Desde hai uns anos a traxectoria da autora de cómics Roberta Vázquez (Compostela, 1989) non deixou de crecer. Dentro da gran actividade que está a amosar, cómics coa entidade de ¡Socorro! (2019) e as súas colaboracións para El Jueves non son máis que dous exemplos dunha creadora en estado de graza e co caderno cheo de proxectos na recámara.
Pero como son os seus comezos no mundo do cómic? «Levo debuxando cómics dende que lembro. Cando era pequena adicáballe moito tempo a ler e debuxar. Supoño que era o xeito máis natural de poñer en práctica as dúas cousas. Cando tiña dezaseis anos, lin Odio, de Peter Bagge, e descubrín cómics underground e máis referencias para adultos. Foi alí cando empecei a pensar na idea de que podería ser a miña profesión. Creo que tomei demasiado en serio que me dixesen que era boa niso, e aquí estamos. Tamén tiven a sorte de coñecer a outras grandes debuxantes en todas as etapas da miña vida: con Pepa Prieto no colexio, con Teresa Ferreiro no instituto, con Andrés Magán, Begoña García Alén e Santi Paredes en Belas Artes; e desde que vivo en Barcelona, con moitos máis: Jorge Parras, Pablo Taladro, Irkus M Zeberio, Cristina Daura, Marc Torices, Rocío Quillahuaman, Néstor F, Conxita Herrero... e moitos máis!»
Un dos aspectos máis distintivos de traballo de Roberta é o seu imaxinativo emprego da cor e dos sombreados. Máis de catrocentos rotuladores foron necesarios para levar a cabo un cómic tan especial como ¡Socorro!, sucesión abraiante de viñetas altamente cómicas que destilan un estilo persoal, por outra banda, forxado na súa biblioteca mental por «Robert Crumb, Phoebe Gloeckner, Matt Furie, Camille Jourdy, Alberto Vázquez... foron os primeiros autores de cómics que me impresionaron. Pero creo que as miñas influencias máis directas non son tanto dos cómics, senón de series de animación dos noventa, como The Simpsons, The Patio Band, Rugrats, The King of the Hill, Pepper Ann... e un longo etcétera. Tamén ilustradores máis clásicos como Maurice Sendak ou Pierre LeTan. E os inicios de Tumblr, que vivín no 2010, onde podías atopar moitos blogs incribles que recollían imaxes raras de fotogramas de películas, animacións, libros antigos... Foi unha odisea descubrir de onde viñan eses gifs, e cando atopas un título ou un nome, xa podes tirar do fío e descubrir novas referencias».
Cómics como ¡Socorro! e o traballo que amosa en Instagram conteñen unha forte síntese entre o seu día a día e o que reflicten as súas viñetas: «A verdade é que todo é bastante realista, pero hai fantasía e esaxeración para completar unha broma e facelo realmente divertido. Hai tamén moitas viñetas que son o absurdo polo absurdo, sen nada real implicado, só un exercicio para ridiculizar unha situación ao límite, para facer rir».
«(as redes) son unha fonte de inspiración inesgotable. Son boa observando e vendo o peor de cada persoa para levalo ao cómic. Instagram pode ser un bo aliado se sabes usalo no teu proveito ou o peor dos escaparates.»
Tanto en ¡Socorro! como no resto da súa obra hai maioría de personaxes, digamos, non humanas. Carrusel de pementos, porcións de pizza, moas, animais mitolóxicos, gatos, que abren máis o campo de observación e ironía desde a mirada distante dun obxecto, froita ou ser imaxinario. «Poñer un personaxe que nin sequera é humano no teu lugar é liberador, e ás veces é necesario engadirlle algo á historia, pero tamén me parece divertido ser realista e ir ao gran. A verdade é que, ultimamente, cando quero contar algo que me pasou, debúxome directamente e falo en primeira persoa. É algo que sempre me deu reparo, pero estou descubrindo que conecta moi ben coa xente, polo menos en Instagram», comenta.
As alusións a Instagram definen unha mirada chea de referentes á dependencia vital que xeran as redes sociais no noso día a día. Pero estas observacións son unha representación da realidade ou unha crítica da mesma? «É crítica e realidade. As redes sociais espertan o lado máis escuro das persoas que parecían normais, que logo te sorprenden montando un cristo cada vez que a súa publicación non ten os likes esperados. Paréceme tan patético e tan divertido que me resulta moi inspirador, por iso fago tantos cómics sobre o tema, porque a xente non deixa de ser ridícula. Tamén hai xente que mete publicidade ata na sopa, tiktokers facendo bailes absurdos... en definitiva, unha fonte de inspiración inesgotable. Son boa observando e vendo o peor de cada persoa para levalo ao cómic. Instagram pode ser un bo aliado se sabes usalo no teu proveito ou o peor dos escaparates.
«Teño a gran sorte de que a miña afección é a miña única virtude, pero xa non traballo de balde para ninguén. Co paso do tempo, aprendín que se non me pagan, é mellor que invista ese tempo en proxectos e cómics persoais, porque a longo prazo é o traballo que máis cala entre a xente e o que te constrúe como artista»
Outro dos escaparates máis visibles para Roberta Vázquez é a mítica revista El Jueves. Publicación que pola súa entidade xera un extra de presión, aínda que para ela «todos os encargos que fago (para calquera publicación) impóñenme un mínimo de presión, porque son perfeccionista e estou obsesionada co meu traballo. Quero que lle guste ao cliente para que me chamen de novo, pero tamén a min, e ás veces isto fai que repita o mesmo traballo ata tres veces. Ten presente que traballo en analóxico, e isto o complica aínda máis. Pero creo que grazas ao meu comportamento obsesivo debuxo cada vez mellor (risas)».
Nas súas viñetas non é difícil atopar continuas referencias e sarcasmo respecto ao descoñecemento xeral que conleva facer un cómic ou unha simple ilustración, como ese Pretzelino intentando cobrar facturas de fai meses ou anos, representación ao cubo do que, moitas veces, supón traballar “por humor ao arte”: «No meu caso é a única opción que teño. Teño a gran sorte de que a miña afección é a miña única virtude, pero xa non traballo de balde para ninguén. Co paso do tempo, aprendín que se non me pagan, é mellor que invista ese tempo en proxectos e cómics persoais, porque a longo prazo é o traballo que máis cala entre a xente e o que te constrúe como artista», explica.
Neste sentido, na axenda de Roberta non faltan proxectos de cara a un futuro moi presente: «Continúo a facer os encargos que veñen, mentres fago o meu primeiro libro infantil para a editorial Blackie Little de Blackie Books, que sairá o ano que vén. En breve publicarei dous fanzines recopilatorios e xa teño a idea do meu próximo cómic con Apa Apa Cómics, pero non poderei arrincar con el ata o ano que vén. Tamén quero seguir debuxando nos cadernos porque si, mentres vexo series no meu portátil e tomo café soluble do Mercadona».