Vinte de vacacións. Lugares con argumentos para visitar este verán

VINTE

Chega o mes de agosto e, para VINTE, as vacacións de verán. Ata setembro non actualizaremos a revista, pero deixamos por aquí unha escolma de ideas para visitar lugares galegos dos que fomos falando nos últimos meses en espazos como Vinte na Vila ou Vinte en Ruta. Agardamos que gocedes moito do verán. Volvemos en catro semanas con novos contidos para ler, ouvir e ver.  

Chega o mes de agosto e, para VINTE, as vacacións de verán. Ata setembro non actualizaremos a revista, pero deixamos por aquí unha escolma de ideas para visitar lugares galegos dos que fomos falando nos últimos meses en espazos como Vinte na Vila ou Vinte en Ruta. Agardamos que gocedes moito do verán. Volvemos en catro semanas con novos contidos para ler, ouvir e ver.  

  • 01

    A costa do Ortegal, un miradoiro infinito

    Hora e tres cuartos. É o que tardamos no coche en bordear a costa desde Cedeira a Estaca de Bares. Ha ser máis tempo, a non ser que decidamos obviar os numerosos miradoiros que o camiño ofrece para contemplar o litoral alto, bravo, agreste e pedreiro do Ortegal. Unha paisaxe mística, solitaria, aberta e inmensa cara ao mar, en contraste co espeso eucaliptal que deixamos ás nosas costas. 

    • Podes ler o artigo completo de Miguel Pardo aquí
  • 02

    O Carballiño: as augas, o polbo e ‘mil’ bares para quedar

    No noso percorrido podemos gozar dun paseo a pé polas rúas do centro ou pola beira do Arenteiro, admirar a paisaxe da contorna, a Ínsua do Poetas; e degustar O Carballiño, desde as deliciosas cañas fritas ata o histórico polbo, á feira, claro. Estamos nunha vila marcada pola emigración e as divisas que chegan para converterse en impoñentes chalés; as augas termais sanadoras, a súa situación xeográfica estratéxica e a omnipresenza de bares e restaurantes, algo que aplauden tanto locais como visitantes.

    • Podes ler a reportaxe de Vanesa Vázquez aquí
  • 03

    Do Olimpo na terra ao mar infinito, unha ruta pola Costa da Morte

    Non é sinxelo desmitificar a Costa da Morte, que leva máis dun século gañando a pulso o seu nome. Lugar de mar bravo e múltiples naufraxios, de natureza sobrecolledora e xente traballadora. Visitamos lugares concorridos, como a fervenza do Ézaro, e outros máis solitarios, como a praia do Rostro. Desde Dumbría a Camariñas, deixamos moitas cousas polo medio nesta ruta, porque todo topónimo parece chamar por nós.

    • Podes seguir a ruta de Lucía Junquera aquí
  • 04

    Folgoso do Courel, para visitar todo o ano e volver en outono

    Había moitas pingadas na estrada, sinal de que chegaramos ao Courel e de que estamos no tempo grande da castaña. Case non parou de chover en todo o día, pero todo o mundo nos dixo que estabamos alí na mellor época. Pódese ir ao Courel en calquera momento do ano, pero hai que volver no outono.

    • Podes ler a reportaxe de Ana Liste aquí
  • 05

    Comarca do Barbanza: o sabor das Rías Baixas coruñesas

    A vertente sur olla cara ao Salnés e a provincia de Pontevedra; a norte, cara á Costa da Morte, por tras do Monte Louro. O Barbanza, cos seus case 700 metros a pico sobre o mar e os seus areais, que se contan por ducias, é unha terra de transición. E como tal, territorio de sorpresas gastronómicas que se adentran no Atlántico. Internarse no océano máis de 30 quilómetros, parapetados só por illas míticas; subir ata miradoiros naturais, suspendidos sobre as rías; pasar dun centro urbano como o de Ribeira ao altos da serra, onde aínda é posible camiñar durante horas sen atoparse con ninguén. 

    • Podes ver a reportaxe de Jorge Guitián aquí
  • 06

    Meira, nai do pai da nosa terra

    Meira semella un punto de partida perfecto. Perfecto para empezar o día, unha ruta de sendeirismo, un negocio ou toda unha vida. Mirade se Meira é o punto de partida ideal que ata o mesmísimo río Miño decidiu comezar alí, no corazón da serra, o seu traxecto de 315 quilómetros polas sagradas terras de Galicia.A nai do pai da nosa terra, reza o lema escrito no parque que acompaña as primeiras augas do Miño na súa chegada á vila meirega. A orixe desas augas está un pouco máis arriba, no Pedregal de Irimia, en plena Serra de Meira.

    Podes ver a reportaxe de Rubén de Rosende aquí

  • 07

    Celanova, a tranquilidade dunha vila onde a xente vive máis de cen anos

    Celanova é unha parada obrigada á hora de entender a historia e a literatura galegas, nunha vila que ademais de ser berce dos poetas galegos, tamén presume, e moito, de lonxevidade. Percorremos Celanova xunto a persoas emprendedoras do comercio, o sector lácteo ou a restauración, que coiciden no carácter acolledor dunha vila onde todos se coñecen.

    • Podes ler o artigo de Lorena R. De la Torre aquí
  • 08

    Mercados, veigas e casas de comidas: viaxe gastronómica ao centro da provincia da Coruña

    As terras centrais da Coruña son un reservorio gastronómico que hai que percorrer sen présas -ás veces, mesmo, sen rumbo- para ir atopando todo o que teñen que ofrecer. Adentrámonos nas comarcas do centro, polo Val do Dubra, Tordoia ou Trazo, coas súas paisaxes tranquilas, coa súa tradición gastronómica ben conservada e coas súas feiras e mercados, entre os máis vivos, aínda, da provincia.

    • Podes seguir a ruta gastronómica de Jorge Guitián aquí
  • 09

    Antas de Ulla: pan, queixo e un tesouro agochado no quilómetro cero

    Propoñemos unha viaxe ao descoñecido corazón de Galicia por un territorio onde nace o río Ulla, asombrado polo monte Farelo. Farémolo acompañadas por un feixe de persoas que desafían a profecía autocumprida de que nos sitios pequenos non hai nada que facer.

    • Podes ver a reportaxe de Marta Veiga Izaguirre aquí
  • 10

    Barreiros: onde o mar namora

    No corazón da Mariña, co Atlántico batendo nun areal virxe e infinito, Barreiros ofrece acougo, natureza e vida. A que atrae os milleiros que chegan no verán e da que gozan os que alí viven todo o ano. Nun concello que mantén o inevitable impacto dunha burbulla inmobiliaria que se pasou moito de rosca, pero que reivindica un presente atraínte e un futuro prometedor nunha contorna única.

    • Podes ver o artigo de Miguel Pardo aquí

Tamén che interesa

  • Vinte na vila

    Castro de Rei Manter os pés na terra para poder tocar o ceo

    Castro de Rei transpira puro Terrachaísmo. Os seus camiños e pistas infinitas mestúranse e desaparecen entre o verdor dos prados, o son dos tractores e a mirada despreocupada do gando vacún, motor eterno da comarca. Agora ben, reducir este concello á actividade agrogandeira sería un erro tan grande como pensar que no universo só existe baleiro. 

    Por Castro de Rei discorren milenios de historia e olladas vangardistas; respírase crecemento e compromiso social; florecen proxectos froito do agarimo e adicación plena, e tamén se materializan ideas que agroman do máis profundo do propio ser. Porque Castro de Rei hai un e hai moitos, todo depende de onde queira buscar cadaquén.

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Vinte en Lalín Arte, astronomía e cocido, que non falte, no corazón de Galicia

    Lalín é moito. Nesta vila estratexicamente situada naceu a investigación astronómica de Galicia con Ramón María Aller; é unha terra de artistas internacionais, como Laxeiro ou Colmeiro, que nunca deixaron de mirar cara á súa casa e un lugar onde a máis recoñecida festa gastronómica galega, a do Cocido, dura un mes enteiro. Cruzamento de camiños e lendas, Lalín é unha vila con vida propia, poboación estable, a cabeceira da comarca do Deza, onde sempre hai unha escusa para nos achegar… e volver. 

    Lugares

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Vinte en Ribadeo. Tranquilidade e dinamismo no «epicentro» da Mariña

    Cun par de días en Ribadeo abonda para que a xente te saúde pola rúa, che recomenden un chocolate na tenda ou saúdes a moitos dos veciños no camiño do porto ata o faro de Illa Pancha pola beira da ría. A comarca da Mariña e a proximidade con Asturias marcan o carácter desta vila que sempre fixo de ponte para os viaxantes e soubo converterse en lugar de referencia para as parroquias da zona

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Vinte en Vilagarcía Onde a xente se coñece e (aínda) saúda pola rúa

    ‘Vinte na vila’ regresa por todo o alto con Vilagarcía. Unha cidade onde a xente chega para quedar a vivir e a veciñanza dá a benvida. Grazas ao apoio de Caixa Rural Galega, percorremos Vilagarcía e descubrimos o fervedoiro que é o mercado aos martes e sábados, a historia moi presente da súa fundación, coa unión de Carril, Vilaxoán e Vilagarcía; coñecemos tamén a Ángel, o do Carrito, co seu histórico quiosco no centro e admiramos Cortegada, a illa recuperada polo pobo de Vilagarcía, que hoxe pertence ao parque nacional Illas Atlánticas. Nesta singradura manexan o temón a escritora Montse Fajardo e o actor Carlos Blanco, expertos cicerones para amosar a vila de García.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.