As estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia lideran unha folga contra o presunto acoso sexual e abuso de poder reiterado nas aulas por parte de varios docentes. O coronavirus e o estado de alarma non pararon a loita senón que a transformaron. Tras case dous meses de protestas seguen batallando nas redes sociais a golpe de hashtag.
“A loita ten que ser colectiva, conxunta”. Isolda Comesaña ten 18 anos pero a súa xuventude non lle resta un chisco de firmeza ás súas verbas. É alumna do primeiro curso de Interpretación da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg) e dende o principio tivo claro que debía participar nas reivindicacións das súas compañeiras. Premía denunciar e erradicar o acoso sexual nas aulas do centro vigués: “Ao ser de primeiro curso non vivín de preto as problemáticas contra as que estamos protestando, pero en ningún momento dubidei”. Afirma que a protesta xurdiu “dunha maneira espontánea” e conseguiu que “todas as rapazas se unisen”. A resposta, como ben di Isolda, foi masiva e a maioría dos alumnos organizados en torno a AESAD (Asociación de Estudantes de Arte Dramática de Galicia) mantéñense a día de hoxe xuntos nunha folga que a piques está de cumprir dous meses.
A situación, tal e como a describen as testemuñas entrevistadas para esta reportaxe, é complexa e grave. Sobre a mesa, tres denuncias administrativas contra un docente por presunto acoso sexual e abuso de poder. Estes testemuños de tres alumnas afectadas propiciaron que se destapasen máis casos. “A Inspección Educativa de Vigo sabe que hai outro docente ao que estabamos a punto de denunciar, mais decretouse o confinamento e os trámites quedaron paralizados”, comenta unha estudante de cuarto de interpretación que prefire quedar no anonimato por temor a represalias.
Aínda que a maioría dos estudantes están de parada lectiva por mor do coronavirus, as clases continúan de forma telemática. Os docentes presuntamente implicados nos casos de acoso e abuso seguen en contacto co estudantado tendo, nalgúns casos, a capacidade de titorización e avaliación das alumnas afectadas.
O temor a dicir algo comprometido é latente, síntoma da complicada e anómala situación que están a vivir. Aínda que a maioría dos estudantes están de parada lectiva por mor do coronavirus, as clases continúan de forma telemática. Os docentes presuntamente implicados nos casos de acoso e abuso seguen en contacto co estudantado tendo, nalgúns casos, a capacidade de titorización e avaliación das alumnas afectadas. A indignación coa Administración educativa é palpable. Nun primeiro momento persoáronse dúas inspectoras no centro, pero agora todo estancouse. A estudante de segundo de Interpretación Ana Fernández amósase desilusionada co asunto: “A día de hoxe seguimos sen resposta. Eu entendo que hai certos trámites que teñen uns prazos e, ademais, agora co estado de alarma todas estas cuestións están paradas… pero o noso obxectivo máis inmediato é que se tomen medidas cautelares de urxencia”.

Un segredo a voces
“Un segredo a voces” converteuse no lema principal desta loita. Un lema nada sutil para dar a entender que os casos de acoso na ESADg distan moito de ser feitos puntuais. Segundo as entrevistadas xa existían rumores dende hai tempo, pero na práctica non se podía facer nada ao respecto sen unha denuncia de por medio, e denunciar nestes casos nunca é fácil. “Teñen moitísimo medo… sempre se pon en dúbida a testemuña da muller”, comenta a voceira da Asamblea de Profesoras e PAS, que non facilita o seu nome para non lle roubar foco ás alumnas.
A voceira das profesoras leva 13 anos traballando na ESADg e sinala dous antecedentes importantes. O primeiro no 2006. “Unha alumna que acababa de rematar os estudos fixo unha queixa na que falaba de comportamentos indebidos, sen especificar”, comenta. O destinatario da queixa era o mesmo profesor sobre o que agora pesan tres denuncias. Posteriormente, hai aproximadamente ano e medio, varias exalumnas, sen acusar a ninguén directamente, publicaron nas súas redes sociais comentarios sobre o acoso do que foran vítimas no centro. “Foi unha especie de #MeToo: falamos do asunto, houbo moito debate, realizáronse charlas dirixidas ao alumnado sobre acoso sexual... Foi moi importante, creo que moitas alumnas tomaron conciencia.” a voceira docente. Non transcendeu do xeito no está pasando agora mais, na súa opinión, propiciou a situación actual.
Organización, sentadas e concentracións
Cando o 14 de marzo entrou en vigor o estado de alarma pola crise sanitaria do COVID19, o alumnado da ESADg xa levaba dúas semanas de folga. O venres 28 de febreiro comezaran as mobilizacións, confirma Ana. Despois dunha baixa de case dous anos, o docente implicado (aínda sen denuncias ao seu cargo) reincorporábase ao seu posto. A alarma desatouse. “Fixemos unha xuntanza e ao longo da fin de semana organizamos a sentada no hall do centro, que se fixo efectiva o luns 2 de marzo”.
Nos días sucesivos as sentadas á primeira hora da mañá no centro, as cazoladas, as reunións e as asambleas tornáronse habituais. Constituíuse unha Xunta de Acción e organizáronse distintas comisións que dende o minuto cero comezaron a traballar. A comisión Crónica, que se encarga de levar un diario de todo o que acontece; a de Comunicación; Estandarte, centrada na elaboración dos logos e pancartas; ou ou a de redes, enREDarte, a máis activa agora mesmo, son algúns exemplos. A parte máis artística correspóndelle á comisión ArteActo, da que Isolda forma parte. “Somos unha escola de Arte Dramática e unha das mellores maneiras de reivindicar e protestar é mediante a arte”, afirma. Durante a corentena os membros desta comisión continúan en contacto, valorando posibles propostas como a elaboración de podcasts teatrais, Fonoteatro, e happenings na rede. Pode verse que organización non lles falta, ata existe “unha comisión de comisións onde se reúnen os representantes de cada comisión para informarse diariamente”, afirma entre risas Ana.
Logo dos primeiros días da loita sumáronse ás protestas do 8M coa lectura do seu manifesto nas principais cidades galegas. A isto seguíronlle dúas concentracións claves, a do 9 de marzo diante da Inspección de Educación de Vigo, e a do 12 de marzo na Xefatura Territorial da Consellaría de Educación en Pontevedra.
E como en toda revolución que se precie non faltou a música. Elaboraron un himno versionando, con letra propia e en galego, as cancións “¡Ay, Carmela!” e “Hit The Road Jack” de Ray Charles.
A sororidade das profesoras
Os docentes non participan na folga pero sí que a apoian, sobre todo as profesoras que se amosan moi activas e comprometidas. O venres 6 de marzo non dubidaron en convocar unha rolda de prensa e leron un manifesto a favor da loita do seu alumnado. Isolda rememórao con ilusión, “foi un dos momentos máis emocionantes de todo o proceso… foi moi especial e animounos moito a seguir”. “Foi un momento de sororidade moi bonito”, corrobora Ana, que tamén lle adica unhas palabras ao profesorado masculino. “Elas fixeron o seu manifesto”, pero eles tamén “están tendo un comportamento exemplar connosco”, di.
“As profesoras decidimos constituírnos en asamblea e de feito fomos nós mesmas as que chamamos os medios de comunicación… desta maneira dabámoslle a todo este asunto unha dimensión de escola e non só de protesta do alumnado, pois é un problema que afecta a toda a comunidade educativa”, comenta a voceira da Asamblea de Profesoras e PAS, que engade que tanto ela como as súas compañeiras non só se encargaron de facer ruído nos medios de comunicación, tamén decidiron tomar unha postura contundente ante a ‘inacción’ da administración. “(Sen dar nomes) denunciamos ante a Fiscalía o noso coñecemento como docentes da existencia de casos de abuso sexual no centro”, asegura, constatando que día de hoxe, “a administración, sabendo que está posta en funcionamento a vía xudicial segue sen facer nada”, coa excusa de que agora o caso está en mans do Xefe Territorial de Pontevedra, “que é quen se supón que pode ou debe tomar esas medidas”.
“As profesoras decidimos constituírnos en asamblea e de feito fomos nós mesmas as que chamamos os medios de comunicación… desta maneira dabámoslle a todo este asunto unha dimensión de escola e non so de protesta do alumnado, pois é un problema que afecta a toda a comunidade educativa”, comenta a voceira da Asamblea de Profesoras e PAS do centro.
Toda ista situación fai que aflore outra das principais reivindicacións dos centros como a ESADg. “Estamos nun limbo”. Os títulos superiores de ensinanzas artísticas son equivalentes aos títulos universitarios, mais na práctica a lexislación deste tipo de centros descansa sobre as bases do ensino secundario, algo que, tal é como se queixan os responsables da ESADg, non é operativo cun alumnado maior de idade. Isto, a diferencia do que acontece na Universidade, prívaos da existencia dun Departamento de Igualdade que estableza protocolos contra o acoso sexual.
Loita en corentena a golpe de hashtag
Dende as redes socias da AESAD (Asociación de Estudantes de Arte Dramática de Galicia) implicáron coa causa dende o comezo da folga. A través de Facebook, Twitter e Instagram difundiuse o manifesto, publicáronse fotos diarias e emitiuse en directo o que estaba acontecendo. A chegada do coronavirus supuxo un punto de inflexión. Sara Rey, estudante de segundo de Dirección Escénica e Dramaturxia e voceira da comisión de redes sociais, enREDarte, conta que “a estratexia cambiou totalmente… tiñamos claro que o peso ía caer na equipa de redes porque era o noso único punto de visibilidade”. Antes de que todo esto estoupara “xa tiñamos unhas responsables de redes… a raíz deste movemento e coa necesidade de cubrir máis puntos de difusión creouse a comisión específica e ampliouse o número de participantes”.
Os primeiros días da corentena houbo tímidos intentos de continuar a loita a través das súas contas de Facebook -a oficial AESAD Galicia e o perfil privado Aesadg Feminista-. Publicaron vídeos colectivos de estudantes mostrando o seu apoio coa causa e colaxes de fotos nas que as alumnas e alumnos aparecen sentados nas súas casas co obxectivo de transmitir unha mensaxe contundente: “aquí seguimos, seguimos sentadas no hall da ESADg. Aínda que non esteamos no edificio, a loita non cesa”.
Mais, sen dúbida, onde máis balbordo están a armar é no Instagram (onde tamén teñen dúas contas, a oficial @aesadgalicia e tamén @aesadgfem). A iniciativa Un café en directo con estalles dando moita visibilidade. Son entrevistas con personalidades da escena. Nun primeiro momento foron presenciais, pero por mor da pandemia trasladáronse aos directos de Instagram cun lixeiro cambio, so entrevistarían a mulleres para visibilizar mellor a súa loita. En cada encontro contan con invitadas de excepción como as actrices Inma Cuesta, Bárbara Lennie ou Melania Cruz, e iso nótase nas estatísticas de Instagram: “a entrevista con Inma Cuesta tivo un total de 10.000 visualizacións”, aseguran. Unha compañeira de Sara encárgase de capturar en vídeo todos os directos e, agora mesmo, están estudando que facer con eles nun futuro.
“Somos unha escola de Arte Dramática e unha das mellores maneiras de reivindicar e protestar é mediante a arte”
Coa intención de que non baixen os ánimos, xa están ideando máis iniciativas coas que “gañar visibilidade e seguir creando contido”. Unha delas é #PIARESDAESCENA, que terá como protagonistas ás compañías galegas de teatro amador. “Estámoslles enviando un manifesto de apoio á nosa causa para que se graben lendoo e o penduren nas redes”. “Consideramos que os teatros amateur son a base e o lugar de nacemento de moitos de nós onde crecimos facendo teatro… xa nos apoiaron cando todo empezou e queremos seguir contando con eles”, explica Sara.
"Isto non para”
Entre cafés e asambleas virtuais seguen esperando unha resposta que non chega e o tempo corre na súa contra. Á inacción da Administración Educativa súmase a preocupación polo seu futuro académico. A voceira da Asemblea de Profesoras e PAS esíxelle respostas á Xunta pola súa especial casuística e pregúntase “como avaliamos aos alumnos que están en folga durante a corentena?”.
Sara é consciente de que o curso académico periga. Admite que “é unha situación moi complicada e moi dura para todo o mundo”, pero afirma que vale a pena o esforzo co fin de “rematar con esta lacra que leva na escola tanto tempo”. Mentras, para Isolda todo isto “supón unha aprendizaxe brutal… ter a necesidade de organizarse, de falar cos teus compañeiros, de intercambiar propostas, de crear redes… realmente, iso é marabilloso porque ao final acabas forxando uns vínculos máis especiais”. Toda unha experiencia a desta reivindicación que dende o principio está recibindo moitas mostras de solidaridade como as emitidas por as asociacións de estudantes doutras escolas de Arte Dramática a nivel estatal.
As alumnas da ESADg transmiten unha mensaxe clara: isto non para. Están aprendendo que, ás veces, os sacrificios individuais son necesarios para alcanzar un ben común. Que neste caso é, como di Ana: “unha escola onde ninguén teña medo”.