As bibliotecas non son só espazos nos que mandan calar a xente nin tampouco grandes templos do saber. O seu papel patrimonial —conservando a cultura colectiva e mantendo a local— é fundamental, pero estes lugares teñen un impacto transversal na sociedade. É un deses espazos máxicos que fan cidadanía.
Moita xente ten lembranzas moi sentimentais conectadas ás bibliotecas. Son sitios emocionais, que vinculamos ás primeiras lecturas e á fascinación de contar co acceso a todos eses fondos. Posiblemente, sexan os primeiros lugares dos que percibimos que nunca rematarán, que serán unha fonte eterna de pracer e de contidos (polo menos para quen nacemos antes da era de Netflix e o streaming). Non poucas persoas poden facer xenealoxías sobre esas primeiras experiencias lectoras, recordando o estante exacto no que estaban eses libros favoritos ou o ritual do préstamo.
A miña primeira biblioteca foi a da escola, posto que ir visitala era unha das cousas extraescolares ás que podías apuntarte. Diría que iamos a clase completa, abríaa a nosa profe e, mesmo se obviamente sabían quen eramos cada unha de nós, anotaba con verdadeiro rigor bibliotesco na ficha-carné que levabamos e ata cando. O meu recordo de fascinación absoluta ante un xigantesco catálogo é un pouco máis tardío, cando me descubriron en segundo de Bacharelato que podiamos usar xa a biblioteca da Universidade de Santiago.
O persoal conecta co xeral, porque a mística da biblioteca dos meus recordos é bastante universal. As novelas que pasan en bibliotecas —e, sobre todo, bibliotecas que cambian a vida das personaxes— son moitísimas, dende aquelas cunha finalidade máis feel-good e best-seller ata as que buscan o olimpo da chamada ficción literaria. Temos mesmo moitas ideas de como é e debe ser unha biblioteca. Por existir, ata existen velas co seu olor para aromatizar o fogar e experiencias turísticas que invitan a durmir nunhas cantas.
Unha vez que cruzas o seu limiar, todo o mundo é exactamente igual, dá igual quen sexas fóra delas. E aí está a verdadeira maxia deste espazos. Son o lugar máis democrático que existe
Con todo, esta relación coas bibliotecas pode que nos leve a perder de vista que o seu papel é moito máis que un elemento do noso universo emocional lector. Hai uns meses, un experto díxome, traballando noutra historia, que as bibliotecas son o lugar máis democrático que existe e as súas palabras parecéronme unha revelación. Porque, efectivamente, unha vez que cruzas o seu limiar, todo o mundo é exactamente igual, dá igual quen sexas fóra delas. E aí está a verdadeira maxia deste espazos.
Falamos das bibliotecas como templos do saber, esa frase atallo que empregamos como sinónimo. Porén, máis que templos do saber (que si, que o son), son pedras angulares do civismo. E son, cos seus libros, as súas normas de préstamo e o seu abano de cousas que podes facer, xa non só o lugar máis democrático que podes atopar nas sociedades modernas; posiblemente tamén un dos máis revolucionarios polo impacto que ten en nós como sociedade.
Cambiando vidas dende hai decenas de anos
O certo é que a idea de que as bibliotecas poden cambiar a vida da cidadanía non é nova. Ten unha historia moi longa. Que as bibliotecas foran unha das pezas básicas da estratexia social da II República, hai agora case 100 anos, non é casualidade.
A República quería asentar unha cidadanía democrática e as bibliotecas eran a pasarela para que as persoas accedesen aos coñecementos, a todos eses preceptos dunha sociedade máis igualitaria e, sobre todo, a pensar por elas mesmas. O investimento durante ese período no libro e nas bibliotecas foi moi elevada. Abríronse bibliotecas en moitos lugares, grazas a iniciativas como as Misións Pedagóxicas.
Esta sensibilidade polo poder dos libros —e do seu acceso colectivo— non comezou de cero. As asociacións políticas e sociais xa apostaban por crear bibliotecas para a sociedade dende había décadas. Tamén o facían, como conta en O fulgor e as tebras Francisco Xavier Redondo Abal (Laiovento), as sociedades de emigrantes galegos que querían mellorar as condicións dos seus pobos e vilas de orixe.
A historia bibliotecaria galega está así chea de bibliotecas que xurdiron en diferentes lugares e que buscaban achegar cos libros aos seus habitantes todo un mundo novo. Algunhas das que se mencionan habitualmente cando se fala delas —como Germinal, na Coruña, con miles de exemplares— estaban nas cidades, pero o interesante é ter presente que estas bibliotecas estaban repartidas por toda a xeografía galega. Moitas delas desapareceron coa Guerra Civil: os libros foron expurgados —por haber houbo ata queimas públicas— e tamén o foron as persoas que traballaban nelas (outro ensaio de Redondo Abal céntrase nesa cuestión: Bibliotecarias e bibliotecarios infames).
Por suposto, a historia das bibliotecas seguiu ata hoxe e ten moitas máis caras interesantes. Hai cen anos, por exemplo, o corpo de bibliotecarios do Estado converteuse nunha das primeiras e mellores opcións para seren funcionarias para as mulleres. Tamén o é o debate sobre que é e como debe ser unha biblioteca. Xusto nese período mencionado, ese no que o papel social da biblioteca víase con tanto alcance, emerxía a visión destes espazos como un lugar de acceso libre á información. Fronte á biblioteca especializada e elitista, aparecía aquela aberta a toda a sociedade e na que calquera co seu carné podía levar calquera exemplar á casa.
E se ese debate parece algo moi dun tempo pasado, a esencia que o explica segue estando no corazón do que fai das bibliotecas aínda hoxe algo tan valioso. Porque, se ben existirá quen pense que todo ese papel das bibliotecas como creadoras de sociedade, como elementos fundacionais da propia existencia cidadá, era algo que tiña sentido entón, pero se cadra non é tan necesario agora; a realidade é que as bibliotecas son aínda hoxe un activo social determinante.
A biblioteca social
Como explica en Palacios del pueblo o sociólogo Eric Klinenberg(Capitán Swing), os parques infantís, as zonas deportivas ou as bibliotecas son parte da lista de infraestruturas sociais fundamentais. As bibliotecas, escribe, «non son a clase de institución que sae a colación cando os científicos sociais, responsables políticos e líderes locais falan sobre capital social e como crealo». Pero, a pesar diso, si o son: as bibliotecas «son unha das infraestruturas sociais máis importantes que temos».
Cóntolle a Rocío Ameneiros, profesora da Universidade da Coruña, e xustamente da área de biblioteconomía y documentación, o que me dixera aquel experto sobre a biblioteca como espazo democrático e dime que, en efecto, hoxe en día teñen unha función social fundamental. «Non debemos esquecer o papel fundamental de conservación do patrimonio», dime, pero tampouco «o valor que teñen como axentes de transformación social». As bibliotecas son a porta de acceso á cultura, dan acceso á lectura e son polos de aprendizaxe lector e funcionan como «espazos de encontro». Son refuxios —e sono a moitos niveis, dende climáticos ata tecnolóxicos—, pero, ademais e como me di a experta, crean «equidade social». «Non hai outro axente máis democrático que a biblioteca», confirma.
Son refuxios —e sono a moitos niveis, dende climáticos ata tecnolóxicos—, pero, ademais crean «equidade social». «Non hai outro axente máis democrático que a biblioteca»
Fronte á visión romántica e profundamente emocional das fans e a un tanto desfasada de quen hai tempo que non pisa unha e a imaxina como un lugar no que só mandan calar, as bibliotecas son espazos cada vez máis orientados cara a quen os usa. Como me insiste Ameneiros, «serven para o encontro». Os seus clubs de lecturas, os seus parladoiros, as súas actividades para todos os públicos e ata como se escollen os fondos permiten crear comunidade. De feito, teñen un papel integrador moi importante.
Aínda que pareza paradoxal na chamada era da información, esa na que todo semella estar a un clic de distancia, as bibliotecas seguen sendo fundamentais como punto de acceso á información. Nun momento no que nos abafa o exceso de contidos e no que cada vez semella máis difícil separar o gran da palla, poden axudar a conquistar esas claves para moverse nese novo contexto. «As bibliotecas tamén cumpren un papel moi importante na aprendizaxe», lembra a experta. Seguen sendo fundamentais para ser «cidadáns activos e independentes», capaces de pensar por si mesmos.
E todas estas cuestións —e para todo o que serven— importan nas zonas urbanas e nas rurais. Mesmo, nestes últimos espazos, algunhas desas experiencias que se contan como casos de éxito bibliotecario falan ata do poder das bibliotecas para evitar o despoboamento ou cuestións como a soidade non desexada. Igualmente, reiteran como, para zonas ás que outros servizos non chegan, as bibliotecas garanten sempre o acceso á cultura e, sobre todo, á información.
Ter unha biblioteca preto ou que a biblioteca chegue ata ti vivas onde vivas (aí están todas esas experiencias postas en marcha polo mundo de bibliotecas itinerantes, algo que en realidade é tan vello como as propias bibliotecas) cambia moito as cousas. «Parece que en Galicia todos nos movemos en coche, pero non pensamos que hai nenos que non conducen ou nas persoas maiores», dime a profesora, que apunta que queda aínda moito territorio galego sen cubrir con bibliotecas. E si, pode que non sexa rendible, polo menos desde a perspectiva dos mercados, pero é, como apunta a experta, un servizo público.
Máis metros, pero menos centros
Debería preocuparse a cidadanía polas súas bibliotecas e pedir por estes servizos? Agora mesmo (e enténdase aí 2022, o último ano do que se inclúen datos nas estatísticas públicas das bibliotecas galegas), en Galicia o termo medio de habitantes por cada biblioteca pública é de 8.595. En 2016, estaba en 7.551. Este dato enténdese cando se ve como caeron as cifras de bibliotecas públicas por cada 100.000 habitantes que existen no país: as 13,24 que había en 2016 son agora 11,63. Os 7,15 postos de lectura por cada 1.000 habitantes de 2016 son agora 6,11. E, se ben as estatísticas apuntan que se gañaron metros cadrados útiles bibliotecarios na comparativa deses anos e que se mantiveron estables os días de apertura (224,18 de 2016 a 227,69 de 2022), non deixa de ser un retroceso. As visitas medias por habitante á bibliotecas tamén caeron neste período, pasando de 1,81 a 1,23 (aínda que se está producindo unha recuperación tras a desfeita da pandemia).
«Debería haber máis bibliotecas, pero non só. Que as que están, estean en perfectas condicións», dime Ameneiros cando lle pregunto se faltan bibliotecas. Isto implica tanto que teñan «horario amplo» como que conten «con persoal» E que ese persoal sexa especializado, que poda adquirir fondos, organizar actividades e dinamizar eses espazos. Como apunta a profesora da universidade coruñesa, o persoal das bibliotecas debe ser xente que estea formada neste terreo e que conte cos coñecementos e habilidades para xestionar unha biblioteca. Pódese pensar que é algo que pode facer calquera, pero non é certo. A profesionalización do sector, explica a experta, importa. «Non só ordenamos libros», dime.