Unha conta de aforro premia agora que camiñes e fagas exercicio; en definitiva, que leves unha vida máis saudable. É unha idea distópica ou unha moi conectada cos problemas do século XXI? Mesmo se as redes sociais —e as culturas de dieta das últimas décadas— insisten en que hai que facer exercicio —e que se non o logras che falta disciplina—, a sociedade é cada vez máis sedentaria. Seis de cada 10 persoas en Galicia pasan, de feito, de facer exercicio.
A presentación foi en Madrid, nun evento no Museo de Ciencias Naturais do CSIC. Dende aí saíu aos medios e aos feeds de redes sociais: Abanca acaba de lanzar unha nova conta de aforro, chámase B100 e está conectada cunha vida virtuosa. Na nota de prensa falan de que «inaugura unha nova categoría de banca: thehealthybanking». A idea é que van premiar se camiñas ou corres con aforro. Isto é, o banco recompensa ter hábitos saudables. Tamén, se ademais se opta por unha tarxeta de débito concreta, se destinarán fondos á loita contra a contaminación mariña.
Por suposto, son todas cuestións candentes da actualidade. O da contaminación é un deses temas cada vez máis presentes nas estratexias de responsabilidade das empresas: o contexto de emerxencia climática é o que é. Pero a cuestión da vida activa é máis novidosa. Cando se instala a app de B100 hai que vinculala cos datos do móbil, que é quen lle dará a información dos pasos de cada día. Cada cliente terá, máis alá da súa conta para a operativa diaria, unha conta de aforros remunerada e unha conta «saúde». Aí é a onde irán os beneficios derivados de moverse cada día
Como me explica ao outro lado do correo electrónico Luis Franqueira, responsable de Marketing de B100, «o aforro é por tramos». Pode que non chegues aos obxectivos mínimos fixados de aforro conectados ao movemento cada día. Tamén —unha das miñas amigas que permanecerá sen identificar o primeiro que pensou foi na opción de vencer o sistema facendo moitísimo exercicio, así que tiña que lles preguntar por este tema— existen máximos do que podes conseguir. «Dunha parte, a remuneración máxima nesta conta ao 3.40%TAE é ata 50.000 euros (tamén na outra, na Conta Save, que ofrece o 2,70%TAE, para o aforro máis cotián)», sinala o directivo. «Doutra banda, hai límites de pasos diarios: agora o máximo son 20.000 pasos», confírmame.
Confeso, aínda así, que a primeira vez que escoitei falar desta idea non pensei en como facerme millonaria camiñando costa arriba e costa abaixo polas rúas de Vigo a paso lixeiro. Vinlle antes que nada sombras. Por exemplo, non todo o mundo pode camiñar e camiñar, que é un problema xeral cando se fala de vida saudable simplificando cunha lista de actividades por facer. Pregunteille por isto aos de Abanca. «Nun futuro, poderemos integrar no só pasos, senón tamén impulsos (o que resolve as dificultades das persoas con problemas de mobilidade) e estamos a traballar tamén en formas de aforro saudable», respondeume o seu responsable de marketing.
Se tes un móbil Android, Google Fit está aí xa de serie, contando canto camiñas e como de mal —ou ben— o fas para cumprir cos obxectivos semanais da OMS
Pero, sobre todo, o primeiro que pensei foi que a idea era un tanto distópica, unha desas que hai uns anos semellaban pouco plausibles pero que empezaron a selo no mundo conectado no que hoxe vivimos. Ao fin e ao cabo, medímolo todo. Se tes un móbil Android, Google Fit está aí xa de serie, contando canto camiñas e como de mal —ou ben— o fas para cumprir cos obxectivos semanais da OMS. E moita xente ten smartwatches e outras pulseiras intelixentes, que miden unha morea de datos de saúde (e que ás veces crean preocupacións que non deberían, certo é). Conectar toda esa información con outros servizos non é estraño. O que (me) choca é facelo co banco.
Cando empecei a falar co doutor Rosendo Bugarín, académico numerario de Medicina Familiar e Comunitaria da Real Academia de Medicina de Galicia e xefe de servizo do Centro de Saúde de Monforte, usei xustamente esa palabra, a de distópico. E acabamos tendo unha conversa moi interesante sobre se era ou non isto unha distopía. A Bugarín non llo parecía. Se fai que a xente se interese en incorporar hábitos saudables, parécelle unha «idea xenial», un marketing cun lado positivo.
E, por suposto, tamén lle tiña que dar o dereito de réplica a Abanca. Que lles está dicindo a xente sobre esta idea? «Aínda estamos empezando e somos, e debemos ser, moi cautos. Máis alá de percepcións e intuicións persoais, non temos datos suficientes», dinme. Hai quen vén entusiasmado do dos pasos, hai quen vén co da tarxeta que limpa o mar de plásticos, dinme.
Virtuosismo deportivo
Que é o que explica entón que o meu primeiro pensamento fose esa palabra, distopía? En certo modo, está a cuestión de con quen compartimos información, mesmo se hoxe en día semella case inevitable facelo con todo o mundo en todo momento. Se Mark Zuckerberg xa che coñece mellor que a túa nai, que outras compañías sexan quen de saber doutras parcelas da túa vida cotiá non parece tan raro. Con todo, cabe preguntarse polos límites de que compartimos e con quen o facemos. É realmente preciso que saiban tanto de nós? E para que?
E, en (outro) certo modo, a cuestión de fondo é a de se estamos cruzando unha liña, a dunha certa obsesión cun virtuosismo deportivo.
Dende que o frenesí fitness se apoderou das nosas vidas hai unhas décadas, tamén o fixo esa versión de que tes que sufrir dándoo todo para conseguir as túas metas. E que se non o logras algo falla en ti
Se cadra, estou proxectando. Podería dicir que me pasei a vida adulta —e mesmo antes, como boa millennial vella cunha infancia nos 90, xa me apuntei de adolescente para facer step e perder peso— apuntándome a ximnasios, indo con sorte uns meses e deixándoos logo. Crear hábito resultábame imposible e aqueles espazos resultaban escasamente acolledores. A única vez que conseguín unha constancia de anos foi no meu último intento: logreino porque me captaron primeiro poñendo a unha profesora de Zumba cun corpo non normativo que insistía que estabamos para movernos gozando e logo porque ía a un montón de actividades con señoras, que creaban un espazo seguro e no que daba igual se non facías grandes esforzos de récord se iso era o que o teu corpo —e a túa saúde— precisaba. Nada de machacas dándoo todo. Nada desa cultura un tanto tóxica de ximnasio.
A percepción persoal non é, iso si, unha excepción. Dende que o frenesí fitness se apoderou das nosas vidas hai unhas décadas —moi conectado con toda a obsesión por perder peso, esa que as activistas contra a gordofobia levan anos esmiuzando e explicando—, tamén o fixo esa versión de que tes que sufrir dándoo todo para conseguir as túas metas. E que se non o logras algo falla en ti. Pódense atopar columnas en medios de medio mundo apuntando nesta dirección.
As redes sociais son un dos escaparates de toda esta cara máis chunga destas prácticas deportivas. Se cometes o erro de prestar atención máis dun par de segundos a algún vídeo que promete darche as claves para, eu que sei, mellorar a postura e que non che doan as costas, o algoritmo abrirache a porta a unha avalancha de contidos que apreman para que consigas «as túas metas».
Non nos están contando que facer para sentirnos ben ou para mellorar a nosa saúde. Están compartido unha vez máis a cultura da delgadeza na que levamos sumidas décadas
Calquera pode tonificarse, perder peso ou conseguir un corpo de praia —esa operación bikini que se leva repetindo décadas e que nestes últimos anos é afrontada dun xeito máis crítico— cun par de exercicios. Se repites 15 minutos cada día esta simple rutina, prometen, lograrás resultados. Se non o fas, se non o logras, é porque che falta compromiso. Existen os fit influencers, que, como analiza The New York Times, están «facendo máis mal que ben» «Moito do chamado contido fitfluencer é thin-spiration disfrazada», dille ao medio Renee Engeln, profesora de psicoloxía da Universidade Northwestern. En resumidas contas, non nos están contando que facer para sentirnos ben ou para mellorar a nosa saúde. Están compartido unha vez máis a cultura da delgadeza na que levamos sumidas décadas.
E todo iso —como todas esas rutinas para o éxito que invitan a levantarse ás cinco da mañá para aumentar a produtividade mentres o mundo dorme— está banalmente descontextualizado. Non ten en conta as circunstancias de cada persoa, nin as súas capacidades, ata a súa situación económica. Non todo o mundo pode, por exemplo, permitirse pagar clases de eu que sei que exercicio de moda.
«Ninguén é mellor persoa por facer máis ou menos exercicio», dime Bugarín, cando a nosa conversación leva a todas estas cuestións. «O que hai é que desmitificar o ximnasio. Hai exercicios que son case gratis», sinala. Só precisas mercar as zapatillas deportivas para facelos. E ás veces nin iso.
A cuestión do sedentarismo
Porque, ao mesmo tempo que as redes sociais poñen diante ese espello deformado da produtividade aspiracional do exercicio, existe un problema; un que os estudios, as investigacións científicas e as notas de prensa que chegan á miña caixa de correo de xeito rutineiro non paran de repetir. Vivimos nunha sociedade sedentaria, unha na que nos movemos cada vez menos e na que, esa falta de actividade, está tendo consecuencias.
«En termos xerais, o exercicio físico que realiza a maior parte da poboación é mínimo», explícame Bugarín. A nosa saúde enfrontase hoxe a dous grandes problemas: un é a mala alimentación e o outro é o sedentarismo, enumera. Unha estatística da Xunta de hai uns meses concluía que seis de cada 10 galegos non fan exercicio. O 41% da poboación é xa sedentaria. E iso ten ramificacións na saúde física —dende colesterol a dor articular, por exemplo— e na mental.
A OMS recomenda entre 75 e 150 minutos de exercicio de intensidade media cada semana, como me conta Bugarín. Pasear está ben, si, pero para lograr chegar ao ritmo preciso habería que facelo a un ritmo no que non podamos estar de charla con tranquilidade. O dos 10.000 pasos que se repite como o elemento máxico para a boa saúde é, en realidade, unha campaña publicitaria xaponesa dos anos 60, coa que se intentaba vender un podómetro. A campaña tivo tanta fortuna que se afianzou na cultura popular e, logo, recibiu o impulso global definitivo cos wearables e os móbiles coas súas apps de saúde. Con todo, o doutor recoñece que se nos invita a movernos ben sexa e que empezan xa a existir estudos científicos que atopan beneficios en alcanzar certo número de pasos. Un estudio de Data4Good, de Sanitas, descubriu que con 6.000 pasos ao día aumenta a percepción de boa saúde.
O dos 10.000 pasos que se repite como o elemento máxico para a boa saúde é, en realidade, unha campaña publicitaria xaponesa dos anos 60, coa que se intentaba vender un podómetro
De feito, Google Fit empezou insistindo no obxectivo final de facer 10.000 pasos cada día e non o cambiou ata unha actualización hai uns anos, na que empezou a falar dos tempos de movemento da OMS. Cumprir con eses obxectivos de movemento abarca moitas cousas, non só simplemente camiñar a paso lixeiro ou levantar pesos no ximnasio. A app premia a meditación ou a xardinería (pero non a limpeza!), aínda que non debería ser unha guía incuestionable do que facer. Como sempre, mellor preguntarse aos profesionais da saúde. «Hai 40 anos recomendábase calquera tipo de deporte aeróbico», sinala Bugarín. Hoxe, suma, sábese da importancia de facer tamén exercicios de forza. Conseguilo ten moi bos resultados. O doutor insísteme en que o mellor cambio que podemos facer na nosa vida pola nosa saúde, ademais de deixar de fumar, é ser máis activas. «Os beneficios son moitísimos, físicos e mentais», apunta. «Vives máis e vives mellor» , resume
A gran cuestión é quen e como debería cambiar as cousas. O primeiro gran cambio están a cada persoa, en afrontar o exercicio non cun remanente desa cultura de décadas un tanto tóxica senón con motivacións distintas. Por exemplo, centrarse na nosa saúde e no que nos achega e non tanto en perder peso. O segundo está nunha aproximación máis transversal á cuestión que teña en conta todos os seus matices e todas as súas complicacións, posto que ao final que a xente sexa máis sedentaria tamén ten moito que ver co mundo no que vive.
E que papel lle damos entón ás empresas? Pregunteille a Abanca que tiña que ver un banco cunha cuestión coma esta. De onde lles veu a inspiración? «Aínda que hai unha base e un discurso científico de fondo (aforro e as behavioraleconomics sempre se levaron ben) o certo é que todo comezou pensando en que hai algo, chámalle responsabilidade, consciencia, instinto... que funciona igual para os aforros, o planeta e, tamén, para a saúde», responde Franqueira. Deben ser logo os bancos do século XXI compañías máis conectadas a cada vez más cousas das vidas dos seus clientes? «As empresas cambian igual que cambiamos nós, ou deberían, e si, todo está hoxe máis interconectado», dime. Se poden axudar a aforrar e tamén a estar mellor de saúde, por que non facelo?, explícame.