Lalín's Curse. Un webcómic ambientado en Galicia ten milleiros de fans por todo o mundo

Estamos afeitas a que as historias da banda deseñada teñan lugar nas grandes cidades (Nova York, Metrópolis, Gotham, Toquio...), semella que alí todo é posíbel e calquera cousa pode pasar. Pero non pensa o mesmo Isabel Terol, de alcume Isakytm (1993, Comunitat Valenciana), finalista do Webtoon Contest 2018, que escolleu Lalín como escenario do seu webcomic de estilo manga onde se suceden todo tipo de fenómenos paranormais.

Lalín, cruce de camiños

Cada día vemos como xigantescas empresas asiáticas se converten en multinacionais chegando a Occidente e ás nosas vidas cotiás. Mentres as editoriais máis grandes e máis coñecidas, Marvel e DC, se debaten na guerra entre o papel e o dixital, entre o pago e o gratuíto, en 2014 chega aos Estados Unidos Line Webtoon, unha sucursal da empresa coreana Naver (creadora, entre outros, da app de mensaxería Line). A súa proposta céntrase en ter actualizacións de series todos os días, contidos para todos os gustos e na súa gratuidade, tanto para ler como para publicar. E é nesta plataforma onde Isatkytm comeza a publicar a súa serie Lalin’s Curse (A maldición de Lalín), na que un grupo de rapaces e rapazas de 3º de ESO investigan os estraños acontecementos que pasan no monte, nas súas casas... ou quizais só na súa imaxinación?

David e Félix son os protagonistas centrais desta banda deseñada, pero sempre van acompañados dos seus amigos e amigas, polo que hai un amplo abano de personaxes coas que identificarse (ou namorar). As paisaxes galegas e a cantidade de lendas e historias sobrenaturais fixeron que Isatkytm quixese ambientar a súa historia en Lalín, por onde pasou nunhas vacacións. Cruceiros, hórreos, corredoiras ou edificios da vila e arredores son recoñecíbeis nos seus cadriños. Lalín está no centro e xa sabemos que é nos cruces de camiños onde o mundo dos espíritos e o noso están máis perto. Moito material para lendas urbanas e misterios aos que se enfrontar.

A revolución dos webtoons

Unha das características que diferencia un webtoon doutros webcomics é que están pensados para ser lidos en dispositivos móbeis, en vertical e cunha interface sinxela e mínima. Isatkytm conta que tardou pouco en adaptarse a esta nova forma de narrar. A base de ler moito e de experimentar agora domínaa á perfección e mesmo trata de facer cousas diferentes, como xogar cos espazos, mesturar a linguaxe coa narración tradicional e que non todo sexa unha serie de cadriños un debaixo do outro.

Lalin's Curse entre as finalistas do 2018 Webtoon Contest, seleccionada como "a máis cativante" © Webtoon

A autora formouse en deseño gráfico e na actualidade traballa para Line Webtoon despois de superar os distintos chanzos do Webtoon Contest, un concurso no que a plataforma busca recompensar as autoras con máis repercusión cun premio (5.000$ na primeira fase, 25.000$ na segunda e 50.000$ na última) e un contrato para continuar a súa serie dentro da sección seleccionada polas editoras. A empresa é surcoreana, mais Isakytm traballa para a filial estadounidense desde a súa casa na Comunitat Valenciana, onde lle dedica dez horas diarias ao seu novo emprego. Pero non é unha tarefa completamente solitaria: agora conta coa supervisión e o consello dunha editora de Webtoon, ademais da axuda en diversas tarefas doutras artistas auxiliares. Todo sexa por completar as entregas semanais e facer máis atractiva a súa obra.

Máis de 2.700.000 visualizacións, máis de 150.000 persoas subscritas en Webtoon, unha media de máis de 15.000 likes por capítulo... É o comezo, pero Isakytm está aprendendo sen moita dificultade a convivir cunha crecente masa de seguidoras das súas creacións, xente que fai as súas propias versións (fanart) das personaxes, que piden máis... Pero de momento imos ter que agardar porque co paso de Discovery (Descuberta) a Featured (Destacado) a serie vai ser reiniciada en 2019 e redeseñada nalgúns detalles. A parte boa da espera é que a serie terá arredor de 300 entregas, ademais xa ten pensado o final e non se vai alongar innecesariamente (como se adoita facer no mundo do manga).

O pé da segunda imaxe: "Fanart de @marinamlx con David esperto mentres os seus amigos e amigas dormen". © marinamlx

Compás de espera

Mentres agardamos sempre podemos ler Delete (Norma Editorial, 2016), a súa primeira obra longa publicada e na que aparecen algúns dos personaxes de Lalin’s Curse. Nesta historia una rapaza chamada X, acompañada dun paxaro-robot, enfróntase a un ser que pretende destruír o mundo nunha realidade que mistura fantasía, videoxogos e píxeles. Outra cousa que podemos facer é perdernos na morea de material que ofrece Webtoons ou, inda mellor, seguir algunha das recomendacións da propia Isakytm. Ela enganchouse a isto dos webcomics en vertical lendo Hooky da catalá Míriam Bonastre Tur e agora segue máis dun cento, como a comedia Bluechair, de Shen; o romántico Let’s Dance, da estadounidense Mongie; ou o thriller Sweethome, do debuxante norcoreano Youngchan Hwang e o guionista Carnby Kim.

Isakytm seguirá visitando Lalín coa súa parella, que é de Ourense, para coller referencias visuais para a serie e repasar as súas influencias, entre as que se atopan obras do manga como Fullmetal Alchemist ou My Hero Academia, series e pelis de aventuras xuvenís como La banda del patio (Recess), Gravity Falls ou Super 8, os filmes de terror ou os programas tipo Iker Giménez e Buscadores de fantasmas. Nós seguiremos de perto a súa carreira.

ifrit

ifrit

Explicando internet e a cultura popular para entender o mundo

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.