O Festival Agrocuir da Ulloa será este ano de entrada gratuíta e por iso a organización puxo en marcha unha campaña de micromecenado para conseguir autofinanciar o evento, que acontecerá os días 30 e 31 de agosto en diversos lugares de Monterroso.
11.300 euros, iso é o que precisa a organización do Agrocuir da Ulloa para cubrir os gastos básicos do festival. A edición deste ano está dedicada á comunidade e por iso tomaron a decisión de abrir aínda máis a festa a todo tipo de públicos. Non se cobrará entrada e non será na granxa Maruxa, como ata o de agora, o Agrocuir 2019 desenvolverase en diversos espazos da vila de Monterroso.
A campaña de micromecenado está xa en marcha en Goteo e polo de agora está funcionando moi ben. Pretende cubrir eses 11.300 euros como mínimo para que o Agrocuir siga sendo un festival sen ánimo de lucro e autofinanciado. Para iso ofrecen múltiples alicientes para as persoas doantes, como por exemplo cestas de produtos da comarca da Ulloa, visitas guiadas, estancias rurais e incluso a posibilidade de elixir cancións para que as pinchen durante o festival. Ademais, a partir de 50 euros de doazón terán obxectos firmados por artistas que actuaron en edicións anteriores, tales como un pano asinado polo gran Rodrigo Cuevas. O sábado día 15 de xuño é o último día para achegar a túa axuda.
A praza do Froito, o souto Caracacho e a área natural A Peneda son os tres lugares de Monterroso que serán protagonistas durante o festival deste ano. Haberá actuacións musicais, djs, actividades para os cativos, artesanía, comida con produtos locais e rutas con música tradicional. Todo para incidir no carácter de romaría interxeracional do Agrocuir, con actividades diúrnas e nocturnas e para todos os públicos.
O Colectivo Agrocuir da Ulloa, que é quen organiza o festival, ten como obxectivos visibilizar un rural afectivo e sexualmente diverso e crear un espazo de cooperación entre persoas e asociacións. A sostibilidade, o ecoloxismo e o respecto e defensa do patrimonio material e inmaterial da comarca da Ulloa son outros dos seus piares. E todo poñendo sempre no centro da súa actividade a defensa do papel das mulleres.
O que empezara sendo o festival Agrogay en 2015 foi evolucionando ata chegar a ser este Agrocuir, moito máis inclusivo e aberto. O bo facer da organización leva recibido varios premios, como o do público no Culturgal 2016, ou o Premio Rodolfo Prada á xestión cultural da Deputación de Ourense en 2019. Ademais o colectivo ten sido invitado a multitude de ciclos e xornadas para contar todo o que fan desde o rural.
De feito, estas semanas previas o Agrocuir da Ulloa está percorrendo toda a península dando a coñecer a iniciativa en diferentes foros. Estiveron hai pouco en Lisboa no Ciclo de Resistência Cultural Galego-Portuguesa “Trocar o Canto", organizado polo Centro de Estudos Galegos da FCSH-UNL xunto a outras entidades. O día 5 de xuño estarán en Soria no III Foro Cultura e Ruralidades, organizado polo Ministerio de Cultura e Deportes. E durante os días 3, 4 e 5 de xullo estarán en Madrid, no Madrid Summit, na Conferencia Mundial de Dereitos Humanos LGTBIQA+.