Vinte en Ribadeo. Tranquilidade e dinamismo no «epicentro» da Mariña

Coa colaboración de

Estatua do Marqués de Sargadelos no edificio do Concello de Ribadeo CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Cun par de días en Ribadeo abonda para que a xente te saúde pola rúa, che recomenden un chocolate na tenda ou atopes a moitos dos veciños no camiño do porto ata o faro de Illa Pancha pola beira da ría. A comarca da Mariña e a proximidade con Asturias marcan o carácter desta vila que sempre fixo de ponte para os viaxantes e soubo converterse en lugar de referencia para as parroquias da zona

 

«A xente cando vén e nos coñece penso que entende por que somos tan de Ribadeo, que non é preciso explicalo. Creo que se lle colle cariño enseguida e que se tes un bo cicerone é moi fácil namorar de Ribadeo», di o arquitecto Ernesto Cruzado, privilexiado coñecedor da historia e do patrimonio desta vila da comarca da Mariña que fai de ponte con Asturias a través dunha ría excepcional para navegar a vela, un dos principais motivos deste ribadense para non querer marchar.

«Gozar desta vida cosmopolita que che ofrecemos nunha pequena vila de dez mil habitantes» é o que recomenda Begoña García López a quen visita Ribadeo. A ribadense traballa na Oficina de Turismo e confirma que este sector, xunto co de servizos, é o principal motor da vila. «Podemos dicir que Ribadeo é un gran epicentro comercial e de servizos desde tempos inmemoriais, pero nas últimas décadas estase a converter tamén nun referente turístico non só a nivel galego, senón de toda a cornixa cantábrica», asegura, para vincular este fenómeno directamente «co tirón da Praia das Catedrais».

«Creo que houbo un antes e un despois co da Praia das Catedrais –abunda– pero unha vez que nos visita a xente tamén percorre a zona histórica, o pobo mariñeiro de Rinlo, as cetarias ou a propia ría de Ribadeo». Hai dúas palabras que se repiten ao falar coa veciñanza ribadense: tranquilidade e dinamismo. A vila mantén a actividade en calquera mes do ano, aínda que a veciñanza diferencia entre os meses de verán e o resto: «Somos o destino turístico da Mariña que acollemos un maior número de visitantes», apunta García López coas estatísticas de Turismo na man. 

Rúas de Ribadeo coa ría ao fondo e a ponte que conecta con Asturias CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

«Non só buscamos que as empresas sexan máis rendibles, que o conseguimos, e que sexan sostibles, senón que se cree valor para as persoas»

«Sempre tiven claro que quería quedar na vila, ofréceme vivir unha vida tranquila pero á vez permíteme facer moitas actividades, desde música a distintos deportes. O nivel asociativo é moi amplo desde o punto de vista cultural. Aquí teño todo o que preciso á man, e estou preto da familia. Gústame crer que as vilas pequenas como Ribadeo teñen a súa vida e que hoxe non fai falta ir moi lonxe da casa para ter o que precisas. Debemos defender aquilo que posuímos e onde nacemos, toda a cultura e a tradición», argumenta Begoña García López.

Isto mesmo lle sucede a Lara Andrea Neira González, CEO e co-fundadora da empresa Nova Industria Galega (Nigal), coa que buscan asistir ás persoas cunha intelixencia artificial (IA) útil e sostible que aplicar en sectores estratéxicos da economía galega como son o agroalimentario, o forestal ou o sociosanitario. Cunha ferramenta desenvolvida para o eido vitivinícola lograron «reducir en máis do 60% as tarefas de baixo valor engadido, isto quere dicir que os enólogos vanse poder centrar nas tarefas que realmente teñen valor no seu día a día», conta Neira González.

A ribadense é doutora en IA polo Trinity College de Dublín e a Universidade de Edimburgo, e licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela. «Temos un tapón intelixente que monitoriza as condicións nas que está o viño en tempo real, 24/7», explica, o que permite coñecer o estado do viño sen necesidade de abrir as barricas ou as botellas. «Non só buscamos que as empresas sexan máis rendibles, que o conseguimos, e que sexan sostibles, senón que se cree valor para as persoas», incide.

Illa Pancha CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Todos os socios de Nigal son de Ribadeo e estaban a traballar para empresas estranxeiras tras especializarse en diferentes países da UE. Lara Andrea Neira estaba a teletraballar para unha empresa en Edimburgo desde Ribadeo, ía un par de veces ao mes pero non no verán. «Estabamos creando valor e dando coñecemento a outros países pero traballando desde España, cando realmente queriamos crear valor na nosa contorna; por iso decidimos irnos e crear a nosa empresa aquí», salienta. Agora, ademais de estar no proceso para crear outra ferramenta útil para as bodegas, buscan ampliar o uso da aplicación desenvolvida co impulso de Lugo Madera para simplificar os trámites administrativos de autorización das cortas e tamén seguir traballando nunha ferramenta que permite xeolocalizar as vivendas por alcumes, que xa están empregando as ambulancias do 061 na contorna ribadense.

«Estabamos creando valor e dando coñecemento a outros países pero traballando desde España, cando realmente queriamos crear valor na nosa contorna»

A finais dos anos 80, cando Ernesto Cruzado rematou a carreira de Arquitectura na Coruña, non había ningún arquitecto en Ribadeo: «Pensei que ía ter que marchar, pero axiña comezou a saírme traballo», lembra. «O que máis me motivaba a quedar era a tranquilidade de aquí, pensar que só podía pasar un mes en Ribadeo de vacacións e non poder desfrutar máis tempo da ría tamén me axudou a quedar», engade. Cruzado é un verdadeiro namorado da ría, na que navega todo o ano co seu veleiro e onde ten, incluso, a súa ‘propia’ praia.

A ría tamén foi fundamental na vida de Mauricio Monteserín, que comezou co remo por casualidade nun curso de verán e converteuse en profesional. Nos Xogos Olímpicos de Sidney, no ano 2000, competiu na modalidade de dobre scull xunto ao seu compañeiro Jaime Ríos. Perseguir esta paixón levouno a residir en diferentes puntos da Península, pero en 2013 regresou a Ribadeo coa familia. «Aínda que non deixamos de vir nas vacacións, volves para Ribadeo e empezas practicamente de cero. Un día levas unha vida e de pronto xa non está, tiven que poñerme a estudar de novo para sacar unha oposición e agora teño un traballo e boto unha man no club de remo, que estaba pechado cando volvín», detalla sobre a súa volta tras pechar unha etapa como profesional do remo.

Equipo fundador de Nova Industria Galega (Nigal) en Ribadeo, con Lara Neira (2ª pola dereita) © Nigal

«Hai elementos arquitectónicos e naturais que levamos moi dentro, primeiramente a ría, ou a Torre dos Moreno»

Monteserín notou moitos cambios en Ribadeo, empezando pola construción de moitos máis edificios e a instalación de máis empresas: «A vila cambiou, pero segue sendo un sitio moi cómodo para vivir e para criar os nenos, aínda que cando rematan o instituto teñen que ir estudar fóra». Con preto de 35 anos no mundo do remo, desde que volveu e impulsou a posta en marcha de novo do club de remo dedícalle case todas as tardes de maneira altruísta, pero os resultados xa se notan, pois mantéñense en cabeza a nivel nacional e estatal nas diferentes categorías nas que compiten.

«Hai elementos arquitectónicos e naturais que levamos moi dentro, primeiramente a ría, ou a Torre dos Moreno. Son elementos que nos fascinan e presumimos deles, sentímonos moi orgullosos de ser de Ribadeo», destaca Ernesto Cruzado, que a pesar de que os seus dous fillos marcharon fóra por traballo, celebra que cada vez hai máis oportunidades para que xente nova quede na vila.

Ernesto Cruzado é un dos responsables de que se recoñeza a pegada indiana en Ribadeo, pois hai trinta anos non había conciencia nin coñecemento deste legado, e un estudoso das edificacións que se conservan daquela, como a casa na que reside, construída polos seus bisavós cando volveron de Cuba. «É interesante que se protexan a nivel urbanístico, como sucede en Ribadeo. Por outra banda, a festa foi moi boa para dar a coñecer esta arquitectura, e moitas outras cousas relacionadas cos indianos e coa emigración», apunta sobre o Ribadeo indiano, que se celebra a segunda fin de semana de xullo.

Antonio Deaño, profesor xubilado que pasou os seus últimos anos nas aulas de volta en Ribadeo, tamén fai fincapé no agarimo que sente a veciñanza pola historia e o patrimonio da vila, e indica que a pegada indiana tamén se ve nos servizos que manteñen hoxe, pois aqueles que regresaron da emigración «buscaron traer para a vila centros de saúde e escolas, e avances como as fontes». Deaño, licenciado en Lingua e Literatura Española na Facultade de Filosofía e Letras de Oviedo, é un fotógrafo apaixonado que leva preto de corenta anos retratando o paso do tempo nas rúas da vila, e tamén na ría, e as diferentes especies de árbores da zona: «É unha forma de facer historia de Ribadeo».

«Ribadeo está moi ben comunicado e iso notouse moitísimo no seu desenvolvemento económico e cultural, porén, as vilas da propia comarca quedaron un pouco illadas entre si»

Para Deaño hai tres fitos que permiten falar de Ribadeo como facemos hoxe: a construción da Ponte dos Santos, que cruza a ría para unir Galicia e Asturias pola costa; a posta en marcha da autovía á Coruña e Santiago e a instalación da fábrica de Alcoa en San Cibrao. «Ribadeo está moi ben comunicado e iso notouse moitísimo no seu desenvolvemento económico e cultural, porén, as vilas da propia comarca quedaron un pouco illadas entre si. Chegar de aquí a O Vicedo leva case tanto tempo como ir a Madrid», sinala para engadir que unha circunstancia que axudou a que Ribadeo dispoña de tantos servizos –sobre todo en relación á poboación que ten, 9.971 veciñas e veciños censados segundo o INE en 2024– é que non ten demasiado preto ningunha cidade que «lle faga sombra».

«Sempre houbo moita tradición cultural e, como vila de paso, aproveitou o paso de compañías de teatro de Galicia a Asturias e acolleu múltiples representacións ao longo dos anos ata que se popularizou máis o cinema, que tamén temos en Ribadeo», conta Antonio Deaño, que dirixe o grupo de teatro da vila, que participa todos os anos na festa do Ribadeo indiano e vén de celebrar o centenario de El viejo Pancho representando unha das súas obras. Ademais, o profesor xestiona o fondo bibliográfico e documental Dionisio Gamallo, que foi o seu tío, onde custodia un importante epistolario con persoeiros chave na historia recente do país.

Tendo o turismo hoxe en día un peso moi importante para o devir da vila, a veciñanza non o detecta como un ‘perigo’ porque está acostumada a ser lugar de acollida comezando por persoas da propia comarca ou asturianos a xente de fóra que decide instalarse aquí. Con todo, Begoña García López razoa que «queda moito por facer, Ribadeo ten que traballar cara á sostibilidade turística e incluír outra forma de xestionar o turismo, a través da gobernanza e tendo en conta aos sectores público e privado, pero tamén á cidadanía porque todos temos dereito a participar na decisión de como queremos que sexa o destino turístico de Ribadeo que quede para as vindeiras xeracións».

Ría de Ribadeo CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal
Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • Vinte en Vilalba. «Aquí ves futuro porque o hai»

    «O que máis te marca é que es de aquí». A capital da Terra Chá é a primeira parada de Vinte na vila, o novo espazo de VINTE concibido para contarnos máis e mellor a nós mesmas e entre nós. Para achegarnos devagar á vida cotiá de cabeceiras de comarca que impulsan as súas contornas e merecen ser contadas a través do que fai a súa xente

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Melide. «A festa vai no ADN dos melidaos»

    Melide exerce como capital da Terra do Medio malia ser a da Terra do Medio unha xeografía aínda por cartografar, conformada á forza de andar nas feiras: un chisco de carácter gandeiro, un moito de identidade tendeira que afonda as súas raiceiras na Maragatería, por corredoiras de ida e volta, e un cen por cento de dedicación á troula. 

    Melide é hoxe unha desa vilas cabeceiras de comarca que o xeógrafo Rubén Lois —e tamén a Xunta— denomina «nodos para o equilibrio do territorio», fundamentais para corrixir unhas dinámicas que escoran as oportunidades cara ás cidades, sobre todo, as do eixo atlántico. Superado o ecuador do mes de xullo, Melide bule de xente nativa e retornada —e peregrina— e entrégase ao paso inexorable do seu esixente almanaque festeiro.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Chantada. A grandeza dun pobo faina a súa xente

    Esta frase, ademais de ser o lema do Folión de Carros en pasadas edicións, é probablemente a mellor maneira de describir Chantada. A grandeza é visible non só nos carros e carrozas construídas verán tras verán seguindo unha tradición senlleira e chea de morriña, senón en cada recuncho de Chantada.

    Dende o Monte Faro ata o Río Asma, pasando por cada unha das 36 parroquias, montes e ribeiras do concello, a pegada da súa xente únese a unha paisaxe idílica para facer desta vila e lugares, os nosos, unha paraxe única.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Monforte. Que che importe que somos de Monforte

    Cantáronlle os Siniestro Total e cantáronlle os Yellow Pixoliñas. Escribiulle Antón Lopo e sobre esta vila de pasado marcado por condes e cardeais pivotou a obra do poeta galego máis punk, Lois Pereiro. A estación do tren e a capitalidade comarcal marcaron profundamente o pasado deste lugar no que hoxe a xente nova pelexa por marcar un punto e á parte na decadencia do interior da provincia de Lugo cun festival de cine, asociacionismo veciñal e negocios de forte activismo rural, ecoloxista e cultural. Que che importe que somos de Monforte.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Allariz. Da revolta ao orgullo

    «Que hai Pardal? Espero que este ano poidamos ver por fin a lingua das bolboretas». Eran finais dos 90 cando José Luis Cuerda aterraba en Allariz para gravar a adaptación da novela de Manuel Rivas, Que me queres amor. Esta emblemática frase acabaría por marcar a vida dunha vila que a día de hoxe loita por ser un referente turístico e cultural, algo que non se pode entender sen a revolta veciñal de finais dos 80, e que enfrontou a un pobo co goberno local polo deterioro do río Arnoia.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.