Esta frase, ademais de ser o lema do Folión de Carros en pasadas edicións, é probablemente a mellor maneira de describir Chantada. A grandeza é visible non só nos carros e carrozas construídas verán tras verán seguindo unha tradición senlleira e chea de morriña, senón en cada recuncho de Chantada.
Dende o Monte Faro ata o Río Asma, pasando por cada unha das 36 parroquias, montes e ribeiras do concello, a pegada da súa xente únese a unha paisaxe idílica para facer desta vila e lugares, os nosos, unha paraxe única.
Quen coñeza a un chantadino ou chantadina, non lle extrañará o tono deste artigo. En Chantada temos un forte “localismo” que se demostra co seguinte feito: Só entre nós, entre a veciñanza, podemos criticar a nosa vila. Pobre do foráneo que lle critique Chantada a algún dos habitantes do coñecido como “Corazón de Galicia” porque quizais por iso mesmo, por vivir no Corazón, os latexos de cada un de nós únense en ritmo e compás cando se trata de “defender” a nosa terra, a nosa vila, lugares e comarca: Chantada.
Pobre do foráneo que lle critique Chantada a algún dos habitantes do coñecido como “Corazón de Galicia” porque quizais por iso mesmo, por vivir no Corazón, os latexos de cada un de nós únense en ritmo e compás cando se trata de “defender” a nosa terra
Hai uns meses, unha recoñecida médica granadina visitou Chantada para dar unha charla. Convidámola a comer e a cear, e agasallámoslle unha caixa de produtos locais: viño (por suposto), licores, queixos, galletas doces, salgadas, manteiga, crema de castañas, doce de leite… Ela preguntou: “¿Pero todo esto se hace en Chantada? ¡Podríais independizaros!”. Isto, si, e moito máis: sidra, tostamos café, producimos leite, mel, cereixas, embutidos…
Nomear a cada unha das empresas e persoas que poñen a Chantada no mapa cos seus produtos é inviable para un artigo coma este, así que para que sirva como exemplo, collemos a Casa Baltar, porque se hai un sector que histórica e idiosincrasicamente foi motor de Chantada é o gandeiro. Esta empresa situada no lugar do que colle o nome, Baltar (parroquia de Brigos) está liderada por Alfonso, o seu dono, que herdou a gandaría familiar. As marxes de beneficio do leite non eran moi altas, pero como el mesmo di, marchar non era unha opción: “Quedei aquí pola nostalxia dun proxecto no que xa traballaran meus avós e no que eu me criei”. Así que impulsado pola forza do sentimento, decidiu darlle un valor engadido ó seu leite e facelo (como se adoita dicir) a quilómetro 0; neste caso, a metro 0, xa que o leite pasa directamente das ordeñadoras ós depósitos onde Alfonso e o seu equipo o transforman en doce de leite.
Alfonso herdou a gandaría familiar de Casa Baltar: «no mundo do leite, falar galego é sinónimo de calidade»
Quizais alguén pense: pero hai doce de leite galego? Si, e non só o teredes tomado se pedides un xeado na maioría das cadeas galegas de xeaderías; tamén en numerosos restaurantes de todo o territorio español e mesmo en Andorra, Alemaña, Austria, Italia, Portugal, Francia… E é que, como di Alfonso, “no mundo do leite, falar galego é sinónimo de calidade”
Casa Baltar
O equipo de Casa Baltar, conformado por 11 persoas, non fai un doce de leite calquera. A diferenza da maioría dos que poden atoparse no mercado (feitos con leite en pó) o seu faise con leite fresco (tan fresco que pasa de leite recén ordeñado a doce de leite en escasos metros e minutos).
Mais en Chantada non só hai produtos e empresas únicas. A Chantada móvea a súa xente. Nomes propios coma os de Esther Teijeiro, primeira persoa en elaborar viño ecolóxico en Galicia; os poetas e escritores Rubén Eyré, Anxo Boán… xornalistas como Mel Otero ou Xaquín López, catedráticos coma Celso Almuiña ou Julia Varela, recoñecidos nomes no mundo do deporte como Héctor Souto, Fran Vázquez ou Roberto Fernández… que se unen a chantadinos ilustres xa finados coma o trovador Xohán de Requeixo, o arquitecto e pintor Manuel Jorge, o escritor e xornalista Xavier Costa Clavell, a escritora e filóloga Pilar Vázquez Cuesta…
Nomes individuais que se suman ao fenómeno que dá movemento e empuxe á vila do Asma: un tecido asociativo activo e potente. Asociacións locais de carácter social como AFA (Alzheimer), O Recuncho Solidario, ARCHA (rehabilitación de dependencias), Chantada Contra o Cancro ou Polamiúda, colectivo feminista nado en 2017 que organiza, entre outras actividades especialmente de sensibilización e divulgación, o primeiro festival feminista da provincia de Lugo: o “Polas Bravas”.
Polas Bravas nace da crenza de que por medio da ‘festa’, do ocio, tamén se poden canalizar discursos e divulgar principios e valores. Dende a Polamiúda, unha das súas socias, Elena Fernández Montes asegura que aínda hai xente que “ten certo medo de achegarse a nós e, por tanto, aos espazos onde se manifesta o relato feminista; por descoñecemento ás veces, por prexuízos... E a esas persoas queremos chegar, temos que chegar”. Dende a organización aseguran que hai moita xente que non se atreve a ir a unha charla, por exemplo, sobre a gordofobia, pero non dubida en ir ao Polas Bravas e escoitar alí a Andrea Nunes recitando sobre ela mesma e a súa ‘monstruosidade’ e aí si, collen e captan a mensaxe. Esa é a principal motivación polo que existe o Polas Bravas, que para o seu nacemento se inspira noutros festivais coma por exemplo o Agrocuir que se celebra anualmente na localidade veciña de Monterroso.
Pazo de Sabadelle
Pero o eido do asociacionismo chantadés é extenso e diverso, tamén con grupos socioculturais, coma a Irmandade País do Faro, que anualmente publica ‘Alicerces’, revista de divulgación histórica da zona. Se o que se busca é un lugar máxico entre as pedras das súas paredes e o ambiente de música, poesía e arte; hai que ir a un dos ‘segredos’ mellor gardados entre as parroquias chantadinas: o Pazo de Sabadelle, onde Xosé e Carmen reciben, na súa casa e ano tras ano, a visitantes e curiosos que van a pasar unha noite entre colegas que, se cadra, non coñecían ata entón.
No Pazo de Sabadelle Xosé e Carmen reciben, na súa casa e ano tras ano, a visitantes e curiosos que van a pasar unha noite entre colegas que, se cadra, non coñecían ata entón
Tampouco é posible esquecer a potencialidade do eido musical, dende o Festival Independente de Chantada (FICH) ata o gran e coñecido exemplo da Asociación Cultural O Castañazo, organizadora do Festival ‘O Castañazo’ que este ano se celebra os días 1 e 2 de novembro e trae á localidade a bandas como ‘Los chikos del maiz’, ‘Zetak’, ‘Boikot’, ‘Lehendakaris Muertos’ ou ‘Dios Ke Te Crew’ entre moitos outros artistas de diferentes estilos que enchen o cartel. Chantada recibiravos ben entre ‘Cantos de Taberna’ e castañas se decidides vir. E, por suposto, ao ritmo da ‘Muiñeira de Chantada’.
Neste senso, a Muiñeira máis recoñecida de Galicia (e probablemente do mundo), a ‘Muiñeira de Chantada ’non só leva o nome da nosa localidade alén das fronteiras do concello, das galegas e de ultramar, senón que tamén dá pulo a un enorme seguemento da música tradicional na vila que medra ano a ano e que ten como expoñentes tanto á Banda de Gaitas de Chantada, recoñecida con numerosos galardóns; como tamén ás formacións creadas entre o alumnado da Casa da Música na súa sección tradicional, coa agrupación ‘Acadamudecha’.
No eido deportivo, Chantada conta na actualidade con dous equipos de fútbol, a histórica SD Chantada (con equipos sénior masculino e feminino e tamén de formación) e o máis recentemente creado Chantada Atlético, ambos militando na Primeira Rexional Galega e sobre todo, dando espazo para o deporte a centos de rapaces e rapazas (e non tan novos) ano a ano no Sangoñedo.
Existen tamén clubes de atletismo, de tenis, de xadrez, de baloncesto… Este último, o Ucoga CB Chantada, é un histórico da Terceira FEB (a cuarta categoría do baloncesto español), sendo o clube con máis antigüidade na categoría. Ano tras ano, ‘os lobos’ como así se fan chamar en referencia ó animal que aparece tanto no escudo do clube como tamén no do Concello, levan o nome da vila ante equipos de cidades como Ávila, Segovia, Oviedo, Gijón, León… e, se hai sorte (e nos últimos anos hóuboa en varias ocasións) máis alá cando desputan a ansiada fase de ascenso a Segunda FEB que sempre está aí e, quen sabe, quizais algún día chegue. Sen esquecernos doutra cita que coloca no mapa a Chantada, a ‘Subida’, carreira de coches entre as curvas de vertixe das ribeiras que atrae ano a ano a prestixiosos corredores e a multitude de visitantes.
Como todo lugar de ben, Chantada tamén ten festas. As patronais na honra da Virxe do Carme celébranse na última semana de agosto e que ten como máximos atractivos o Folión de Carros cada sábado das festas e para pechalas, o martes, a Festa da Empanada no campo do San Lucas, no que amigos e familias se xuntan arredor deste alimento con tantos tipos de recheos posibles como maneiras de desfrutar do día.
Para honrar os nosos preciados caldos temos a Feira do Viño, a comezos de marzo, que serve como pistoletazo de saída para o resto de feiras, festas e festivais arredor desta bebida que se celebran noutros concellos da contorna. Co frío do inverno chegan a Santiago de Arriba, concretamente ó Moredo; os peliqueiros e os mecos abríndolle o paso ós ‘volantes’ a figura máis característica deste particular Entroido Ribeirao, que se viste cun pucho de cintas de cores, flores de papel e bonecos que chega a pesar ata 15 kg, peso que se suma ó cinturón con campás que fan sonar brincando polas rúas.
Para honrar os nosos preciados caldos temos a Feira do Viño, a comezos de marzo, que serve como pistoletazo de saída para o resto de feiras, festas e festivais arredor desta bebida que se celebran noutros concellos da contorna
No outro extremo do concello, en Belesar, lugar que no que o río separa o concello de Chantada do Saviñao e que une, entre outras cousas, por esta festa, a do viño e as cereixas de Belesar. E un calendario repleto de verbenas en cada unha das parroquias onde, aínda si, vive xente.
Toda esta recua de nomes e citas (e todos os que quedan no tinteiro) axudan a explicar o sentido do eslogan e leitmotiv que dan título a este artigo: ‘A grandeza dun pobo faina a súa xente’. Cada persoa que forma parte dunha asociación, dun clube, dun movemento… Fan que Chantada non sexa só unha paisaxe idílica cada vez máis de moda e a onde chegan máis turistas en verán. Nin que sexa tan só un concello que dá nome e é capital dunha comarca situada no centro (e corazón de Galicia). Somos o pobo, as nosas costumes. As festas e as romarías. As rimas escritas por poetas e trovadores. Os cadros e esculturas feitas por artistas. A inspiración da nosa música. Os viños das nosas muras e socalcos en adegas penduradas. O noso leite, os nosos prados e as nosas vacas. A nosa industria. Os nosos bares e restaurantes. As nosas casas e as dos nosos avós. Os campos da festa de parroquias ou o San Lucas na Festa da Empanada…
A nosa xente fai que Chantada sexa aínda un pobo vivo, con orgullo de seu, con amor polo propio nunha zona que, dende algúns lugares considerarían a ‘España baleirada’ e que para nós está chea de vida
Que sería Chantada sen todo isto e que sería de todo isto sen os chantadinos e chantadinas? Esta xente, a nosa xente, fan que Chantada sexa aínda un pobo vivo, con orgullo de seu, con amor polo propio nunha zona que, dende algúns lugares considerarían a ‘España baleirada’ e que para nós está chea de vida, cunha forma de vivir que aínda conserva algún retallo de sociedade veciñal, unida, que se cadra botaremos de menos se nos deixamos levar polo que outros queren que sexamos no canto de ser o que nós queremos ser.
A grandeza dun pobo faina a súa xente, e se Chantada é grande e, e está comprobado, que a xente de Chantada faina grande.