Psicodélica, perturbadora, vangardista, delirante. A rapazada dos 90 ha de recordar esta canción que saía no Xabarín Club. “Carmiña Vacaloura” era un tema un chisco especial que podía aterrar, mais tamén abraiar os cativos. Cando George O’Connor, líder do grupo inglés Sugar Darling, deu coas poliharmonías compostas polo Reverendo con letra de Julián Hernández, non puido resistirse a facer unha moi salientable versión da canción, no seu idioma orixinal, o galego.
Moitos din ter aínda pesadelos con ela e outras quedaban fascinadas ante o televisor nos anos 90 mentres merendaban e vían o Xabarín. «Como canción para nenos era delirante», asegura Julián Hernández, líder de Siniestro Total e responsable da letra de “Carmiña Vacaloura”, que compuxo o Maestro Reverendo a mediados dos 90.
Ese ambiente perturbador que precede a un retrouso máis festeiro así como a complexidade tonal foron determinantes para que a banda Sugar Darling, de Guildford, se animase a facer unha versión (a finais do ano pasado) dun tema que non é sinxelo pero que resultou totalmente acertada –asegura Hernández- e en galego.
«O que máis me gusta da canción orixinal é a estraña tonalidade das estrofas. Soa como se estivese en dous tons á vez e usa a disonancia para crear tensión e un ambiente inquietante antes de que entre o retrouso alegre e soe como unha polca ou algo así». George O'Connor, cantante e líder da banda inglesa, explica así para VINTE a súa experiencia con esta canción, que para moitos segue a ser, a día de hoxe, vangardista. «Lémbrame a música da vangarda dos anos 90 como Mr Bungle e Sun City Girls», asegura o artista británico.
Para o fundador de Siniestro Total o traballo dos Sugar Darling ten moito mérito. «A versión é perfecta dunha canción complicada. A música do Reverendo non era ningunha broma. Xa son fan dos Sugar Darling para toda a vida», di Julián Hernández, quen asegura que para acadar o resultado final da versión orixinal da “Carmiña Vacaloura” deuse algo así como unha conxunción astral. Foi un encargo de Suso Iglesias para o Xabarín; o Maestro Reverendo creou a música; Julián Hernández a letra; e Víctor Coyote fixo os debuxos que saen no vídeo. O tema foi gravado en 1996 no estudio de Xavier Abreu, en Vigo.
«A versión é perfecta dunha canción complicada. A música do Reverendo non era ningunha broma. Xa son fan dos Sugar Darling para toda a vida», di Julián Hernández
Unha superposición de acordes con escalas que teoricamente non corresponden co esquema harmónico conseguen este ambiente inquietante do que fala O’Connor. «Moitos nenos da época tiveron medo escoitando esta canción e outros estaban encantados», defende Hernández. «Cantouna o Reverendo, que non adoitaba cantar, e os ingleses fan todas as inflexións desta canción complicadísima», engade.
Un aspecto que non podemos deixar de subliñar é que os Sugar Darling fagan a súa cover mantendo o idioma orixinal da canción, o galego, algo que explica o propio líder da banda. «Quería manter as letras orixinais en galego porque é un idioma moi lírico e quería tamén render homenaxe a Galicia porque a miña parella é de alí e encántame cada vez que vou”, asegura George O'Connor.
O intérprete asegura que tivo que traballar arreo na pronuncia, facendo a súa propia transcrición fonética e practicando todo o día.
E como chegou esta pisicodélica canción aos Sugar Darling? A responsabilidade e o mérito teno Inés Murillo Pazos, galega que estudou nesa cidade veciña de Londres, quedou a traballar e vivir alí e, nomeadamente, é a parella do cantante da banda. A galega, coñecedora da afección polas cancións estrañas do seu mozo, presentoulle a “Carmiña Vacalura” e quedou abraiado. «Sempre tentamos facer versións infrecuentes na banda e normalmente interpretamos esta canción nun popurrí con “The Spanish Flea” e o “Bolero de Ravel” », detalla o cantante inglés, que promete vir de xira por España e por Galicia durante esta ano, no que se vai mudar a Barcelona.
Unha oportunidade perdida na TVG
Julián Hernández lembra que foi moi divertido facer esta canción, que conta cun videoclip onde se desenvolve toda a historia de Carmiña Vacaloura e Pepiño Grilo, quen –atención spoiler- finalmente ten que se mudar ao Nepal porque xa non o aturan os demais insectos. «O que non se pode aturar… o mellor é facelo calar», di a canción ou «A paciencia e a conciencia son asuntiños de mal casar».
Con todos estes ingredientes ben se podía ter feito unha serie de animación, mais nunca se fixo. «Foi unha oportunidade perdida da TVG para facer unha serie de debuxos animados: tiñan a sintonía, os deseños dos personaxes e a historia», lamenta Hernández.