Este venres 3 e sábado 4 de maio Lalín volve celebrar a Festa Do Orgullo. O evento, que desde a capital do Deza lle dá visibilidade de maneira festiva a toda a comunidade LGBTI, fai xa a súa cuarta edición.
Lalín é famosa polo seu cocido, polo Corpiño, polos Cuíña e polas súas marcas téxtiles. Pero desde hai catro anos Lalín é coñecida por outra cousa máis: a Festa do Orgullo de Lalín. Desde unha vila do interior desenvólvese un programa de actos que xa quixeran para si algunha das sete grandes cidades galegas. Dous días de festa, conferencias, seminarios e actuacións que fan de Lalín un orgullo.
A programación comeza mañá venres ás 10:30 da mañá cun ciclo de conferencias, o IV Seminario de Educación Afectivo Sexual e Diversidade, no que falará xente de diversos colectivos. Entre eles estarán voces tan importantes como Patricia López e Soledad Fernández do colectivo Familia transformadora, Cristian Garra e Rubén Barral de Sexpoint, Jeane Costa e Sussana Milnes da asociación Les da Coruña ou a sexóloga Martina González. Este seminario está especialmente orientado ao alumnado de diferentes institutos de Lalín e de toda Galicia, de feito cóntase cunha participación de cerca de 400 estudantes. Aínda así, as conferencias están abertas a educadores e á cidadanía en xeral.
Neste seminario tamén se proxectará o documental Sorrisos transformadores de Noemí Chantada, unha serie de pezas audiovisuais que acompañaron a campaña de sensibilización do mesmo nome da Deputación de Pontevedra. Estiveron nomeados aos premiso Mestre Mateo deste ano na categoría de mellor serie web.
O sábado 4 de maio haberá postos informativos polas rúas de Lalín, obradoiros e a lectura do pregón, que neste ano corre a cargo de Carmen Fernández Morante, decana da facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Fernández Morante é co-autora do Protocolo Educativo de Identidade de Xénero, elaborado pola Consellería de Educación e a asociación ARELAS.
E na parte máis festiva estará como mestre de cerimonias o showman e presentador Enfant Bello. A mellor maneira de seguir toda a festa que está preparada é a través do seu Facebook oficial Festa do Orgullo de Lalín. Aí está toda a información e tamén saúdos dos participantes. Aquí Enfant Bello animando a todo o mundo a que acuda á capital do Deza.
O cartel da festa é moi variado. O venres e o sábado estarán, entre outros, Broken Peach, Roser Diva´s Disco (si, a famosa Roser, con novo espectáculo), a Mekanika Rolling Band, Cachas & Cousins ou Las Antonias, que mandan aquí un saúdo.
"Orgullo de ser o que es, aquí tamén", ese é o lema e o espírito do evento. Diversidade, tolerancia, reivindicación e visibilidade, motivos de abondo para acudir a Lalín esta fin de semana para apoiar unha festa tan importante.