Cultura Drag King. Mulleres que se travisten de homes para rachar cos estereotipos de xénero

Os Drag Kings realizan un xogo de deconstrución do xénero. Mulleres que se travisten de homes nun intento de desmontar os estereotipos impostos a nivel social. Todo isto dende unha postura artística, desenfadada e liberadora. Falamos con catro destes artistas que comezan a revolucionar o panorama en Galicia.

 

Concursos como Rupaul´s Drag Race converteron as Drag Queens nun fenómeno mainstream. Sen embargo, a cultura drag é máis ampla e diversa e os Drag Kings reclaman o seu espazo. A falta de referentes e de visibilización dentro colectivo LGTB+ son os seus grandes lastres. A nivel estatal aínda son poucos, pero están comezando a facer ruído a través das redes sociais e de plataformas como o Colectivo Drag King España. En Galicia, Nico Elsker, Shedy Boy (do dúo Les Drags) e Johnny Bitter plantaron unha semente que comeza a xermolar, facilitándolles o camiño a debutantes como Aymar Note. Agora comparten connosco as súas experiencias e descóbrennos iniciativas tan interesantes dentro do movemento drag como o Apocaliptica Drag Show, que fomenta o traballo dos artistas queers galegos.

 

Nico Elsker

Din que a lectura é liberadora, pero máis no caso do actor transexual Nico Martínez. Este vigués de 31 anos descubriu na súa infancia, a través dos libros de aventuras d’Os cinco, a clave do que sería o seu futuro persoal e profesional. “Hai unha personaxe, Jorgina, que é unha nena que se viste de neno. Chamoume moito a atención” comenta Nico, e dende aquel momento o seu interese polas historias de mulleres que se travisten de homes non parou de medrar, tanto que incluso chegou a experimentar certos conflitos internos mentres estudaba a especialidade de interpretación na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg). “Eu era super femenina... sempre me puñan de princesa e claro, eu devecía por facer personaxes masculinos, un Don Juan, un Hamlet…”.

“O meu personaxe drag naceu como parte da compañía de teatro drag de Vigo Marinita y sus maromas”, da que forma parte dende o 2014. Pouco a pouco, e sen apenas referentes -“só atopaba Drag Kings de EEUU”-, foi creando o que sería o seu alter ego King, Nico Elsker (@nico_elsker), co que debutou en solitario no 2018 no concurso Noite Drag organizado por Nós mesmas (Vigo), asociación para a loita de mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais (Vigo). “Nico naceu un pouco como parodia do amor romántico” de aí que o seu apelido artístico, Elsker, sexa amor en noruego. Para crealo inspirouse “nos divos latinos da canción e en prototipos de modelos”. “Con Nico buscaba ser o home perfecto, ese que é tan perfecto que ao final é un pesado”, asevera. 

Compañía Marinita y sus Maromas. © Miguel Vidal

Para Nico converterse en performer Drag King levouno a atopar a súa verdadeira identidade de xénero: “De súpeto atopeime con algo que devecía facer dende peque, verme caracterizado como tío... cada vez que me travestía de home era como unha sensación incrible. Comecei a reformular as cousas, ata que descubrín que realmente me sentía moitísimo máis cómodo sendo Nico que Susana e decidín empezar un tratamento hormonal. A medida que ían avanzando os meses gústabame máis”, comenta.

 

Aymar Note

“Gústalle a música e o activismo… ten un estilo informal aínda que ás veces vístese de gala, adora as camisas, pintar as uñas, a cor rosa, os pendentes, é xéminis e gustalle a fama”. Grey le en voz alta as notas que apuntou no diario que está escribindo sobre o seu personaxe. Ela vive en Vigo, ten 20 anos, estuda traballo social e estase formando como Drag King. Pese a levar pouco tempo no universo King xa está moi implicada coa causa e forma parte do Colectivo Drag King España e da RED King Latinoamericana, “porque nacín en Uruguay”, explica. Ademais xa ten programadas as súas primeiras aparicións como Drag King. O 27 de xuño participará nun vídeo grupal no evento #OrgulloEnLínea organizado polo colectivo Marcha del Orgullo de LIMA (@marchadelorgullolima), e para o 2 de xullo está preparando un vídeo, xa en solitario, para o show online Bienvenides al nuevo mundo, organizado por La Culta, grupo de cultura da Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuales y Bisexuales (FELGTB).

O seu alter ego é Aymar Note (@aymarnote_king). “Quería un nome que fose diferente. Ao final quedei con Aymar, de orixe vasca, porque significa ‘casa forte’ e ser Drag King é como unha construción e deconstrución constante, tanto túa como da sociedade… O de Note ven de nota musical porque me gusta a música”. Para darlle vida a Aymar pretende evitar os clichés do `macho´.“Estou intentando levalo ao terreo queer, que sexa máis LGTB+… busco unha masculinidade máis femenina”, indica.

Grey coñecía de pasada o universo Drag, pero non pensara na posibilidade de ser Drag King ata hai uns meses. “Durante a corentena houbo no Instagram un directo Drag King organizado pola FELGTB (Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuales y Bisexuales). Escribín polo chat que me interesaría probar e de repente apareceu Nico”, que acabou sendo o seu “pai King”. Nico explica que o tema de afillar a un Drag novel ven da tradición estadounidense. Un Drag veterano “encárgase de guiar e acompañar a esa persoa, mesmo formala”. Un asunto co que Nico se amosou sempre moi reticente: “Eu son alumno aínda de preescolar”, comenta modestamente entre risas. O tema da formación imponlle respecto en xeral. Impartiu algún que outro obradoiro Drag King, pero non se considera docente porque aínda está a investigar.

`Mitología del coño´. Serie de retratos de Nico Elsker nos que reinterpreta seres masculinos mitolóxios dotándoos dunha xenitalidade diferente. Na foto o Deus Hermes. © Cedida

Malia as súas reticencias Nico asumiu o reto e as clases comezaron vía Skype por mor da corentena, e así continúan polo de agora. Tratan de reunirse telematicamente os sábados e practican técnicas de maquillaxe e de lip sync (playback). De momento imitar os xestos masculinos e conseguir o difuminado dos ollos é o máis complicado para Grey que, pouco a pouco, vai probando e experimentando máis. “Os peitos vendeinos unha vez, fíxeno con esparadrapo (poño entre dúas ou tres capas para camuflalos ben)… e o outro día tiven unha clase de cómo crear a miña prótese”, di. Utilizou un calcetín que encheou con trapos e con outros calcetíns. O uso da prótese “serve para te meteres un pouco máis no papel” aínda que non sempre se utiliza, é algo que depende de cada performer, segundo explica Aymar. Por exemplo Nico, tal e como él nos conta, dende que comezou a súa transición de xénero optou por reivindicar nas súas performances en solitario “o Drag dende a perspectiva trans”, presentando unha personaxe “moi masculina pero sen prótese”. “O drag non consiste en caracterizarte do xénero contrario, o drag consiste en xogar co xénero e punto”, afirma.

 

Shedy Boy

Cristy Tojo ten 33 anos, naceu en Venezuela e chegou a Santiago de Compostela con 7 anos, onde montou o club deportivo de artes marciais Avalon Kai. Esta campioa de karate descubriu que os Drag Kings existían grazas á serie norteamericana The L Word e quedou moi sorprendida. A idea continuou dándolle voltas na cabeza ata o 2015, ano no que decidiu crear xunto coa súa parella, Inma Rodríguez Marqués, o dúo Les Drags (@lesdrags). Así naceron Shedy Boy e Jhonny Pistolas. “Comezamos a actuar tanto aquí coma no Porto, sempre en ámbitos LGTBI e feministas” e cunha intención reivindicativa, tratando de meter a patiña no mundo drag” tan acaparado polos homes. Ao principio non tiñan referentes. O proceso de documentación fixérono a través de páxinas web inglesas e americanas, xa que a nivel español non atoparon moita información nin visibilidade da cultura Drag King. Cando comezaron co seu show pensaron que eran as únicas ata que se cruzaron con Nico Elsker nuncha celebración do Orgullo en Cangas. 

Cristy Tojo no rol de Shedy Boy. © Cristy Tojo

Para Cristy ser Drag King é “un xogo de xénero”. Comenta que disfruta moito tranformándose “nun personaxe totalmente diferente” a ela. Desta maneira xurdiu Shedy Boy, “que é todo un ligón”. Chámouno así polo seu segundo nome, Shedimar. O de levar `boy´ no apelido, segundo explica, é xa todo un clásico recorrente entre os Drag Kings.

Actualmente o grupo Les Drags está parado por motivos persoais e profesionais dende o ano pasado. “Eu en principio continuarei en solitario” co desexo de que “se fagan máis festivais para dar visibilidade aos que están empezando e fomentar o traballo colectivo”, explica Cristy. 

 

Johnny Bitter

Elena Franesqui é dunha aldea do concello de Carracedelo, noBierzo occidental, e por proximidade e cultura sempre se relacionou e actuou en Galiza. Está estudando Historia da arte en Salamanca, ten 21 anos e travistese dende os 17. Interpreta a Johnny Bitter (@johnny.bitter), anteriormente Johnny del Nardo, e para ela o transformismo foi unha auténtica liberación: “axudoume a sentirme 100% a gusto”. Considera que é unha arte chea de diversidade que para nada está ligado a unha orientación sexual determinada. “Podes ser unha persoa homosexual, bisexual, trans, bisexual, mesmo heterosexual" e ser Drag, di.

Jhonny Bitter co seu característico estilo entre gótico e BDSM. © Paula Dacal

De Elena destacan as súas inquedanzas académicas sobre o universo drag. Está preparando como Traballo de Fin de Grao un ensaio sobre o ilusionismo masculino (mulleres que se travisten de homes). Grazas a súas investigacións ten fotos gardadas de pioneiras no transformismo de finais do XIX e principios do XX como Annie Hindle (EEUU), Hetty King (Reino Unido), Gladys Bentley (EEUU) e Buddy Kent. Moitos dos arquivos cos que traballa proveñen de The Lesbian Herstory Archives (Nova York), centro comunitario e museo adicado a preservar a historia das lesbianas.

Por mor dos estudos tivo que facer unha parada na súa actividade performativa, pero a finais de verán mudarase a Santiago de Compostela e gustaríalle retomala. Tanto Nico coma Cristy e Elena extereorizan o seu desexo de volver facer algo de forma conxunta, tal vez a terceira Gala Drag King. As dúas primeiras galas tiveron lugar no verán do 2018 no café-teatro Mimosa de Vigo e no pub Claro Boba! da Coruña e as dúas foron un éxito. “Houbo moitisimo público, esgotáronse as entradas”, comenta Franesqui.

Sobre a visibilización do movemento Elena amósase positiva. “Eu creo que agora mesmo estase formando o caldo de cultivo para un coñecemento moito maior da cultura Drag en xeral e, sobre todo, para os drag kings, que estamos comezando a existir”. Especialmente destaca a forza da comunidade Drag King latina, sobre todo a chilena, e a importancia da comunidade de fala lusófona, Mostra Internacional Drag King.

No noso país, Drag Kings hai poucos, por iso os que existen fan piña botando man das novas tecnoloxías. As redes sociais xogan un papel moi importante a hora establecer contacto con outros performers e darse a coñecer, así como a aparición de plataformas como o Colectivo Drag King España, que saíu do proxecto de fin de carreira da performer Sara Rodríguez, e que como apunta Nico “serve de contacto e de difusión de eventos”

 

A cultura Drag móvese en Galicia: Apocalíptica Drag Show 

Dentro da cultura drag hai que destacar a aparición de iniciativas que pretenden dar voz aos artistas queer máis locais visibilizando o movemento máis alá das grandes cidades como Madrid, Porto ou Barcelona. Este é o caso de Apocalíptica Drag Show, plataforma para que os artistas queer galegos “teñan a oportunidade de amosar o seu traballo”, tal e como apunta a súa organizadora a drag queen Endis Neer (Benjamín Martínez).  O importante é “normalizar as diferentes expresións e identidades de xénero; e a sexualidade, chegando a un público o máis amplio posible. E se ademáis axudamos a desfacernos do estigma que ten o transformismo: apoiando a creación de espazos de traballo dignos, o traballo estará dobremente ben feito”.

Meiga-i na sala La Pomada, Pontevedra, durante o #PonteQueer 2019. © Beatriz Císcar

Apocalíptica Drag Show naceu para ser presencial mais por mor do coronavirus reinventouse de forma online. O 11 de xullo terá lugar o segundo espectáculo, onde participarán Nico Elsker e Aymar Note xunto a artistas como a Drag Pandereteira Meiga-i, “unha performer drag de raíz galega”, como di Javi Sánchez (@nosolojavi). “Seguir a nosa propia cultura e aplicala a diferentes expresións non debería ser unha anomalía… Drags que fan a canción da diva pop do momento haiche moitas, pero que che fagan Ana Kiro, Mercedes Peón, Leilía… Isto tamén me axuda a ofrecer algo único, crear unha narrativa propia, traer o imaxinario galego ao presente e amosar unha Galicia contemporánea e diversa”, asegura.

Javi Sánchez tamén é o voceiro do colectivo LGTBI pontevedrés Maricasxlafiesta (@comitexfiestas) dende onde “o drag e a performance son elementos intrínsecos” das actividades culturais que organizan. 

Cartaz do Apocalíptica Drag Show. Dominio Público .
Adela Bértolo

Adela Bértolo

Adela Bértolo (1985, Pontevedra) é xornalista especializada en cultura, reporteira de TV e actriz. Compaxina a súa paixón polo xornalismo coa súa faceta de improvisadora teatral e monologuista de Stand Up Comedy.

Máis historias LGTB+

  • Romarías en tempos líquidos: o Agrocuir abre a comunidade

    Venres, 30 de agosto. A estrada de Monterroso mantense queda e impasible. Salvo algúns pequenos carteis pegados nas paredes que custodian a Nacional 640, parece que non houbera nada especial a piques de acontecer. Mais o Agrocuir está a nacer hoxe de novo, aínda que comece paseniño e pequeno coma o primeiro raio da alba. Volve así o festival cultural que reivindica a visibilidade do colectivo LGTBIQA+ no rural galego cunha misión especial para esta VI edición: crear comunidade e chegar non só ao colectivo ‘queer’ senón aos veciños e veciñas da comarca. Crónica de Ana Veiga.

    Crónica

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.