A despedida galega por Akira Toriyama, creador de Son Goku e Arale

Este venres, 8 de marzo, a rapazada dos anos 90 está de loito xa que se deu a coñecer a morte do creador dos primeiros ídolos da infancia: Son Goku e Arale. 

En realidade, o debuxante Akira Toriyama finou o pasado 1 de marzo, debido a un derrame cerebral con 68 anos, mais non foi ata este Día Mundial da Muller Traballadora que coñecemos a noticia. E as mostras de pésame entre as galegas e os galegos non se fixeron esperar a través das redes sociais. 

Ver  “As bólas máxicas” na TVG cada tarde era toda unha relixión e unha cita dificilmente reemprazable para toda unha xeración de rapaces e rapazas que ficaban abraiados con estes novos formatos na televisión.

O manga chegou en galego ás teles do noso país. Así foi como escoitamos por estas terras a Son Goku, Arale ou ao doutor Slump sen saber que, seguramente, estabamos a asistir ás máis eficaces clases de galego da nosa vida. Foi a gran normalización do idioma. E, por certo, o protagonista era Son Goku, non Goku, como posteriormente o sentiamos chamar nalgunha canle estatal.

Eran os tempos do Xabarín. Outros tempos. “Aínda hoxe me atopo con adultos que lembran con moito agarimo a súa época de rapaces, cando ir ver o Xabarín era case unha relixión”, explicaba nunha entrevista a Praza.gal Antón Rubal, un dos dobradores de Son Goku. Rubal aseguraba entón estar «moi orgulloso» porque o Xabarín era en galego e moitos deles incorporáronse ao idioma vendo ese programa. «Naquela época moitos mozos de contornas urbanas que eran castelán falantes achegáronse ao galego grazas ao Xabarín», dicía o actor e director de dobraxe.

Ao coñeceren a noticia do pasamento do mestre Toryama sucedéronse na rede os recoñecementos para o artista e mesmo houbo quen o propuxo xa para a Medalla Castelao ou o Día das Letras Galegas. 

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Afra Torrado: «O humor é o meu mecanismo de defensa. Son eu así»

    Afra Torrado vén de publicar o que supón o seu primeiro libro e, para a súa propia sorpresa, non é de poesía senón de banda deseñada. En Fago o que podo, que se presenta estes días na Feira Culturgal, está a súa «intimidade e vulnerabilidade»,  os seus «máis escuros pensamentos”,  xunto con «historias graciosetas» , escritas para pasalo ben. 

    O traballo, a menstruación, o desexo, a morte... as páxinas deste cómic son por veces negativas cun estilo existencialista, por veces cómicas para rir en voz alta, mais sempre cargadas dunha sinceridade brutal.

    A editorial Rodolfo e Priscila -de Berta Dávila e Carlos Meixide- soubo apreciar a lucidez e diversión na obra de Torrado para apostar por ela e confiou en Vinte para adiantar algunas das páxinas que acaban de saír do prelo. 

    Cómic
  • O Garaxe Hermético. A canteira da banda deseñada galega está en Pontevedra

    No ano 2012 o historietista e ilustrador Kiko da Silva abre O Garaxe Hermético, a primeira escola de banda deseñada de Galicia. Nove anos despois, xa se nota a súa pegada na cidade de Pontevedra e no resto do país. Fomos alá coñecer mellor o seu funcionamento e o traballo de estudantes xa graduados, e tamén ver como está futuro profesional da banda deseñada.

    Cómic
  • Roberta Vázquez. Na fauna da risa cromática

    Desde hai uns anos a traxectoria da autora de cómics Roberta Vázquez non deixou de crecer. Dentro da gran actividade que está a amosar, cómics coa entidade de ¡Socorro! (2019) e as súas colaboracións para El Jueves non son máis que dous exemplos dunha creadora en estado de graza e co caderno cheo de proxectos na recámara.

    Cómic

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.