Vinte en Monforte. Que che importe que somos de Monforte

Coa colaboración de

Cantáronlle os Siniestro Total e cantáronlle os Yellow Pixoliñas. Escribiulle Antón Lopo e sobre esta vila de pasado marcado por condes e cardeais pivotou a obra do poeta galego máis punk, Lois Pereiro. A estación do tren e a capitalidade comarcal marcaron profundamente o pasado deste lugar no que hoxe a xente nova pelexa por marcar un punto e á parte na decadencia do interior da provincia de Lugo cun festival de cine, asociacionismo veciñal e negocios de forte activismo rural, ecoloxista e cultural. Que che importe que somos de Monforte.

 

«Que esta canción non che importe, non somos de Monforte». Miguel Costas é o responsable de que Monforte de Lemos permaneza para sempre na historia do rock estatal. Meteuna nunha canción do disco 'El regreso', de Siniestro Total, do ano 1983. Algo máis dunha década despois, en 1996, outro grupo, dentro e fóra do movemento bravú ao mesmo tempo, os Yellow Pixoliñas, tamén lle cantaba á vila. Neste caso á súa vila, porque o grupo estaba composto por xente da localidade e da comarca. «Noite en Monforte, é a morte, é a morte», berraba o vocalista da agrupación, Tico, neste tema de '¡¡Non pises a herba!!'.

«Os Yellow Pixoliñas iamos tocar moitas veces pola cea», lembra Tico. «Eu penso que hoxe isto está máis valorado, pero aínda se pensa moito o de que, como o fas por diversión, non vale nada». El cre que a escena musical, tanto en Monforte como no resto de Galicia, é moi diferente á de hai 20 ou 30 anos: tócase moito mellor, pero non se fan cousas tan orixinais. «Todo o mundo fai máis ou menos o mesmo en todos os lados». O músico tamén rexentou un pub mítico da noite monfortina, o Hatabendro, entre 1994 e 2008, na que era historicamente a rúa 'da marcha', Duquesa de Alba. «Ese tempo xa pasou». Hoxe quedan poucos locais nesa zona e o ambiente do ocio nocturno, moito máis reducido, trasladouse a carón do río Cabe. «Fai falta máis xente nova. A xente nova é a que tira de todas as cousas. E, ata agora, de Monforte foi escapando porque non atopaba oportunidades. Había que facer por retela». Hoxe a tendencia podería estar cambiando.

Membros do Colectivo Vermut na Praza da Compañía, na tarde do martes 22 de outubro. CC-BY-SA Carlos Castro

Unha moza que marchou no seu día e despois decidiu volver é Candela López. Hoxe é unha das integrantes do Colectivo Vermut, un grupo de oito amigos que se organizou en decembro do ano pasado para montar un mercadiño solidario. E xa non parou de traballar. «Funcionamos a golpe de necesidade. En realidade só somos un grupo de amigos que quere facer cousas por Monforte». A segunda actividade que montaron, a pasada Semana Santa, foi 'Salvemos a Fraternal'. A Sociedad La Fraternal naceu a finais do século XIX (estímase cara 1899) en Monforte. Moi relacionada coa medranza derivada da chegada do ferrocarril, os seus empregados foron os que crearon esta sociedade de recreo. A súa puxanza concretouse na compra dun terreo e na construción dunha gran sede na rúa Concepción Arenal.

Acabou sendo un emblema de Monforte, ata que no novo milenio empezou a decaer. En 2023, por primeira vez en cen anos, o seu bar tiña que pechar ao público. Para entón apenas quedaban 100 socios, todos de idade avanzada, e só pagaban as cotas arredor de 40. Que pechase a Fraternal sacudiu a vida en Monforte. «Propuxémonos facer un evento para recadar fondos e para que a xente nova de Monforte coñecera este espazo emblemático, porque moita nin sequera entrara e o sitio é espectacular». Bautizaron a proposta 'Salvemos a Fraternal. A Resurección' e usaron un cartel que lle facía unha chiscadela á película 'A vida de Brian', dos Monty Python. Houbo música, comida e bingo solidario. «Foi impresionante. Aos señores caíanlle as bágoas. Foi chulísimo. Dicíannos: 'hai 40 anos que non viamos así isto'». Á parte, fixeron unhas xornadas de traballo voluntario, para arranxar un pouco o sitio, e un roteiro guiado polo barrio da Estación, enmarcado no seu interese por poñer en valor precisamente iso, os barrios. Recadaron mil euros para saldar as débedas. «E a raíz do evento o propio Concello deulles tamén unha axuda económica».

Vista da Rúa Cardenal Rodrigo de Castro, na tarde do venres 25 de outubro. CC-BY-SA Carlos Castro

 Noutro barrio histórico de Monforte, o dos Chaos, fixo o colectivo a súa última intervención, cando souberon que este ano, como o pasado, non se ía festexar San Xoán. «A comisión de festexos do barrio estaba formada por xente moi maior e non atopaba relevo xeracional. Así que o que fixemos foi ofrecernos a axudarlle a montar a festa este ano, non coa intención de apropiarnos dela, senón de animar á veciñanza a recuperala. Así que lle demos un pouco o noso toque cunha sesión vermú e involucrando aos bares, pero mantivemos todo o que caracterizaba tradicionalmente o festexo, por exemplo, a misa que se celebraba pola noite e o reparto da rosca tradicional, cousas sagradas para os veciños. Tivemos moito éxito e á metade do día xa se esgotaran as sardiñas».

«Cando os amigos me din se non me aburro vivindo aquí, dáme un pouco de rabia. Penso que aínda quedan moitos prexuízos por rachar. Quizais non hai eventos multitudinarios, pero fanse moitas cousas moi interesantes. O que pasa é que non se ven», asegura Candela López do Colectivo Vermut

Os plans inmediatos de Candela López pasan por quedar en Monforte. «Vivín moitos anos fóra, pero descubrín hai tempo que as cidades grandes non me gustan e despois da pandemia tíveno clarísimo, quería volver. Ademais teño unha nena pequena e quería que se criase doutra maneira. A día de hoxe levamos aquí catro anos e a idea é quedar». E iso que aínda lle preguntan que fai en Monforte. «Cando os amigos me din se non me aburro vivindo aquí, dáme un pouco de rabia. Penso que aínda quedan moitos prexuízos por rachar. Quizais non hai eventos multitudinarios, pero fanse moitas cousas moi interesantes. O que pasa é que non se ven». Cousas como as que fai o Colectivo Vermut. «O que nos interesa é involucrar os veciños no que é hoxe Monforte. O noso principal obxectivo sería promover o que poderiamos chamar cultura comunitaria. Facer cousas e facelas entre todos».

Colectivo Vermut tivo un precedente recente moi potente, a asociación Náufragos do Paradiso, que aproveitou que no ano do seu nacemento (2011) a Academia Galega lle dedicaba o Día das Letras a Lois Pereiro, para bautizarse co título da única novela do monfortino. «Náufragos do Paradiso naceu nas asembleas do 15M». O Movemento 15M tivo o seu punto álxido nunha manifestación do 15 de maio de 2011, que derivou nunha serie de acampadas e protestas pacíficas por toda España, conformadas sobre todo por xente nova, que reclamaba unha democracia máis participativa. «Nunha das asembleas de Monforte falouse do que podía facer a xente nova que quedaba aquí. Foi así como pensamos en xuntarnos e facer algo relacionado coa cultura», conta o actual presidente da asociación, Alejandro Rodríguez. «Os primeiros anos tivemos moitísimo impacto. Había un núcleo duro de 30 persoas, pero máis dun cento de socios». Montaron un festival de música, que deixou unha forte pegada na vila. «O festival de música era o prato forte, pero tamén organizamos actividades relacionadas coa cultura, co deporte, co cine, coa poesía... O problema é que a xente que estaba detrás de Náufragos tiña arredor de 20 anos e pasou o de sempre, marcharon para estudar ou traballar. Hoxe traballamos activamente nela arredor dunha ducia de persoas».

Actualmente a asociación vive un momento de transición. «Xuntámonos só no Nadal, na Feira Medieval ou no verán. Pero a nosa intención é seguir para adiante e que non morra ese espírito co que nacemos». O primeiro obxectivo que teñen é tratar de que máis mozos se incorporen á proposta. «Do que se trataría sería de buscar xente nova que viva en Monforte e que teña inquedanzas culturais para arrimala á asociación». O futuro pasa por esa xente. «Eu son optimista», di Alejandro Rodríguez. «Penso que cada vez Monforte ten máis tirón e cada vez volve máis xente. O éxito da Ribeira Sacra inflúe e estou seguro que de aquí a uns anos o panorama mellorará bastante. Porque a realidade é que hai bastante movemento. Agora o importante é que a xente responda. E que tamén se nos faga un pouco máis de caso, porque os que estamos traballando en vilas pequenas somos os grandes olvidados».

Membros do Colectivo Carude Rock, na sua sede do Bar Capilla de Carude, na tarde do venres 25 de outubro. CC-BY-SA Carlos Castro

Dalgunha maneira conectado co que fai o Colectivo Vermut está o Carude Rock. Porque dende ese espazo tamén se traballa na dinamización doutro barrio histórico, o de Carude. «O Carude Rock é un festival que naceu nas festas do propio barrio, as de San Lázaro, organizadas pola asociación de veciños. Á parte das verbenas con orquestras e da pancetada, dedicabamos un sábado ao rock español», conta Juan Diéguez. Isto non chamaba a atención en Monforte. O gusto polo rock estatal dos anos 80 e 90, de Rosendo a Extremoduro, marcou a varias xeracións. Por enriba de todos, hai un grupo polo que se sente devoción: Los Suaves. Nunha cidade na que apenas se pintaban os muros con grafitis políticos ou doutro tipo (hoxe a localidade loce diferente, entre outras cousas, grazas ao traballo do artista urbano Michelín Rodríguez), nunca faltaron pintadas dedicadas a Los Suaves. A proximidade da vila con Ourense, da que Monforte está separado por algo máis de 40 kilómetros (de Lugo sepárana máis de 70), ten moito que ver. Despois de tres anos incluído nas festas do barrio, en 2019, o Carude Rock pasou a ter entidade propia. Oito amigos montaron un colectivo para organizalo, no canto de na primavera, en pleno mes de agosto. «O venres antes das festas patronais do día 15», explica Juan Diéguez. «Gustábanos que houbera unha cita co rock todos os anos. Darlle espazo. E gustábanos que os grupos locais, os máis antigos e os máis recentes, tivesen un sitio onde subir a tocar. Porque en Monforte hai unha escena moi interesante, unha chea de grupos novos e veteráns, pero o que non hai é un sitio no que tocar». De feito, no Carude Rock non lles é posible dar cabida a todas as bandas que contactan con eles. «O festival ten tres partes: unha dedicada a grupos da zona; outra a grupos galegos, na que xa tocaron Zënzar, Ruxe Ruxe ou Los Rastreros, e outra a bandas tributo, porque evidentemente o noso orzamento non nos permite traer as orixinais». 

 «Gustábanos que houbera unha cita co rock todos os anos. Darlle espazo. E gustábanos que os grupos locais, os máis antigos e os máis recentes, tivesen un sitio onde subir a tocar. Porque en Monforte hai unha escena moi interesante, unha chea de grupos novos e veteráns, pero o que non hai é un sitio no que tocar», asegura Juan Diéguez, do Carude Rock.

O ano pasado a homenaxe fíxoselle a Rosendo. E este ano, por suposto, a Los Suaves. Diéguez aínda lembra cando hai 30 anos nun bar mítico, o Pra, se deseñara e se lanzara o lema Airiños Suaves en homenaxe á banda. Está no ADN monfortino. «Era inevitable dedicarlle unha noite e foi espectacular, a mellor de todas as que levamos». Diéguez di que é Monforte debería aproveitar o momento que vive. «Hai moita xente nova que marchou estudar e volveu. Eu vexo un momento cultural e artístico moi bo. Aínda está activa a vella garda e conecta moi ben cos que veñen detrás. Só falta que se lles tenda unha man. Cousas como o que está facendo o Colectivo Vermut son un puntazo. Nós, en Carude, tamén intentamos tirar dos veciños. Porque aquí é onde nos criamos e non queremos que morra».

Iván Patiño, da produtora Amanita Films e Fancine de Lemos, na tarde do martes 22 de Outubro CC-BY-SA Carlos Castro

Dentro do conxunto de iniciativas culturais que se teñen sacado adiante en Monforte na última década, hai unha que destaca por enriba das demais: o festival de cine fantástico Fancine de Lemos, unha ambiciosa proposta que quería situar a Monforte no mapa do audiovisual. Detrás estaba o produtor Iván Patiño xunto cun grupo de amigos. «O festival naceu en 2014 da necesidade que sentiamos por ocupar un tremendo buraco que aprezabamos que había arredor do audiovisual na programación cultural de Monforte». Patiño lembra que, fóra do incansable traballo do cineclub A Calexa, que tiña organizado ciclos de proxeccións, non había máis nada. «Nós o que propuñamos era algo que non se limitase só á proxección de películas, senón que incluíse a visita de intérpretes, de cineastas e de profesionais relacionados co cine para manter encontros co público, impartir masterclass ou protagonizar exposicións». Dez anos despois, considera o obxectivo cumprido. «Dende as primeiras edicións penso que conseguimos facernos un oco e incluso volvernos un referente no contexto galego. Agora tamén penso que é o momento de darlle unha pensada». Patiño refírese a que el, como director do evento, considera que outra xente debe coller o relevo. Apartado xa da produtora audiovisual Amanita Studio (gañadora de dous Mestre Mateo polos documentais 'Os días afogados' e 'Idénticas'), el encamiña hoxe o seu futuro cara outras empresas e pensa que, no festival, a actual codirectora, Anabel Soto, irá gañando cada vez máis peso. «Vén con moitas forzas e eu acuso o desgaste de moitos anos pelexando. É o relevo natural e ademais, un relevo fermoso, porque ela comezou enviando curtas ao festival no seu día». 

Por outra banda, Patiño é moi crítico co papel que xogan as administracións na cultura de Monforte. «Eu diría que estamos ante un baleiro absoluto, así de claro. Un deserto cultural. Non existe ningún plan cultural nin unha política que se encamiñe cara a algún sitio". Segundo di, todo queda en mans de 'francotiradores' individuais que van funcionando como poden. «Que opcións culturais tes hoxe en Monforte? Ir ao cine, que segue aberto de milagre, ou ir aos bares. Despois o que temos son iniciativas particulares que case sempre reman a contracorrente e que duran mentres aguanta a xente que está detrás», explica. «A miña experiencia é que non hai interese en promover a cultura. O máximo que podes conseguir é que se che dea algunha axuda económica. Danche 5.000 euros. Punto. Xa está. Cumpriron contigo. Nin se interesan polo traballo que fas, nin polas necesidades que poidas ter, nin por enmarcarte nun plan cultural, nin por nada de nada».

Vistas de Monforte dende o Mosteiro de San Francisco, na tarde do venres 25 de outubro CC-BY-SA Carlos Castro

Iván é un dos membros máis novos dos Patiño, unha familia moi vinculada á historia de Monforte. Dela forma parte o pintor Reimundo Patiño, que está considerado o primeiro autor de banda deseñada en galego e que viviu de neno na casa que tiñan o escritor Manuel María e Saleta Goy na rúa do Comercio. Tamén forma parte o seu tío, o pintor afincado en Vigo Antón Patiño, un dos fundadores do Grupo Atlántica, que actualmente é protagonista dun enfrontamento co Concello de Monforte a conta dunha controvertida reordenación urbana do centro da vila que involucra un muro do século XVII e terreos particulares. 

«A miña experiencia é que non hai interese en promover a cultura. O máximo que podes conseguir é que se che dea algunha axuda económica. Danche 5.000 euros. Punto. Xa está. Cumpriron contigo. Nin se interesan polo traballo que fas, nin polas necesidades que poidas ter, nin por enmarcarte nun plan cultural, nin por nada de nada», lamenta Iván Patiño

A oposición de Patiño á denominada Zona D, como se lle chama ao proxecto municipal, acabou coa publicación dun manifesto onde o artista viu respaldada a súa proposta de construción nese espazo dun centro de arte e cultura contemporánea polo escritor Manuel Rivas; o director do Reina Sofía, Manuel Segade; o arquitecto César Portela e o músico Amancio Prada, entre outras 653 sinaturas. «Chámanlle Zona D con D de 'desfeita', porque non é outra cousa que unha zona bélica de arrasamento urbano e de arrasamento da memoria desta vila, pasada e futura», explica Antón Patiño. «Entre outras cousas, derruba un muro histórico do ano 1600 que pechaba a horta do Colexio dos Escolapios. E o peor non é que o chimpen, é que o chimpan para meter por aí o tráfico. Queda por ver se a Dirección Xeral de Patrimonio, da Xunta, ten algo que dicir ao respecto. Agardamos que si». Para Patiño o plan de reparcelación dese lugar, que afecta a máis de 3.200 metros cadrados e a 35 propietarios diferentes, e que abrirá un novo vial á parte de xerar novas parcelas para edificar, «é unha barbaridade a nivel local». Segundo conta, o 90% do terreo era propiedade dos seus avós, Manuel Pérez Moreiras 'O Xeneral', un empresario da posguerra na vila, e a súa muller, Anuncia. A contraoferta da familia que el representa é construír alí un espazo para a cultura. «Non propoñemos ningún Guggenheim a gran escala, nin un pelotazo urbanístico, pero si algo que supoña un punto de inflexión real na vila». 

Rúa Cardenal Rodrigo de Castro, na tarde do venres 25 de outubro CC-BY-SA Carlos Castro

O arquitecto Jorge Duarte e o estudio Atrio están detrás do anteproxecto que presentou Patiño e que, segundo di, «soluciona de vez a situación, mantén un muro histórico, nunha zona de alta sensibilidade de Monforte, e fai dialogar o noso novo edificio, unha infraestrutura de tipo artístico transversal, co dos Escolapios, un dos monumentos arquitectónicos máis importantes de Galicia». El comprométese, a maiores, a doar unha serie de cadros sobre Lois Pereiro, para que o centro non empece de cero. A actual loita de Patiño está conectada co último movemento veciñal que se activou en Monforte, baixo o lema 'Salvemos o Malecón'. A través da resposta social tratou de impedir que o Concello construíse unha nova gran ponte para o tráfico sobre o río Cabe, na zona do Malecón, un espazo verde en pleno centro histórico. «É que é o mesmo, a mesma reivindicación. Todo pasa por salvar o río Cabe», apunta Patiño. «Monforte é unha cidade apacible en xeral, pero é que neste momento se fai necesario este movemento de resistencia e de guerrilla democrática contra uns intereses escuros, cando menos».

Os movementos de 'Salvemos o Malecón' e de Antón Patiño están presididos por unha preocupación medioambiental. Outra, neste caso relacionada coa gandería extensiva e coa rexeneración do ecosistema, está detrás da explotación Casa da Fonte (Mañente, Pantón), unha referencia en toda a Ribeira Sacra. Xosé García Freire é o responsable do proxecto. «Collín a explotación en 2011, cando rematei os estudos de Enxeñería Agrónoma na Escola Politécnica do Campus de Lugo. Meu pai estaba para xubilarse e aproveitamos para facer o cambio de titularidade. A min isto sempre me tirara e xa estudei coa idea de quedar aquí. Sei que non é o máis habitual entre a xente da miña xeración, pero eu tíñao bastante claro». De feito, conta a modo de anécdota que, como tomou a decisión xusto despois de 2008, a xente tendía a relacionalo coa crise económica. «Dicíanche que claro, que o entendían, que non había traballo fóra e había que seguir aquí, e eu tiña que explicarlles que non, que eu quedaba porque me gustaba isto de verdade», lembra. «A idea era darlle unha voltiña á granxa, que xa producía dun xeito bastante eco, para pasar a producir alimentos dunha maneira o máis saudable posible, basicamente coidando o medio». Iso por unha banda.

 «Collín a explotación en 2011, cando rematei os estudos de Enxeñería Agrónoma na Escola Politécnica do Campus de Lugo. Meu pai estaba para xubilarse e aproveitamos para facer o cambio de titularidade. A min isto sempre me tirara e xa estudei coa idea de quedar aquí. Sei que non é o máis habitual entre a xente da miña xeración, pero eu tíñao bastante claro», defende Xosé García Freire, da explotación Casa da Fonte

 Por outra, os plans de Xosé García pasaban por plantarlle cara á industria. «Claro, tamén se trataba de poder decidir nós directamente o prezo do produto sen estar sometidos ao que a industria mandara». Casa da Fonte produce hoxe lácteos (queixo, iogures, manteiga, leite envasada e nata), ovos e carnes de polo, porco e becerro. A gran parte da produción despáchase en venda directa ao consumidor final. Na propia explotación hai unha tenda. «E por transporte de frío chegamos a toda a Península", explica. «Na parte que lle corresponde aos herbívoros producímolo todo en base ao pasto e procuramos facer un manexo rexenerativo». Para Xosé García, que abre a súa granxa a visitas de colexios e colectivos e que emprega as redes sociais para mostrar como é o seu día a día, o maior problema para que a xente nova se anime a tomar a decisión que tomou el, é o escaso apoio das administracións ao campo galego. «Non me estou referindo a axudas só, que tamén, aínda que a verdade é que eu poucas pido, senón por exemplo as infraestruturas que contribúan a facer o traballo máis doado. Estouche falando simplemente de limpeza de camiños. Non digo asfaltado, digo limpeza. Para que poida pasar o gando, a xente e a maquinaria ou os vehículos». Para o gandeiro, lemas como 'Defende o rural' non pasan de ser iso, lemas. «Cando as administracións os empregan é a modo de campaña de marketing, porque calquera pode ver que non existen políticas reais que axuden minimamente ao desenvolvemento do rural. Todos son slogans de cara á galería». E remata: «Sabes que mantén vivo hoxe un sitio como Monforte? A inmigración. A xente que veu doutros lugares do mundo para vivir aquí». 

Á parte de 60 porcos e 100 galiñas, hoxe hai 62 cabezas de vacún en Casa da Fonte. A uns poucos kilómetros, no lugar de As Fontes, na parroquia monfortina de Reigada, outra explotación gandeira, a de Puluan, manexa 300 vacas. Detrás dela hai dous irmáns de menos de 30 anos rachando tamén co tópico do abandono do rural, unha tendencia que confirman datos como os do censo agrario, que situaba en Monforte 1.402 explotacións con animais (contando bovinos, ovinos, porcinos e aves) en 1999 e 250, en 2020, tal e como recolle o Instituto Nacional de Estatística (INE). Os irmáns de Puluan son Lucía e Ángel López Sobrado. El xa está incorporado totalmente á explotación. Ela está rematando Veterinaria no Campus de Lugo, pero a súa intención é incorporarse tamén despois. «A explotación era de meus pais, que a montaron no ano 2000, pero a meu irmán e a min sempre nos gustou isto e tivemos bastante claro o de incorporarnos», explica Lucía López. Na granxa producen algo máis de 5.000 litros de leite. Unha parte, arredor de 2.000 litros, dedícana á elaboración de queixos. O resto véndenllo a Celega porque son socios da Cooperativa Lemos. Hai dous anos sorprenderon ao mercado cun queixo que curan en viño mencía da Ribeira Sacra. «E a verdade é que funcionou moi ben dende o principio. Como o resto dos queixos, unha gran parte vendémola directamente a consumidores e outra, a bares e restaurantes da zona como poden ser o Abadía de San Simón [no campo de golf de Monforte] ou o Berso [en Sober]». 

Lucía López Sobrado, na gandeiría Puluan, na tarde do venres 25 de outubro CC-BY-SA Carlos Castro

Para a moza de Puluan dous aspectos xogaron ao seu favor á hora de quedar coa explotación e adaptala aos novos tempos montando unha tenda para a venda directa dos seus produtos e usando as redes sociais para darse a coñecer e mostrar como traballan. «A primeira, contar co apoio dos nosos pais. Non ter que empezar de cero e que eles nos sigan axudando foi moi importante», explica. «A segunda ten que ver xa con darse conta de que isto é o que queres facer. O rural é moi agradecido e é moi bonito. Eu estiven estudando en Madrid, e non cambio por nada este xeito de vivir». Recoñece que a gandería e o agro son sacrificados, «pero o ritmo de vida dunha gran cidade tamén é fastidiado». 

O rural é moi agradecido e é moi bonito. Eu estiven estudando en Madrid, e non cambio por nada este xeito de vivir». Recoñece que a gandería e o agro son sacrificados, «pero o ritmo de vida dunha gran cidade tamén é fastidiado». Para ela, «aquí si que hai oportunidades para quen queira esforzarse e, de feito, moita xente acaba voltando porque se dá conta diso», di Lucía López Sobrado desde a explotación gandeira Puluan

Para ela, «aquí si que hai oportunidades para quen queira esforzarse e, de feito, moita xente acaba voltando porque se dá conta diso». Despois di que é verdade que hai que ter algo de sorte. «E probar cousas». Como o seu queixo en viño mencía. «Ou o dispensador de leite fresco que probamos durante unha boa temporada, mentres non vendiamos o produto directamente, e que non funcionaba mal. Sempre hai que estar ideando cousas novas e adaptándose aos tempos».

Un dos espazos nos que se pode atopar o seu queixo é na tenda gourmet monfortina Cova do Xacio. Dentro de pouco, Monforte contará con outra de características semellantes, neste caso de Gourmet Gallego, que ata o momento só tiña tenda física no Concello de Sober, á parte da venda on-line (con 400 referencias dispoñibles na súa web). «Abrimos o 31 de outubro na Avenida de Galicia e, ademais da venda, a idea é facer outras actividades que axuden a dinamizar o sector, por exemplo, degustacións». Detrás deste proxecto, que naceu en maio de 2021 e que aposta pola venda de produtos galegos de calidade premium, está Manuel Fernández Carude, que traballou durante anos como directivo dunha multinacional, «con diferentes responsabilidades territoriais por toda España, Burgos, Valladolid, León e Sevilla», ata que decidiu volver a Galicia e apostar por esta iniciativa. «Alá por onde ía sempre me preguntaban polos nosos produtos e me pedían que llos levara. Porque o produto galego, en xeral, identifícase con moita calidade. Foi algo que me axudou a entender a potencialidade que podía ter un negocio como Gourmet Gallego», explica. «Á parte, o noso pola gastronomía é paixón e polo rural galego, tamén, porque somos fillos de agricultores. Poñer en marcha o proxecto aquí estaba pensado moi conscientemente co obxectivo de axudar a consolidar a pequenos produtores no rural». Aquí Manuel Fernández refírese a como Gourmet Gallego lles axuda á hora de colocar as súas cousas no resto de España. «É evidente. Axudámonos uns aos outros. Un dos nosos principais obxectivos é ese, axudar os pequenos provedores a afianzarse no rural, e penso que o estamos conseguindo". Segundo di, o 100% da súa oferta é galega. O 75%, da Ribeira Sacra. «Aquí hai moito futuro. Todo o futuro. O único que hai que facer é ter unha boa idea e abrazar o medio, adaptarse a el. No rural pódese vivir perfectamente desenvolvendo ideas súper modernas e súper innovadoras».

Unha idea diferente a aplicar no rural foi a que tivo a asociación Prodeme, creada en 1980 polos profesores Camilo López e María Anglada. Presta apoio a persoas con discapacidade intelectual. Julio Cortiñas é o seu actual xerente. «Crearon Prodeme porque se decataron de que o seu alumnado con discapacidade, ao rematar os estudos, quedaba sen alternativas de vida. Así que puxeron a funcionar un centro ocupacional, naquel momento centrado na cerámica, e unha pequena residencia, que daquela nin recoñecida estaba, con catro prazas». No ano 1983, o daquela alcalde de Monforte, Celestino Torres, outorgoulles unha axuda para construír a súa primeira residencia oficial. Tiña 40 prazas. «Das primeiras de Galicia». No ano 1992 comezou a auténtica transformación ao incorporar uns prados e unhas ovellas. Posteriormente adquiriron 30 hectáreas de terreo e veu a cría de coellos, de polos e de tenreira galega. «Chegamos a ter un cebadeiro moi importante, de 2.500 tenreiros ao ano, que lle vendiamos a Eroski. Foron anos de alegrías económicas e de cumprir obxectivos importantes como o de demostrar que as persoas con discapacidade poden axudar a crear riqueza ou o de que só hai que darlles unha oportunidade para que mostren a súa valía». 

«Chegamos a ter un cebadeiro moi importante, de 2.500 tenreiros ao ano, que lle vendiamos a Eroski. Foron anos de alegrías económicas e de cumprir obxectivos importantes como o de demostrar que as persoas con discapacidade poden axudar a crear riqueza ou o de que só hai que darlles unha oportunidade para que mostren a súa valía», detalla desde a asociacion Prodeme Julio Cortiñas

Actualmente Prodeme ten 108 usuarios, «na súa maioría sen recursos e sen familia, titorizados pola Xunta [a través da fundación Funga]», conta Cortiñas. «Como hai que ir cos tempos estamos desfacéndonos da gandería porque os resultados económicos non nos acompañan e estámonos metendo no procesado de biomasa. Preparamos leña de carballo para subministrar a cociñas e caldeiras. Hai que adaptarse». Un dos proxectos máis ambiciosos que ten Prodeme é o de poñer a funcionar a residencia que construíron para atender a pais maiores que teñen fillos con discapacidade. «Máis ben son vivendas agrupadas, pisos, con servizos comúns no baixo. Para que cada unidade familiar poida facer vida independente. Só nos falta asinar un convenio coa Administración e atopar persoal e coidadores, que non é sinxelo». Prodeme ten máis proxectos en marcha: plantación de olivos no val de Lemos, construción dunhas naves para alugar por un euro a empresas que contraten a persoas con discapacidade... «O importante é facer cousas e axudar a que isto vaia para adiante. Só nos facía falta un compromiso máis claro coa dotación de recursos. Palabriñas recibimos abondo, pero de pouco valen».

Pili, de Calzados Losal. CC-BY-SA Carlos Castro

Se Prodeme é toda unha institución en Monforte, tamén o é Calzados Losal. No seu caso trátase dunha empresa familiar que en 2024 cumpre 125 anos de vida. Foi a primeira e hoxe é a última dunha industria do calzado monfortina que chegou a ter unhas 40 referencias a mediados do século pasado. «Quedamos nós en zapato de vestir e queda outra empresa de calzado de seguridade. Somos as dúas últimas». Gonzalo López é o seu propietario actual, «aínda que o fillo xa se está preparando para tomar o relevo; sería a quinta xeración e vén empuxando forte por detrás». A historia da marca comezou cando o bisavó de Gonzalo López, que participou na Guerra de Cuba como soldado raso, tivo que arranxarlle unhas botas a un alto mando. Fíxoo tan ben que seguiu ocupándose de amañar botas para uns e outros. Xa de volta en España animárono a dedicarse profesionalmente a iso, a facer botas para o exército. «E así naceu Calzados Losal, que nun momento dado empezou a facer tamén calzado para a xente do arredor». O empresaro pensa que dúas razóns fundamentais levaron á empresa a resistir ante a chegada das multinacionais e do zapato de temporada, de usar e tirar. «A primeira é a calidade. Nós non cambiamos a maneira de facer o zapato nin os materiais. Os pisos son premium, os forros son premium... Nunca renunciamos a iso, que para nós é un valor engadido. A segunda é o sistema de fabricación, Goodyear Welted, o dobre cosido inventado por un británico hai un século, que hoxe ten un  gran inconveniente: conleva moita man de obra e moita especialización. Pero nós tampouco renunciamos», explica o propietario. «Non somos grandes produtores: movémonos arredor dos cen de pares diarios e imos tendo un crecemento dun 2% máximo. Priorizamos a calidade e priorizamos a estabilidade». 

«Hai 15 anos exportabamos un 2% dos zapatos e este ano exportamos arredor dun 35%». Trátase de buscar fóra os clientes que se perderon cos cambios de consumo da moda, relata Gonza Lopez, da histórica zapatería Calzados Losal

Para Gonzalo López o futuro pasa por ir a feiras internacionais e por apostar cada vez máis pola exportación. «Hai 15 anos exportabamos un 2% dos zapatos e este ano exportamos arredor dun 35%». Trátase de buscar fóra os clientes que se perderon cos cambios de consumo da moda. «Hoxe Monforte é unha vila que intenta sobrepoñerse de moitos golpes», explica. «Durante moitos anos, a nosa estación de tren [inaugurada en 1883] foi a entrada a Galicia do ferrocarril. Iso tirou moitísimo de Monforte». Na vila aínda existe, por exemplo, o Colexio Ferroviario, que dá conta do impacto do tren en todos os aspectos. «Só nos talleres de reparación chegaron a traballar miles de operarios. Hoxe os talleres trasladáronse a Ourense e a Vilagarcía e na estación hai só un puñado de traballadores». O home menciona a progresiva pérdida de industria e de empresas, que só atenuou a construción do Hospital Comarcal [en 1986] e do polígono industrial, «con apenas dúas firmas importantes». E engade: «Monforte tiña que ter perdido moitísima máis poboación da que perdeu, pero beneficiouse da caída de veciños en toda a contorna. É dicir, moita xente que ía quedando soa nas aldeas, o que fixo foi comprar un pisiño en Monforte e virse para aquí". Os datos coinciden co seu razoamento. Monforte apenas perdeu 2.000 habitantes nos últimos 40 anos (en 1981 tiña 20.257 e en 2023, 18.234), pero nos concellos da contorna caeron de forma considerable (a comarca de Lemos que, á parte de Monforte, inclúe os concellos de Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, en 1981 tiña 45.775 habitantes e hoxe 29.339, segundo datos do INE).

Jacobo Rodríguez, da Libraría Agrasar. CC-BY-SA Carlos Castro

De pais a fillos tamén pasou un negocio moito máis recente que Losal, pero igual de significativo na vila hoxe, a librería Agrasar. Ada (Inmaculada) Agrasar fundouna en 1998 e agora lévaa o seu fillo, Jacobo Rodríguez Agrasar. Dende o ano 2012 tamén é editorial. «Miña nai era profesora e unha grande amante da lectura. Foi por iso que creou esta librería e, cando se xubilou, en 2022, eu, que traballaba nunha asesoría quedei con ela. Dábanos moita rabia que desaparecese. A nosa sensación era, á parte, que estaba moi valorada pola veciñanza». Agrasar é efectivamente unha referencia cultural en Monforte. Á parte da venda de libros, organiza encontros con escritores e outras actividades. 

«Hai interese e hai bastante emprendemento particular. A única pega que eu lle vexo a isto é que ás veces dá a sensación de que cada un tira para o seu lado. Sería moi interesante xuntarse dalgunha maneira para facer algo máis de ruído. Pero dende logo en Monforte hai, por exemplo, un pequeno movemento de novos escritores moi interesante», subliña Jacobo Rodríguez, da librería Agrasar

Pola máis recente, unhas veladas literarias en locais de restauración, «nas que falamos dun libro tomando uns viños e unhas tapas», pasaron algúns dos escritores máis importantes da Galicia actual: Pedro Feijoo e Ledicia Costas, por exemplo. «A ver, para nós o labor dunha librería vai máis alá do simple negocio. A idea é achegar cousas á cultura da cidade e cousas que a fagan medrar. Pero penso que isto non é só cousa nosa. A librería Pelayo tamén ten editorial e fai a miúdo actividades". Para Jacobo Rodríguez en Monforte hai boa acollida ás propostas culturais. «Hai interese e hai bastante emprendemento particular. A única pega que eu lle vexo a isto é que ás veces dá a sensación de que cada un tira para o seu lado. Sería moi interesante xuntarse dalgunha maneira para facer algo máis de ruído. Pero dende logo en Monforte hai, por exemplo, un pequeno movemento de novos escritores moi interesante». Por iso foi tamén que Agrasar creou o seu selo. «A nosa editorial está moi enfocada a temática histórica local. Naceu para recuperar libros descatalogados que había sobre historia de Monforte e que detectamos que os clientes nos seguían pedindo. Empezamos por aí e seguimos efectivamente, como dis, publicando algunha cousa de autores locais. A finais de ano queremos poñer en marcha un segundo selo alternativo para poder darlle saída xa a autores locais de novela, poesía ou outros ensaios».

Precisamente no stand da librería Agrasar na Feira do Libro de Monforte do ano pasado estivo o escritor Antón Lopo asinando exemplares do seu último poemario, 'Azul Monforte'. É o último libro galego no que a cidade é un escenario clave. «Desde mediados de agosto, mamá pasaba o día na ventá/ sinalando/ o ceo. "O que vedes [dicía] é o Azul Monforte"».

Vistas de Monforte desde o Mosteiro de San Francisco, na tarde do venres 25 de outubro. CC-BY-SA Carlos Castro
Belén López

Belén López

Naceu en Recemunde (A Pobra do Brollón, Lugo) en 1978. Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela en 2000, ese mesmo ano entrou a traballar en Diario de Pontevedra, onde leva exercendo como redactora de cultura e sociedade dende entón.

Tamén che interesa

  • Vinte en Chantada. A grandeza dun pobo faina a súa xente

    Esta frase, ademais de ser o lema do Folión de Carros en pasadas edicións, é probablemente a mellor maneira de describir Chantada. A grandeza é visible non só nos carros e carrozas construídas verán tras verán seguindo unha tradición senlleira e chea de morriña, senón en cada recuncho de Chantada.

    Dende o Monte Faro ata o Río Asma, pasando por cada unha das 36 parroquias, montes e ribeiras do concello, a pegada da súa xente únese a unha paisaxe idílica para facer desta vila e lugares, os nosos, unha paraxe única.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Melide. «A festa vai no ADN dos melidaos»

    Melide in Blog foi o proxecto de Ricardo de Santos nos tempos do Blogomillo e de Blogaliza para erguer acta de canto pasaba nun lugar “onde se cruzan as estradas: de Santiago a Lugo, de Betanzos a Lalín”. Melide exerce como capital da Terra do Medio malia ser a da Terra do Medio unha xeografía aínda por cartografar, conformada á forza de andar nas feiras: un chisco de carácter gandeiro, un moito de identidade tendeira que afonda as súas raiceiras na Maragatería, por corredoiras de ida e volta, e un cen por cento de dedicación á troula. 

    Melide é hoxe unha desa vilas cabeceiras de comarca que o xeógrafo Rubén Lois —e tamén a Xunta— denomina «nodos para o equilibrio do territorio», fundamentais para corrixir unhas dinámicas que escoran as oportunidades cara ás cidades, sobre todo, as do eixo atlántico. Superado o ecuador do mes de xullo, Melide bule de xente nativa e retornada —e peregrina— e entrégase ao paso inexorable do seu esixente almanaque festeiro.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Vilalba. «Aquí ves futuro porque o hai»

    «O que máis te marca é que es de aquí». A capital da Terra Chá é a primeira parada de Vinte na vila, o novo espazo de VINTE concibido para contarnos máis e mellor a nós mesmas e entre nós. Para achegarnos devagar á vida cotiá de cabeceiras de comarca que impulsan as súas contornas e merecen ser contadas a través do que fai a súa xente

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.