Vinte en Vilagarcía Onde a xente se coñece e (aínda) saúda pola rúa

Coa colaboración de

O parque de Ravella, coa sede do Concello de Vilagarcía ao fondo. CC-BY-SA Xarda

Comezamos xullo en Vilagarcía. É martes de mercado e asistimos á cita ineludible coa praza de abastos. “Se es de Vilagarcía tes que vir ao mercado". A xornalista e escritora Montse Fajardo guía este primeiro percorrido coa seguridade do coñecemento do territorio e das persoas. Alí está Rosi, a pescantina da súa nai, a de toda a vida. E arriba Celina, que vende as verduras e as hortalizas. “A xente de aquí non concibe comprar un tomate no supermercado, e moito menos o peixe”, explica Fajardo, que tamén apunta que ao mercado chega o pan de Carballo, de moita calidade, tal como constata Karina, que atende nun dos postos.

Moitas persoas saúdan e paran a falar coa escritora, porque en Vilagarcía a xente se coñece, saúdan e falan pola rúa, algo que non sucede nas grandes cidades. 

CC-BY-SA VINTE

O percorrido lévanos pola da Praza do Castro, onde reside o núcleo histórico de Vilagarcía e desde onde se expandiu ata chegarmos á Praza de Galicia, que as persoais locais chaman do Obelisco porque alí estivo moitos anos un, xunto cunha fonte luminosa, segundo lembra Fajardo. Nesta altura coñecemos un imprescindible de Vilagarcía, Ángel, que rexenta El Carrito, un quiosco de golosinas con seis décadas de historia. “Eu levo 41 anos aquí, pero xa o tiña miña nai antes”, detalla.

Na súa historia, Vilagarcía foi pioneira en moitas cousas, como rebelarse contra o exército francés (1808) ou poñer a circular o primeiro tren de Galicia (1873) entre Carril e Santiago de Compostela. Nesta gran vila ou pequena cidade de case 40.000 habitantes imprimiuse o primeiro libro tras o silencio da guerra civil. Foi Cómaros Verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño, na histórica libraría Celta (1947). Hoxe o establecemento xa non existe máis unha placa na rúa Ramón y Cajal lembra este fito e a relevancia do local onde podían mercarse libros prohibidos daquela.

Case calquera hora é boa para continuar o percorrido pola zona da Baldosa e gozar dun gorentoso almorzo ou brunch como gosta chamalo desde hai un tempo. Vilagarcía foi dos primeiros lugares de Galicia onde chegou esta moda das tostas deliciosas con aguacate, segundo puntualiza Fajardo. A Baldosa é a zona ideal para ir de viños, comer e mesmo tomar a primeira copa, antes chegar á zona TIR, xa no porto, para quen queira seguir de marcha. 

Na zona portuaria cómpre mencionar a discoteca Harbour, con 22 anos de historia, que  rexenta Javier Acuña, pero que xa fundara o seu pai. Acuña pon en valor o sector hostaleiro de Vilagarcía, que ten “moita vida” e como a noite adoita comezar nos pubs máis pequenos do centro para rematar no seu local no porto deportivo, aberto ata as 6 da mañá.

Mais hoxe é martes de mercado e o roteiro con Montse Fajardo continúa polas rúas do centro onde temos a sorte de atopar unha mostra da arte efémera de Juan Carlos Platis, artista vilagarcián que adoita sorprender a veciñanza coas súas propostas. Neste caso, son moitas as persoas que se achegan a comprobar se o pintor esculpido é un mimo, pero non o é. 

Xa de camiño ao parque Miguel Hernández, Fajardo fálanos da historia da rúa comercial Rey Daviña (quen foi un alcalde franquista), que felizmente vai cambiar de nome para volver ser a Rúa do Río, tal e como a lembran os maiores. 

Polas rúas do centro, concretamente na rúa Castelao, moi preto de onde estaba o histórico cinema Fantasio atopamos a Ofelia Valiñas, responsable xunto co seu irmán da promotora ORV, do grupo de construcións e promocións inmobiliarias Valiñas, fundado polo seu pai hai case medio século. Ofelia Valiñas subliña que son unha empresa familiar e teñen que ser prudentes porque veñen “duns anos moi duros”,  coas distintas crises económicas que afectan o seu sector. “Nós imos pouco a pouco e tentamos manter o legado que nos deixou o noso pai, con honradez e humildade”, explica. “Non imaxinas o gratificante que é ver a xente feliz na súa casa”, acrecenta, en referencia aos comentarios que reciben ao rematar un proxecto construtivo. 

Ofelia Valiñas, nas oficinas de ORV da rúa Castelao. CC-BY-SA Xarda

Valiñas pon en valor a Vilagarcía como unha cidade residencial, que “non é tan turística como Sanxenxo ou industrial como Vigo”, pero que conta cun “clima moi agradable, o tren, o porto, un auditorio estupendo e moita oferta cultural. Podes ir á praia e percorrela en bicicleta. Non sorprende que moitas persoas xubiladas da Coruña veñan vivir aquí, porque é máis tranquila e cómoda”, destaca.

A escritora Montse Fajardo escolle o parque de Ravella para se despedir. Alí ao carón da Casa Consistorial pasou moitas horas da súa nenez a comer pipas coa súa avoa. E aínda que hoxe quizais non sexa o parque máis popular, abofé que atesoura lembranzas compartidas por moitas xeracións vilagarciás. 

Montse Fajardo, no parque de Ravella, en Vilagarcía. CC-BY-SA Xarda

A Vilagarcía actual provén da fusión dos concellos veciños de Carril e Vilaxoán con Vilagarcía en 1913. O propio nome do concello resultante refire á familia de fidalgos García Caamaño. Para coñecer algo máis da historia e da cultura de Vilagarcía falamos con Xermán Torres, presidente da asociación Mesa das Verbas, quen nos fala dos tempos en que Sorolla pintaba a vila, que quedou retratada desde os xardíns do Pazo de Vista Alegre con persoas, vacas, o mar e a illa de Cortegada de fondo, nunha obra chamada “A Romaría, que se pode ver en Nova York. 

Torres fala do Pazo e Convento de Vista Alegre,  un impresionante conxunto, declarado Monumento Histórico Artístico, situado dentro do terreo acoutado pola antiga fortaleza medieval da que se conservan parte dos seus muros á beira do río Con. Alí, nun dos edificios do Pazo de Vista Alegre pasan temporadas os herdeiros do marquesado de Vilagarcía, “descendentes e emparentados coa xenia do García Caamaño, fundadores da Vilagarcía moderna no século XV”, explica Xermán García. Eles outorgaron a Carta Puebla, un documento do século XV, que supón o acto fundacional da Vila de García.

Vista da Vilagarcía actual. CC-BY-SA Xarda

O presidente da Mesa das Verbas refire o antigo colexio privado de Vilagarcía León XIII como un foco do cultivo da educación e da cultura. “Aquí ensinaron os poetas Aquilino Iglesia Alvariño (que chegou ser director), Castro Díaz; Manuel Rodríguez Castelao (curmán do escritor e debuxante) entre outros”, explica. Un Colexio moi relacionado co galeguismo onde foron directores do mesmo Xosé Núñez Búa ou Xesús Garrido Álvarez. Tamén foi profesor o médico galeguista Germán Quintela Novoa. “Todos ilustres personaxes da educación e da cultura do século XX en Galicia”, subliña.

Mais Torres tamén fai fincapé na importancia de coñecer a historia local primitiva, moitas veces a máis esquecida. “O Castro Alobre foi redescuberto por Manuel Murguía e Fermín Bouza Brey, que era de Vilagarcía”, apostila Torres. E convida á mocidade visitar este vestixio da pasado, que se atopa moi preto do Pazo e Convento de Vista Alegre.

A Mesa das Verbas naceu en 2011 no seo do Liceo, como unha asociación cultural sen ánimo de lucro co obxectivo principal de promover a lingua e a cultura galega, aínda que nas súas lecturas tamén poden ter cabida grandes autores como Lorca ou Machado. Organizan recitais, charlas e as xeiras que levan os seus socios de visita por outras localidades galegas, onde tamén recitan e comparten mesa e mantel. “Xa estivemos en Catoira, Santiago, Pontevedra, Cambados ou Caldas e agora estamos preparando a visita á vila de Rianxo para facer unha nova xeira de Manuel Antonio”, explica o presidente da asociación. “En Vilagarcía de sempre hai grupos relacionados tamén coa música, a danza, o baile galego, grupos de acordeón, moitas corais”, subliña.

Nos últimos días celebrouse o ‘ClasClás’, o ciclo música clásica que trae a Vilagarcía a grandes músicos internacionais e en xullo, agosto e setembro celébranse o Alén Metal Fest, Atlántic Fest, FestaClown, Folk no Alobre, Ameixa Rock e Revenidas por poñer só algúns exemplos.

As Tanxugueiras actuaron na pasada edición do Festivala. CC-BY-SA Festivala

Antes, no mes de maio, podemos asistir ao Festivala, o primeiro festival feminista de Galicia, que naceu en 2016 como protesta aos tradicionais cartaces con protagonismo masculino nos festivais. Este ano no Festivala actuaron as Tanxugueiras ou Caamaño & Ameixeiras, nunha edición enfocada ás cantareiras e pandereteiras, en consonancia co recoñecemento das Letras Galegas. 

O Festivala é unha iniciativa xurdida da asociación feminista O Soño de Lilith, nacida en 2012 por iniciativa de Daisy Alcalde. “O Soño nace da máis pura necesidade de loita e reivindicación feminista. Non había outra asociación feminista no Salnés”, detalla Alba Tomé, membro da asociación. Manifestacións na rúa, concentracións, pero tamén cineclubes, cafés feministas ou charlas forman parte da actividade desta asociación, que quere levar o feminismo a todos os ámbitos posibles.

En Vilagarcía tamén hai innovación, como testemuña Kemegal, empresa química que opera sobre todo no eido dos produtos de limpeza e desinfección ou mantemento, pero cun capacidade de adaptación que lles está levando a crecementos de máis do 40% nos últimos anos. “Poñemos a disposición dos nosos clientes o noso coñecemento e conseguimos participar en proxectos moi interesantes. Se os grandes centros tecnolóxicos de Galicia nos chaman, será por algo”, subliña Miguel García, director xeral da química vilagarciá. 

Miguel García, na fábrica de Kemegal, no polígono do Pousadoiro. CC-BY-SA Xarda

Cunha historia que se remonta a 2007, Kemegal conta con sete persoas no seu cadro de persoal, pero xa ten aberto o proceso para contratar outra. Neste tempo levan desenvolvidos máis de 600 produtos. “É algo difícil de crer, porque somos poucos, pero estamos moi implicados e non existe o aburrimento. Eu son químico e encántame o meu traballo”, asegura. García recoñece que os comezos foron difíciles, mais contaron co apoio da Caixa Rural Galega para continuar. "Apostaron por nós desde o comezo, sen ter apenas patrimonio para avalar", subliña o director xeral da compañía vilagarciá.

Entre os fitos dos últimos anos de Kemegal atópase o desenvolvemento dun produto -xa patentado, para engadir ao diésel, que consegue eliminar contaminantes e reducir tamén o consumo.

En fase de patente atópanse outra solución como un produto natural antiparasitario para usar nas piscinas de acuicultura, a base de árbore de té, que consegue resultados moi bos sen usar biocidas. Este produto foi desenvolvido en colaboración co grupo Tres Mares

Con Clavo Food Factory desenvolveron un produto para eliminar os residuos das trazas de glute e con Ence buscaron na economía circular unha saída para a lignina, unha molécula das árbores coa que crearon deterxentes. 

Actualmente Kemegal está a buscar máis espazo para as súas instalacións, que abranguen 1.100 metros cadrados no polígono do Pousadoiro, e necesitan o dobre. “Somos de Vilagarcía e queremos medrar en Vilagarcía”, subliña Miguel García, que tamén está na directiva do club de baloncesto Cortegada e é gran seareiro deste deporte. “Vilagarcía é unha cidade que ten moita tradición de baloncesto, respira baloncesto. O Cortegada chegou a estar en primeira división”, subliña. 

A Illa de Cortegada, cos parques de cultivo da ameixa de Carril. CC-BY-SA Xarda

De Cortegada tamén nos quixo falar outro ilustre vilagarcián, o actor Carlos Blanco, que lembra como o pobo salvou esta illa da urbanización, protestando. “Teño 66 anos agora, pois 50 anos atrás máis o menos estivo a nada ser urbanizada”, detalla. Blanco explica que a illa, “foi regalada graciosamente polo pobo de Vilagarcía á familia real e a familia real, graciosamente, quixo facer negocio. Cousas das familias reais. Pero protestamos e parouse. E conseguimos que agora formase parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas e por tanto estea pura e conservada”. 

O actor contempla a fermosa illa desde o porto de Carril. Cunha distancia entre ambos puntos de 200 metros, é posible chegar a Cortegada a pé coa marea baixa polo histórico camiño do carro que daría nome á vila de Carril. “Aquí dáse a famosa ameixa de Carril. De feito este ano terei a honra de ser o pregoeiro da festa da ameixa”, conta. Entendede a nosa enorme preocupación porque o Ulla, que é o que desemboca aquí, veña en mal estado porque estean a montar Altri no centro de Galicia. Esta é a nosa enorme preocupación e igual hai que facer como fixemos con Cortegada, parala a base de protestas”, refire o actor. 

Carlos Blanco, con Cortegada ao fondo CC-BY-SA Xarda

Aínda que na actualidade Carlos Blanco vive na Illa de Arousa, residiu aquí ata os 20 anos e fai moita vida na súa cidade. “Vilagarcía agora mesmo é unha cidade moi cobizada e interesante para vivir. Sei de xente que se xubilou e decidiu vir para aquí. Os prezos aínda non son disparatados, como en Santiago ou Coruña, a vida é cómoda, o clima é bo. É grata para vivir e está moi ben comunicada. Agora vivo na illa pero veño a diario a Vilagarcía, en bicicleta, porque son apenas doce quilómetros que se fai moi ben pola beiramar”, asegura. 

Blanco é un firme defensor da bicicleta, algo que lle vén de familia, xa que seu pai tiña un taller de reparación e venda de bicicletas. “Non entendo como en Amsterdam o 80% da xente vai en bicicleta, co clima que teñen alí, co frío que fai e co que chove e aquí nin o 10% da xente usa a bicicleta. Para min é bastante incomprensible”, indica. 

Carlos Blanco, coa súa bicicleta na estación de tren de Vilagarcía CC-BY-SA Xarda

Carlos Blanco avoga pola bicicleta e tamén polo tren. “Esta comunicación, este tren que hai agora a Madrid a varias horas a min permíteme traballar en Madrid. A semana que vén teño un casting: marcho a primeira hora, fago o casting e regreso no día, cousa que antes era inviable. Ademais, eu por idade xa teño a tarxeta dourada de Renfe e iso queiras que non che dá un desconto do 30% moi interesante”, detalla Carlos Blanco, mentres sobe á súa biclicleta e despídese tal e como chegou, pedaleando.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Vinte en Ribadeo. Tranquilidade e dinamismo no «epicentro» da Mariña

    Cun par de días en Ribadeo abonda para que a xente te saúde pola rúa, che recomenden un chocolate na tenda ou saúdes a moitos dos veciños no camiño do porto ata o faro de Illa Pancha pola beira da ría. A comarca da Mariña e a proximidade con Asturias marcan o carácter desta vila que sempre fixo de ponte para os viaxantes e soubo converterse en lugar de referencia para as parroquias da zona

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Monforte. Que che importe que somos de Monforte

    Cantáronlle os Siniestro Total e cantáronlle os Yellow Pixoliñas. Escribiulle Antón Lopo e sobre esta vila de pasado marcado por condes e cardeais pivotou a obra do poeta galego máis punk, Lois Pereiro. A estación do tren e a capitalidade comarcal marcaron profundamente o pasado deste lugar no que hoxe a xente nova pelexa por marcar un punto e á parte na decadencia do interior da provincia de Lugo cun festival de cine, asociacionismo veciñal e negocios de forte activismo rural, ecoloxista e cultural. Que che importe que somos de Monforte.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Chantada. A grandeza dun pobo faina a súa xente

    Esta frase, ademais de ser o lema do Folión de Carros en pasadas edicións, é probablemente a mellor maneira de describir Chantada. A grandeza é visible non só nos carros e carrozas construídas verán tras verán seguindo unha tradición senlleira e chea de morriña, senón en cada recuncho de Chantada.

    Dende o Monte Faro ata o Río Asma, pasando por cada unha das 36 parroquias, montes e ribeiras do concello, a pegada da súa xente únese a unha paisaxe idílica para facer desta vila e lugares, os nosos, unha paraxe única.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Melide. «A festa vai no ADN dos melidaos»

    Melide exerce como capital da Terra do Medio malia ser a da Terra do Medio unha xeografía aínda por cartografar, conformada á forza de andar nas feiras: un chisco de carácter gandeiro, un moito de identidade tendeira que afonda as súas raiceiras na Maragatería, por corredoiras de ida e volta, e un cen por cento de dedicación á troula. 

    Melide é hoxe unha desa vilas cabeceiras de comarca que o xeógrafo Rubén Lois —e tamén a Xunta— denomina «nodos para o equilibrio do territorio», fundamentais para corrixir unhas dinámicas que escoran as oportunidades cara ás cidades, sobre todo, as do eixo atlántico. Superado o ecuador do mes de xullo, Melide bule de xente nativa e retornada —e peregrina— e entrégase ao paso inexorable do seu esixente almanaque festeiro.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.