxes icónicas ou o uso dun humor entre o absurdo e o surrealista. Estas rarezas revelan unha obra e un autor cun posicionamento político forte, crítico coa pasividade do público, coas nocións máis rutinarias da arte, coa inconsciencia no uso da técnica e a tecnoloxía e coas propias contradicións.
A maioría dos teus traballos son encargos. Sénteste máis cómodo traballando cunha premisa previa que desenvolvendo unha obra dende cero, pola túa conta?
Resúltame máis fácil traballar para outra xente que facer cousas só para min mesmo ou partindo dunha intención artística pura. Máis que nada porque non teño definida unha ruta artística ou un mundo estético sobre o que queira traballar, e o encargo axúdame a arrincar, e a aplicar certas cousas que me espertan curiosidade a un obxectivo concreto. Por outro lado, eu sempre entendín o aspecto gráfico como algo que complementa outra cousa. Cústame velo como algo illado, e cústame visualizar o que sería unha obra de colgar nunha parede, o puramente decorativo, se non ten unha utilidade.
Se o teu traballo vai ser algo que alguén necesita especificamente para transmitir unha idea tamén vai ser diferente a que alguén che merque un produto rematado. Como traballador tamén che resulta máis cómodo?
Si, resúltame máis cómodo e por iso o fago. Tamén pode ser froito de inseguridades. Para ser un artista tes que crer moito no que fas, ter moita fe en ti mesmo e crer moito no teu proxecto estético. No meu caso é un pouco máis empregar certos recursos para solucionar un problema gráfico, e aporto iso como un técnico. Como un fontaneiro. Iso na miña cabeza, claro. Tampouco creo que sexa así ao cen por cen, porque o que fago ten unha subxectividade detrás.
Certo, porque aínda que busques “solucionar problemas gráficos”, na túa obra hai un discurso propio, con constantes estéticas e temáticas. Como te relacionas coa xente que che propón eses choios e como escolles cales facer?
Teño esa liberdade porque na maioría das cousas nas que traballo o cliente non soe ter moi claro o que quere. Iso no meu caso, que tamén é un nivel moi amateur, no que che solicitan un traballo pero non che impoñen unha base estética ou conceptual determinada, como pode ser unha paleta de cores… Non o teñen e podes xogar con iso.
Cales dirías que son as liñas que buscas manter no teu traballo? Ese discurso que vas fiando, en que pensas que consiste?
Creo que é unha cousa máis ben gráfica. A nivel conceptual gústame xuntar ideas e xogar ás veces co absurdo. Facer metáforas visuais é o que máis me interesa. Gústame o impacto a primeira vista, e que as cousas sexan sinxelas e potentes. De cara ao contido é moi relativo porque ten que ver co traballo determinado que faga.
Tiña anotado precisamente iso, que as túas imaxes teñen un “impacto directo a primeira vista”.
Vaia, mira, pois conseguino [risas].
Hai imaxes que xa evocan a calquera un impacto, porque teñen unha carga simbólica moi forte, e non teñen que ser unha cruz cristiá ou unha esvástica: unha cafeteira evoca moito, e unha cafeteira italiana, que usa todo o mundo, vai evocar máis que unha cafeteira de deseño de cores.
Que é o que fas para conseguir ese impacto? Vexo que son imaxes pouco recargadas e con elementos moi fáciles de lembrar, pero quería saber como o traballas especificamente.
Se poño un peixe tento que sexa un peixe que recoñeza todo o mundo. Non sei se me explico: se son un especialista en peixes [risas] igual coñezo moitas especies de peixe que á xente lle resultarán alleas. Eu tento que o que fago sexa o máis popular posible, que as imaxes poidan recoñecerse a primeira vista, e aí radica a forza. Hai imaxes que xa evocan a calquera un impacto, porque teñen unha carga simbólica moi forte, e non teñen que ser unha cruz cristiá ou unha esvástica: unha cafeteira evoca moito, e unha cafeteira italiana, que usa todo o mundo, vai evocar máis que unha cafeteira de deseño de cores, que será máis allea.
Como identificas ese carácter popular?
Moitas veces traballo con fotos e sácoas de Internet, da busca máis básica. Busco “cafeteira” e a primeira que me sae é a imaxe na que me inspiro. Ou collo a cafeteira da miña casa, claro, pero gústanme moito os bancos de imaxes de Internet e as buscas en Google, porque Google se convirte nunha especie de cerebro colectivo da xente. Ten unha tendenciosidade porque a empresa deseña os resultados, pero en teoría baséanse nos intereses da xente. Ou tamén me fixo no modo no que se usan as imaxes na publicidade. Traballo moito con mans, por exemplo, teño unha fixación con elas porque me parece que teñen esa carga simbólica e transmiten tamén acción.
Ao fío da inspiración que tomas das fotos, tamén é bastante habitual que traballes recontextualizando imaxes que xa son icónicas de por si. Penso na fouce convertida nun interrogante para a ilustración de “La utopía en actos” en El Salto, a foto da execución de Nguyễn Văn Lém para o cartel de Vozzyow, ou mesmo os collages sobre servizos públicos para El Cosmonauta Tropical… Por que utilizas este recurso?
Deses que me dixeches, o do Cosmonauta e o cartel de Vozzyow son casos nos que tiña total liberdade. O de Vozzyow era un cartel de [o colectivo] PORNO e aí si que era un pouco máis algo artístico que adscrito a un encargo determinado. A imaxe da execución en Vietnam xa é moi poderosa. A propia imaxe impresa en grande vai impactar onde a poñas, porque xa é unha boa foto e está no propio…
… imaxinario colectivo?
Si. E bueno, non no de todo o mundo, porque eu imprimina en serigrafía e ao levala por aí a vender a xente non tiña nin idea do que era. Aí sentinme un pouco imbécil polo que che dicía de “buscar unha imaxe que coñeza a xente”. Pero funcionaba ben de por si, e o tema da tecnoloxía e dos móbiles preocúpame bastante así que o incluín. É como se debuxas un bigote nun periódico. Pareceume interesante que tivese un móbil.
Sobre isto, na túa obra a tecnoloxía aparece de forma explícita. O móbil neste caso e na túa última portada para Karate Press, ou na ilustración “Know your tools” para Adbusters. Quizais tamén no pixelado de “Cuestionadas por sistema” para El salto… Quería ver que posición tes sobre o contexto tecnolóxico e como te afecta no teu traballo.
Buf, iso é difícil. Seguindo co de recorrer a lugares comúns nas cousas que fago, creo que tamén collín un vicio do que estou un pouco canso, que é que moitas das técnicas que uso, aínda que as use de xeito dixital, son técnicas analóxicas. A manipulación das fotos, o xeito no que uso o collage, a maneira na que trato as imaxes e as cores... De aquí a un tempo dinme conta de que o facía por recorrer a un tipo de ruído, que serían as imperfeccións que producen a serigrafía ou a fotocopia. Recorro a iso constantemente para dar máis peso ás cousas que fago, e estou usando un ruído que non é realmente meu, propio, porque ao final eu traballo principalmente co ordenador. Agora mesmo estou moi preocupado por usar un tipo de ruído que me represente mellor, que sexa contemporáneo a min mesmo, e non penso que eses traballos que mencionaches, como o uso do pixelado, me representen para nada. Creo que esa é unha aproximación moi infantil e inmadura aínda ao tema. Non sei se me estou explicando.
Penso que si.
O ruído suxire emocións. Ti miras os filtros de Instagram e ofréceche filtros imitando foto analóxica. Tes un filtro do século XXII? Non, tes un de principios do século XX, cámara lomográfica ou o que sexa, porque son emocións, son recordos que aínda que non os vivises telos igual en base á cultura da televisión, a cultura dos libros… Se o ruído na actualidade é o da imaxe en alta definición, igual hai que tirar por aí. Isto é moi contraditorio, pero a imaxe en alta definición ten o seu propio ruído, que non apreciamos ata agora. E ao usar unha máquina, como un ordenador, que ten unha potencia da hostia para facer certas tarefas, ao final acabo facendo unha cousa hipersinxela. Obviamente, iso pasa porque se queres facer unha imaxe impactante tes que xogar con cousas sinxelas e sintetizar. Pero nese caso non estás abusando da máquina como abusas dunha fotocopiadora. Abusar dun ordenador paréceme moito máis difícil, especialmente cando estás restrinxido ao teu campo e non estás no campo da informática, non es programador… O uso que facemos da tecnoloxía normalmente é moi nesgado e métenos nun nicho, pero as cousas interesantes, o ruído do que falaba, eran froito de utilizar as máquinas de antes dunha forma abusiva. Entón en vez de conseguir un resultado con carácter conseguimos unha cousa moi aséptica, e cousas moi parecidas unhas a outras. Porque quedamos na superficie.
Arredor disto, como ves a evolución do teu traballo ao longo do tempo?
Cando empecei a facer cousas facíaas para PORNO, pósters para concertos, e viña todo implicado polas limitacións monetarias. Á parte, pola bagaxe das referencias que tiña gustábame moito a fotocopia, e recreábame niso dunha maneira moi infantil. Nese momento podía terme centrado moito máis en Internet, nas imaxes que podía ter feito en pantalla, e facer outro tipo de cousas que non fosen tan baseadas no obxecto, no póster A3 fotocopiado na parede. Pero isto tamén me axudou a velo todo dunha forma máis sinxela. Creo que mantiven sempre o mesmo rollo, pero aprendín a usar mellor as ferramentas ou a atopar mellor as imaxes.
E de cara ao futuro, cara a onde che gustaría evolucionar? Tes expectativa de facer cousas pola túa conta?
Aínda que segue interesándome o mundo analóxico e as técnicas de impresión, interésame moito máis o mundo dixital. Gustaríame facer algo colectivo, algo que non fose un encargo, no sentido de inicialo eu, ou eu con outra xente. E o que máis me interesa sería facelo en torno a esa idea que dicía antes de atopar un ruído propio. Que fose un exercicio persoal de investigación en certo modo. Pero claro, gustaríame que fose adscrito a outra cousa, a facer uns concertos, a editar unha revista… En canto ás exposicións, poñer un cadro na parede non me interesa nada, paréceme un coñazo.