Vinte en Lalín Arte, astronomía e cocido, que non falte, no corazón de Galicia

Coa colaboración de

Ás portas do Concello de Lalín "pacen" varias esculturas ben fermosas de porcos. CC-BY-NC Xarda

Lalín é moito. Nesta vila estratexicamente situada naceu a investigación astronómica de Galicia con Ramón María Aller; é unha terra de artistas internacionais, como Laxeiro ou Colmeiro, que nunca deixaron de mirar cara á súa casa e un lugar onde a máis recoñecida festa gastronómica galega, a do Cocido, dura un mes enteiro. Cruzamento de camiños e lendas, Lalín é unha vila con vida propia, poboación estable, a cabeceira da comarca do Deza, onde sempre hai unha escusa para nos achegar… e volver. 

 

“Lalín non é vila dormitorio de ningunha cidade, senón ao revés, somos o centro dunha comarca, a do Deza, de 50.000 habitantes, con concellos como Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces ou Silleda que nos teñen como referencia”. O xornalista e escritor Daniel González Alén detalla con este “natural orgullo” como é o Lalín de hoxe en día, con actividade constante. “Isto non son as Rías Baixas, mais a Lalín vense de boa gana coa escusa de comer o cocido e logo ten moitas cousas para ver como igrexas románicas, pazos ou castros e mámoas”, explica.

Alén destaca a situación xeográfica do concello que o converte no “auténtico quilómetro cero de Galicia”, con poboacións moi relevantes como Chantada, A Estrada, Melide ou Arzúa na contorna dos 50 km de distancia e as principais cidades galegas entre 40 e 90 minutos actualmente. “Tamén en tempos se falaba de se Lalín era o centro xeográfico, que o Matemático Rodríguez situaba na parroquia de Bermés. Aquí xa renunciamos a iso, pero o Km O como tal, como encrucillada de camiños, é Lalín”, salienta o cronista oficial da vila.

CC-BY-SA VINTE

“Lalín ten un fundamento turístico, gastronómico e económico no tema do cocido pero á marxe diso, aquí organízanse semanalmente centos de actividades. Ten unha infraestrutura deportiva, cultural e recreativa moi boa e se non son coches antigos, é a unha concentración de motos ou de cabalos, sempre hai algo”, explica. 

Nos últimos anos en Lalín colleu sona o Entroido pola súa orixinalidade, co vermú das señoritas ou a procesión do Santo Torrisco, promovido pola Asociación Cultural O Naranxo. “Outra cousa que trae moitísima xente son as aldeas de Nadal. Aquí non se pelexa por poñer lámparas, como fan noutros lados, aquí temos unhas aldeas con vida propia que recrean a tradición galega con personaxes como son os reis ou o apalpador”, detalla González Alén. 

Lalín é eminentemente rural, aínda que cada vez menos. O municipio mantén unha poboación estable desde hai cinco décadas de algo máis de 20.000 habitantes, pero a distribución entre a vila e as 51 parroquias restantes cambiou nos últimos anos: antes vivía no rural tres cuartas partes da veciñanza, mentres que a día de hoxe máis da metade fan a súa vida na capital, onde o 10%, unhas 2.000 persoas, xa son emigrantes sobre todo de Sudamérica, Norte de África e Centro Europa. 

Procesión do Santo Torrisco no Entroido lalinense. CC-BY-SA A.C. O Naranxo

Nunha desas parroquias do rural, en Santa Baia de Losón, é onde onde se atopa o célebre Santuario do Corpiño, que abre e ten misa todos os días, mais o día grande é polo San Xoán, cando chegan autobuses de toda Galicia. Conta a lenda que a Virxe María se apareceu a uns pastores neste lugar, onde estaba enterrado o corpo dun devoto ermitán, moi venerado na zona. Alí erixiuse ao Santuario da Nosa Señora do Corpiño, tamén coñecido como “o santuario dos exorcismos” aínda que cada ano participan na súa romaría persoas con diversos problemas de saúde, económicos ou mesmo amorosos. “A xente pídelle á virxe por moitas razóns, aínda que a fe parece que vai a menos, vén como último recurso, cando os médicos xa os dan por perdidos. Pode parecer unha perogrullada pero non o é porque igual, ao cabo do ano, pasan 20.000 ou 30.000 ofrecidos que tamén van aos restaurantes, mercan chourizos e queixos e dan vida a toda a zona”, explica González Alén. 

Estamos nunha zona de boa carne, e Lalín, segundo detalla  Daniel González Alén, foi o primeiro lugar de Galicia onde se empezou a comer a carne á grella, o churrasco, que trouxeron os emigrantes a comezos dos anos 70

“Aquí hai unha hostelería tamén moi podente, toda ela fundamentada na feira do cocido. Aos restaurantes vailles ben elaborando o que saben facer”, indica o cronista oficial de Lalín. Para comer cocido en segundo que locais hai que pedir reserva con dous ou tres meses de antelación. Estamos nunha zona de boa carne e Lalín, segundo detalla Alén, foi o primeiro lugar de Galicia onde se empezou a comer a carne á grella, o churrasco, que trouxeron os emigrantes a comezos dos anos 70. “A gastronomía vai funcionando tamén coa carne ao caldeiro que xunto co pulpo son así os elementos propios de aquí, pero por riba de todos o cocido, que xa leva máis de cincuenta edicións na súa feira”, di o xornalista. Recuncaremos despois no cocido. 

Lalín sempre foi un territorio fértil en lendas, tal e como explica o profesor e antropólogo Carlos Porral, que só no concello recolleu 270 destas historias de mouros e 542 na comarca do Deza, nun traballo de investigación que segue en marcha. Hai lendas pequenas mais hai outras cun relato moi ben feito. No castro da parroquia de Méixome, en Goiás, tamén en Catasós… No Castro de Cotarelo está situada a lenda do carbón encantado, que pon o foco na necesidade de manter os tratos e cumprir coa palabra dada, por moitas ganas que teñas de facer outra cousa. De xeito moi resumido esta lenda conta como un veciño que botaba os porcos a comer pola aldea do Souto topou cunha moura coa que acordou darlle a probar o resultado da matanza a cambio de que ela o axudase a cebalos. Entón cando o veciño lle levou as partes seleccionadas do animal nunha cesta a muller recolleuna e devolveulla tapada cun trapo pedíndolle que non a destapase ata chegar á casa. O home non puido coa curiosidade e mirou no interior da cesta onde só atopou anacos de carbón e tirounos polo camiño. Cando chegou á casa, a súa muller preguntoulle que lle dera a moura e o home contoulle o sucedido. A muller deulle volta a cesta e comprobaron que os restos do suposto carbón eran ouro en migas e correron ao camiño para buscar os restos tirados mais alí xa non había nada.

Lalín sempre foi un territorio fértil en lendas, tal e como explica o profesor e antropólogo Carlos Porral, que só no concello recolleu 270 destas historias de mouros e 542 na comarca do Deza

E nesa zona tamén se sitúa o relato Vintedous gramos de ouro, que se pode ver en Youtube relatado polo seu protagonista, Modesto López Currás, nunha recollida de 2015. Currás sitúa o feitos en 1953 ou 1954 cando unha gran riada arrasou o millo e traballando cunha sacha bateu nunha pedra moi especial, “que non era pedra nin ferro”. O home decidiu levarlla ao dentista de Lalín, que lle confirmou que era ouro e que pesaba 22 gramos. A historia conclúe coa venda da pedra a un quincalleiro que vai a Ourense a negociar e volve con 100 pesos, cos que Modesto López Currás comprou un traxe ben fermoso e xogou ao sete e medio. O veciño de Cotarelo quedou moi contento, aínda que logo soubo que súa pedra valía polo menos 3.000 pesos e fora estafado. 

Detalle do paseo fluvial do río Pontiñas, en Lalín. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Mediante unha escoita activa e grazas ao traballo cos nenos do instituto onde traballa, Porral segue a incrementar as recolleitas de lendas e historias da zona. “Nas cidades non os vas topar pero nos ambientes rurais máis pobres de antes si que tiña máis sentido esa ansia por atopar a riqueza como fose, mesmo con tratos cos mouros e mouras. Os mouros son os reflexo daquilo que desexamos os humanos: vivir ben, con pouco traballo, ter ouro ou riquezas e tamén é unha forma de identificarse ante o alleo”, explica Carlos Porral.

“Lalín saíu da ditadura sendo bastante reaccionaria pese a que si que había unha puxanza de movementos agraristas ou da minería, pero foron silenciados. Entón, sendo un pobo de raíz conservadora, os artistas teñen boa aceptación porque houbo pintores como Laxeiro, Colmeiro ou Sucasas que tiveron gran transcendencia internacional pero que nunca deixaron de tocar temáticas locais”. O poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín, “Celsiño” matiza e amplía o mantra de “Lalín é terra de artistas” para poñer o foco alén das artes plásticas. “Aquí temos escritores de renome como Gonzalo Navaza ou Carlos Negro, ou mesmo Chus Pato, que case é de Lalín (naceu en Ourense pero traballou 25 anos na vila do Deza), por exemplo”, asegura. 

Celso Fernández Sanmartín destaca os movementos asociativos na vila e contorna, coa Asociación Cultural O Naranxo, a asociación A Carballeira de Cercio –exemplo de dinamización cultural nacida no rural- ou tamén a Asociación de Comuneiros de Zobra

Celso Fernández destaca tamén os movementos asociativos na vila e contorna, coa Asociación Cultural O Naranxo, responsable da festa da Algarabía de Lalín; a asociación A Carballeira de Cercio, exemplo de dinamización cultural nacida no rural, ou tamén a Asociación de Comuneiros de Zobra, “que están a facer un labor moi importante na recuperación da memoria das cantareiras”, subliña. “En Zobra eu coñecín a Hortensia, Amparo, Samuel, ou Rosalía, que teñen un cantar desde a nacencia, por herdanza e facían as ruadas e nesas coplas están as memorias da aldea máis remota de Lalín, no medio da Serra do Candán”, di o poeta, e lembra algún verso destas coplas como “o lugariño de Zobra desde lonxe resplandece, canto máis miro para el, máis bonito me parece”.

O poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín, "Celsiño". CC-BY-SA Cedida

En Lalín agroman tamén movementos informais como o Focucu (Foro para cultivos culturais), onde naceu a plataforma Artistas de Lalín Nadando a Contracorrente, da que forma parte o propio Celso Fernández Sanmartín. “Non somos os tutelados nin os máis queridos polas autoridades, pero iso tanto ten porque nós traballamos desde a perspectiva da alegría”, explica. 

Premio Rebulir da Cultura Galega 2022, Fernández Sanmartín valora o moito saber que hai no rural galego. “Indo polas aldeas descubrín un sistema de pensamento e lingüístico riquísimo, con vocabulario, modos, rexistros e construcións diferentes. Non podía ser doutro xeito nunha lingua que botou catro séculos sen se poder escribir. A fala popular é moi poética, a min namórame e isto ten que ver co propio coñecemento do territorio, algo que se está a perder”, lamenta o escritor. 

Javier Hita e Aitana Iglesias na zona de exposición artística de Nigraponte. CC-BY-SA Xarda

Medio granadino medio lalinense , Javier Hita decidiu abrir o seu proxecto cultural nesta vila galega. Nigraponte é unha libraría, academia de arte, lugar de reunión para practicar idiomas ou montar partidas de xogos de mesa, recinto expositivo... é un espazo cultural que merece a pena coñecer xusto ao lado do Museo Municipal. 

"Moitas veces ocurre que nos espazos pequenos as dinámicas culturais son continuistas, do que sempre houbo, entón a xente máis innovadora só ve a posibilidade de medrar marchando fóra. Penso que ten que haber opcións para todos no teu propio espazo", asegura o fundador do espazo cultural Nigraponte

Tras estudar Belas Artes en Granada e Cantería en Poio, Hita estivo nove anos a traballar como canteiro, mais un problema de saúde levouno a reorientar a súa actividade laboral e fundar, en 2018, Nigraponte. “A idea era ser un espazo cultural un pouco alternativo, librería, con libros novos e usados e clases de arte”, explica. Daquela estaban nun local na rúa Ramón Aller pero o negocio foi funcionando e a comezos desde 2026 abriu, xunto coa súa socia Aitana Iglesias, un local con máis metros, onde poden ofrecer máis actividades e agora mesmo dan clases todos os días con 17 grupos creados, así que demanda non falta. “As persoas necesitan solucións habitacionais, economía, emprego, todo isto... pero tamén opcións para toda a xente. Moitas veces ocurre que nos espazos pequenos as dinámicas culturais son continuistas, do que sempre houbo, entón a xente máis innovadora só ve a posibilidade de medrar marchando fóra. Penso que ten que haber opcións para todos no teu propio espazo e para min Lalín sempre foi un lugar moi interesante, moi cómodo e cunha contorna natural moi fermosa”, detalla Javier Hita. 

“Aquí non houbo un Reveriano Soutullo, pero a tradición musical é innegable”, indica Daniel González Alén. Bandas de música, orquestras de toda a vida, innovadores como Mario G. Cortizo e tamén rock ou punk, con referencias imperdibles como Tiro na testa ou Eskarmento serían algúns exemplos. Na cervecería La Beltane ofertan programación musical estable. Alí todas as semanas hai concerto de rock, jazz, blues, metal ou reggae. “Non nos pechamos a ningún estilo excepto ao reguetón”, puntualiza o responsable do bar, que ten no baixo unha pequena sala de concertos.

Lucía Espiño, no museo municipal Ramón María Aller CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

A escasos metros do espazo cultural Nigraponte atópase o Museo Municipal que leva o nome de Ramón María Aller, na honra do insigne científico, astrónomo e sacerdote de Lalín, e que alberga 40 obras de Laxeiro así como obxectos que pertenceran ao aviador Joaquín Loriga. “En Lalín temos algunha representación da biblioteca persoal de Ramón Aller, do seu instrumental e dalgúns dos seus obxectos de observación”, detalla Lucía Espiño, actual responsable do museo. “Don Ramón especializouse na observación de estrelas dobres, de aliñacións de planetas, de eclipses, entre outros. Documentou por primeira vez algunhas estrelas dobres e súas publicacións foron tidas en conta a nivel docencia por varias xeracións”, explica Espiño. 

Ata o 18 de abril no Museo Municipal tamén se pode visitar a mostra Emporcarte, que chega xa á súa edición número catorce. Nesta ocasión, participan máis de 60 artistas que tratan a temática do cocido nunha mostra informal e moi ecléctica. Esta exposición inaugúrase sempre o sábado de entroido, cando as e os artistas van comer todos xuntos o "cocido das artes" a un restaurante local. A iniciativa naceu grazas a un colectivo de artistas da facultade de Belas Artes (Pontevedra) chamado Parede en branco, e foise afianzando con paso dos anos.

Todos sabemos que Laxeiro era de Lalín e estaba moi orgulloso das súas raíces, incluso toda a etapa que estivo en Arxentina, en Bos Aires, el asinaba por detrás as súas obras: Laxeiro, pintor de Lalín”, detalla Lucía Espiño, responsable do Museo Municipal

O museo púxose en marcha no ano 89 para poñer en valor o legado de Don Ramón pero tamén para ser o museo municipal de artes plásticas, segundo relata Lucía Espiño. “Gran parte da nosa colección está composta por unha doazón de 40 obras que o propio Laxeiro fixo en vida ao concello de Lalín. Todos sabemos que Laxeiro era de Lalín e estaba moi orgulloso das súas raíces, incluso toda a etapa que estivo en Arxentina, en Bos Aires, el asinaba por detrás as súas obras: Laxeiro, pintor de Lalín”, detalla. Aínda que despois se estableceu en Vigo, Espiño salienta que o pintor nunca perdeu o seu gusto pola súa terra, que o influíu moitísimo a nivel artístico, con ese carácter popular, do Entroido, do telúrico que é moi visible na súa obra. 

Desde 1989 ata o pasado ano estivo á fronte do Museo Municipal Cecilia Doporto, natural do veciño concello de Rodeiro, que se converteu nunha auténtica experta na figura de Ramón María Aller logo de facer a súa tese doutoral –dirixida polo director do observatorio astronómico da Universidade de Santiago, José Ángel Docobo, sobre o científico lalinense falecido en 1966. “Estudou todo tipo de fenómenos, non só as estrelas dobres, senón as triplas, os eclipses ou mesmo o paso de Mercurio por diante do disco solar; do mellor que tivemos en Galicia, xunto co Matemático Rodríguez”, subliña Doporto. 

“Ramón María Aller estudou todo tipo de fenómenos, non só as estrelas dobres, senón as triplas, os eclipses ou mesmo o paso de Mercurio por diante do disco solar; do mellor que tivemos en Galicia, xunto co Matemático Rodríguez”, subliña Cecilia Doporto

En Lalín Asorey deixou feita unha escultura para a homenaxe que o seu pobo quixo renderlle ao científico en 1960, foi unha das últimas obras do artista de Cambados. Tres décadas antes (1933) Asorey remataba o monumento a Joaquín Loriga que tamén loce en Lalín. “Loriga foi un pioneiro e un referente da aviación española, que fixo o voo Madrid – Manila, xunto cos capitáns Esteve e Gallarza en 1926”, relata Doporto diante da monumental escultura. A obra de Asorey foi financiada coas achegas que os veciños de Lalín estiveran xuntando para agasallalo cun aeroplano, mais isto nunca sucedeu porque o piloto local morrería, probando un avión en Madrid, en 1927.

Doporto destaca tamén o seu papel na historia de persoeiras que non tiveron o recoñecemento pero que tamén foron moi relevanes en Lalín como é o caso de Maruja Gutiérrez, pioneira do ensino;  ou Antonia Ferrín Moreiras, que aínda que non era de Lalín foi alumna predilecta de Ramón Aller e está considerada a primeira astrónoma galega.

Cecilia Doporto, xunto á escultura de Ramón María Aller, feita por Asorey. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Na capital do Deza ten o seu taller o pintor (e político) Nicolás González Aller, onde traballa cada día e mostra moitas das súas obras, sobre todo da última etapa, centrada na abstracción. “Eu non teño horarios, segundo vaia o traballo e as musas, chancea o pintor. “Artistas hai en todos lados, pero de aquí era Laxeiro, Colmeiro, Sucasas, Antón Lamazares, Álvaro Negro ou Armindo Salgueiro. Hai canteira, hai moita inquietude e xente nova que se dedica a cousas artísticas como deseño, literatura, de todo, escultura…”, indica o artista lalinense.

 “Hai moitísima tradición de balonmán en Lalín, aquí considerámolo case unha relixión e non hai familia na que desde os anos 50 non xogara alguén", asegura Rafael Cuíña, exalcalde e empresario de Lalín

En Lalín xógase ao balonmán de sempre. “Hai moitísima tradición de balonmán en Lalín, aquí considerámolo case unha relixión e non hai familia na que desde os anos 50 non xogara alguén ao balonmán", asegura Rafael Cuíña, exalcalde e empresario de Lalín.

Cuíña xogou moitos anos a este deporte, daquela, no pavillón municipal, onde asegura que “estaban moi cómodos os pingüíns”, porque facía moito frío, pero tamén se facían máis duros así. “Os mellores amigos da miña vida son os que eran de meniños os meus compañeiros de equipo de balonmán”, detalla. Rafa Cuíña xogou naquel frío pavillón e xusto cando debutara co primeiro equipo foise estudar a Madrid. Alí continuou en campionatos universitarios e en Lalín xogou tamén algún campionato de veteráns. “Sempre digo que nestes campionatos a mente vai máis rápida que o corpo e iso é igual a lesión case sempre”, recoñece.

O pintor Nicolás González Aller, no seu taller de Lalín, xunto a unha das súas últimas obras. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Hoxe en día a meirande parte dos adestramentos e partidos fanse no Lalín Arena, unha instalación que xa quixeran para si concellos máis grandes. Hai tamén pistas de pádel, fanse campionatos de ping pong, futbolín, kung fu, é multifuncional. Aquí fixéronse os Mestre Mateo o ano pasado, na que supuxo a primeira vez que os premios audiovisuais galegos saíron a un concello do rural. 

Sara López é adestradora da base no Balonmán Lalín. “Levo desde os máis pequeniños, que teñen 5 anos, ata os da categoría alevín. Tamén traballo coa categoría infantil. Este ano estamos moi contentas porque temos moitas máis nenas, incluso nos biberóns o número de nenas é superior ao de nenos”, asegura.

A técnica subliña que en Lalín cada vez máis xente practica o balonmán. "Cando eu comecei eramos practicamente cinco gatos, nin sequera tiñamos para facer un equipo feminino e agora estamos sobre 300 xogadores e xogadoras. Mellorou moito a cousa. Eu comecei a xogar con 10 anos, e aínda que a miña traxectoria foi curta debido a lesións sempre estiven vinculada co balonmán e agora desde outro punto de vista como o de ser adestradora”, explica.

Sara López, adestradora no Club Balonmán Lalín CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Xunto co Cangas, o Lalín é único club galego que ten todos os equipos tanto masculinos en Liga Ouro. Agora, no club de orixe da crack Cecilia Cacheda traballaban para volver contar cun equipo feminino senior. “É unha mágoa que non haxa agora, pero seguro que axiña volven ter, porque o balonmán é un deporte de que chega moito. E claro, eu animo ás rapazas a que sigan a xogar”, puntualiza Raquel Blanco, xogadora do último equipo sénior, que se desfixo hai dous anos. 

Unha sorte de gorentosa pork parade

As ciencias, as artes, as lendas, o deporte … e o cocido. Nun paseo polas rúas do centro do Lalín non pasa desapercibida unha figura repetida e venerada: o porco, rei do cocido. Que protagoniza mesmo os bambáns do parques infantíns e dá a benvida na porta de moitos locais comerciais na máis xenuína pork parade.

“Hoxe en día a mellor empresa de Lalín é o cocido, tanto para os restaurantes, as carnicerías, panadarías, empresas cárnicas... somos uns afortunados de ter o cocido”, explica desde Casa Currás Alberto Currás, cociñeiro da cuarta xeración deste histórico restaurante lalinense , que comezou como taberna en 1941.

Un cocido para dous en Casa Currás (Lalín) CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

A finais dos anos 60, segundo explica Daniel González Alén, o Ministerio de Información e Turismo comezou a crear as festas gastronómicas, a do polbo, a do marisco, a do viño, a do xamón, a da troita… “empezas a contar e creo que cada municipio tiña a súa, e aquí en Lalín estiveron cavilando as forzas vivas tamén a ver que se podía facer e pensouse en algo relacionado co porco porque os xamóns e os chourizos de Lalín daquela tiñan sona en toda a provincia, incluso en Galicia. Entón, aquí acordouse facer unha feira do cocido que era xusto a semana anterior ao entroido, para que a xente viñera de fóra, como nunha feira, para marcar aquí os produtos para poder facer logo os cocidos de entroido. Así, no ano 69 fíxose a primeira feira , tróuxose uns gaiteiros, e de pregoeiro a Álvaro Cunqueiro, que entón xa era un célebre escritor”, refire Alén. E pouco a pouco o pobo comezou facer súa a festa, facendo os cocidos na casa. A feira, que  ten o seu día grande no domingo anterior ao primeiro domingo de entroido, foise consolidando, pasou de ser de interese turístico de Galicia a ser de interese turístico internacional e hoxe en día é un fenómeno gastronómico, social e económico que se festexa mesmo no estranxeiro, onde hai algunha colonia de galegos. Nesta vila a súa festa gastrómica dura un mes: "De San Amaro a San Valentín hai cocido en Lalín", reza o lema. “O cocido é  a nosa tarxeta de visita”, conclúe González Alén.

 “Nós facemos cocido todo o ano”, indican desde Casa Currás. Neste histórico restaurante desde setembro ata maio ao mediodía só ofrecen cocido

A historia de Casa Currás é paralela ao éxito do cocido en Lalín. “A miña avoa nos anos 70 facía algún cocido para o xefe da policía ou para o notario, pero non é o de agora, claro”, explica Alberto Curras. “No 2008 meu pai apostou todo o nada polo cocido. Aquí de setembro a maio ao mediodía só facemos cocido, pola demanda que temos”, asegura, sen desbotar que nun futuro ofrezan unicamente este prato para xantar todos os días do ano. Nos mes do cocido, en Lalín, os grupos de amigos e amigas xa reservan dun ano para outro.

O cociñeiro Alberto Currás, cuarta xeración en Casa Currás (Lalín). CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Alberto Currás, que se formou no Centro Superior de Hostelería de Galicia, en Santiago, explica que o cocido de Lalín ten unhas características propias: a sopa de primeiro, as carnes teñen que ser curadas e afumadas, e sempre ten que levar grelo; ademais, na sobremesa non pode faltar queixo do país con marmelo, leite frito ou filloas. “Nós facemos cocido todo o ano”, indica, e mesmo máis en agosto que en setembro, posto que no verán veñen os de México ou Venezuela e queren comer o de sempre, polbo, callos, carne ao caldeiro e cocido, claro. “Temos tamén moitísimas reservas de xente que está nas Rías Baixas no verán, amence un día de chuvia e que fan? Nos mesmos hoteis xa nos chaman para avisarnos de que nos mandan grupos de dez ou 20 de Madrid para comer o cocido”, di o cociñeiro de Casa Currás. 

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Vinte na vila

    Vinte no Carballiño. As augas, o polbo e ‘mil’ bares para quedar

    Vinte na vila estivo no Carballiño o 19 de decembro. Polas rúas soaban as panxoliñas e a veciñanza apuraba as compras do Nadal. No noso percorrido puidemos gozar dun paseo a pé polas rúas do centro ou pola beira do Arenteiro, admirar a paisaxe da contorna, a Ínsua do Poetas; e degustar O Carballiño, desde as deliciosas cañas fritas ata o histórico polbo, á feira, claro. Estamos nunha vila marcada pola emigración e as divisas que chegan para converterse en impoñentes chalés; as augas termais sanadoras, a súa situación xeográfica estratéxica e a omnipresenza de bares e restaurantes, algo que aplauden tanto locais como visitantes.

    Lugares

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Barreiros: acougo e calma onde o mar namora

    No corazón da Mariña, co Atlántico batendo nun areal virxe e infinito, Barreiros ofrece acougo, natureza e vida. A que atrae os milleiros que chegan no verán e da que gozan os que alí viven todo o ano. Nun concello que mantén o inevitable impacto dunha burbulla inmobiliaria que se pasou moito de rosca, pero que reivindica un presente atraínte e un futuro prometedor nunha contorna única. 

    Lugares

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Vinte en Folgoso do Courel: “Se se esgota un plan de vida, tes que inventar outro”

    Había moitas pingadas na estrada, sinal de que chegaramos ao Courel e de que estamos no tempo grande da castaña. Case non parou de chover en todo o día, pero todo o mundo nos dixo que estabamos alí na mellor época. Pódese ir ao Courel en calquera momento do ano, pero hai que volver no outono. 

    Nesta nova entrega do Vinte na vila percorremos Folgoso do Courel un 31 de outubro. Mel, castañas, doces, turismo rural, a gandeiría e mesmo o blues e o jazz mestúranse nesta reportaxe audiovisual co son da chuvia, e as voces dos protagonistas que nos falan desde o seu lugar: "Decateime de que vivimos no ceo aquí". 

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    O primeiro Ouvinte na vila defende o “xornalismo de corredoiras” e que non veñan os de fóra falar por nós

    O xornalismo de corredoiras, a necesidade de ir ao lugar e contar o que alí sucede por nós mesmas e mesmos. Esta foi unha das ideas que puxeron en valor as participantes no primeiro episodio do podcast Ouvinte na vila, a edición sonora da serie de reportaxes que a revista VINTE desenvolve coa colaboración da Caixa Rural Galega para coñecermos mellor as vilas e cabeceiras de comarca galega a través das voces das persoas e o achegamento ao territorio. 

    Podcast

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.