A aldea de Paderne, en Folgoso do Courel. CC-BY-SA Ana Liste/Vinte
Había moitas pingadas na estrada, sinal de que chegaramos ao Courel e de que estamos no tempo grande da castaña. Case non parou de chover en todo o día, pero todo o mundo nos dixo que estabamos alí na mellor época. Pódese ir ao Courel en calquera momento do ano, pero hai que volver no outono.
A nosa primeira parada no Concello de Folgoso do Courel é na aldea de Vilela, na parroquia de Noceda. Manuel López agarda por nós na sobeira, acompañado polo seu can, resgardados da choiva. Folgoso ten unha poboación aproximada duns 1.100 habitantes, distribuídos entre as nove parroquias que se espallan polos seus 193 quilómetros cadrados de extensión, formados por unha sucesión de cadeas montañosas.
En Vilela hai cinco casas habitadas e dez habitantes, a maioría xubilados. Manuel López está xubilado, pero non deixou de ser gandeiro. Non imaxina a súa vida lonxe das súas vacas. Erguerse, almorzar e ir onde os animais. Nun día normal abriría a corte para deixar saír as vacas, pero coa auga que está caendo non é a mellor idea. Aquí o terreo está en pendente e o gando é difícil de manexar.
“Aquí traballar é moi duro. Aínda que agora trabállase máis fácil porque antes eramos 22 veciños e agora sendo menos é máis doado porque non hai que saír coa gadaña, aproveitamos as fincas máis fáciles, porque aquí non entra a maquinaria”, explica Manuel López, que chegou a ter máis de vinte cabezas de gando e agora conserva as poucas que lle permiten estando xubilado.
Ademais das vacas, ten dous porcos aos que tamén saudamos de camiño a coñecer as vacas, todas rubias, que estamos en Lugo. No camiño, atravesamos o “paridoiro”. Alí, Manuel ensínanos a ferramenta que emprega para axudar os tenreiros a saír. Uns minutos coas vacas e se entende ben por que non quere deixalas, a pesar da súa peor mobilidade tras caer e romper a perna por tres sitios.
Esta leva sendo a súa rutina toda a vida. Unha vida que semella ter data de caducidade porque non hai continuidade, e el tampouco a quere. “Eu non lle mandaría ao meu fillo que quedase aquí, e iso que teño un neto que vai facer sete anos e anda tolo polo gando. O primeiro que quere facer cando vén é ir ver as vacas. Pero aquí non se libra nin sábados nin domingos, nin hai vacacións”, asegura Manuel López, quen, con todo, confesa que non lle importaría que a gandería seguira na tradición familiar noutro sitio “máis fácil”, como nunha finca preto de Lugo que dera para ter un número de vacas “manexable”.
“Agora se puidese marchar, marchaba, porque xa non ando en condicións. Gustaríame ter as vacas ata que non puidese máis, pero con esta caída vexo que teño que desfacerme delas. A ver se me vou adaptando a quedar sen ningunha porque gustar, gústanme moito”, confesa, mentres nos conta as dificultades coa neve, a pesar de que cada vez neve menos, e como para ir ao hospital lles corresponde o de Monforte aínda que estean máis preto do de Lugo.
"Gustaríame ter as vacas ata que non puidese máis, pero con esta caída vexo que teño que desfacerme delas. A ver se me vou adaptando a quedar sen ningunha porque gustar, gústanme moito”, explica o gandeiro Manuel López
“Pensas que che vai dar calquera cousa e que vas querer saír e non vas poder... Hai que morrer aquí baixo este teito e máis nada. E iso é duro, claro. Entón, se podemos, o que queriamos era desprazarnos algo. Por iso a xente tamén marcha e a xente nova non para, porque tamén estamos moi lonxe da atención sanitaria. De día cos centros de saúde vaise atendendo, o máis malo é de noite, que tamén é cando hai máis problema coa neve”, razoa Manuel López.
Temos que marchar de Vilela porque nos esperan no núcleo de Folgoso. Alí quedamos con Ana Fuentes, que nos recibe n’A Cabaniña, o negocio de restauración que abriu en 2017. O acento francés delata os 47 anos que viviu alá: seus pais emigraron a Francia para traballar dende O Courel e ela xa naceu alá, igual que os seus fillos, que agora estudan en Compostela.
“Non era fácil cambiar, pero isto tampouco era un sitio descoñecido para min, levo vindo toda a vida”, aclara Ana Fuentes, que quixo dar un xiro á súa vida e apostar por un negocio que considera bo para a vila. Porén, cando se mudou “non era definitivo”. “O que máis me preocupaba era a adaptación da miña filla e do meu fillo, pero grazas a escola de Seoane e ao seu profesorado eles adaptáronse rapidamente. Eran tan poucos na aula que ao final era como se tivesen clases particulares, porque ademais non falaban galego nin castelán; pero é que se adaptaron mellor ca min”, lembra.
Iso si, Ana Fuentes ten claro que “sen coche” non viviría aquí. “Antes se non conducías, se non tiñas un coche, non había posibilidade de saír de aquí. As mulleres agora somos máis independentes porque temos coche. Que che dan ganas de saír do pobo, pois colles o coche e vas onde queres. Nese sentido, creo que agora vivir no rural non é tan difícil”, argumenta.
Para Ana Fuentes é importante que a xente da súa xeración se asente no rural e faga o camiño para que os máis novos poidan vir traballar. “Poden criticarnos, pero é idiota porque facía falta máis xente para vivir aquí”, conta, aínda que ela asegura ter “moi boa relación cos veciños” porque os coñece de toda a vida. Ademais, é moi activa na vila e tamén se encarga da xestión do albergue municipal.
Para Ana Fuentes é importante que a xente da súa xeración se asente no rural e faga o camiño para que os máis novos poidan vir traballar
Sobre as persoas que chegan ás súas cabaniñas sabemos que veñen de toda a Península, mais tamén de fóra. O boca a boca funciona, pero neste caso as redes sociais van mellor. Cun detalle, moita xente non vén facer rutas pola montaña, vén simplemente “desconectar”. E tamén hai paseos accesibles e actividades para eles e elas, asegura Ana.
Destas cabanas rurais imos á oficina da Caixa Rural, a única entidade bancaria que hai historicamente en Folgoso e contamos coa axuda de Esteban Fernández Del Huerto, o director da sucursal, para guiarnos nesta reportaxe. Alí quedamos con Helena De Wit, que baixou das montañas do Carballal, unha aldea moi próxima á Pobra do Brollón, para atoparse connosco. Helena é holandesa e reside no Courel co seu marido dende 2011 de maneira indefinida. En 2001, tras visitar a zona nunha das súas múltiples viaxes polos pobos da Península Ibérica, mercaron a casa, que precisaron reformar para vivir nela.
“Eu penso que o meu marido perdeu o seu corazón aquí”, afirma Helena De Wit, que se viu arrastrada ata a montaña para vivir en plena natureza. No Carballal viven sete persoas, nove con este matrimonio; cando mercaron a casa eran 35. Eles tamén vivían nunha vila nos Países Baixos, pero de 20.000 habitantes. “Agora tampouco eu quero cambiar para volver a Holanda outra vez. Cando fomos os últimos anos pareceume un horror tanto coche e tanta xente en todas partes, decateime de que vivimos no ceo aquí”, admite.
Caixa Rural é a única entidade que historicamente tivo oficina en Folgoso. O director da sucursal tamén nos guía para a reportaxe
Teñen a súa horta, coñecen os camiños do monte para saír camiñar a diario... Pero tamén sofren as consecuencias do illamento. “Podes facer un pedido por internet, pero non che traen o paquete á casa. Hai tres puntos para entrar polo Courel, pero non queren pasar de Quiroga. Que conste que a nós gústanos mercar local, pero hai cousas que non é posible”, relata.
“Nos últimos anos pensei en que pasará cando eu ou o meu marido perdamos á outra persoa, pregunteillo ao meu marido, pero el di que non pasa nada, que agardamos aquí”, di entre risas porque aquí non se aburren. “Sempre estamos felices”, asevera Helena. Iso si, bota en falta ter máis amizades na contorna.
A castaña: paisaxe, cultura e tradición
Pasan das tres da tarde e Concepción Arza só ten no corpo o almorzo. Enredou cun pedido de tortas de última hora que van ir directas en coche ata Santiago. En 2007 empezou a elaborar tortas de castaña, ademais de encargarse do supermercado Urbarza, na rúa principal de Folgoso, coa axuda da familia. “Temos as tortas de castaña e as bolachas Morriña, que son practicamente ao que me dedico actualmente. Toda a miña vida rexentei este supermercado pero hai 25 anos isto foi cara a abaixo e agora isto só non se sostería, por iso estoulle dando auxe á fabricación dos doces”, detalla.
A pesar do severo despoboamento que foi vivindo, Concepción Arza salienta que nunca pensou en marchar de Folgoso. “Se se esgota un plan de vida, tes que inventar outro, que foi o que fixen eu co obrador. Se a vida vai mudando, tes que cambiar o negocio se non van indo as cousas”, asevera. As súas tortas naceron para potenciar o produto que máis abunda no Courel, que son as castañas: “Baseámonos nun prato tradicional da zona como é a calduda [un caldo de castañas] e partir de aí elaboramos a nosa torta. Non leva fariña, só castaña cocida, manteiga e nata”.
Hai preocupación polo futuro das castañas na zona. Levan cinco anos de produción minguada a causa da avispilla, dun fungo e do calor extremo dos meses de agosto e setembro, que tamén lle afecta
Hai preocupación polo futuro das castañas na zona. Levan cinco anos de produción minguada a causa da avispilla, dun fungo e do calor extremo dos meses de agosto e setembro, que tamén lle afecta. Con todo, este ano a cousa vai “mellor” que o ano pasado, pero non ben. E é que para Concepción “a castaña significa paisaxe porque todos os pobos do Courel están rodeados polo souto, tradición gastronómica porque era a base da alimentación destes pobos hai tempo, e cultura porque arredor da castaña sempre houbo cultura”.
A festa da castaña é unha data sinalada nos calendarios de toda a veciñanza do Courel, e daquelas persoas que veñen de visita con frecuencia. Pasan o día “exaltando a castaña”, como di Concepción Arza, e se enche a zona de xente. Este ano a celebración foi o sábado 8 de novembro no núcleo de Seoane, pois a festa repártese entre Folgoso e Seoane e faise un ano en cada sitio.
Da cantina ao apiario
En Ferreirós de Abaixo está a cantina O Pontón que rexenta Manuel Álvarez na mesma casa na que naceu. Non hai cobertura móbil –salvo cunha compañía telefónica concreta– e, aínda así, este lugar énchese dende a Semana Santa ata o outono, cando comeza a abrir só nas fins de semana. Hai 28 anos que comezou a traballar coa madeira e coas súas mans creou un ecosistema propio. “Abrín un bar normal, con cadeiras de plástico e o mobiliario que podes mercar, pero vin que había madeira suficiente para cambiar a decoración e fun facendo ata hoxe”, explica.
Aquí houbo unha das moitas ferrerías que lle daban vida ao Courel e que, co seu peche, “abandonaron” as terras e deixaron a zona “paralizada”. Nesta casa dábanlle de comer aos traballadores da ferrería, algo do que Manuel xa case non se lembra.
“Nós custámoslle pouco á administración”, asegura mentres nos ensina o mobiliario de madeira que foi creando para esta cantina. De fondo, escoitamos a auga do río e tamén a da choiva. Estamos como dentro dunha árbore, metidas na paisaxe, separadas de todo. Por iso a queixa da falta de transporte público, entre outros servizos, ten aínda máis peso. “Non temos nin taxis. Se chamas un taxi ás cinco da mañá non o vas conseguir. Como non teñas medios propios...”, engade o dono do Pontón.
Manuel Álvarez bota en falta máis unión veciñal para reclamar servizos públicos colectivos, e non se mostra moi optimista. O lume cebouse con esta zona no ano 2022 e o único que mudou, lamenta, “é que vai haber máis piñeiros”
Manuel bota en falta máis unión veciñal para reclamar servizos públicos colectivos, e non se mostra moi optimista. O lume cebouse con esta zona no ano 2022 e o único que mudou, lamenta, “é que vai haber máis piñeiros”. “Nós estivemos aquí dezasete voluntarios que non tiñamos nin idea de como se apagaba un lume, porque todo ten a súa técnica, e non había nin un só bombeiro. Conseguimos apagalo para que non pasara o río Lor cara á outra ladeira. Ese día fixen aquí a comida para todos e na televisión dicían que había milleiros de efectivos cando non había ninguén”, rememora.
Os lumes tamén afectaron a abellariza que Raquel López e o seu home teñen en Sobredo. Ela é de Quiroga e el courelao, pero os dous viven e traballan en Lugo. “Gustaríanos poder mudarnos coas nosas fillas e dedicarnos exclusivamente ás abellas”, asegura con entusiasmo. “Din que se non hai abellas morreriamos todos, por iso seguimos loitando por elas”, salienta.
Os retos son moitos, pero hai tres anos que apostaron por crear a súa marca e por comercializar o seu mel máis alá da veciñanza da zona e do boca a boca. Queren que AraMel sexa o seu futuro, por iso lle dedican todas as fines de semana e, nalgúns momentos do ano, tamén as tardes que poden entre semana. “Se os proxectos que a xente fai no rural van cara a adiante e podes vivir deles, eu creo que a xente si que se animaría a mudarse para aquí. Se non, é complicado, hai outros sitios onde tes máis oportunidades de traballo; pero aquí hai outra calidade de vida”, debulla Raquel López.
Preservar a identidade do Courel
Seguimos a estrada principal cara ao Courel de arriba. Quedamos en Paderne con Marcos Reinoso, presidente da Asociación de desenvolvemento rural Serra do Caurel. Un colectivo con 27 anos de antigüidade que naceu moi ligado á hostalaría, pero que se foi diversificando e agrupa dende xente que traballa nos bares, restaurantes ou aloxamentos hoteleiros ata quen se dedica á produción de castañas, carne ou mel, guías de natureza, gandeiros... Son un total de 75 socias e socios.
Paderne, na parroquia de Meiraos, ten 25 veciñas e veciños, unha ducia de casas habitadas e 60 prazas hoteleiras, pois hai seis casas de turismo rural que se enchen nas fins de semana do outono. Reinoso, biólogo vigués, que traballa como guía de natureza na zona, leva 13 anos vivindo aquí porque quedou “namorado do territorio”.
“Somos unha asociación tan transversal que, dentro do que podemos, facemos moitas actividades que pensamos que dinamizan o territorio co punto de vista de que a xente que vén de fóra poida participar, e que tamén a xente de aquí estea presente nas actividades culturais ou etnográficas que organizamos pensando en manter a identidade do territorio, que moitas veces se perde”, traslada Marcos Reinoso.
A asociación organiza o Courel Son, concertos gratuítos de música de jazz e blues nas eiras das aldeas ao longo de todo o ano. “En aldeas de dez ou quince habitantes xúntanse máis de 200 persoas para estes concertos. Á parte, nestes encontros ponse a dispor da xente os produtos que elaboran os produtores no territorio e se fan actividades paralelas de interpretación”, detalla Reinoso. Tamén organizan rutas que mesturan a posta en valor deses produtos locais, son os Camiños dos sabores; e organizan no verán a festa da cantarela, un cogomelo que medra na zona a finais da primavera.
“Aproveitando que nos últimos anos vén xente de fóra que se compromete co territorio, porque aquí temos polacos, colombianos, marroquís, nicaraguanos, brasileiros... Imos facer unha xornada arredor da fariña para que eles nos expliquen como traballan coa fariña nos seus países de orixe. Un intercambio cultural no que todos imos poder probar os produtos que se elaboren”, salienta Marcos Reinoso.
“Aproveitando que nos últimos anos vén xente de fóra que se compromete co territorio, porque aquí temos polacos, colombianos, marroquís, nicaraguanos, brasileiros... Imos facer unha xornada arredor da fariña", explica Marcos Reinoso, presidente da Asociación de desenvolvemento rural Serra do Caurel
Coa corrente de turismo rural en zonas de montaña é fácil que a oferta se homoxeneíce. Para que non se perda a identidade, Reinoso considera que é preciso ter claro que O Courel son “as paisaxes que herdamos dos nosos antecesores”. “Non é identitario facer carreiras de montaña, pero si o é facer unha ruta na que acabas probando produtos feitos aquí coas castañas”, apunta.
A unha escala que permita manter esa identidade, no Courel a veciñanza traslada que o despoboamento avanza sen control e a pirámide demográfica aquí está completamente truncada. “A unha administración que de verdade se preocupase polo Courel eu pediríalle que buscase a maneira de ter vivenda en alugueiro”, conclúe Marcos Reinoso, quen sinala que cunha ducia de familias con crianzas que se mudaran agora alí xa cambiarían moito as cousas.