«Que vos parece facer unha peli?» Con esta frase Sonia Méndez, a directora de As Neves, confirmaba ás rapazas que chegaran á última fase dos castings a súa escolla final. Entre as elixidas atopábase Andrea Varela, quen realmente non o cría daquela, con 18 anos, mais acabaría por protagonizar o filme.
As Neves chega este venres aos cinemas como a primeira longametraxe de ficción da directora viguesa Sonia Méndez. A historia, rodada na Fonsagrada, xira en torno a mocidade, as súas relacións e como se divirten nunha vila da montaña lucense. Elas e mais eles, coma todos, fan un uso intensivo das redes sociais a través do móbil, viven hiporconectadas, feito que iguala a xuventude de cidades e aldeas.
«Moitas veces parece que aos chavales de pueblo galegos non nos chega internet pero tamén está metido nas nosas vidas, igual que para unha persoa de cidade. Somos adolescentes igual que os adolescentes das cidades. Nese sentido non hai diferenzas e penso que nas Neves iso trátase moi ben», asegura Andrea Varela, orixinaria de Cangas de Foz.
Varela salienta a naturalidade das personaxes do filme, formulado «desde a mellor maneira posible, cun respecto cara á nosa idade que non o ten calquera película, que sempre acaban caendo en clichés horribles. Aquí trátase dunha maneira súper natural».
Varela salienta a naturalidade das personaxes do filme, formulado «desde a mellor maneira posible, cun respecto cara á nosa idade que non o ten calquera película, que sempre acaban caendo en clichés horribles
A responsabilidade da mirada sincera e realista da vida da mocidade que abrolla no filme é, obviamente da súa directora, Sonia Méndez, mais o sorprendente traballo das actrices e actores sen apenas experiencia acaban por redondear un dos produtos culturais máis interesantes do ano feito en Galicia.
E como acabou Andrea Varela, sen experiencia previa, metida neste mundo do cinema, que agora xa non quere deixar? A de Foz tivo noticia do casting de Lugo cando estudaba segundo de Bacharelato. Realmente a autora intelectual da súa presenza no proceso de selección foi a súa amiga Valentina que a convenceu para acompañala e logo non foi. «Díxome de ir. Só para probar. Ver como era… e o mesmo día do casting deixoume tirada e eu dixen: vou ver como é a cousa. E pois mira, ata o final».
Varela nunca fixera nada relacionado coa interpretación máis alá das «típicas veladas de Nadal», aínda que recoñece que sempre lle gustou a comedia e farándula. «Na miña familia somos cantareiros, pero de portas para adentro». Malia todo, no interior desa casa sempre se respirou moito amor polo cine, xa que, segundo relata, os seus pais poden ver unha película cada día, polo menos. «O meu meu pai é moi crítico, gústalle indagar e ver pelis boas», asegura.
Cinto marrón en karate, de pequena quería ser arqueóloga como Indiana Jones. Nunca pensara en ser actriz como unha posibilidade real ata os días da rodaxe, cando descubriu o seu propio talento fronte á cámara.
Malia ir superando cada casting nunha selección de 600 mozos e mozas, non acababa de crer nas súas posibilidades. «Eu non tiña ningunha expectativa e cada casting que pasaba cada vez flipaba máis. De feito non pensei que me colleran na película ata que pisei o primeiro día na Fonsagrada a rodaxe. Pensaba que en calquera momento me ían dicir que non porque non tiña experiencia previa, nin táboas», explica. Varela argumenta que hai moitos nenos e nenas que se forman en teatro, que fan cursos e ela non tiña nada diso. «Simplemente» ía facendo o que pensaba que cumpría en cada momento. Mais agora, recoñece, vai buscar formación en interpretación para complementar coa carreira de Filoloxía galega que está a estudar en Santiago.
«Non pensei que me colleran na película ata que pisei o primeiro día na Fonsagrada a rodaxe. Pensaba que en calquera momento me ían dicir que non porque non tiña experiencia previa, nin táboas»
Mesmo cando a propia directora da película e dos casting verbalizou a frase «Que vos parece facer unha peli?» e as súas compañeiras puxéronse a berrar e dar chimpos de alegría, ela non acababa de crelo. «Eu, como que non entendera ben a frase». Despois, tan pronto pisou a rúa, chamou a súa avoa para contarllo.
Logo chegaría a experiencia da rodaxe, a súa primeira rodaxe, entre decembro de 2022 e xaneiro de 2023, algo que cualifica como «incrible», aprendendo moito e pasándoo xenial en parte tamén porque tiña compañeiros e compañeiros da súa idade na Fonsagrada.
Varela lembra o esgotamento, sobre todo mental, tras as intensas horas de traballo. «Eu tiña moitas escenas con moita carga emocional e ao non ter ningunha táboa para saber como se pode chegar a esas emocións e proxectalas a través da pantalla pois igual as levaba un pouco máis ás miñas experiencia persoais e concentrábame moito para buscar a lágrima real, non a forzada con Viks Vaporub», relata.
Non foi ata este pasado mes de marzo, no Festival de Cine de Málaga cando puido verse por vez primeira en pantalla grande. «Co tema da alfombra vermella non a puidemos ver a peli enteira pero si que chegamos para ver o final. E foi unha emoción incrible. Eu non podía parar de chorar, cos aplausos dos público e a miña familia alí», lembra Andrea Varela.
«Terei que ver a serie 'Twin Peaks' para ter un pouco de coñecemento de causa, tampouco vou andar pola vida sen ter nin idea», chancea
Agora, co traballo feito, resta ver a resposta do público para un filme que Varela cualifica como necesario ante as escasas aparicións da mocidade como protagonista na pantalla grande e en galego. «É unha película rápida, guai, fácil. Hai moita emoción e paréceme un acerto ir vela», defende a actriz que anima a que vaian ao cinema pais cos seus fillos e fillas adolescentes, porque «seguro que acaban tendo un debate súper interesante».
Andrea Varela, pola súa banda, tamén ten unha tarefa a curto prazo: mirar a serie Twin Peaks, xa que non para de escoitar comparacións entre As Neves e o misterio de Laura Palmer. «Agora terei que ver a serie para ter un pouco de coñecemento de causa, tampouco vou andar pola vida sen ter nin idea», chancea.