Elisa e Marcela. Unha historia transmedia do século vinte

O “matrimonio sen home” de Elisa e Marcela evolucionou desde 1901 ata 2019 a través de sete soportes con distintas visións documentais e artísticas: libro, exposición, obra de teatro, obradoiros, roteiro, rúa e filme.

 

O casamento pola igrexa das galegas Elisa e Marcela acaba de ser estreado como película o pasado 24 de maio (en carteleira nestas seis cidades galegas), e no 7 de xuño poderase ver tamén na plataforma Netflix. Previamente, este feito histórico pasou de ser unha homenaxe a comezos do 2000 en pequenos círculos do activismo coruñés a convertirse en parte dos percorridos turísticos da cidade case vinte anos despois.

O grupo activista LGTB Milhomes foi o primeiro en reivindicar a figura das dúas mulleres a través da entrega duns premios á visibilidade a persoeiros e entidades; e formaron tamén parte das voces que pediron a súa inclusión no rueiro da Coruña. A partir deste redescubrimento, nos últimos vinte anos a súa historia adoptou sete formatos diferentes:

 

1. Alén dos homes: o libro

Matrimonio sin hombre. Era o titular da portada da primeira edición de La Voz de Galicia do 30 de xuño de 1901. Un titular que no medio dunha documentación sobre pedagoxía engaiolou ao pedagogo Narciso de Gabriel. Ese achado casual desembocou na publicación en 2008 de Elisa e Marcela: Alén dos homes (editado por Brétema), recopilación histórica e documental do acontecido nunha pesquisa que aínda a día de hoxe Narciso segue a manter. Tras a edición en galego chegou a de castelán, editada por Libros del Silencio en 2010. Nove anos máis tarde, e coincidindo coa estrea da película de Isabel Coixet, Xerais sacou unha nova edición fermosamente ilustrada por María Viñas e a editorial Morata publicou a versión en castelán con prólogo da directora.

Portadas do libro de Narciso de Gabriel, na edición de Xerais e na de Morata. © Elisa y Marcela Tour

 

2. Alén da historia: a exposición

En 2011 celébrase a quinta edición do Festival Coruña Visible cun prato forte que constaba dunha exposición na sala NORMAL. Esta mostra propuxo unha recreación artística da historia, na que tamén houbo espazo para darlle voz ás que foran as primeiras mulleres galegas en casar tras a aprobación do matrimonio igualitario no 2005.

 

3. Ailén, Areta e Noelia: a obra de teatro

Tiveron que pasar seis anos ata o seguinte cambio de forma. En 2017 a compañía A Panadaría estreou unha interpretación na que danza, musical, comedia, drama e poesía saen a unha escena minimalista poderosísima. Tanto, que nos Premios María Casares do 2018 levaron os galardóns a mellor espectáculo, dirección, texto orixinal e actriz protagonista. A xira xa traspasou as fronteiras galegas e voltará a Galicia en vindeiros meses.

 

4. Mulleradas, Tortigrafías e Trotadas

Ademais do espectáculo teatral, A Panadaría guiou tres actividades centradas nas cuestións que se extraen da historia de Elisa e Marcela: as vivencias sexuais, os espazos seguros para a visibilidade e a memoria que non se conta sobre os lugares que coñecemos. 

Dunha parte, as Mulleradas facilitaron unha xuntanza de autocoñecemento e intercambio dos afectos e do pracer entre mulleres a partir de cincuenta anos:

 

As Tortigrafías puxeron sobre a mesa o mapa da cidade da Coruña para, a través dun obradoiro crítico, sinalar os espazos de visibilidade e seguridade do colectivo LGTB:

 

As Trotadas consistiron nun roteiro que fiou olores, sabores e sons arredor do seu relato de man das propias protagonistas:

 

5. Vinte na rúa Marcela e Elisa

E por fin, desde o 8 de xuño 2018, xa podemos quedar na rúa Marcela e Elisa na Coruña, preto da escola Normal onde se coñeceran. A historia toma forma física e xeográfica, dando resposta a unha demanda realizada por colectivos LGTB da cidade.

Esta é a segunda localización relacionada con elas na cidade, pois desde 2013 xa ten nome a praza José Sellier, dedicada ó autor da famosa foto da parella, pioneiro do cine en España.

 

6. De rule con Elisa e Marcela: a visita guiada

Seguindo cun pé na rúa, desde o 25 de maio hai visitas guiadas de hora e media de duración todos os sábados para coñecer a Coruña da época de Elisa e Marcela. As reservas pódense facer a través desta web e visita custa dez euros.

A ruta dá a posibilidade de adentrarse nas personaxes do momento (Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega, José Sellier…) e descubrir curiosidades como que no 1900 A Coruña era unha cidade que daba as costas ó mar, ou o primeiro lugar onde se amosou a exposición dun rapaz “que apuntaba boas maneiras”, segundo a crítica que publicara o xornalista Alejandro Barreiro referíndose a Picasso.

CC-BY-SA Bárbara G. Vilariño

O percorrido achega o relato documental a través de dez localizacións distintas e coa pretensión de incorporar alguna experiencia sensorial como o chocolate que tomaran as recén casadas.

Como recordo, os organizadores agasallan un facsímile da portada que espertara a curiosidade investigadora de Narciso de Gabriel.

CC-BY-SA Bárbara G. Vilariño

 

7. Na butaca ou no sofá: a película

O que desde logo non se pode dicir da interpretación cinematográfica de Isabel Coixet é o manido purismo de que estea mellor o libro. Porque comparar unha investigación documental en prosa cunha interpretación -máis ou menos- poética da súa relación... échevos ben distinto.

A película Elisa y Marcela estréase en Netflix o vindeiro 7 de xuño pero xa está en varias salas de cine galegas desde o 24 de maio. No día da súa estrea acompañamos a xente do club de lectura LGBT Queeruña, do que xa vos falamos en VINTE, e esta é a opinión de dúas das menbras, Cris e Noe

 

Coa película de Netflix, participada pola TVG, Coixet completa -ata a data- unha visión doce desta historia polimórfica que ven de ser libro, teatro, roteiro e unha rúa da Coruña. Nunca tanto transmedia trouxeran os comezos do século XX!

Bárbara G. Vilariño

Bárbara G. Vilariño

Xornalista, seica. Nado, rodo, corro e muto entre cultureta e culturista. Foto: Xabier Martínez

Orgullo e diversidade

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.