A comezos de 2004 un grupo de mozos e mozas que viñan dos movementos estudantís crearon unha asociación co obxectivo de darlle pulo cultural á cidade de Santiago de Compostela. Cun ideario reintegracionista, independentista, feminista e ecoloxista 20 anos despois, a Gentalha do Pichel ten no seu haber fitos como a recuperación da figura do Apalpador, a creación das escolas Semente ou o pulo á Liga Gallaecia, de fútbol gaélico mixto.
Hoxe en día este proxecto autoxestionado está máis vivo ca nunca fiel aos seus principios políticos e culturais e aberto á participación de todas as persoas que os compartan. A Gentalha monta este ano un “festivalón” de dous días para a súa tradicional Festa do 17, aínda que, en verdade, o Pichel celebra as súas letras todos os días do ano.
Di o dicionario que a gentalha é a clase social máis baixa, a plebe, o vulgo. Di, aínda máis, nunha segunda acepción, que é un conxunto de persoas de baixa condición moral cultural ou social. Este termo pexorativo foi o escollido por un grupo persoas hai xa dúas décadas para asociarse en Compostela: nacía entón a Gentalha do Pichel. Carme Iglesias, membro do colectivo, explica que a idea era darlle a volta ao significado. «Nós, que sempre somos a gentalha, que sempre estamos nas marxes, imos revolucionar isto e traer cousas boas», defende.
Cun ideario reintegracionista, independentista, feminista e ecoloxista 20 anos despois, a Gentalha do Pichel ten no seu haber fitos como a recuperación da figura do Apalpador, a creación das escolas Semente ou o pulo á Liga Gallaecia, de fútbol gaélico mixto
Se cadra eran unha ducia cando comezaron –hoxe son 500 asociados- pero foron quen de montar o centro social do Pichel, na rúa Santa Clara número 21 de Compostela. Artellaron un local, que era un almacén onde non había paredes, e foi reformado por eles coas súas propias mans, co seu tempo e co seu traballo. E tamén coa axuda de xente que xa fixera cousas parecidas noutros sitios. Unha das asociacións que máis colaborou na construción física do Pichel, segundo indica Iglesias, foi a Associaçom Cultural Artábria, que xa tiñan en marcha o seu propio centro social en Ferrol e viñeron a Santiago a axudar, tal como o Pichel foi botar unha man cando se construíu o Gomes Gaioso na Coruña.
Eran bos tempos para o asociacionismo e a rede de centros sociais foise estendendo con exemplos senlleiros como o SCD do Condado ou A Galleira, en Ourense.
Son centros que se constrúen de man do colectivo e da rede e comparten un ideario como a defensa do patrimonio oral, cultural e natural. «Inicialmente, no Pichel o obxectivo era a creación dun espazo onde se puidese axudar a grupos de música, a editoriais, a novos escritores e escritoras, a novos artistas que ían saíndo en galego e sobre todo en galego reintegrado e que non tiñan espazo noutros sitios máis institucionais, porque non lle daban cabida nese momento», detalla Carme Iglesias, que tamén é profesora de canto e pandeireta na asociación.
Da Semente ao Apalpador
Desde a súa posta en marcha e con moito traballo voluntario, a Gentalha do Pichel foi obtendo pequenos e grandes logros. Un dos fitos máis salientables foi a posta en marcha, en 2011, do proxecto educativo Semente, que comezou como escola para as crianzas de infantil. Moitas das persoas que hai vinte anos eran mozos agora teñen fillos e querían que as súas crianzas puidesen estudar en galego, que non lle mudasen a lingua da casa. «A Semente nasce para dar às crianças a possibilidade de estarem no mundo sem renunciarem à identidade. Para demonstrar que todas as culturas importam, forem elas grandes ou pequenas. Que nom é preciso abandonar a materna para adquirir novas e diversas línguas», informa a web de Semente Compostela.
A Semente foi medrando e nos últimos tempos pasou de ofertar o Ensino Infantil a chegar tamén á Primaria. Para iso fixeron un crowdfunding para comprar unha casa en Moas de Abaixo que lles permitise albergar a todo o alumnado. Así conseguiron xuntar os cartos e gran parte das persoas que participaron coas achegas económicas foron tamén ao local a acondicionalo, poñendo tarima, ventás novas, plaqueta ou mesmo limpar. A Semente tamén se estendeu e medrou en rede: desde o Pichel foise consolidando tamén na Coruña, Lugo, Vigo e Ourense.
O traballo voluntarioso da Gentalha do Pichel abrochou tamén na recuperación da figura do Apalpador, que hoxe en día forma parte das celebracións do Nadal mesmo a nivel institucional. Carme Iglesias relata que os vídeos iniciais se fixeron desde a comisión de historia do Pichel. «Xente que voluntariamente no seu tempo libre pasou moitísimas horas pola zona do Courel e arredores gravando a xente maior que recordaba esa figura e mira ata que nivel chegou», subliña. Este ano pasado incluso o Pichel encargou apalpadores que rubían polas paredes cara ás ventás que moita xente comprou.
O Pichel vén de recibir o Prémio Meendinho polo seu traballo estes 20 anos a prol da lingua e do patrimonio cultural, un labor de defensa do idioma e da cultura propias, con exemplos como o a recuperación do entroido popular compostelán, ou o desfile dos cabezudos nas festas populares. Todo con tempo voluntarioso.
O centro social ten unha escola de música tradicional moi popular que se chama Som do Torreiro, onde rompen cos estereotipos de xénero que viñan dados pola sección feminina de baile militarizado, segundo explica a profesora Carme Iglesias. Organizan, ademais, foliadas abertas que contan con moita participación da veciñanza e mesmo están organizados con outras escolas de música no proxecto Tresfoliando para saíren á rúa de forma conxunta.
Desde os seus comezos o centro social do Pichel conformouse como un espazo aberto en galego e comparte as súas instalación con outros colectivos como Mar de Lumes, Avante LGTB+, Ceivar, ou o Cineclube Compostela .
O asociacionismo en rede ten o seu propio deporte, o fútbol gaélico mixto, como alternativa á modalidade institucional, e xogan a Liga Gallaecia. A Gentalha do Pichel impulsou a creación do equipo de Compostela, chamado Suevia F.G.
Todos os anos no Pichel organízase a Universidade Popular, con cursos do máis variado a prezos accesibles que propicia o encontro das persoas asociadas de sempre con xente “allea” á asociación. «Hai xente que vén a unha clase de pilates e atópase cunha morea de persoas que igual previamente xulgaría mal pero descobren que non ten por que ser así», explica Carme Iglesias, que defende que no Pichel se tiran o prexuízos fóra. «Están aí os independentistas que son uns etarras. Isto era o máis suave que se dicía cando estivo Conde Roa», asegura. Pero eses tempos son pasado e a asociación ten boa acollida no barrio. Coas ideas políticas sempre presentes e cun traballo activo a prol da xustiza social, a sociedade igualitaria, os servizos públicos de calidade e a identidade cultural, patrimonial e lingüística.
Con esa filosofía organizan cada ano a Festa do 17, que pode ser calquera día de maio -o Pichel celebra as súas letras todos os días do ano, defenden- pero que nesta ocasión coincide nos días 17 e 18 .
Por vez primeira e con motivo do 20 aniversario da Gentalha, a Festa do 17 esténdese durante dous días
Desde o Pichel explican que o primordial nesta festa é a reivindicación do coidado da lingua. Por vez primeira e con motivo do 20 aniversario da Gentalha, a Festa do 17 esténdese durante dous días. «É un festivalón» chancea Carme Iglesias, membro da comisión que a organiza, aínda que puntualiza: «Organizamos unha festa desde a base, coa colaboración de todo o mundo. Non hai ninguén contratado. Pretendemos que sexa unha festa para a xente local. Non queremos que sexa o Monte do Gozo».
Xunto aos concertos de Sacha na Horta ou Mondra nestes dous días de celebración da lingua non faltarán os actos políticos. «Queremos que a xente saiba onde vén cando vén ao Pichel. Aquí loitamos por un país no que cremos, somos maioritariamente independentistas, feministas, ecoloxistas e coidamos o territorio –‘o único monocultivo , a lingua’, foi un dos lemas da Festa do 17-», argumenta Carme Iglesias.
«Queremos que a xente saiba onde vén cando vén ao Pichel. Aquí loitamos por un país no que cremos, somos maioritariamente independentistas, feministas, ecoloxistas e coidamos o territorio»
No Pichel afrontan o futuro coa ilusión de que as novas xeracións cheguen con ganas de traballar para seguir construíndo ese mundo no que cren. «Dá moito traballo, pero a satisfacción que che dá construír algo teu, no que cres, xunto a outras persoas, non ten comparación. Merece a pena moítisimo», defende Iglesias.